Domingo, 8 Xuño de 2025

A Xunta rende homenaxe ás mulleres do Seminario de Estudios Galegos no centenario da súa fundación

A Xunta inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura a mostra bibliográfica As mulleres do Seminario de Estudos Galegos coa que rende homenaxe á institución no centenario do seu nacemento, desta vez dende outra perspectiva. A exposición céntrase nas mulleres que tiveron algún tipo de relación co Seminario, ben como socias activas, ben como protectoras ou usuarias da súa biblioteca.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou durante o acto de inauguración que as mulleres que protagonizan esta mostra “ademais de conformar unha elite intelectual con grandes inquedanzas sobre Galicia, coma o resto de compoñentes do Seminario, entraron en espazos reservados ata o momento só a homes, polo que abriron camiños a posteriores xeracións”.

Anxo M. Lorenzo estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, Cristina Rubal; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e a comisaria da exposición, Carina Fernández Faya.

A través de publicacións que estas mulleres presentaron no Seminario, outras publicacións delas posteriores á súa relación coa institución, varias obras doutros autores e escritos de prensa que falan sobre elas, a mostra convida a coñecer mellor o seu labor e as súas vidas.

Humanidades e ciencia

Moitas das protagonistas desta exposición foron persoas senlleiras que levaron unha vida de marcada proxección social como Pura Lorenzana, Sara Leirós, Luisa Cuesta ou Carmen Pardo Losada. Foron mulleres que buscaban desenvolver as súas capacidades por medio dunha carreira profesional e fixérono en diversos eidos como as humanidades ou as ciencias. Xeralmente acaparaban as mellores cualificacións e moitos premios académicos, conseguindo algunhas delas premios profesionais ás súas carreiras.

Entre os libros que se exhiben na mostra atópanse varias publicacións de Luisa Cuesta, que chegou ser directora da Biblioteca Nacional de España e activa colaboradora do Seminario de Estudos Galegos mentres residiu en Galicia. Publicou catálogos sobre a historia da imprenta e mesmo sobre a historia da Universidade de Santiago.

Entre as mulleres próximas ao Seminario tamén ten unha produción importante Sara Leirós, centrada en temática espiritual e pedagóxica. Entre estas persoas destacadas hai, ademais, varias científicas como Celsa Pérez Moreiras, unha das primeiras mulleres docentes de Ciencias na Universidade de Santiago, na facultade de Farmacia.

Xunta e Concello de Ponteareas estudarán as posibilidades de habilitar unha senda polo río Tea

A Xunta de Galicia estudará colaborar co Concello de Ponteareas para impulsar unha nova senda no río Tea. Así o acordaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Nava Castro, durante unha reunión que mantiveron recentemente para avaliar diversas cuestións de interese municipal.

Cómpre lembrar que o proxecto para executar unha senda fluvial ao carón do Tea está recollido no Plan de sostibilidade turística do concello e permitiría ofrecer unha solución efectiva e alternativa ao trazado actual, que se ve interrompido no tramo en que a Nacional 120 cruza o río.

Ao respecto, Ángeles Vázquez sinalou a importancia que ten apostar por actuacións deste tipo xa que as sendas fluviais poden actuar na práctica a modo de infraestruturas verdes, conformando unha rede interconectada de espazos e elementos naturais e urbanos na busca dun equilibrio ecolóxico.

Así mesmo, a vicepresidenta segunda e a rexedora tamén analizaron as posibilidades de ampliar o parque público residencial do Concello de Ponteareas pola vía da rehabilitación de edificios xa construídos.

Neste sentido, afondaron nas diferentes liñas de axuda e de financiamento que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo desde hai anos e que pon á disposición das entidades locais co fin de apoialas nas súas políticas en materia residencial. 

Irlanda considera “inspirador” o modelo de recuperación do espazo público para as persoas de Tomiño

0

Un modelo “absolutamente inspirador”. Así cualificaron o traballo de recuperación do espazo público realizado en Tomiño a delegación do Goberno de Irlanda que estes días visitou o municipio para coñecer de primeira man os mecanismos de redución do tráfico e levar as recomendacións tomiñesas, adaptalas e aplicalas no seu país.

As investigadoras da School of Architecture, Building and Environment da Techological University of Dublin Jordana Corrigan e Sarah Rock, encargadas de estudar o modelo de mobilidade tomiñés para a Ireland’s Road Safety Authority (RSA), amosáronse abraiadas polo traballo de recuperación do espazo público realizado e manifestaron a súa sorpresa ante que “un concello tan pequeno desenvolva un modelo propio con tan bos resultados”.

A visita encádrase na estratexia do Goberno de Irlanda para mellorar a seguridade viaria no país, que inclúe 50 accións de alto impacto entre as que está o estudo de casos de cidades ou municipios nos que se adoptaran medidas para reducir o tráfico e melorar a seguridade das outras persoas usuarias da vía. Tomiño foi unha das cidade europeas incluída como caso de estudo polo progreso significativo na seguridade viaria, a acción climática e a mellora da vida urbana.

Durante a visita, as investigadoras explicaron o seu interese por un municipio das características de Tomiño, xa que se trata dun municipio principalmente rural e con conexións interurbanas, un núcleo moi semellante aos existentes no territorio irlandés para os que buscan solucións e melloras. “Como xa prevíamos, Tomiño é un exemplo para levar e intentar adaptar á realidade de Irlanda co fin de mellorar os nosos núcleos urbanos e rurais e atraer máis poboación ás nosas vilas”, recalcaron.

Despois de facer un percorrido por varias cidades e vilas europeas, como Oslo, Gante ou Bruxelas, Corrigan e Rock aseguraron que Tomiño destaca pola calidade urbana dos espazos, tanto polo uso que a veciñanza fai deles como pola elevada cantidade de metros cadrados recuperados, que fan “que estas actuacións sexan un éxito”. As investigadoras remataron a visita impresionadas pola transformación de Tomiño e resaltaron a calidade urbana para un núcleo tan pequeno e a estratexia desenvolvida nos últimos 16 anos polo Goberno municipal para pasar do 15 % do espazo público recuperados para as persoas nos núcleos urbanos ao 70 %.

A visita incluíu un programa dunha xornada enteira que arrancou cunha recepción institucional coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e cunha reunión de traballo liderada polo concelleiro de Planificación Estratéxica, Territorial e Económica, Uxío Benítez, na que tamén participaron concelleiros e concelleiras da Corporación e persoal técnico municipal.

O edil recalcou que o Concello conseguiu eliminar boa parte do tráfico de paso e conectar equipamentos con itinerarios peonís, “unha liña na que seguiremos traballando para facer de Tomiño un referente e un exemplo de recuperación de espazos públicos para as persoas”.

Para ver in situ as actuacións realizadas ao longo dos últimos anos, a delegación relizou unhas visitas guiadas ao núcleo urbano do Seixo, á Praza de Figueiró e ao núcleo urbano de Goián. Sobre o terreo, Uxío Benítez explicou ás investigadoras que “grazas a unha modificación no planteamento foi posible crear unha gran praza e a conexión dos equipamentos xerando zonas de preferencia peonil”.

As investigadoras regresaron xa a Irlanda, onde redactaran o informe para a Ireland’s Road Safety Authority (RSA) do Goberno irlandés, á que lle transmitirán a posibilidade de estudar colaboracións futuras co Concello de Tomiño.

A Agrupación socialista de Salceda acorda “non poñer atrancos” á redistribución da organización interna do Goberno local

O grupo municipal do PSdG-PSOE de Salceda de Caselas considera aceptada a súa proposta sobre a redistribución da organización interna do Goberno local “xa que se axusta aos límites de masa salarial que dende o inicio das negociacións marcamos dunha forma clara na cantidade de 136.360 euros”, explica a portavoz socialista Verónica Tourón.

Alégrase o PSOE que agora “si lle parezan axeitadas a MS ditas retribucións” ao mesmo tempo que lamentan que o Goberno local “instalárase no vitimismo e no espectáculo” provocando a innecesaria dilación deste asunto xa que, insiste Tourón, “esta proposta razoable das socialistas leva tempo sobre a mesa”.

O PSOE rexeitou dende o inicio unha subida salarial con respecto á lexislatura anterior, e no mes de xullo xa fixo a proposta que ofrecía dedicacións aos catro concelleiros e concelleiras, ademais dunha persoa de confianza. Cren, dende a agrupación socialista, “que MS buscaba subirse retribucións e trasladar á opinión pública que a oposición quería un goberno sen retribucións”, cando a realidade, explica a portavoz socialista, “é que non querían aceptar as mesmas e que cobrarán con retroactividade dende a aceptación do cargo”.

Verónica Tourón lamenta que este acordo alongárase tanto no tempo “por mor da falla de procura de consenso e de capacidade de dialogo de MS no proceso de negociación, tanto co grupo municipal socialista como co BNG”.

“Salceda necesita arrancar e abandonar a parálise na que se viu inmerso o actual equipo de goberno que só se preocupou das retribucións, sen aportar propostas de consenso namentres o goberno do concello se atopaba totalmente desatendido”, asegura a portavoz do grupo socialista.

Insisten as concelleiras socialistas que actuarán con responsabilidade, “facendo unha oposición seria e rigorosa, con propostas en positivo que melloren a vida da veciñanza”.

A Praza do Sol do Porriño busca ser un espazo “máis amable e inclusivo”

A mellora da calidade dos espazos públicos vai estendéndose no Porriño. Con varios proxectos de humanización en execución no centro urbano, como o do parque do Campo da Feira ou as rúas Buenos Aires e Progreso, o Concello do Porriño anunciou hoxe a mellora da impermeabilización e renovación da praza pública interior da urbanización Sol.

“Falamos dunha actuación moi necesaria e urxente coa que queremos emendar os problemas de impermeabilización desta praza que están a causar importantes filtracións aos garaxes inferiores”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O rexedor engadiu que ademais “acondicionarase totalmente este concorrido espazo cun novo deseño actualizado que se axuste ás necesidades que presenta, incluíndo zonas axardinadas e arboradas, mellorando as zonas de xogo infantil e renovando toda a iluminación, pavimento e mobiliario urbano. En definitiva facer desta praza un espazo máis amable e inclusivo”.

E é que estamos ante un dos parques máis concorridos do municipio ao situarse nunha das zonas máis habitadas do centro urbano. A praza, cunha superficie de máis de 3.700 m2, conecta as rúas Antonio Palacios e Pinar, polo que son moitos os peóns que atravesan a praza diariamente. As zonas de parque infantil foron reparadas recentemente e na actualidade contan con céspede artificial e xogos infantís en perfecto estado polo que o seu uso tense incrementado.

“Ao tratarse dun espazo amplo e ben situado cada día fan uso del moitos cidadáns, que gozan dos parques infantís e as terrazas dos locais de hostalería”, explicou o rexedor, “Queremos potenciar as características desta praza para mellorala e facela máis accesible”.

Un espazo máis aberto

Eliminaranse os parterres vexetais, que non contribúen a biodiversidade e están a delimitar excesivamente o espazo e dificulta a circulación dos usuarios. Así xerarase un espazo máis aberto con maiores posibilidades de uso. Ademais xeraranse dúas zonas cubertas que permitan distribuír as terrazas de hostalería e tamén cubrirán parcialmente as zonas de xogo infantil, protexéndoas do sol e das primeiras choivas.

Renovarase o pavimento, dispoñendo sistemas de impermeabilización, e tamén o sistema de iluminación.

Europa elixe as terras do Condado Paradanta para celebrar os actos oficiais do Día Europeo do Patrimonio Termal

A Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA) elexíu o territorio das comarcas do Condado e da Paradanta para celebrar os actos do Día Europeo do Patrimonio Termal. Pola riqueza das súas terras nas que se albergan augas termais e mediciñais, bos cultivos, paisaxes de alto valor medio ambiental e un patrimonio histórico e etnográfico destacado os concellos do Condado e da Paradanta serán escenario do encontro de expertos en termalismo, de visitas teatralizadas e de espazos de traballo arredor do turismo, entre outras actividades. Así o resumiron as autoridades presentes na presentación da VI Xornada Europea de Patrimonio Termal ofrecida baixo o templete da Fonte de Gándara en Mondariz Balneario.

O alcalde de Mondariz Balneario, César Gil, foi o encargado de dar a benvida á presentación da programación que o GDR Condado Paradanta deseñou en colaboración co Concello e as empresas Balneario de Mondariz, Augas de Mondariz e a EHTTA. O presidente do GDR e alcalde de Covelo, Pablo Castillo, salientou a importancia de traballar en equipo para a posta en valor da riqueza medio ambiental, histórica e termal da contorna porque “temos moito que ofrecer, somos o turismo do benestar, onde fortalecer a nosa saúde ao tempo que podemos gozar de bos produtos da terra, de panorámicas incribles, de puntos starlight e achegarnos a historia máis antiga das nosas orixes”.

A presentación estivo arroupada pola deputada provincial de Turismo e alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, quen salientou a importancia destas terras “que son das cinco únicas afloracións de augas termais recoñecidas que existen en Europa”, a deputada quixo tamen reivindicar o termalismo como un concepto de calidade e recoñecemento histórico que non debe confundirse coa oferta spa.

Marta Mariño, secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, quixo salientar a importancia que ten acoller esta sexta xornada internacional posicionándonos no mapa Europeo como un dos maiores referentes. Ricardo Fuciños e Amalia Gallego de Balneario de Mondariz agradeceron que hoxe se materialice esta idea xurdida xa anos atrás e Alberto Cavadas, responsable de Aguas de Mondariz valorou de xeito moi positivo que sexa a vila de Mondariz Balneario a anfitrioa europea coincidindo coa celebración dos 150 anos de declaración de utilidade pública das Aguas de Mondariz. Pola súa banda, Mario Crecente, presidente do comité científico da EHTTA salientou a participación de expertos internacionais cos aprender e compartir experiencia e coñecementos.

A VI Xornada Europea de Patrimonio Termal arrincará o vindeiro mércores día 11 de outubro coa recepción na que participarán, César Gil, alcalde de Mondariz Balneario; Víctor Leal, vicepresidente de EHTTA; Ricardo Fuciños, director de Balneario de Mondariz; Alberto Cabadas, director da planta embotelladora de Aguas de Mondariz, o presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.

A continuación comezará o congreso de expertos en termalismo liderado por Mario Crecente, arquitecto experto en patrimonio e presidente do comité científico da EHTTA, que irá conducindo aos e ás conferenciantes chegadas de distintos puntos do continente. Jorge Mangorrinha, PhD, Centro de Estudos Globais da Universidade Aberta (Portugal); Anne Pirard, Site Manager Spa (Bélgica), Patrimonio de la Humanidad, Grandes Ciudades Termales de Europa; Samantha Bosshart, directora ejecuRva, Saratoga Springs Preserva Ron FoundaRon e Álvaro Bonet, experto na figura de Antonio Palacios reflexionarán arredor de termalismo afondando no pasado e proxectando o futuro.

Visitas inmersivas e volta aos anos 20

O presidente do GDR convidou a toda a cidadanía a gozar da ampla programación que se oferta para o coñecemento das vilas do Condado e da Paradanta. Así, o día 11 terá lugar a visita guiada polas paisaxes terapéuticas de Mondariz da man do guía turístico, Valentín Verea; o día 12 estudarase a fonte de Troncoso; o Castro de Troña, en Ponteareas, co arqueólogo Hidalgo Cuñarro; a fonte de augas sulfurosas de Sabaxáns en Mondariz; o invernadoiro e xardíns do antigo Gran Hotel co arquitecto e paisaxista Gaspar Bernárdez e culminará esta xornada a visita inmersiva e teatralizada “Vida Social no Balneario de Mondariz 1920”, unha posta en escena destes anos dourados na que a veciñanza de Mondariz, Mondariz Balneario e Ponteareas se transformará en extras. Coordinados pola produtora experta en visitas teatralizadas, EscénaTe, nesta tarde xoves mergullarémonos nos anos 20 e nos xardíns do antigo hotel escoitaremos música en directo, teremos servizo de bar na terraza que montará o CIT (Centro de Iniciativas Turísticas de Mondariz Balneario) e seremos testemuñas de interpretacións esporádicas nas que revivirán Emilia Pardo Bazán, Ramón Cabanillas ou o propio Enrique Peinador. O GDR convida a toda a cidadanía a participar neste paseo que nos trasladará a aqueles anos de esplendor termal e cultural. Un espectáculo aberto ao público que volverá na tarde do sábado día 14 e na mañá do domingo día 15 para que poida participar o maior número de persoas posibles e coñecer a historia daqueles gloriosos anos nunha actividade lúdica na que gozar relaxados dun paseo cheo de historia.

A programación prolóngase ata o día 13 na que visitarán a planta embotelladora de Aguas de Mondariz; o Centro de Interpretación do Alto Tea nos Carranos, Covelo, a maior xoia viva da industria dos anos 20; Arabo- Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea, en Arbo; a adega Señorío de Rubiós e o espazo termal de Teáns en Salvaterra de Miño.

Pero ademais das visitas inmersivas nas que recrearnos no pasado dun xeito lúdico e didáctico tamén haberá workshops con célebres figuras da arquitectura como César Portela que nos explicará a rehabilitación da fonte de Troncoso durante a xornada do día 12 na que tamén se celebrará unha romaria cunha feria gastronómica que terá como convidada especial a vila portuguesa de Caldas da Rainha.

Todas as persoas interesadas en participar nas distintas actividades poderán inscribirse na seguinte ligazón INSCRICIÓN DÍA EUROPEO DO PATRIMONIO TERMAL ou a través da páxina web do GDR CONDADO PARADANTA

O PSOE de Baiona denuncia que o Goberno local “xa perdeu en catro meses dúas subvencións conseguidas polos socialistas”

0

Carlos Gómez Prado, portavoz socialista no Concello de Baiona, lamenta “a desidia e a falta de xestión” por parte do goberno do Partido Popular de Baiona que “en só catro meses perdeu, por non executalas, dúas subvencións concedidas ao goberno socialista no anterior mandato”.

Unha das subvencións, de 50 000 euros con fondos europeos, estaba destinada a crear unha guía interactiva da vila e, noutra das liñas, á eliminación das plantas invasoras no paseo Monte Boi.

“Perdeuse tamén unha convocatoria de eficiencia enerxética da Xunta para edificios públicos, cunha subvención de 186.000 euros para a instalación de paneis solares na cuberta do pavillón e dun calefactor de pellets, tamén no propio pavillón municipal”, engade o portavoz socialista.

“Os veciños e veciñas son e seguirán sendo testemuñas de que as cousas cambiaron a peor desde as eleccións municipais de maio, cun goberno do señor Almuiña que non xestiona e deixa perder subvencións”, remata Gómez Prado.

Sanidade e Educación ultiman a implantación do Programa YAM nos institutos para a prevención do suicidio

O Edificio Administrativo do Sergas acolleu unha xuntanza entre representantes da Consellería de Sanidade, do Sergas e da Consellería de Educación, para a posta en común do estado de implantación do Programa YAM, enmarcado no protocolo de prevención da conduta do suicidio na infancia no ámbito sanitario e educativo.

Cómpre remarcar que hai case un ano o Sergas implementou, en colaboración coa Consellería de Educación, o Protocolo de prevención, detección e intervención do risco suicida, e un dos principais fitos que permitiu acadar foi a posta en marcha do Código Agarimo e dunha vía rápida de atención a menores en risco medio/alto de suicidio.

Galicia é pioneira na implantación dun novo modelo de prevención do suicidio na mocidade, denominado YAM, patentado polo Instituto Karolinska. Esta medida conta, para o seu desenvolvemento, cun financiamento de dous millóns de euros, a través do fondo social europeo, recentemente aprobado. Deste proxecto xa están capacitados 20 instrutores ata conformar un equipo de 50 persoas de profesionais de saúde mental e do ámbito educativo, para chegar a intervir na totalidade dos centros públicos de Galicia. Tamén se están a formar profesionais do sistema sanitario como do eido educativo e do sistema de protección do menor.

Na xuntanza abordouse, así mesmo, o Programa Visia, no que está a traballar a Consellería de Sanidade, e que ten como obxectivo xeral deseñar e implementar un sistema automatizado de detección de malestar emocional e risco de suicidio na adolescencia baseado na intelixencia artificial. A detección farase a partir de perfís moleculares obtidos mediante proteómica de saliva, gravacións de vídeo e audio en contextos específicos, e o contido da linguaxe producida polos suxeitos obxecto do estudo.

Á reunión entre Sanidade e Educación asistiron, entre outros representantes dos dous departamentos, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

A Asociación Forestal de Galicia compensa a súa pegada de carbono coa reforestación de montes afectados por incendios forestais

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) vén de culminar o proceso de compensación da súa pegada de carbono, que inclúe todas as emisións asociadas á súa actividade, principalmente o asesoramento a propietarios forestais e comunidades de montes veciñais, tanto en monte como nas sedes da Asociación (Santiago e Ponteareas).

O Registro de Huella de Carbono, Compensación y Proyectos de Absorción de CO2, do Ministerio para la Transición Ecológica, vén de acreditar que a AFG compensou a súa pegada de carbono a través de proxectos de restauración forestal de montes afectados por incendios.

Polo de agora, a normativa en España establece dúas vías para as entidades e empresas que, dun xeito voluntario, no marco da súa Responsabilidade Social Corporativa, queiran compensar as súas emisións con proxectos de absorción de carbono. Esas vías son a reforestación de montes afectados por incendios forestais ou a plantación de superficies forestais que estiveran desarboradas cando menos desde o ano 1989.

En ambas liñas, o Registro do Ministerio calcula a absorción de CO2 dos proxectos tendo en conta o compromiso de permanencia da masa restaurada.

A compensación da pegada de carbono da Asociación Forestal de Galicia fíxose por medio do proxectos incluídos no programa Galicia Rexenera, co que a Asociación, en colaboración con comunidades de montes veciñais, está a impulsar a restauración de superficies forestais afectadas polos lumes.

Contexto

Tralos incendios forestais do outono do 2017, que devastaran máis de 50.000 hectáreas de monte en poucos días, a AFG impulso o programa Galicia Rexenera. Con esta iniciativa, actuouse na restauración de superficies afectadas polos lumes, coa posterior inscripción dos montes reforestados no Registro de Huella de Carbono y Proyectos de Absorción de CO2.

Unha vez que esas superficies quedan inscritas no Registro de Huella de Carbono y Proyectos de Absorción de CO2, coa validación do Ministerio para la Transición Ecológica, calquera entidade ou empresa interesada en compensar voluntariamente as súas emisións pode mercarlle ás comunidades de montes veciñais os correspondentes créditos de carbono xenerados por eses proxectos.

Este é o proceso que vén de completar a propia Asociación Forestal, do mesmo xeito en que o podería facer calquera entidade pública ou privada interesada en compensar as súas emisións de xeito voluntario.

As socialistas de Tomiño denuncian a “inacción” do Goberno local ante a praga de moscas que invade o municipo

0

O grupo municipal socialista no Concello de Tomiño vén de insistir no que cualifica “falta de traballo, compromiso e acción” do Goberno local ante a nova oleada de moscas, case que unha praga, que está a sufrir a poboación tomiñesa.

Lembran as concelleiras socialistas Violeta de Santiago e Mirta Misa que hai máis de dous anos xa puxeron este grave problema enriba da mesa “e a resposta do Goberno local foi mirar para outro lado e buscar excusas” para xustificar unha invasión de moscas “que está a afectar gravemente a saúde pública dos tomiñeses e tomiñesas e que tamén ten consecuencias moi negativas no económico”.

Nese sentido lembra o PSOE tomiñés que os establecementos de hostalería e de alimentación están a sufrir os danos, que se traducen incluso na perda de clientes, “sen ter absolutamente ningunha información, comunicación nin presenza por parte do Goberno Local”, afirman.

Lamentan as e os socialistas de Tomiño que, tal e como se desprende da información publicada na prensa galega o pasado 2 de outubro, “a Xunta de Galicia e o Goberno municipal están a pasarse a pelota de tellado a tellado, como ven sendo habitual neste Concello, pero ningunha das administracións asume ningunha responsabilidade”. Nesa información, o goberno municipal declara que este problema xa foi debatido no Parlamento Galego o que, para as edís socialistas, é totalmente falso.

“Falan de competencias e coma sempre esquecen as incumbencias, pois todo o que lle ocurre aos veciños e veciñas incumbe á administración local”, non dubidan en afirmar Violeta de Santiago e Mirta Misa.

“A iniciativa que ía presentar o grupo parlamentario socialista, foi freada dende aquí”, denuncian, “esa pregunta que ía rexistrarse na comisión 7°, supúxolle ás concelleiras socialistas chamadas de teléfono intimidatorias, visitas inesperadas no fogar e mesmo coaccións, o que evidencia que existe interese de algún sector económico en bloquear a búsqueda de respostas e solucións a esta problemática”.

Dende a Agrupación socialista de Tomiño adiantan que seguirán insistindo para que este caso chegue ao Parlamento de Galicia e poder atopar as causas reais do que está a acontecer “pois o goberno nacionalista agóchase detrás dun informe da UVigo que non remata de concluír nada logo de máis dun ano, mesas de traballo, presentadas en precampaña, que non se reúnen nin traballan e agora anuncian a solicitude de reunión na Fegamp que dubidamos moito da súa efectividade” e, mentres tanto, “a veciñanza segue sentíndose soa e indefensa ante esta praga que está a alterar as súas vidas sin que ninguén lles de solucións”, rematan as concelleiras tomiñesas.

Concello de Nigrán e Ovalmi promoven entre a hostalaría do municipio a oferta de menús sen glute certificados

0

Un municipio amigable para as persoas con celiaquía. Este é o novo reto que afronta o Concello de Nigrán e, para elo, conta coa colaboración indispensable de Ovalmi, xa que a restauración é un sector clave nesta doenza que obriga aos enfermos a comer sen glute. Por este motivo, e como primeiro paso, xuntos convocan aos hostaleiros da localidade este martes 10 de Outubro ás 17:30 no Auditorio Municipal para una sesión informativa impartida pola Asociación de Celiacos de Galicia ‘ACEGA’ co fin de explicar os procedementos para elaborar os menús e, sobre todo, asesorarlles de cara a obter o selo oficial de ‘Restaurante apto para celíacos’, outorgado entre Xunta e ACEGA e que conleva unha garantía de confianza aos doentes. Previamente, o mesmo día, impartirán formación ao persoal da cociña escolar municipal no CEIP Humberto Juanes.

“Esta iniciativa chegounos a través dunha nai de Nigrán e non dubidamos en asumila como Concello porque non deixa de formar parte da nosa política ‘Un Nigrán para todos’ no que nos sintamos a gusto e integrados; trátase de mellorar pequenas cousas que, a cambio, facilitan moito a vida das persoas”, explica o alcalde, Juan González, que sinala que neste sentido Cangas de Narcea (Asturias) é o gran referente de Nigrán ao estar declarado ‘Primer Destino Sin Gluten de España’ e onde a maioría dos restaurantes teñen o selo oficial (a prevalencia desta enfermidade autoinmune sube ao 3% neste municipio fronte ao 1% da media nacional).

Segundo os datos, estímase que en Nigrán hai 177 persoas diagnosticadas e sobre 1.400 están infradiagnosticadas. Sen embargo, tan só o bar-restaurante Michigan dispón da distinción oficial que garante de verdade os pratos libres de glute. “O tratamento que hai é facer dieta sen glute. Pero sen glute ‘de verdade’ Isto implica cousas como que se cun coitelo se corta pan (con glute) e con ese mesmo coitelo se corta un anaco de tortilla, ese petisco xa non pode consumilo un celíaco. Ou se coas mans se toca algún produto con glute, e non se fai lavado posterior, todo o que se toque estará ‘contaminado’ para un celíaco, e xa non o pode comer”, explica a promotora da iniciativa, Azul Forti, nai dunha filla celiaca que, a súa vez, e a través do diagnóstico da pequena, descubríu que ela e a súa nai tamén o son.

“O procedemento para elaborar o menú sen glute non é tan simple como podería parecer, por iso é moi importante que os hostaleiros acudan a esta charla de ACEGA”, explica o alcalde, Juan González. De feito, a asociación ofrece aos interesados formación especializada gratuíta para o persoal de cada local e asesoramento para adaptar as cartas e os menús de cara a obter este selo. As vantaxes que enumeran son varias: os que o obteñen gañan en calidade e confianza para os seus clientes e as súas familias, participan automáticamente en accións promocionais; son incluídos na listaxe de restaurantes aptos para celíacos de ACEGA e o difunden entre os seus socios; inclúense os datos do establecemento na App de FACE (Federación de Asociacións de Celíacos de España) FACEMOVIL, onde calquera usuario Español ou estranxeiro pode consultar os locais con menú sen glute distribuídos por zonas; finalmente difúndese a través de varias revistas e materiais da asociación.

ACEGA ofrece acompañamento durante todo o proceso aos hostaleiros interesados en adaptar as cartas e menús de cara a obter o selo. Por un lado, achegan formación especializada ao persoal de sala e cociña; proporcionan un listado de alimentos aptos ou app móbil ao respecto; fan un control analítico de presenza de glute nos pratos elaborados; unha auditoría semestral; e, finalmente, dispoñen dunha consultoría acerca de alimentación sen alérxenos as 24 horas do día os 365 días do ano mediante correo electrónico e telefónico de luns a sábados.

“Moitos restauradores descoñecen estas facilidades, por iso consideramos que é importante que as teñan presentes. É unha iniciativa que agradecerán os seus clientes e que atraerá a outros e, en conxunto, beneficia á veciñanza do municipio e aos seus visitantes, por iso apostamos ao máximo por ela e lle daremos difusión aos que se sumen”, resume o alcalde.

A Deputación pecha o proxecto “Mulleres Extramuros” nas Neves

0

O núcleo de Vide, nas Neves, encheuse de arte contemporánea da man da Deputación de Pontevedra e o proxecto “Mulleres Extramuros”. Despois de meses de traballo, pechouse esta iniciativa cunha xornada de festa e de percorrido polas sete propostas creativas que xa locen en fachadas e espazos da aldea a cargo dos artistas protagonistas desta segunda edición do programa: Xoana Almar & Miguel Peralta, Nuvi & Éxfico, Ana Soler, Doa Oa, Carme Nogueira &Javier Fernández de Lis, Lucía Loren e Iva Viana. Arte mural, escultura ou traballo cerámico conforman as intervencións que todas elas teñen realizado para transformar este núcleo rural, froito da súa experiencia coa convivencia coa veciñanza.

Deste xeito, as propostas das artistas inspiráronse en experiencias persoais e nas historias compartidas polos veciños, co obxectivo de que as intervencións deixen pegada no territorio como elemento dinamizador do rural e como foco de atracción turística. No propio percorrido que serviu para presentalas, tivo lugar en vivo unha das accións, a cargo dos artistas vigueses Carme Nogueira e Javier Fernández de Lis. Desde a Pesqueira do Estreito, fixeron o lanzamento dunha corda feita de materiais naturais para que atravesase o río Miño, como parte do seu proxecto “Tirar da corda”.

A coordinación de “Mulleres Extramuros” correu a cargo da grovense Xoana Almar, de Cestola na Cachola, que xunto a Miguel Peralta (Almería) realizou un mural nunha fachada da Casa da Comunidade de Regantes, coa técnica de “esgrafiado”, que representa os sucos “que na terra levan a auga e, con ela, a fertilidade e a vida”. A súa proposta tamén fai referencia ao concepto de sucos como marcas do paso do tempo lembrando, deste xeito, que a Casa da Comunidade de Regantes, creada en 1905, é das máis antigas de España.

Pola súa banda, Iva Viana (de Viana do Castelo) interveu no lavadoiro do barrio de Miranciños, un lugar que lle fascinou como espazo de encontro das mulleres, a través do recubrimento do seu teito interior con follas de carballo. Ademais de homenaxear a memoria do lugar e das mulleres, coa proposta quixo recoñecer o poder simbólico da carballeira desta zona como lugar de pertenza e de comunidade, despois de coñecer que o pasado ano a veciñanza mobilizárase para a súa protección ante a ameaza dos incendios.   

Doa Oa (Sober) “reforestou” unha das fachadas da Escola de Vide cunha pintura mural que representa a flora silvestre que crece na zona e que a artista coñeceu nas súas conversas coa veciñanza.  Inspirada nesas plantas, creou unha composición botánica que representa a diversidade vexetal silvestre que “é importante conservar como parte da diversidade tanto medioambiental coma cultural dun territorio”. A autora destaca que a imaxe tamén leva a pensar nun “paseo poético” polos camiños de Vide, “en ter presente a importancia do contacto coa natureza e tamén a beleza natural e silvestre que nos rodea”.

No caso do dúo Nuvi & Éxfico (Nuria Villa e Alberto Brandón, do Rosal e A Guarda), crearon en Miranciños o mural “Vive Vide, Vide vive. Unindo tradición e espírito veciñal”. Co lema quixeron reflectir que o pobo “desborda vida” e na pintura representaron ese espírito desde dous puntos de vista: a vinculación da vila coa auga a través dos ríos Termes e o Miño e a súa unión veciñal, traducida en múltiples festexos e actividades culturais ao longo do ano.

Partindo do título “Mulleres Extramuros”, Ana Soler fixo unha reflexión sobre o concepto do muro físico e o virtual. Tras percorrer a parroquia coa veciñanza, a artista enriqueceu o “muro” virtual de Vide con 10 intervencións realizadas con azulexos en diferentes barrios da parroquia. Nelas, reinterpreta as iconas máis significativas da interface virtual dun lugar: o punteiro de Google Maps e o punteiro-frecha que se usa para navegar. Con estas pezas escultóricas, Soler creou un novo itinerario coa intención de atraer visitantes que recorrerán a parroquia na procura de atopar todas as iconas.

Por último, Lucía Loren (Madrid) realizou unha intervención artística deseñada especificamente para as ruínas dun lagar, coa que reflexiona sobre a paisaxe cultural dos viñedos. Deste xeito, creou varias pezas escultóricas tecidas con vimbio, repletas de pedras e bacelos no seu interior, empregando técnicas tradicionais que se vinculan coa cultura popular local e reivindican o seu uso.

Xornada de dixitalización na OAPR de Aemos

0

O xoves 26 de outubro a Oficina Acelera Peme Rural de AEMOS celebra a Xornada Informativa Dixitalización do Sistema de Calidade, na que da man de Alicia Martínez e Mª Carmen Díaz, de SERESCO. Os asistentes poderán coñecer e establecer as estratexias para a dixitalización de protocolos e documentos relacionados coa xestión de diferentes procesos de calidade, ás 09.00 h nas instalacións do Viveiro PEMOS (Anel dá Lagoa, 1 – 36416 Mos – Pontevedra)

As Oficinas Acelera peme postas en marcha en toda España por Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, contan cun orzamento global de 23,8 millóns de euros, dos cales Red.es achegará ata o 80% do orzamento subvencionable e as entidades beneficiarias o resto. As actuacións están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation EU, no marco da axenda España Dixital 2026 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025, cuxa cuarta medida do eixo de actuación “Dixitalización básica para as PEMES”, inclúe a creación dunha rede de Oficinas Acelera peme.

AEMOS como entidade beneficiaria por parte de Red.es como parte da creación da Rede de Oficinas Acelera Peme no territorio nacional ten, entre outros, o obxectivo de dar cobertura e asesoramento a empresas situadas en territorios rurais da provincia de Pontevedra, que estean interesadas en dixitalizar o seu negocio.

Nesta xornada describirase a importancia da aplicación de medios e plataformas dixitais nos sistemas de xestión de calidade, con especial énfase nas estratexias de migración do sistema tradicional ao dixital. Ao longo da cal, refórzanse os coñecementos básicos dos métodos tradicionais para a xestión de sistemas de calidade na industria e as vantaxes de utilizar un software comercial ou diferentes ferramentas informáticas internas para incrementar a eficiencia de programas como o de análise de non conformidades e puntos críticos de control.

Ademais, presentaranse estudos de casos concretos nos que a dixitalización supón unha mellora dos sistemas de xestión de calidade, e discútese a importancia que tiveron as plataformas dixitais e as tendencias futuras para os sistemas de xestión da calidade.

A xornada é totalmente gratuíta, pero require inscrición previa que se pode realizar en liña na web:

Esta semana comeza o programa “Depotermal”

Un total de 50 persoas maiores de 50 anos de 9 concellos da provincia desfrutarán esta semana do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías no Hotel SPA Galatea de Sanxenxo. Son veciños da Guarda, Marín, Mos, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas e Vigo, que gozarán da modalidade de pernoita, cunha estancia no establecemento hoteleiro de seis días e cinco noites, deste este domingo ata o 13 de outubro. Durante a súa estancia poderán facer uso das súas instalacións de termalismo, así como participar noutras actividades artísticas, deportivas, formativas, sociais ou turísticas.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

 “Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.

O Rosal celebra a súa tradicional Festa do Outono do Pilar

0

O Rosal continúa este mes de outubro cunha programación especial, a súa tradicional Festa do Outono do Pilar, que se celebrará os días 11 e 12 de outubro na Praza do Calvario cunha morea de actividades para todos os públicos. Os rosaleiros poderán gozar durante estes dous días de música, exposicións, maxia, o Memorial Irmáns Flores e a segunda edición da Feira de Produtos do Rosal.

A programación arrancará o día 11 a partir das 19.30 horas coa segunda edición dos Cantos de Taberna, organizados pola Asociación Xente Xida. Xa ás 22.00 horas o público poderá desfrutar do concerto do grupo Os Revenidos. Na sala de exposicións do Concello poderña visitarse a exposición do alumnado do obradoiro de pintura de Águeda Suárez e as tallas en madeira de Rafael Dorado.

O xoves 12 abrirá as súas portas a segunda edición da Feira de Produtos do Rosal, na que durante todo o día o público asistente poderá ver, degustar e mesmo mercar diferentes produtos como viño, mel, cervexa, polbo… A banda da Agrupación Musical do Rosal estará tamén na Praza do Calvario para acompañar á procesión e amenizar a mañá.

Xa pola tarde o público familiar poderá gozar coa actuación do Mago Teto ás 17.00 horas. O broche de ouro da xornada chegará cos actos do III Memorial Irmán Flores a partir das 19.30 horas, no que se homenaxeará aos músicos rosaleiros coa participación de Campantes de Baña, da Murga A Buxaina e do grupo rosaleiro Lirolai. Este ano, debido a problemas de saúde dalgún dos cabaqueiros participantes, a tradicional demostración dos traballos da tella non terá lugar o día 12, senón que se traslada para o vindeiro domingo 5 de novembro, encadrado nunha nova edición das Xornadas de Patrimonio.

Novos cursos de SmartPeme esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana tres novas accións formativas online enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Nestes talleres continuarase cos ciclos de ciberseguridade, así como proporcionaranse as ferramentas para crear unha tenda online e as claves para impulsar un mellor posicionamento web con Google Search Console.

A semana comezará co obradoiro de “Ciberseguridade, ramsonware e suplantación de Identidade” que terá lugar o luns 9 de outubro entre as 10:30 e as 11:30 horas. No curso darase a coñecer o Ransomware, en que consiste e como afecta, co obxectivo de proporcionar as ferramentas para protexerse. O experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire, será o encargado de impartir a formación.

O martes 10 celebrarase o obradoiro “Descobre plataformas para crear de maneira sinxela a túa propia tenda en liña” de 12:00 a 13:00 horas. O taller telemático afondará na situación actual do comercio electrónico para establecer os primeiros pasos para poñer en marcha unha tenda online, así como as plataformas precisas para creala. Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas cunha ampla experiencia asesorando empresas no ámbito da comunicación e o marketing dixital, será a encargada de impartir a formación. O mércores 11 terá lugar a acción telemática “Mellora o teu posicionamento web con Google Search Console” de 17:00 a 18:00 horas. A través desta formación, impartida por María Aller, experta en marketing dixital e e-commerce, ensinarase a persoas autónomas, empresarios e emprendedores a optimizar a súa páxina web e escalar posicións nos motores de busca.

Ponteareas acolle o obradoiro “Actívate na búsqueda de emprego”

O vindeiro día 2 de novembro inicia, na Asociación Adapta, o obradoiro “Actívate na búsqueda de emprego” a través do programa Conectadas da Deputación de Pontevedra. Este obradoiro con unha duración de 30 horas, máis 5 horas do modulo de igualdade e vaise levar a cabo nas instalacións da Asociación Adapta (Barrio de Canedo s/n, Centro Asprodico en Ponteareas) os martes e xoves en horario de 16:30 a 18:30 horas, con data de inicio 2/11/2023 e rematando o 28/12/2023.

Os obxectivos deste obradoiro son os seguintes:

  • Incrementar a empregabilidade das persoas en situación de desemprego que desexen mellorar as súas condicións laborais
  • Dar a coñecer as distintas canles para a busqueda de emprego.
  • Traballar coas ferramentas necesarias para afrontar con éxito unha entrevista de traballo, preparar o cv ou unha carta de presentación.
  • Sensibilizar sobre a igualdade de oportunidades. 

Esta actividade está dirixida prioritariamente a mulleres, aínda que poderán participar todas aquelas persoas interesadas, sexan ou non socios da entidade.

As persoas interesadas en participar teñen que facer reserva de praza, xa que as prazas son limitadas. 

Para reserva de praza ou para mais información, haberá que dirixirse ás instalacións da Asociación Adapta ou contactando cos seguintes números de teléfono : 986916012 e 662947289.

O VII Plan de Formación do Concello de Covelo oferta novos cursos para promover a inserción laboral

0

A concelleira de Emprego e Formación do Concello de Covelo, Lourdes Enes, informa que ata o vindeiro día 10 de outubro estará aberto o prazo de inscrición nos novos cursos do VII Plan de Formación. Co obxectivo de mellorar a formación das persoas e promover a súa inserción laboral, o Concello lanza a formación de carretilleiro, a de acompañante de transporte escolar e de comedor escolar e a de manipulador de alimentos.

Tres novos cursos que se desenvolverán íntegramente no concello de Covelo para evitar os desprazamentos e facilitar a participación. Do 16 ao 18 de outubro e cunha duración de quince horas desenvolverase o curso de operador/ de carretillas elevadoras. En horario de tarde de 15:30 a 20:30 horas impartiranse as clases teóricas no auditorio municipal. As clases prácticas ofreceránse no mesmo horario pero na contorna do punto limpo municipal. Este curso terá un prezo de 6€ para persoas empadroadas e 18 € para as non empadroadas.

O curso de acompañante de transporte escolar e monitor de comedor terá unha duración de 30 horas. Cun horario de mañá de 9 a 14 horas celebrarase do 16 ao 23 de outubro na sala multiúsos do edificio de usos múltiples. O prezo para persoas empadroadas será de 12€ e para as non empadroadas de 36 €.

O 16 e o 17 de outubro impartirase o curso de manipulador de alimentos cunha duración de dez horas en horario de mañá de 9 a 14 horas. As clases serán no auditorio municipal do Concello de Covelo e o custo de inscrición é de 6 € para empadroados e 18 para o resto.

“Logo de realizar unha consulta coa cidadanía, ter en conta as observacións de orientación laboral e das academias de formación e investigar a demanda do mercado laboral, ofrecemos estes cursos cos que pretendemos mellorar non só o curriculum das persoas sen saír da súa contorna, tamén contribuír a que poidan atopar un traballo”, explica Lourdes Enes que engade que son cursos que capacitan ás persoas con coñecementos e destrezas requeridas polas empresas.

O CIM de Mos a pleno rendemento e estreando logo

0

Desde a súa creación en 2017 o CIM de Mos non deixou de crecer en actividades e iniciativas. O Centro de Información á Muller mosense, dotado de 3 profesionais especializadas: a directora (Educadora Social), unha Avogada e unha Psicóloga, estrea agora novo logo cun deseño adaptado aos novos tempos.

A nova imaxe do CIM foi deseñada por un grupo de alumnos traballadores do Obradoiro Dual de Emprego Queda en Mos, da especialidade de Marketing Dixital e Deseño Gráfico, integrado por Yael Barcala, Laura García e Xiana Pérez.

Estas tres mozas mosenses foron as responsables de transformar a identidade visual do CIM, un espazo que promove o empoderamento e a igualdade de xénero.

O novo logo é un símbolo de esperanza e cambio, reflexo da misión do centro. Sobre el o concelleiro de Igualdade, Leo Costas, declarou que “estamos encantados de que estas tres alumnas fosen parte desta transformación e deixasen a súa pegada neste proxecto tan significativo”.

Precisamente o novo logotipo foi presentado esta semana no acto de clausura do Obradoiro de Emprego ao que asistiu a Delegada Territorial da Xunta de Galicia, Ana Ortiz.

Na súa presentación as súas deseñadoras, Yael, Laura e Xiana, explicaron que “a simboloxía gráfica baséase na inclusión e a diversidade mediante a utilización de iconas sen xénero, adáptase á actualidade a través do uso dunha tipografía que transmite modernidade e cunha cor que fai referencia ó apoio á muller ao tempo que transmite a mensaxe de confianza e seguridade á comunidade LGTBIQ+ pola utilización das cores representativas”.

Precisamente estes días o CIM de Mos está a organizar un obradoiro de Ioga, traballo corporal e acompañamento, no que participan 16 mulleres. Este obradoiro, impartido polas docentes Paula Vidal e Marieli Gómez, ten unha duración de 12 sesións, e organízase co obxectivo de facer un apoio terapéutico grupal, fomentar o autocoidado, a autoestima das participantes e crear redes de apoio, co obxectivo de crear un espazo para parar, escoitar ao corpo e ás emocións.

A actividade está enmarcada nas actividades subvencionadas no Pacto de Estado do Ministerio de Igualdade, e cada unha das sesións utiliza diferentes técnicas de relaxación, traballo corporal e meditación, xunto con técnicas de arteterapia como a pintura e a escritura.

Sobre o CIM

O CIM de Mos conta con tres profesionais: a directora Alba Bugarín, a asesora xurídica Ana Rodríguez Cabaleiro, e a psicóloga, María Martínez Conde.

Durante o ano 2023 abríronse 45 expedientes novos, sendo 100 a media anual de mulleres atendidas. O CIM, dende a súa apertura en xuño de 2017, abriu un total de 462 expedientes de atencións psicolóxica e xurídica.

O servizo de atención xurídica e psicolóxica do CIM conta con financiación da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a través do programa de apoio aos CIM.

Tui e Versmold celebran dez anos irmandade

0

O acordo de irmandade entre Tui e a cidade alemá de Versmold goza de moi boa saúde tanto a nivel social coma institucional. Así quedou reflectido na viaxe que a pasada fin de semana realizaron a Alemaña o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e na que tamén participaron representantes do Tyde e veciñanza tudense. Devolveron así a visita que en abril, coincidindo coas festas de San Telmo realizou unha delegación de Versmold a Tui encabezada polo burgomestre Michael Meyer-Hermann.

Hai dez anos que as dúas cidade asinaron o acordo de irmandade plasmando nun documento a relación existente entre ambos municipios dende hai décadas debido á emigración de poboación tudense, principalmente das parroquias de Paramos e Baldráns, a esta cidade xermana que conta cunha importante industria cárnica. Ese acordo de irmandade propiciou tender novos lazos entre Tui e Versmold, por exemplo no eido cultura ou deportivo, que se traduce na participación do Tyde anualmente nun encontro internacional que se celebra nesa cidade alemá. E no eido social cómpre destacar a creación da Asociación Tui-Versmold. Estúdanse agora novas vías de relación unha delas vinculada ao Camiño de Santiago, tendo en conta que preto de Versmold pasa a ruta xacobea entre Osnabruck e Aachen.  

Na visita a Alemaña, a delegación tudense encabezada polo alcalde, Enrique Cabaleiro, visitou o Parlamento estatal de Renanian do Norte -Westfalia, sendo recibidos polo seu presidente, André Kuper, e onde o rexedor tudense asinou no libro de visitas.  Celebrouse amais un acto conmemorativo  do décimo aniversario deste acordo de irmandade na Sala Schützenhalle, en Versmold.

Enrique Cabaleiro sinalou tras a visita que “o balance é moi positivo” engadindo que “agora hai que seguir traballando de cara ao futuro para que esta irmandade teña sinais identitarias propias”.

“Voando nas Rías Baixas” aterriza hoxe na Guarda

0

O programa da Deputación de Pontevedra “Voando nas Rías Baixas” chega hoxe ata A Guarda. A andaina gratuíta para a observación de aves, que promove a institución provincial en colaboración con SEO Birdlife, desenvolverase no esteiro do río Miño e ten xa todas as prazas esgotadas.

Durante o percorrido, os participantes, conducidos por dous guías ornitolóxicos de SEO Birdlife, coñecerán este espazo situado ao sur da provincia de Pontevedra, concretamente no concello da Guarda, lindando con Portugal e protexido pola Rede Natura 2000. A desembocadura do río Miño forma este esteiro intermareal que conta cunha gran diversidade de hábitats que atraen a infinidade de aves, tanto acuáticas como mariñas, rapaces ou paxaros palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros, avefrías…), variedade de gaivotas, diferentes especies de patos, garzas, rálidos e mergullóns, ademais de aves mariñas, coma carráns cristados. Tamén é posible ver aves rapaces, entre as que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora, á que se pode observar pescando.

Despois da andaina polo esteiro do río Miño, “Voando nas Rías Baixas” celebrará o 26 de novembro a última das rutas deste 2023, que se desenvolverá pola Enseada de San Simón (concellos de Redondela, Soutomaior, Vilaboa e Pontevedra). A inscrición abrirase o 13 de novembro e as persoas interesadas poderán anotarse no formulario que atoparán na web provincial (www.depo.gal).

A Guarda acolle a terceira sesión dos “Encontros en Familia” o vindeiro 10 de outubro

0

O próximo martes día 10 de outubro continúa na Guarda Encontros en familia coa terceira sesión “As condutas autolesivas – Prevención e intervención”. Nesta ocasión trataremos a importancia de previr situacións de lesións, traballando a súa prevención e fixando pautas para intervir axeitadamente neste tipo de casos.

Esta proposta do Servizo de educación e apoio familiar (SEAF) pretende crear un espazo de reunión para achegar á cidadanía temas actuais que inviten ao debate e a reflexión sobre o papel da familia na sociedade actual e ao mesmo tempo ofrecer un formato máis práctico con recomendacións e orientacións ás familias, profesionais da educación e coidadores.

O obxectivo destes encontros é fortalecer as súas capacidades e habilidades parentais e de crianza, ofrecendo pautas positivas para consolidar os vínculos familiares e garantir a protección integral das crianzas e adolescentes.  

Na súa organización se tivo en conta as preocupacións e demandas das familias e profesionais do ámbito da educación e sanidade que traballan no concello de A Guarda.

En total son 7 encontros, o primeiro deles tivo lugar no mes de xuño e xunto coa presentación do cicloabordáronse temas tan importantes como a saúde mental, hábitos saudables e o tempo de ocio e familiar. A duración de cada un será de 90 minutos e estarán dirixidos por Esteban Figueirido, psicólogo especializado en terapia familiar e Beatriz Arroyo, traballadora social clínica, psicoterapeuta e tanatóloga. 

Programa

10 de outubro

  • As condutas autolesivas”. Falaremos sobre prevención e intervención, abordando as condutas que supoñan un risco para a integridade da persoa entre elas o suicidio.          

24 de outubro

  • O bo uso da tecnoloxía”. Como controlar as últimas tecnoloxías e conseguir que elas non che controlen a ti.

7 de novembro

  • Ruptura de parella”. Moitas perdas e algunhas ganancias.

21 de novembro

  • O acoso escolar”. Detección, prevención e intervención familiar.   

12 de decembro

  • “A afectación do duelo ás relaciones familiares”. Ferramentas e comunicación para xestionar o duelo.

Todas as charlas realizaranse os martes na Casa dos Alonso (planta baixa do Concello) en horario de 19:30h a 21:00h. A entrada é libre ata completar aforo. Para máis información chamar aos teléfonos: 680 197 937 SEAF e 986 614 507 Servizos sociais. E-mail: [email protected].

Mondariz Balneario elixido para celebrar os actos oficiais do Día Europeo do Patrimonio Termal

A Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA) elexíu o territorio das comarcas do Condado e da Paradanta para celebrar os actos do Día Europeo do Patriminio Termal, en concreto Mondariz Balneario. Pola riqueza das súas terras nas que se albergan augas termais e mediciñais, bos cultivos, paisaxes de alto valor medio ambiental e un patrimonio histórico e etnográfico destacado os concellos do Condado e da Paradanta serán escenario do encontro de expertos en termalismo, de visitas teatralizadas e de espazos de traballo arredor do turismo, entre outras actividades. Así o resumiron as autoridades presentes na presentación da VI Xornada Europea de Patrimonio Termal ofrecida baixo o templete da Fonte de Gándara en Mondariz Balneario.

O alcalde de Mondariz Balneario, César Gil, foi o encargado de dar a benvida á presentación da programación que o GDR Condado Paradanta deseñou en colaboración co Concello e as empresas Balneario de Mondariz, Augas de Mondariz e a EHTTA. O presidente do GDR e alcalde de Covelo, Pablo Castillo, salientou a importancia de traballar en equipo para a posta en valor da riqueza medio ambiental, histórica e termal da contorna porque “temos moito que ofrecer, somos o turismo do benestar, onde fortalecer a nosa saúde ao tempo que podemos gozar de bos produtos da terra, de panorámicas incribles, de puntos starlight e achegarnos a historia máis antiga das nosas orixes”.

A presentación estivo arroupada pola deputada provincial de Turismo e alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, quen salientou a importancia destas terras “que son das cinco únicas afloracións de augas termais que existen en Europa”, a deputada quixo tamen reivindicar o termalismo como un concepto de calidade e recoñecemento histórico que non debe confundirse coa oferta spa.

Marta Mariño, secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, quixo salientar a importancia que ten acoller esta sexta xornada internacional posicionándonos no mapa Europeo como un dos maiores referentes. Ricardo Fuciños e Amalia Gallego de Balneario de Mondariz agradeceron que hoxe se materialice esta idea xurdida xa anos atrás e Alberto Cavadas, responsable de Aguas de Mondariz valorou de xeito moi positivo que sexa a vila de Mondariz Balneario a anfitrioa europea coincidindo coa celebración dos 150 anos de declaración de utilidade pública das Aguas de Mondariz. Pola súa banda, Mario Crecente, presidente do comité científico da EHTTA salientou a participación de expertos internacionais cos aprender e compartir experiencia e coñecementos.

A VI Xornada Europea de Patrimonio Termal arrincará o vindeiro mércores día 11 de outubro coa recepción na que participarán, César Gil, alcalde de Mondariz Balneario; Víctor Leal, vicepresidente de EHTTA; Ricardo Fuciños, director de Balneario de Mondariz; Alberto Cabadas, director da planta embotelladora de Aguas de Mondariz, o presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. 

A continuación comezará o congreso de expertos en termalismo liderado por Mario Crecente, arquitecto experto en patrimonio e presidente do comité científico da EHTTA, que irá conducindo aos e ás conferenciantes chegadas de distintos puntos do continente. Jorge Mangorrinha, PhD, Centro de Estudos Globais da Universidade Aberta (Portugal); Anne Pirard, Site Manager Spa (Bélgica), Patrimonio de la Humanidad, Grandes Ciudades Termales de Europa; Samantha Bosshart, directora ejecuRva, Saratoga Springs Preserva Ron FoundaRon e  Álvaro Bonet, experto na figura de Antonio Palacios reflexionarán arredor de termalismo afondando no pasado e proxectando o futuro.

O Concello de Baiona acolle concerto “Ritmos de Latinoamérica”

0

A Deputación de Pontevedra celebrará en Baiona o día da Hispanidade da provincia. A Concellaría de Cultura está a traballar nun evento que combina o acto institucional cun concerto de música latinoamericana.

O 12 de outubro celebrarase, ás 18:00 horas, o acto protocolario no monumento “Encontro entre Dous Mundos” para despois ás 18:45 h gozar do concerto “Ritmos de Latinoamérica” a cargo do cuarteto “Tamarindo”, cun repertorio das cancións máis coñecidas de Latinoamérica: propoñen unha viaxe a través das súas melodías facendo un percorrido pola variedade musical de América do Sur, terra máxica e de diversidade cultural, onde se mestura todo tipo de ritmos africanos, europeos e precolombinos.

O acto de celebración do día da Hispanidade está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra. Este día leva celebrándose na vila desde fai vinte e dous anos, en colaboración coa institución provincial, debido á relación que Baiona ten con América e coa comunidade  colombina, ademais do feito histórico de que Baiona foi o primeiro porto de Europa en ser coñecedor do Descubrimento de América cando chegou ao seu porto a Carabela Pinta ao mando de MartÍn Alonso Pinzón.

O Concello de Nigrán volve a presidir o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, presidirá durante os próximos catro anos o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade despois de que así o decidise hoxe por unanimidade a asemblea xeral de socios celebrada en Santiago. A proposta da Comisión Executiva desta entidade supramunicipal, a presidencia recaerá no socialista nigranés por terceiro mandato consecutivo, mentras que a Vicepresidencia será para Daniel Fernández, de Cartelle; a secretaría para María Muíño de San Sadurniño; a Tesourería para José Manuel Alfonso de As Neves; e as cinco vogalías as ocupan Baños de Molgas, Cuntis, Viveiro, Santiago de Compostela e Oleiros.

González amósase especialmente orgulloso de liderar esta iniciativa por terceira vez consecutiva, xa que a súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada á cooperación, dirixindo a Fundación Érguete durante case 20 anos e establecendo no seu goberno áreas como Desenvolvemento Sostible, ademais, viviu en Centroamérica durante catro anos, feito que lle fixo coñecer de preto as desigualdades norte/sur.

“Nestes dous pasados mandatos mantivemos o número de entidades socias e medramos en canto a orzamento, pasando de 246.000€ no 2019 a 457.000€ no 2022. Pero a pesar de tanto esforzo, se algo, certamente, se pode destacar, é que queda por conseguir aínda o obxectivo principal, que vai máis alá dos números, e ten que ver coa interiorización do compromiso institucional do poder local a prol dunha acción concertada e cooperativa na transformación dese outro mundo que habitamos e no que priman aínda as desigualdades. A axenda da cooperación local galega debe gañar en solidez e consistencia, superando a tradicional reacción impulsiva ante as catástrofes e substituíndoa por unha dinámica sostida e con criterio que contribúa á erradicación da pobreza. O poder local ten moito que ofrecer, en experiencia e en competencias e máis se somos quen de cooperar aquí, entre nós mesmos”, sinalou González no seu discurso de benvida, no que tamén lembrou que o Fondo foi fundado precisamento nunha reunión na residencia de Tempo Libre de Patos (Nigrán).

Historia do Fondo Galego

O Fondo Galego é unha asociación de concellos e deputacións de Galicia que ten por obxectivo contribuír á erradicación da pobreza no mundo, a construír un mundo mellor para as persoas, tendo moi presente as iniquidades que hai entre os países do Norte e do Sur, e seguindo a folla de ruta que nos marcan os Dereitos Humanos e os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.

Actualmente 99 concellos e tres deputacións de Galicia conforman esta rede de administracións locais comprometidas coa cooperación ao desenvolvemento, e aspira a que un día os 313 concellos e as catro deputacións formen parte.

O Fondo Galego nace no ano 1997 permitindo democratizar a participación dos concellos en cooperación internacional, xa que, todos, independentemente dos seus orzamentos e número de habitantes, teñen a posibilidade de realizar cooperación a través do Fondo Galego, con cantidades de diñeiro coas que pouco poderían facer empregadas de xeito individual.

Por outra lado, a Lei de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, aprobada o pasado mes de febreiro co voto favorable de case todos os grupos políticos no Congreso dos Deputados, recoñece aos Fondos de cooperación, como é o caso do Fondo Galego, como actores clave da cooperación, e pretende ser un impulso á cooperación realizada desde o ámbito local.

Amizade, amor e liberdade en Tomiño co espectáculo ‘Duncan de palleiro’

0

O día a día na vida dun can, pero non dun can calquera, senón dun especial que pertence a esa raza mítica, lendaria e con máis prestixio de todas, a de palleiro. Esa é a historia que contará a compañía Lila Teatro, que este domingo 8 chega ás 17.30 horas ao auditorio municipal de Goián para amosar a pequenas, pequenos e maiores o devir de Duncan de Palleiro, o príncipe das corredoiras.

Dirixido a público familiar, este espectáculo recolle a vida sinxela de Duncan ao carón do seu amo Aurelio e dos seus amigos, veciñas de sempre, nunha vila pequeniña e fermosa no medio das montañas da que se sente moi fachendoso. Duncan ama profundamente aos nenos e nenas e alí onde vai leva consigo unha grande sorpresa que non deixará a ninguén indiferente.

Unha historia de amizade e liberdade, as palabras que máis lle gustan a Duncan coa que o Concello de Tomiño abrirá o Mes do Humor. A actividade, prevista para o vindeiro mes de novembro, adiantouse a esta fin de semana por cuestións alleas á organización.

O prezo da entrada será de 1,5 euros para nenas e nenos e de 3 euros para persoas adultas. As entradas estarán á venda unha hora antes do comezo do espectáculo no despacho de billetes do propio auditorio.

A chegada dos trens Avril a Galicia retrásase ata o 1º trimestre de 2024

A Xunta confirmou o novo retraso ata o primeiro trimestre de 2024 da dotación a Galicia dos trens Avril e solicitoulle ao Ministerio de Transportes que concrete canto antes o número de convois previstos que se destinarán á comunidade.

A conselleira, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo un encontro co secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas. Tamén participaron na reunión o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio, Xavier Flores, e o comisionado do Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián.

Na xuntanza constatouse que a data para a posta en servizo dos trens de rodadura desprazable en Galicia apunta agora ao 1º trimestre do próximo ano, unha mala noticia tendo en conta que estaban previstos desde 2022 e a ministra de Transportes indicara recentemente que entrarían en funcionamento en outubro ou novembro deste ano.

O Executivo autonómico demandou que se axilice o proceso en todo o posible, se manteña ao galegos e á Xunta informados e se concreten os trens que se habilitarán e o número de frecuencias de conexión con Madrid desde cada cidade, tendo en conta que é necesaria a dotación de 7 convois para atender axeitadamente as demandas da comunidade.

En materia ferroviaria, a reunión de hoxe serviu para confirmar que o Ministerio de Transportes non ten previsto executar as variantes de Rubián e dos Peares, imprescindibles para mellorar os tempos de viaxe e achegar a Lugo á alta velocidade. Así mesmo, tamén se constatou que o Ministerio non ten programación para o AVE a Ferrol.

Durante a xuntanza, a Xunta reivindicou a urxencia de que o Executivo central mellore os servizos ferroviarios en Galicia, repoñendo a totalidade das frecuencias suspendidas na pandemia, aumentando a oferta de prazas e poñendo en marcha o plan de puntualidade comprometido por Renfe, ademais da renovación do material rodante obsoleto.

Corredor Atlántico de Mercadorías

Un dos asuntos prioritarios que se trataron foi o Corredor Atlántico de Mercadorías, tendo en conta que hoxe foi primeira vez que a Xunta se puido reunir co Comisionado desde que foi nomeado en xaneiro, case nove meses despois.

A reunión serviu para constatar que haberá un retraso na presentación completa do Plan Director do Corredor Atlántico, xa que o Ministerio o supedita agora á aprobación da revisión do regulamento por parte da Unión Europea, que está en marcha.

O Goberno galego reclamou que no marco da elaboración do Plan Director do Corredor Atlántico se consideren as actuacións que as comunidades do noroeste identificaron como prioritarias: con especial atención á Saída Sur de Vigo e á conexión con Portugal. 

Galicia, Asturias e Castela e León veñen reivindicando un maior impulso do Corredor Atlántico, tendo como referencia o Corredor Mediterráneo. Para isto a Xunta estima necesario que o Goberno de España realice un investimento de 8.000 M€ no Corredor Atlántico noroeste, una cifra lonxe dos 1.300-1.400 M€ comprometidos polo Executivo central.

A situación dos viadutos do Castro na A-6 tamén foi outro dos asuntos abordados. O Ministerio prevé poder abrir o viaduto en sentido Madrid antes de que finalice o ano, unha data que a Xunta considera axustada. En relación ao outro viaduto, en sentido A Coruña, a previsión ofrecida hoxe por responsables do Ministerio de Transportes é que se poida poñer en servizo ao longo do vindeiro ano.

A este respecto, o Goberno galego reclamou máxima axilidade nos traballos e que traslade información oficial de xeito periódico, por ser unha infraestrutura fundamental de acceso a Galicia. Ademais pediu que se activen as medidas para garantir a seguridade dos condutores e facilitar o traballo dos transportistas durante a vialidade invernal.

Tamén se lle solicitou ao Goberno de España un esforzo de axilización e desbloqueo nas autovías pendentes: a A-54, a autovía Vigo-O Porriño, a da Mariña, a autovía Ourense-Ponferrada ou a autovía Lugo-Ourense.

Ademais, a Xunta demandou información sobre as previsións de como quedarán as peaxes das autoestradas estatais AP-9 e da AP-53 co inicio do ano e lembrou a demanda de que se apliquen as mesmas bonificacións na autoestrada Santiago-Dozón das que se están a aplicar xa na autoestrada do Atlántico.

Por último, o Goberno galego manifestou, unha vez máis, o interese pola transferencia da AP-9 á comunidade, e pediu que se facilite a tramitación no Congreso da Proposición de Lei que tramita nestes momentos a Cámara galega.  

O grupo Airiños da Peneda presenta o seu novo disco en Redondela

0

O grupo de música folk Airiños dá Peneda presenta, por segunda vez, mañá sábado en Redondela o seu segundo traballo discográfico, titulado “Sorrisos non ceo”, dedicado ao gaiteiro e cofundador do grupo Manuel Collazo. 

O concerto será ás 20.00 horas no auditorio do Multiusos da Xunqueira con entrada gratuíta, aínda que convén retirar o ticket a partir das 16.30 horas ante a limitación do aforo da sala. Este grupo naceu en 2006 na parroquia de O Viso e está integrado por vinte persoas.

O Circuito de Teatro Amador chega a Baiona esta fin de semana

0

Baiona poderá gozar durante esta fin de semana de varias funcións teatrais da man do Circuito Gallego de Teatro Amador. Esta actividade está enmarcada dentro da programación de outono realizada pola Concellería de Cultura.

A primeira das actividades terá lugar hoxe venres, 6 de outubro, no auditorio municipal V Centenario ás 20:00 h. Trátase dun espectáculo que contará coa interpretación de Andaravía Teatro que ten por título “Camiños e carreiro”. Esta peza teatral trátase  dunha comedia escrita e dirixida por Clara Gayo parte do “camiño de Santiago como espazo de encontro”: encontro entre culturas, intereses e inquedanzas. Dous veciños de Vedra unen as súas forzas para poder sacar uns cartos extras beneficiándose da proximidade do Camiño de Santiago. Estarán preparados para atender e comprender as novas demandas do camiño do século XXI?

O sábado 7 de outubro o mesmo escenario acollerá ás 20:00 horas “Salón Alfonsina” de Vicus Teatro. Nesta ocasión, o público poderá disfrutar da obra da  poetisa arxentina Alfonsina Storni apóiase nos seus poemas e artigos periodísticos para falarnos sobre a súa infancia, maternidade e a súa morte acompañada por un músico do Café Tortoni. Unha adiantada para o seu tempo, nesta peza, inspirada nas longas noites de lectura e conversa no famoso Café, o espectador poderá rir e reflexionar con esta singular personaxe.

O domingo, 8 de outubro, ás 12:00 horas o Auditorio volverá acoller una nova función baixo o título “Perdidos no mapa” do Teatro Antas de Ulla (grupo xuvenil): Unha vila, que xa nin aparece no mapa, recibe por sorpresa a visita dunhas forasteiras que veñen da cidade. Os poucos habitantes deste municipio ven a oportunidade de facer algo para recuperar a fama da súa vila e deciden inventar un evento para atraer a turistas e curiosos.

 E pola tarde ás  18:00 horas Lohengrín Teatro interpretará “Mouras”. 

O Circuíto Galego de Teatro Amador da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) consiste nunha programación de catro funcións teatrais por sede. Este catro espectáculos son repartidos por toda Galicia. Desta forma, preténdese que as compañías actúen fora do seu círculo xeográfico. Ademais, esta iniciativa promove a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro.

“En ruta coa depo” conta con case 1.000 participantes esta fin de semana

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 18 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Cambados, Silleda, Redondela, Vigo, Covelo, Pontevedra, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Ponteareas, Mos, A Guarda, A Estrada e Salceda de Caselas mobilizarán un total de 942 persoas para coñecer lugares da provincia como a Illa da Toxa, O Grove, a ría de Arousa, a Illa de San Simón ou a illa de Tambo, Forcarei, Cerdedo-Cotobade e a Lama, a Cañiza, o castro de Santa Trega, o conxunto histórico de Tui, o monte Aloia e Alto dos Cubos, Agolada, Cambados, Meis e Silleda. Así, nesta mesma xornada do venres a Asociación de Amas de Casa Albariño de Cambados está a percorrer a Illa de San Simón, o castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela.

Para o sábado son oito as rutas establecidas. A Asociación Centro Cultural Artístico e Recreativo Valladares de Vigo, a Asociación de Mulleres e Familias Rurais de Covelo e a Asociación de Veciños Salcedo-Norte de Pontevedra visitarán os pendellos de Agolada, a Casa-Museo A Solana de Piloño, a Fundación Xosé Neira Vilas e a igrexa de San Salvador de Camanzo de Vila de Cruces. A Asociación de Mulleres Rurais Carballeira-Caldas de Reis fará un percorrido polo santuario de Santa María da Franqueira da Cañiza, o Centro de Interpretación da Cera de Covelo e o Museo do Viño de Salvaterra de Miño. A Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel de Silleda e a Asociación Sociedade Cultural do Viso de Redondela visitarán o mosteiro de Poio, illa de Tambo e Combarro. O itinerario pola ría de Arousa ata a Illa da Toxa e o Museo da Sala do Grove o fará a Asociación AMPA Agarimo do Colexio Atalaia Cantabria de Vigo, mentres que a Sección Sindical de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra visitará a Illa de San Simón, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela.

A programación de “En Ruta coa Depo” desta semana finaliza o domingo 8 de outubro con nove saídas planificadas. A Asociación cultural Irmáns Barcia de Ponteareas fará a ruta da prehistoria e ocio en Cangas, que inclúe a visita a Cabo Home, monte do Facho e a praia de Melide. O itinerario  de Tambo farao a Asociación Agrupación Cultural a Cividade de Mos, mentres que a Asociación de Veciños San Miguel de Vilagarcía visitará a ponte de Gomail de Forcarei, a ponte de Pedre de Cerdedo-Cotobade, a ponte e praia fluvial do río Verdugo da Lama e o sendeiro do mesmo río en Ponte Caldelas. A Asociación de Festas do Carme de Soutoxusto de Redondela desprazarase ata Cambados para coñecer o seu conxunto histórico, o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a bodega do pazo de Fefiáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca. Dende A Guarda sairán a Asociación Érguete de Prevención Educación para visitar o mosteiro de Aciveiro de Forcarei e o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, o castro de Toiriz e a fervenza da Toxa de Silleda, e a Asociación Recuperación do Traxe Galego, que percorrerá o mosteiro da Armenteira, a ruta da pedra e da auga, os muíños do Batán, o monte do Castro e o Pazo de Señoráns en Meis. A Asociación Cultural e Deportiva Saliceta de Salceda de Caselas visitará o parque natural do río Barosa de Barro, o miradoiro do Val de Portas, o xacemento da igrexa antiga de Santa Comba de Louro e as torres do oeste de Catoira. Por último, ata o castro de Santa Trega da Guarda e o monte Aloia, Alto dos Cubos e conxunto histórico de Tui desprazaranse a Asociación de consumidores e Mulleres da Estrada e a Asociación de Veciños de San Roque de Vigo.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social

Cerveira-Tomiño revalida o seu título das Olimpíadas Sénior

O equipo transfronteirizo Cerveira-Tomiño conquistou por cuarto ano consecutivo o trofeo Olympics4All ao abeiro das sétimas Olimpíadas Sénior, que reuniron estes días en Viana do Castelo a preto de 400 participantes de 14 equipos. O evento, que estivo marcado por un grande espírito de convivencia xunto cunha competición saudable, será organizado no 2024 polo concello de Monção.

De carácter anual e itinerante polo Alto Minho, as olimpíadas interxeracionais contaron coa participación de maiores residentes de Tomiño e Cerveira, así como doutros nove concellos alto-miñotos, do municipio de Fornos de Algodres, de representantes da Associação Portuguesa de Pais e Amigos do Cidadão Deficiente Mental de Viana do Castelo e do concello galego de Sanxenxo e italiano de Cesena, froito do proxecto internacional ‘In Common Sports+’.

Durante os tres días de encontro as e os participantes desfrutaron dunha competición saudable en modalidades deportivas universais e xogos tradicionais, confirmando a puntuación final das probas a revalidación do título do equipo de Cerveira-Tomiño, constituído por 40 persoas. Nesta nova edición das Olimpíadas Sénior destacou o reforzo de antigas e novas amizades e as experiencias compartidas, ademais dos innumerables beneficios para a saúde e o benestar, xa que o obxectivo principal é que as persoas maiores continúen practicando actividade física no seu día a día e incentiven a outras persoas a sumarse ao envellecemento activo. As VII Olimpíadas Sénior estiveron marcadas por un momento de unión entre todos os equipos cando, durante a actuación da Tuna de Veteranos de Viana do Castelo – Teatro Sá de Miranda, protagonizaron unha sentida e merecida homenaxe ao atleta do equipo de Cerveira-Tomiño Manuel María Pereira da Costa, que faleceu o pasado mes de abril durante a celebración dos xogos intercalares. Os seus amigos e amigas lembraron o grande espírito altruísta, a súa boa disposición e o seu compañeirismo.

A Guarda acolle o sábado a proxección do filme “Valentina”

0

O Concello da Guarda continúa este sábado 7 de outubro as proxeccións da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, que promoven a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Deste xeito, o salón de actos do Centro Cultural acollerá ás 20:30 horas o pase de “Valentina”, dirixida por Chelo Loureiro e finalista dos Mestre Mateo na categoría de filmes de animación.

O filme amosa a historia de Valentina, unha nena que soña con ser trapecista, pero que cre que nunca poderá conseguilo por ter a síndrome de Down. A película está tamén producida por Chelo Loureiro, xunto a Noa García, Brandán de Brano, Mariano Baratech e Luís da Matta, e conta coas voces de Andrés Suárez, María Manuela, Uxía e Pilocha, entre outras, cunha banda sonora obra de Nani García. Entre o seu palmarés conta co Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, e foi finalista aos Premios Mestre Mateo nesta mesma categoría.

Ademais da Guarda, os outros concellos nos que recala nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de Baiona, Caldas de Reis, O Grove e A Estrada. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, “Unicorn Wars” e “O corpo aberto”, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  

O resto de títulos do programa son os filmes finalistas destes galardóns. É o caso dos documentais ‘Onde máis doe’, de Manane Rodríguez, estreado o pasado 2022 no OUFF-Ourense Film Festival; ‘Non somos nada’, de Javier Corcuera, Premio do Público no Festival In-Edit de Barcelona; e ‘A foreign song’ (César Souto, 2022), gañador dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no Festival Internacional de Cine de Xixón. Tamén as películas ‘Live is life’, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e ‘Código Emperador’ (Jorge Coira, 2022), que foi estreada no XXIV Festival de Málaga.

A Xunta mellora a PO-400 ao seu paso por As Neves, Crecente e Arbo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o concello de As Neves onde a Xunta está a realizar unhas obras de renovación do firme.

En concreto os traballos estanse a levar a cabo na PO-400 e consisten na renovación e rehabilitación do asfaltado en zonas localizadas e deterioradas. Esta actuación, que tamén beneficiará aos concellos de Arbo e Crecente,  mellorará a estrada dende o punto 8+700 ata o 28+000, en total preto de 20 quilómetros para os que a Xunta fixo un investimento de máis de 3 millóns de euros.

Ademais da mellora do firme, a obra contempla outras actuacións secundarias como a reparación puntual da sección transversal, en distintos puntos, para mellorar a capacidade de drenaxe superficial da vía; a substitución das marcas viarias, así como dos símbolos e cabreados; e a colocación de elementos de balizamento.

O delegado territorial lembrou que esta obra responde ao compromiso da Xunta por manter en bo estado as vías das que é titular para mellorar así a seguridade viaria dos galegos e galegas. Ademais, Reguera destacou os bos resultados “que xa podemos observar e que, de seguro, darán moita tranquilidade aos miles de condutores que pasan pola PO-400”.

Redondela celebra o Día Mundial da Saúde Mental cunha mesa redonda

0

Co gallo do Día Mundial da Saúde Mental o Concello de Redondela organiza o vindeiro martes día 10 de outubro, unha mesa redonda no multiusos da Xunqueira, ás 19:30 h, que versará sobre o traballo que se está a facer na prevención do suicidio infanto-xuvenil.

Según declaracións da concelleira de infancia e saude Pilar Martínez “a enfermidade mental  é unha das patoloxías máis incomprendidas e que máis dor produce a quen a padece, é moi difícil entender o sufrimento que xenera. Por outra banda o suicidio, é unha  decisión que implica unha situación persoal tan extrema que para o/a paciente é a única saída que visualiza”.

Para o Concello de Redondela, a prevención é fundamental; traballando de xeito integral, familia, persoal médico, psicologos, profesorado, compañeiras e compañeros, servicios sociais, etc, para dar resposta e axudar a atopar recursos que eviten una decisión tan dramática.

“É necesario  ter dispositivos de atención e  procedementos áxiles que detecten e traten síntomas e situacións que poidan conducir a conductas autodestructivas”, sinala a concelleira, Pilar Martínez.

Covelo participou na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

0

O Concello de Covelo participou na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que é membro dende o ano 2006. A concelleira delegada para representar ao Concello, Lourdes Enes, destaca que “pertencer ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade permítenos aprender doutras culturas e experiencias pero tamén achegar o noso gran de area para construir un mundo máis xusto porque o global é local e é responsabilidade de todas e de todos”.

Representantes duns corenta concellos participaron na Asemblea Xeral celebrada na capital de Galicia, que se abriu cun balance do período 2019-2023 por parte do seu presidente. Juan González expresou como “o Fondo Galego permite que calquera municipio achegue o seu gran de area á construción dun mundo mellor, pois aportando moi pouquiño temos a posibilidade e o orgullo de facer cooperación internacional”. O rexedor situou entre os logros do mandato a adopción dun sistema de cotas máis proporcional, o relanzamento da cooperación técnica realizada por persoal municipal, o impulso á implementación da Axenda 2030 no eido local ou a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS.

O equipo técnico da entidade repasou a continuación as accións que se están a promover no ano en curso, comezando polos proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos países do Sur Global. Nestes intres, estanse a apoiar sete actuacións directas ou a través de ONGD galegas no Sáhara, Mozambique, Guinea-Bissau, Guatemala, Nicaragua e El Salvador. Ademais, nas vindeiras semanas persoal dos concellos de Boiro, Lousame e Pontedeume compartirá os seus coñecementos cos parceiros en terreo a través do programa Especialistas en Cooperar. Tamén proximamente se celebrará na Illa do Príncipe o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía e organizarase ademais unha misión aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís na que políticas e políticos das deputacións e concellos están chamados a participar.

Na Asemblea Xeral presentouse tamén en primicia a campaña ‘313 Olladas Solidarias’ que o Fondo Galego desenvolverá neste último trimestre por toda Galicia co fin de ampliar o número de administracións locais socias. En canto ás accións desenvolvidas no presente exercicio en relación coa sensibilización e o fortalecemento institucional, destacan o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, organizado en Lugo coa participación de máis de 200 asistentes, ou as recentes visitas de delegacións chegadas Brasil, Italia, Príncipe e da República Árabe Democrática Saharauí para intercambiar experiencias.

Volve “Parte de ti”, campaña de apoio ao rural

Ante o éxito da campaña Parte de ti, que se lanzou fai catro anos, Eurural decide ampliala un ano máis para seguir dando a coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos e servizos da nosa contorna.

A presentación tivo lugar onte ás 12:00 horas no Pazo da Escola, en Gondomar, e contou coas intervencións de Paco Ferreira, alcalde da vila; Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta do Grupo de Desenvolvemento Eurural; Carmen Barbosa Pacheco, presidenta da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalia e Sara González Pacheco, integrante desta mesma asociación.

Parte de ti nace co obxectivo de dirixir o apoio ás persoas produtoras, transformadoras e comercializadoras do rural. Trátase, por tanto, dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos profesionais que ofrecen os seus produtos e servizos no rural. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.

Durante a rolda proxectouse o vídeo de presentación da campaña e unha das historias, a de Marina Álvarez, unha redeira da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia (https://partedeti.eurural.org/historias/marina-alvarez/), desde a cal conseguiron ao longo dos seus anos de traballo dignificar a profesión, mellorar as súas condicións de traballo e ademais comezar un par de proxectos paralelos, coma unha colaboración con Artesanía de Galicia, con quen fan obxectos de artesanía e un proxecto que teñen con Amalia Puga, con quen agora mesmo están elaborando unhas lámpadas con redes recicladas.

“Moitas mulleres da miña familia son redeiras, desde nena vin como loitaron para estar onde estamos. O importante agora e que se incentive o relevo xeracional porque este é un traballo moi importante que non poden facer as máquinas. O futuro do mar, depende das redes”, Sara Gónzalez Pacheco, redeira máis nova da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.

“Sentímonos moi orgullosas do noso traballo. Que o traballo é duro, hai que traballar coas mans molladas, pero o salitre está no noso corpo”, Carmen Barbosa Pacheco, redeira máis nova da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia.

Ademais da historia da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia (A Guarda), presentaranse ao longo da campaña outros proxectos coma Aitor (Tomiño), Lagar das Eiras (O Rosal), Lucky´s Bakes (Baiona), Viravolta (Tui) , El Ultramarino (O Porriño), O Muiño da Espelta (Mos), Carnicería Gandería Grego (Fornelos de Montes), Ara Restauración e Conservación (Nigrán) e Casa Rural Budiño de Serraseca (Oia).

Becas de estudo para os veciños de Arbo

0

O Concello de Arbo, en colaboración coa Fundación “Segundo Gil Davila”, convoca unha liña de becas de estudo, que ascenden a unha contía de 500,00 € cada unha.

Poderán solicitar esta axuda aqueles mozos que realicen estudos universitarios no presente curso 2023/2024 e que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Estar empadroado no Concello cun ano de anterioridade ao momento en que se solicita a beca.
  2. Non estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dun título do mesmo ou superior nivel ao correspondente ao dos estudos para os que se solicita a beca. A estes efectos, non poderán ser beneficiarios de beca aqueles estudantes aos que unicamente lles reste, para a obtención do título, a acreditación dun determinado nivel de coñecemento dun idioma estranxeiro.
  3. Estar matriculado nalgunha das ensinanzas universitarias do sistema educativo español para obter un título universitario oficial.
  4. No caso do Master, só se terán en conta aqueles que habilitan para o exercicio profesional.
  5. Non atoparse incurso nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

A Instancia de solicitude dirixirase ao Sr. Alcalde do Concello de Arbo, acompañada da documentación establecida nas Bases da convocatoria (a disposición dos solicitantes nas Oficinas Municipais e na páxina Web).

O prazo de presentación estará aberto dende o día 9 de outubro ata ó 9 de novembro de 2023.

Éxito de participación na actividade organizada polo Día Mundial da Saúde Mental en Baiona

0

Este 10 de outubro é o Día Mundial da Saúde Mental, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Política Social, organiza unha xornada que celebrase co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre esta realidade e eliminar o estigma social que sofren as persoas afectadas.

Para o Concello de Baiona, a saúde mental é unha prioridade á cal se pretende dar un impulso cunha estratexia que permite facer fronte ao reto que supón a mellora no ámbito da saúde mental da poboación da man doutras institucións e das entidades da localidade. Neste marco, o Concello colabora coa asociación “Avelaíña, Saúde Mental”.

Este xoves, 5 de outubro ambas as entidades colaboraron na organización dunha actividade na que participaron veciños e veciñas do municipio nun paseo pola Península de Santa Marta acompañados por un guía que explicará “Cando Sir Drake quixo invadir Baiona”. Baixo o lema: Saúde Mental, Saúde Mundial: Un Dereito Universal desde a Concellería de Política Social e a asociación se trataron tips sobre saúde mental. A misión foi a de promover a saúde mental e previr e atender os trastornos mentais a fin de mellorar o benestar psicolóxico e a calidade de vida de toda a poboación. O punto de partida do paseo foi na caseta dos socorristas da Praia de Santa Marta. A Concelleira de Turismo, Sheila González Martins, guía oficial turística da Xunta de Galicia, exerceu como tal na actividade na que participaron activamente os usuario da Asociación de Avelaíña dando a coñecer entre os participantes tips sobre saúde mental.

Baiona pode presumir de ser a primeira localidade que impediu un ataque do pirata Drake. O vindeiro domingo, día 8, cúmprense precisamente 438 anos desta xesta. O día en que os baioneses frustraron o asalto do temido corsario inglés á fortaleza de Monterreal. Desde o Concello pensouse ligar este feito cos tips de Saúde Mental e organizar esta actividade.

Esta actividade forma parte do proxecto de Deporturismo Social que recentemente se puxo en marcha desde o Concello de Baiona e que ao longo destes meses irá realizando máis accións deste tipo coa cidadanía.

A través da contorna envexable queren contribuír ao coñecemento da historia da vila, a realizar actividade física sociabilizar e dar pautas para a saúde en xeral, facendo fincapé na mental. A importancia de coidar de nós mesmos.

O 40 % das persoas que realizaron o Camiño Portugués en setembro saíron dende Tui

0

Un total de 5.322 persoas saíron dende Tui no pasado mes de setembro para realizar o Camiño  Portugués de Santiago. Representan o 40 % dos 13.300 peregrinos e peregrinas que en setembro percorreron esta vía xacobea. Estes datos da Oficina do Peregrino da Catedral e Santiago, e os aportados pola Oficina Municipal de Turismo de Tui, en setembro  confirman a desestacionalización da presenza de visitantes e peregrinos na cidade.

Tui consolídase así coma o segundo lugar de inicio do Camiño de Santiago tras Sarria, en todas as rutas xacobeas, segundo as estatísticas da Oficina do Peregrino da Catedral e Santiago, unha posición mantida ao longo dos meses. Cómpre salientar que de Valença saíron en setembro 1.912 persoas cara Compostela.

Así unha media de 443 peregrinos e peregrinas percorren diariamente a cidade, segundo se desprende destes datos. Boa parte dos mesmos fan noite en Tui nos establecementos de hostalería tudense e moitos aproveitan tamén para coñecer a cidade.

Das 13.300 persoas que en setembro realizaron esta ruta xacobea 65,62% eran estranxeiras e o 33,56% eran españolas segundo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral e Santiago.

Dos peregrinos e peregrinas internacionais o 10,24 % portugueses, o 8,22 % estadounidenses, case o 8% alemáns, e o 4,63 % italianos. Pero tamén se rexistraron cidadáns de Brasil, Reino Unido, Canadá, Australia, Holanda, República Checa, ou México.  Mentres nos peregrinos nacionais o 32 % foron andaluces, o 14 % madrileños, o 12 % valencianos, e case un 8 % canarios.

A concelleira de Turismo do Concello de Tui, Ana Núñez Álvarez, sinala que estes datos confirman “a consolidación dos procesos de desestacionalización na afluencia de peregrinos e peregrinas especialmente de procedencia internacional que garanten que a peregrinación actúe como un motor do sector turístico tudense practicamente ao longo de todo o ano”. Engade que “estas son unhas cifras que reclaman de todos os axentes implicados unha aposta pola calidade da acollida e a hospitalidade na nosa cidade para consolidar esta tendencia”.

O VIII Programa Integrado de Emprego de Mos celebra a Mesa Sectorial Kit ao Emprego

0

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou en Mos na Mesa Sectorial Kit ao Emprego, -enmarcada no VIII Programa Integrado de Emprego que a Xunta subvenciona na localidade mosense-, acompañada pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Formación e Emprego, Julia Loureiro.

Este encontro celebrouse da man do tecido empresarial de Mos no espazo colaborador ZEN SUITE GARDEN, sito na parroquia de Torroso.

Entre o empresariado participante contouse coa participación de Ramón Alonso, Director Xeral de DALOT; Verónica Allegue, HR Manager de PLASTIC OMNIUM; Angeles Leirós, Xerente de ACCESCA  e Tania Herbojo, técnica de selección de  Vegalsa Eroski. 

Á xornada asistiron 50 persoas, entre usuarios do propio Programa Integrado de Emprego e outro público interesado.

Para clausurar o acto a rexedora mosense, Nidia Arévalo, salientou que “aínda que non é unha competencia municipal, unha das miñas máximas prioridades e preocupacións na xestión como alcaldesa é a inserción laboral da veciñanza en situación de desemprego, por iso quero agradecer a man tendida da Xunta de Galicia polo seu apoio incondicional a programas coma este no Concello de Mos, ás empresas pola súa colaboración e participación neles; e, aos usuarios e usuarias, animalos a seguir esforzándose e continuar formándose e realizando unha busca proactiva que, de seguro, dará os seus froitos”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, sinalou que  estamos ante outra “excelente actividade” para comprobar a “boa xestión” dos fondos públicos en Mos. “Hai iniciativas como os Programas Integrados de Emprego que dan sentido ao traballo das administracións e resulta unha marabilla comprobar que o diñeiro está moi ben investido e que se incrementan os índices de inserción laboral”, sinalou tras agradecer tamén a implicación das empresas privadas.

Durante todo o evento as/os profesionais compartiron as chaves dos seus procesos de selección, dos diferentes perfís profesionais que buscan e dos requisitos e das actitudes valoradas dende a perspectiva dos propios técnicos e técnicas de selección para, deste xeito,  poder acadar con éxito a inserción laboral. Así mesmo as persoas asistentes tiveron a oportunidade de compartir os seus intereses e motivacións profesionais co persoal integrante da mesa sectorial.

Datos do VIII Programa Integrado

O Programa Integrado de Emprego 2023 Concello de Mos iniciouse con 100 persoas usuarias do mesmo, das cales 60 xa se atopan traballando.

Esta VIII edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos comezou en novembro do ano pasado e conta con subvención auntonómica da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que aporta 250.000 euros do total de 314.465,41 euros que custa o proxecto. O importe restante é cofinanciado pola administración local mosense.

A porcentaxe de inserción acadada elévase xa ao 60 % e desde o programa continuarase asesorando e orientado a aquelas persoas demandantes na procura activa de emprego, nos procesos de selección ou noutros perfís profesionais dende a perspectiva do actual mercado laboral, para poder acadar a máxima porcentaxe posible de inserción laboral das persoas participantes antes da súa finalización o vindeiro 16 de novembro.

Con esta porcentaxe actual de inserción do 60 % xa se superou o obxectivo final do programa, pois se establecía a inserción dun mínimo dun 45 % das persoas participantes.

Outros dos obxectivos do Programa Integrado son: a mellora da empregabilidade das persoas participantes. Ser un instrumento útil para as empresas, traducido na adecuación dos perfís profesionáis para unha posible incorporación ás suas empresas. E ofrecer medidas de apoio ao participante tales como a axuda de 7 €/día por participar nas acciós que se establezan nos seus itinerarios de inserción e medidas de conciliación, se as necesitan. Todas as persoas interesadas en participar no novo Programa Integrado de Emprego, na súa vindeira 9ª edición 2023-24, que solicitou o Concello, poden achegarse á Axencia de Colocación, chamar ao 986487786 ou ben solicitalo no correo [email protected].