8.8 C
Pontevedra
Venres, 1 de Decembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaSanidade e Educación ultiman a implantación do Programa YAM nos institutos para...

    Sanidade e Educación ultiman a implantación do Programa YAM nos institutos para a prevención do suicidio

    Galicia é pioneira na implantación desta iniciativa, que conta para o seu desenvolvemento cun financiamento de dous millóns de euros

    O Edificio Administrativo do Sergas acolleu unha xuntanza entre representantes da Consellería de Sanidade, do Sergas e da Consellería de Educación, para a posta en común do estado de implantación do Programa YAM, enmarcado no protocolo de prevención da conduta do suicidio na infancia no ámbito sanitario e educativo.

    Cómpre remarcar que hai case un ano o Sergas implementou, en colaboración coa Consellería de Educación, o Protocolo de prevención, detección e intervención do risco suicida, e un dos principais fitos que permitiu acadar foi a posta en marcha do Código Agarimo e dunha vía rápida de atención a menores en risco medio/alto de suicidio.

    Galicia é pioneira na implantación dun novo modelo de prevención do suicidio na mocidade, denominado YAM, patentado polo Instituto Karolinska. Esta medida conta, para o seu desenvolvemento, cun financiamento de dous millóns de euros, a través do fondo social europeo, recentemente aprobado. Deste proxecto xa están capacitados 20 instrutores ata conformar un equipo de 50 persoas de profesionais de saúde mental e do ámbito educativo, para chegar a intervir na totalidade dos centros públicos de Galicia. Tamén se están a formar profesionais do sistema sanitario como do eido educativo e do sistema de protección do menor.

    Na xuntanza abordouse, así mesmo, o Programa Visia, no que está a traballar a Consellería de Sanidade, e que ten como obxectivo xeral deseñar e implementar un sistema automatizado de detección de malestar emocional e risco de suicidio na adolescencia baseado na intelixencia artificial. A detección farase a partir de perfís moleculares obtidos mediante proteómica de saliva, gravacións de vídeo e audio en contextos específicos, e o contido da linguaxe producida polos suxeitos obxecto do estudo.

    Á reunión entre Sanidade e Educación asistiron, entre outros representantes dos dous departamentos, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.