9 C
Pontevedra
Venres, 1 de Decembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTeatro, magosto e micro toponimia no programa da Asociación Cultural e Deportiva...

    Teatro, magosto e micro toponimia no programa da Asociación Cultural e Deportiva Xuntanza de Randufe, Tui, para outubro e novembro

    A Asociación Cultural e Deportiva da Asociación Cultural e Deportiva ‘Xuntanza’ de Randufe, no Concello de Tui, vén de dar a coñecer o seu programa de actividades para os meses de outubro e novembro e no que o teatro, un magosto e unha charla sobre microtoponimia serán protagonistas.

    O domingo 22 de outubro, ás 19 horas, inaugurarase a X Mostra Teatral Miguel Troncoso. O grupo de teatro ‘Chirlomirlo’ da propia asociación, porá en escena a obra Don Quixote, unha particular visión do clásico da literatura universal nunha adaptación, tanto de textos coma de escenografía, música e son, a cargo dos integrantes do grupo.

    O domingo 29 de outubro, tamén ás 19 horas, o Grupo de Teatro CalDelas de Caldelas de Tui, representará a obra ‘E ti, a que escola fuches?, unha adaptación da obra ‘O Florido Pensil’, outro clásico con case que 30 anos de percorrido.

    O sábado 4 de novembro, ás 19 horas, volverán a Randufe “uns vellos amigos”. Trátase do grupo de teatro Andaravía Teatro de Vedra, que volve á Casa Cultural de Randufe coa obra de elaboración propia ‘Xacovedra’, modesta (ou mordaz?) contribución aos fastos e celebracións do Xacobeo.

    Ese mesmo sábado 4 de novembro, a Asociación anticípase ao San Martiño e ofrecerá, ao remate de antedita representación teatral, un animado magosto con castañas e viño totalmente de balde.

    Finalmente, o domingo 5 de novembro, ás 19 horas, o grupo de teatro Ata Sempre de Alxén, de Salvaterra de Miño, poñerá punto e final a esta décima mostra teatral coa representación do seu último traballo: ‘Atranco no banco’, a súa versión da obra homónima escrita por Manuel Núñez Singala.

    Doutra banda, o xoves, 26 de outubro ás 20 horas na Casa Cultural de Randufe, o académico Vicente Feijoo ofrecerá unha charla sobre microtoponimia no salón da Casa Cultural de Randufe.

    Compre salientar que o pasado 2 de xuño a Asociación Cultural e Deportiva Xuntanza fixo unha petición formal á Real Academia Galega para que o concello de Tui fora incluído entre os beneficiarios da charla ‘Toponimízate’ incluída dentro do proxecto “Galicia Nomeada” para o ano 2023, unha iniciativa que busca recuperar a microtoponimia que se está a perder en todo o territorio de Galicia.

    Dende Xuntanza consideramos que a perda de nomes tradicionais das distintas zonas “é un problema que se está a manifestar en Randufe con máis intensidade”. O achacan a diversos factores como o feito de que se está a converter en zona residencial e, polo tanto, gañando poboación foránea. Por outra banda, estanse a perder espazos naturais; increméntanse as urbanizacións, os supermercados e os polígonos industriais; está atravesada pola autovía A55 e hai novas infraestruturas de comunicación en marcha.

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.