Un municipio amigable para as persoas con celiaquía. Este é o novo reto que afronta o Concello de Nigrán e, para elo, conta coa colaboración indispensable de Ovalmi, xa que a restauración é un sector clave nesta doenza que obriga aos enfermos a comer sen glute. Por este motivo, e como primeiro paso, xuntos convocan aos hostaleiros da localidade este martes 10 de Outubro ás 17:30 no Auditorio Municipal para una sesión informativa impartida pola Asociación de Celiacos de Galicia ‘ACEGA’ co fin de explicar os procedementos para elaborar os menús e, sobre todo, asesorarlles de cara a obter o selo oficial de ‘Restaurante apto para celíacos’, outorgado entre Xunta e ACEGA e que conleva unha garantía de confianza aos doentes. Previamente, o mesmo día, impartirán formación ao persoal da cociña escolar municipal no CEIP Humberto Juanes.
“Esta iniciativa chegounos a través dunha nai de Nigrán e non dubidamos en asumila como Concello porque non deixa de formar parte da nosa política ‘Un Nigrán para todos’ no que nos sintamos a gusto e integrados; trátase de mellorar pequenas cousas que, a cambio, facilitan moito a vida das persoas”, explica o alcalde, Juan González, que sinala que neste sentido Cangas de Narcea (Asturias) é o gran referente de Nigrán ao estar declarado ‘Primer Destino Sin Gluten de España’ e onde a maioría dos restaurantes teñen o selo oficial (a prevalencia desta enfermidade autoinmune sube ao 3% neste municipio fronte ao 1% da media nacional).
Segundo os datos, estímase que en Nigrán hai 177 persoas diagnosticadas e sobre 1.400 están infradiagnosticadas. Sen embargo, tan só o bar-restaurante Michigan dispón da distinción oficial que garante de verdade os pratos libres de glute. “O tratamento que hai é facer dieta sen glute. Pero sen glute ‘de verdade’ Isto implica cousas como que se cun coitelo se corta pan (con glute) e con ese mesmo coitelo se corta un anaco de tortilla, ese petisco xa non pode consumilo un celíaco. Ou se coas mans se toca algún produto con glute, e non se fai lavado posterior, todo o que se toque estará ‘contaminado’ para un celíaco, e xa non o pode comer”, explica a promotora da iniciativa, Azul Forti, nai dunha filla celiaca que, a súa vez, e a través do diagnóstico da pequena, descubríu que ela e a súa nai tamén o son.
“O procedemento para elaborar o menú sen glute non é tan simple como podería parecer, por iso é moi importante que os hostaleiros acudan a esta charla de ACEGA”, explica o alcalde, Juan González. De feito, a asociación ofrece aos interesados formación especializada gratuíta para o persoal de cada local e asesoramento para adaptar as cartas e os menús de cara a obter este selo. As vantaxes que enumeran son varias: os que o obteñen gañan en calidade e confianza para os seus clientes e as súas familias, participan automáticamente en accións promocionais; son incluídos na listaxe de restaurantes aptos para celíacos de ACEGA e o difunden entre os seus socios; inclúense os datos do establecemento na App de FACE (Federación de Asociacións de Celíacos de España) FACEMOVIL, onde calquera usuario Español ou estranxeiro pode consultar os locais con menú sen glute distribuídos por zonas; finalmente difúndese a través de varias revistas e materiais da asociación.
ACEGA ofrece acompañamento durante todo o proceso aos hostaleiros interesados en adaptar as cartas e menús de cara a obter o selo. Por un lado, achegan formación especializada ao persoal de sala e cociña; proporcionan un listado de alimentos aptos ou app móbil ao respecto; fan un control analítico de presenza de glute nos pratos elaborados; unha auditoría semestral; e, finalmente, dispoñen dunha consultoría acerca de alimentación sen alérxenos as 24 horas do día os 365 días do ano mediante correo electrónico e telefónico de luns a sábados.
“Moitos restauradores descoñecen estas facilidades, por iso consideramos que é importante que as teñan presentes. É unha iniciativa que agradecerán os seus clientes e que atraerá a outros e, en conxunto, beneficia á veciñanza do municipio e aos seus visitantes, por iso apostamos ao máximo por ela e lle daremos difusión aos que se sumen”, resume o alcalde.