8.8 C
Pontevedra
Venres, 1 de Decembro de 2023
Máis
    HomeÉ Noticia"En ruta coa depo" conta con case 1.000 participantes esta fin de...

    “En ruta coa depo” conta con case 1.000 participantes esta fin de semana

    A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 18 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Cambados, Silleda, Redondela, Vigo, Covelo, Pontevedra, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Ponteareas, Mos, A Guarda, A Estrada e Salceda de Caselas mobilizarán un total de 942 persoas para coñecer lugares da provincia como a Illa da Toxa, O Grove, a ría de Arousa, a Illa de San Simón ou a illa de Tambo, Forcarei, Cerdedo-Cotobade e a Lama, a Cañiza, o castro de Santa Trega, o conxunto histórico de Tui, o monte Aloia e Alto dos Cubos, Agolada, Cambados, Meis e Silleda. Así, nesta mesma xornada do venres a Asociación de Amas de Casa Albariño de Cambados está a percorrer a Illa de San Simón, o castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela.

    Para o sábado son oito as rutas establecidas. A Asociación Centro Cultural Artístico e Recreativo Valladares de Vigo, a Asociación de Mulleres e Familias Rurais de Covelo e a Asociación de Veciños Salcedo-Norte de Pontevedra visitarán os pendellos de Agolada, a Casa-Museo A Solana de Piloño, a Fundación Xosé Neira Vilas e a igrexa de San Salvador de Camanzo de Vila de Cruces. A Asociación de Mulleres Rurais Carballeira-Caldas de Reis fará un percorrido polo santuario de Santa María da Franqueira da Cañiza, o Centro de Interpretación da Cera de Covelo e o Museo do Viño de Salvaterra de Miño. A Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel de Silleda e a Asociación Sociedade Cultural do Viso de Redondela visitarán o mosteiro de Poio, illa de Tambo e Combarro. O itinerario pola ría de Arousa ata a Illa da Toxa e o Museo da Sala do Grove o fará a Asociación AMPA Agarimo do Colexio Atalaia Cantabria de Vigo, mentres que a Sección Sindical de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra visitará a Illa de San Simón, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela.

    A programación de “En Ruta coa Depo” desta semana finaliza o domingo 8 de outubro con nove saídas planificadas. A Asociación cultural Irmáns Barcia de Ponteareas fará a ruta da prehistoria e ocio en Cangas, que inclúe a visita a Cabo Home, monte do Facho e a praia de Melide. O itinerario  de Tambo farao a Asociación Agrupación Cultural a Cividade de Mos, mentres que a Asociación de Veciños San Miguel de Vilagarcía visitará a ponte de Gomail de Forcarei, a ponte de Pedre de Cerdedo-Cotobade, a ponte e praia fluvial do río Verdugo da Lama e o sendeiro do mesmo río en Ponte Caldelas. A Asociación de Festas do Carme de Soutoxusto de Redondela desprazarase ata Cambados para coñecer o seu conxunto histórico, o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, a bodega do pazo de Fefiáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca. Dende A Guarda sairán a Asociación Érguete de Prevención Educación para visitar o mosteiro de Aciveiro de Forcarei e o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, o castro de Toiriz e a fervenza da Toxa de Silleda, e a Asociación Recuperación do Traxe Galego, que percorrerá o mosteiro da Armenteira, a ruta da pedra e da auga, os muíños do Batán, o monte do Castro e o Pazo de Señoráns en Meis. A Asociación Cultural e Deportiva Saliceta de Salceda de Caselas visitará o parque natural do río Barosa de Barro, o miradoiro do Val de Portas, o xacemento da igrexa antiga de Santa Comba de Louro e as torres do oeste de Catoira. Por último, ata o castro de Santa Trega da Guarda e o monte Aloia, Alto dos Cubos e conxunto histórico de Tui desprazaranse a Asociación de consumidores e Mulleres da Estrada e a Asociación de Veciños de San Roque de Vigo.

    A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.