Venres, 21 Marzo de 2025

As socialistas de Tomiño denuncian a “inacción” do Goberno local ante a praga de moscas que invade o municipo

O grupo municipal socialista no Concello de Tomiño vén de insistir no que cualifica “falta de traballo, compromiso e acción” do Goberno local ante a nova oleada de moscas, case que unha praga, que está a sufrir a poboación tomiñesa.

Lembran as concelleiras socialistas Violeta de Santiago e Mirta Misa que hai máis de dous anos xa puxeron este grave problema enriba da mesa “e a resposta do Goberno local foi mirar para outro lado e buscar excusas” para xustificar unha invasión de moscas “que está a afectar gravemente a saúde pública dos tomiñeses e tomiñesas e que tamén ten consecuencias moi negativas no económico”.

Nese sentido lembra o PSOE tomiñés que os establecementos de hostalería e de alimentación están a sufrir os danos, que se traducen incluso na perda de clientes, “sen ter absolutamente ningunha información, comunicación nin presenza por parte do Goberno Local”, afirman.

Lamentan as e os socialistas de Tomiño que, tal e como se desprende da información publicada na prensa galega o pasado 2 de outubro, “a Xunta de Galicia e o Goberno municipal están a pasarse a pelota de tellado a tellado, como ven sendo habitual neste Concello, pero ningunha das administracións asume ningunha responsabilidade”. Nesa información, o goberno municipal declara que este problema xa foi debatido no Parlamento Galego o que, para as edís socialistas, é totalmente falso.

“Falan de competencias e coma sempre esquecen as incumbencias, pois todo o que lle ocurre aos veciños e veciñas incumbe á administración local”, non dubidan en afirmar Violeta de Santiago e Mirta Misa.

“A iniciativa que ía presentar o grupo parlamentario socialista, foi freada dende aquí”, denuncian, “esa pregunta que ía rexistrarse na comisión 7°, supúxolle ás concelleiras socialistas chamadas de teléfono intimidatorias, visitas inesperadas no fogar e mesmo coaccións, o que evidencia que existe interese de algún sector económico en bloquear a búsqueda de respostas e solucións a esta problemática”.

Dende a Agrupación socialista de Tomiño adiantan que seguirán insistindo para que este caso chegue ao Parlamento de Galicia e poder atopar as causas reais do que está a acontecer “pois o goberno nacionalista agóchase detrás dun informe da UVigo que non remata de concluír nada logo de máis dun ano, mesas de traballo, presentadas en precampaña, que non se reúnen nin traballan e agora anuncian a solicitude de reunión na Fegamp que dubidamos moito da súa efectividade” e, mentres tanto, “a veciñanza segue sentíndose soa e indefensa ante esta praga que está a alterar as súas vidas sin que ninguén lles de solucións”, rematan as concelleiras tomiñesas.