A Xunta confirmou o novo retraso ata o primeiro trimestre de 2024 da dotación a Galicia dos trens Avril e solicitoulle ao Ministerio de Transportes que concrete canto antes o número de convois previstos que se destinarán á comunidade.
A conselleira, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo un encontro co secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas. Tamén participaron na reunión o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio, Xavier Flores, e o comisionado do Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián.
Na xuntanza constatouse que a data para a posta en servizo dos trens de rodadura desprazable en Galicia apunta agora ao 1º trimestre do próximo ano, unha mala noticia tendo en conta que estaban previstos desde 2022 e a ministra de Transportes indicara recentemente que entrarían en funcionamento en outubro ou novembro deste ano.
O Executivo autonómico demandou que se axilice o proceso en todo o posible, se manteña ao galegos e á Xunta informados e se concreten os trens que se habilitarán e o número de frecuencias de conexión con Madrid desde cada cidade, tendo en conta que é necesaria a dotación de 7 convois para atender axeitadamente as demandas da comunidade.
En materia ferroviaria, a reunión de hoxe serviu para confirmar que o Ministerio de Transportes non ten previsto executar as variantes de Rubián e dos Peares, imprescindibles para mellorar os tempos de viaxe e achegar a Lugo á alta velocidade. Así mesmo, tamén se constatou que o Ministerio non ten programación para o AVE a Ferrol.
Durante a xuntanza, a Xunta reivindicou a urxencia de que o Executivo central mellore os servizos ferroviarios en Galicia, repoñendo a totalidade das frecuencias suspendidas na pandemia, aumentando a oferta de prazas e poñendo en marcha o plan de puntualidade comprometido por Renfe, ademais da renovación do material rodante obsoleto.
Corredor Atlántico de Mercadorías
Un dos asuntos prioritarios que se trataron foi o Corredor Atlántico de Mercadorías, tendo en conta que hoxe foi primeira vez que a Xunta se puido reunir co Comisionado desde que foi nomeado en xaneiro, case nove meses despois.
A reunión serviu para constatar que haberá un retraso na presentación completa do Plan Director do Corredor Atlántico, xa que o Ministerio o supedita agora á aprobación da revisión do regulamento por parte da Unión Europea, que está en marcha.
O Goberno galego reclamou que no marco da elaboración do Plan Director do Corredor Atlántico se consideren as actuacións que as comunidades do noroeste identificaron como prioritarias: con especial atención á Saída Sur de Vigo e á conexión con Portugal.
Galicia, Asturias e Castela e León veñen reivindicando un maior impulso do Corredor Atlántico, tendo como referencia o Corredor Mediterráneo. Para isto a Xunta estima necesario que o Goberno de España realice un investimento de 8.000 M€ no Corredor Atlántico noroeste, una cifra lonxe dos 1.300-1.400 M€ comprometidos polo Executivo central.
A situación dos viadutos do Castro na A-6 tamén foi outro dos asuntos abordados. O Ministerio prevé poder abrir o viaduto en sentido Madrid antes de que finalice o ano, unha data que a Xunta considera axustada. En relación ao outro viaduto, en sentido A Coruña, a previsión ofrecida hoxe por responsables do Ministerio de Transportes é que se poida poñer en servizo ao longo do vindeiro ano.
A este respecto, o Goberno galego reclamou máxima axilidade nos traballos e que traslade información oficial de xeito periódico, por ser unha infraestrutura fundamental de acceso a Galicia. Ademais pediu que se activen as medidas para garantir a seguridade dos condutores e facilitar o traballo dos transportistas durante a vialidade invernal.
Tamén se lle solicitou ao Goberno de España un esforzo de axilización e desbloqueo nas autovías pendentes: a A-54, a autovía Vigo-O Porriño, a da Mariña, a autovía Ourense-Ponferrada ou a autovía Lugo-Ourense.
Ademais, a Xunta demandou información sobre as previsións de como quedarán as peaxes das autoestradas estatais AP-9 e da AP-53 co inicio do ano e lembrou a demanda de que se apliquen as mesmas bonificacións na autoestrada Santiago-Dozón das que se están a aplicar xa na autoestrada do Atlántico.
Por último, o Goberno galego manifestou, unha vez máis, o interese pola transferencia da AP-9 á comunidade, e pediu que se facilite a tramitación no Congreso da Proposición de Lei que tramita nestes momentos a Cámara galega.