4.5 C
Pontevedra
Martes, 5 de Decembro de 2023
Máis
    HomeVal MiñorNigránO Concello de Nigrán volve a presidir o Fondo Galego de Cooperación...

    O Concello de Nigrán volve a presidir o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

    O alcalde, Juan González, afronta o seu terceiro mandato, de catro anos de duración, co respaldo unánime da asemblea do Fondo

    O alcalde de Nigrán, Juan González, presidirá durante os próximos catro anos o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade despois de que así o decidise hoxe por unanimidade a asemblea xeral de socios celebrada en Santiago. A proposta da Comisión Executiva desta entidade supramunicipal, a presidencia recaerá no socialista nigranés por terceiro mandato consecutivo, mentras que a Vicepresidencia será para Daniel Fernández, de Cartelle; a secretaría para María Muíño de San Sadurniño; a Tesourería para José Manuel Alfonso de As Neves; e as cinco vogalías as ocupan Baños de Molgas, Cuntis, Viveiro, Santiago de Compostela e Oleiros.

    González amósase especialmente orgulloso de liderar esta iniciativa por terceira vez consecutiva, xa que a súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada á cooperación, dirixindo a Fundación Érguete durante case 20 anos e establecendo no seu goberno áreas como Desenvolvemento Sostible, ademais, viviu en Centroamérica durante catro anos, feito que lle fixo coñecer de preto as desigualdades norte/sur.

    “Nestes dous pasados mandatos mantivemos o número de entidades socias e medramos en canto a orzamento, pasando de 246.000€ no 2019 a 457.000€ no 2022. Pero a pesar de tanto esforzo, se algo, certamente, se pode destacar, é que queda por conseguir aínda o obxectivo principal, que vai máis alá dos números, e ten que ver coa interiorización do compromiso institucional do poder local a prol dunha acción concertada e cooperativa na transformación dese outro mundo que habitamos e no que priman aínda as desigualdades. A axenda da cooperación local galega debe gañar en solidez e consistencia, superando a tradicional reacción impulsiva ante as catástrofes e substituíndoa por unha dinámica sostida e con criterio que contribúa á erradicación da pobreza. O poder local ten moito que ofrecer, en experiencia e en competencias e máis se somos quen de cooperar aquí, entre nós mesmos”, sinalou González no seu discurso de benvida, no que tamén lembrou que o Fondo foi fundado precisamento nunha reunión na residencia de Tempo Libre de Patos (Nigrán).

    Historia do Fondo Galego

    O Fondo Galego é unha asociación de concellos e deputacións de Galicia que ten por obxectivo contribuír á erradicación da pobreza no mundo, a construír un mundo mellor para as persoas, tendo moi presente as iniquidades que hai entre os países do Norte e do Sur, e seguindo a folla de ruta que nos marcan os Dereitos Humanos e os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.

    Actualmente 99 concellos e tres deputacións de Galicia conforman esta rede de administracións locais comprometidas coa cooperación ao desenvolvemento, e aspira a que un día os 313 concellos e as catro deputacións formen parte.

    O Fondo Galego nace no ano 1997 permitindo democratizar a participación dos concellos en cooperación internacional, xa que, todos, independentemente dos seus orzamentos e número de habitantes, teñen a posibilidade de realizar cooperación a través do Fondo Galego, con cantidades de diñeiro coas que pouco poderían facer empregadas de xeito individual.

    Por outra lado, a Lei de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, aprobada o pasado mes de febreiro co voto favorable de case todos os grupos políticos no Congreso dos Deputados, recoñece aos Fondos de cooperación, como é o caso do Fondo Galego, como actores clave da cooperación, e pretende ser un impulso á cooperación realizada desde o ámbito local.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.