6.4 C
Pontevedra
Martes, 5 de Decembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoIrlanda considera “inspirador” o modelo de recuperación do espazo público para as...

    Irlanda considera “inspirador” o modelo de recuperación do espazo público para as persoas de Tomiño

    Dúas investigadoras da Technological University of Dublin visitaron a vila enviadas pola Ireland’s Road Safety Authority (RSA) para estudar o modelo de mobilidade tomiñés

    Un modelo “absolutamente inspirador”. Así cualificaron o traballo de recuperación do espazo público realizado en Tomiño a delegación do Goberno de Irlanda que estes días visitou o municipio para coñecer de primeira man os mecanismos de redución do tráfico e levar as recomendacións tomiñesas, adaptalas e aplicalas no seu país.

    As investigadoras da School of Architecture, Building and Environment da Techological University of Dublin Jordana Corrigan e Sarah Rock, encargadas de estudar o modelo de mobilidade tomiñés para a Ireland’s Road Safety Authority (RSA), amosáronse abraiadas polo traballo de recuperación do espazo público realizado e manifestaron a súa sorpresa ante que “un concello tan pequeno desenvolva un modelo propio con tan bos resultados”.

    A visita encádrase na estratexia do Goberno de Irlanda para mellorar a seguridade viaria no país, que inclúe 50 accións de alto impacto entre as que está o estudo de casos de cidades ou municipios nos que se adoptaran medidas para reducir o tráfico e melorar a seguridade das outras persoas usuarias da vía. Tomiño foi unha das cidade europeas incluída como caso de estudo polo progreso significativo na seguridade viaria, a acción climática e a mellora da vida urbana.

    Durante a visita, as investigadoras explicaron o seu interese por un municipio das características de Tomiño, xa que se trata dun municipio principalmente rural e con conexións interurbanas, un núcleo moi semellante aos existentes no territorio irlandés para os que buscan solucións e melloras. “Como xa prevíamos, Tomiño é un exemplo para levar e intentar adaptar á realidade de Irlanda co fin de mellorar os nosos núcleos urbanos e rurais e atraer máis poboación ás nosas vilas”, recalcaron.

    Despois de facer un percorrido por varias cidades e vilas europeas, como Oslo, Gante ou Bruxelas, Corrigan e Rock aseguraron que Tomiño destaca pola calidade urbana dos espazos, tanto polo uso que a veciñanza fai deles como pola elevada cantidade de metros cadrados recuperados, que fan “que estas actuacións sexan un éxito”. As investigadoras remataron a visita impresionadas pola transformación de Tomiño e resaltaron a calidade urbana para un núcleo tan pequeno e a estratexia desenvolvida nos últimos 16 anos polo Goberno municipal para pasar do 15 % do espazo público recuperados para as persoas nos núcleos urbanos ao 70 %.

    A visita incluíu un programa dunha xornada enteira que arrancou cunha recepción institucional coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e cunha reunión de traballo liderada polo concelleiro de Planificación Estratéxica, Territorial e Económica, Uxío Benítez, na que tamén participaron concelleiros e concelleiras da Corporación e persoal técnico municipal.

    O edil recalcou que o Concello conseguiu eliminar boa parte do tráfico de paso e conectar equipamentos con itinerarios peonís, “unha liña na que seguiremos traballando para facer de Tomiño un referente e un exemplo de recuperación de espazos públicos para as persoas”.

    Para ver in situ as actuacións realizadas ao longo dos últimos anos, a delegación relizou unhas visitas guiadas ao núcleo urbano do Seixo, á Praza de Figueiró e ao núcleo urbano de Goián. Sobre o terreo, Uxío Benítez explicou ás investigadoras que “grazas a unha modificación no planteamento foi posible crear unha gran praza e a conexión dos equipamentos xerando zonas de preferencia peonil”.

    As investigadoras regresaron xa a Irlanda, onde redactaran o informe para a Ireland’s Road Safety Authority (RSA) do Goberno irlandés, á que lle transmitirán a posibilidade de estudar colaboracións futuras co Concello de Tomiño.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.