O Museo de Pontevedra abre mañá martes 20 de xuño ás 8 da mañá o prazo de inscrición para os seus Obradoiros de Verán 2023 cun programa de actividades con propostas para nenas e nenos desde os 6 aos 15 anos. Do 4 de xullo ao 25 de agosto, cada semana un grupo de 15 rapazas e rapaces participarán nunha das dúas quendas coas que contan os catro obradoiros que se ofrecen: ‘Ao son de Úbeda’, ‘Liñas, luces e sombras’, ‘Creando un pequeno museo portátil’ e ‘Arqueoloxía expermiental’.
A inscrición debe facerse a través da dirección de correo electrónico reservas.museo@depo.gal. En cada correo só poderá inscribirse unha ou un participante e as prazas outorgaranse por estrita orde de entrada. No caso de que o obradoiro desexado xa estivese cuberto ou quedasen prazas vacantes noutros, poderase indicar na solicitude cales son as alternativas, poñéndoas por orde de preferencia. Todos os obradoiros son de balde, contan con 15 prazas e se desenvolverán entre as 11:00 e as 13:00 horas.
No mes de xullo a programación comezará co obradoiro ‘Ao son de Úbeda’, impartido por Pilar Delmas e Sofía F. de Ana. Trátase dun taller de pintura-collage con materiais reciclados no que, a partir da obra de Rafael Úbeda, as persoas participantes crearán unha libreta de arte personalizada. A primeira quenda do obradoiro será do 4 ao 7 de xullo, dirixida a nenas e nenos de 7 a 9 anos; a segunda quenda será do 12 ao 14 de xulllo, con participantes de 10 a 12 anos de idade.
O segundo obradoiro de xullo leva por nome ‘Liñas, luces e sombras’, a cargo de Carmen Pintos. É un taller de ilustración no que a rapazada participante tomará a obra de Castelao e Maruja Mallo como punto de partida para coñecer os recursos e as ferramentas para afrontar un proxecto de ilustración, desde o concepto ata a obra acabada. A primeira quenda será do 18 ao 21 de xullo e a segunda do 26 ao 28 de xullo, e ambas están dirixidas a público de 10 a 15 anos.
Na primeira quincena de agosto celebrarase o obradoiro ‘Creando un pequeno museo portátil’, impartido pola ilustradora e ceramista Lili Algo. A partir de retratos da arte galega e española do século XIX presentes no Museo, as e os participantes crearán personaxes, elaborarán camafeos tridimensionais e contribuirán á creación dun museo portátil. A primeira quenda é do 1 ao 4 de agosto, para nenas e nenos de 8 a 12 anos; na segunda, do 8 ao 11 de agosto, as idades ás que se dirixe son dos 6 aos 10 anos.
O último dos obradoiros é o ‘Arqueoloxía experimental’, a cargo de AAEX – Área de Arqueoloxía Experimental. As nenas e nenos participantes percorrerán a Idade do Bronce coñecendo como eran os materiais da época, a vida doméstica e os espazos funerarios, ademais de descubrir como se estudan e musealizan as pezas arqueolóxicas. Na primeira quenda, do 16 ao 18 anos, as e os participantes teñen que ter entre 8 e 12 anos, e na segunda, do 22 ao 25 de agosto, entre 6 e 10 anos.