Sábado, 20 Setembro de 2025

A Agrupación Musical do Rosal celebra o seu 35 aniversario cun concerto na Praza do Calvario

0

O Rosal continúa coas actividades culturais organizadas para este mes de maio. Este domingo 9 será a quenda da Agrupación Musical, que celebrará o seu 35 aniversario cun concerto na Praza do Calvario a partir das 18.00 horas ao que queren convidar a todos os rosaleiros e rosaleiras.

Ao longo da súa historia, a banda rosaleira ten acadado moitos e importantes recoñecementos a nivel galego e estatal, converténdose nunha das máis galardoadas da nosa comunidade. Ao mesmo tempo, a súa escola ten sido un viveiro de grandes músicos que ocupan, actualmente, postos de relevancia en diferentes ámbitos culturais. Dende que se fundou no ano 1986, baixo a batuta de Nani Matos, diferentes directores teñen sido os responsables de guiar a este grupo: José Luis Represas, José Vicente Simeó, Diego Javier Llorente, Marcel van Bree, Carlos Ramón Pérez ou José Javier Bascoy. Na actualidade está dirixida por Javier Alonso. 

O programa que interpretarán este domingo estará dividido en dúas partes: a primeira proporá a todas as persoas asistentes unha apaixonante viaxe a través das diferentes expedicións que cruzaron o Océano Atlántico baixo o punto de vista de compositores xaponeses. Na segunda, a música máis próxima tomará protagonismo, escenificando a volta ás raíces populares da nosa cultura.

O concerto será ao aire libre con aforo reducido, con entrada do público por estrito orde de chegada ata completar prazas. A actividade desenvolverase cumprindo con todas as medidas e protocolos marcados polas autoridades sanitarias, facendo dende o Concello todos os esforzos posibles para continuar coa actividade cultural de xeito seguro.

A contorna do río Uma acollerá este sábado unha nova xornada de limpeza do voluntariado ambiental xuvenil

Este sábado, o voluntariado ambiental xuvenil de Ponteareas convida á veciñanza a participar unha nova actividade de limpeza de residuos no medio natural, que se desenvolverá na contorna do río Uma dende as 17 horas.

A Concellaría de Mocidade e Voluntariado, que dirixe Miguel Bouzó, informa que para participar nesta actividade é preciso inscribirse no correo electrónico [email protected], ou no teléfono 687764516, que tamén está a disposición das persoas que queiran recibir máis información. A actividade desenvolverase de xeito seguro e seguindo os protocolos que require a actual situación sanitaria.

Concienciar á mocidade da importancia de conservar o noso medio natural, por en valor o patrimonio medioambiental e traballar en equipo para acadar unha vila máis sostíbel son algúns dos obxectivos das actividades do voluntariado ambiental xuvenil.

Areeiro aconsella renovar os tratamentos contra o mildio ante as condicións meteorolóxicas previstas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanzou un novo aviso fitosanitario no que segue a referirse ao mildio e á necesidade de renovar os tratamentos contra esta enfermidade da viña ante as condicións meteorolóxicas que se esperan para os vindeiros días, a menos que xa se teña feito esta aplicación e constatado a súa eficacia.

O persoal da EFA destaca que aínda que as condicións climatolóxicas da pasada semana, con baixas temperaturas nocturnas e ventos do norte, contiveron o avance da fenoloxía das plantas e non foron as óptimas para o desenvolvemento do fungo, e nas visitas realizadas non se atoparon novos síntomas ou eran puntuais, trala situación de cambio climatolóxico producido desde este pasado xoves e o actual momento da campaña, na viña de Areeiro, por exemplo, xa se comprobou a aparición dalgunha nova mancha. Amais, as previsións meteorolóxicas consultadas para os vindeiros días anuncian que as choivas serán unha constante e as temperaturas nocturnas estarán na contorna dos 13 ºC, condicións polas que insiste na necesidade de renovar os tratamentos a menos que xa se teña feito e comprobado a súa eficacia.

Doutra banda, Areeiro advirte tamén que nalgunhas viñas se observaron plantas con brotes chupóns nacendo a diferentes alturas das cepas, mesmo preto do chan, e tamén a herba bastante alta, de xeito que poden ser unha importante fonte de inóculo do mildio e recomenda que os brotes sexan eliminados e a herba rozada.

Continua evolución black rot abandonada

O aviso da EFA refírese tamén ao black rot e sinala ao respecto que as condicións meteorolóxicas que en xeral favorecen ao fungo causante do mildio son tamén propicias para o responsable desta patoloxía, polo que recomenda que nas viñas en que se detecten síntomas da enfermidade, se empregue un funxicida antimildio que tamén teña efecto fronte a este outro fungo.

Tamén advirte Areeiro sobre a presenza de caracois en poboacións bastante importantes nalgunhas viñas. E sinala que os ventos do norte que se rexistraron na semana produciron a rotura de gromos nalgunhas viñas e por iso haberá que estar pendentes da posible aparición de síntomas de podre, dado o anuncio de precipitacións e temperaturas suaves que se prevén.

Areeiro se refire así mesmo neste novo aviso fitosanitario ao moteado da maceira, do que esta semana pode esperarse a aparición dos primeiros (ou novos, se xa os había) síntomas da enfermidade, polo que recomenda renovar (ou iniciar) as aplicacións para evitar problemas futuros na froita.

Respecto á bolboreta do buxo, o persoal da EFA sinala que estes días observouse nas plantas revisadas unha eiruga e dúas crisálides máis, polo que en principio non haberá que tratar, aínda que recomenda vixiar as sebes e plantas nas que o ciclo está máis retrasado.

Por último, no caso da pataca, advirte que as condicións climatolóxicas previstas para os vindeiros días son favorables aos fungos responsables da enfermidade do mildio e a situación pode ser especialmente grave nas plantas baixas, ao estar máis próximas ao terreo. Por iso, aconsella que haberá que protexer as plantas antes de que veñan as choivas máis fortes previstas.

Cruz Vermella Redondela atendeu a máis de 400 persoas no municipio durante o 2020

0

O vindeiro sábado 8 de maio, Cruz Vermella Española celebrará o Día Mundial da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella, que conmemora o aniversario do nacemento do seu fundador, Henry Dunant, baixo o lema “De la sociedad para la sociedad”. Nun ano marcado pola pandemia da Covid-19, Cruz Vermella en Redondela conmemora esta data organizando encontros nas diferentes Asembleas que a Institución ten na provincia, entre unha persoa voluntaria e unha participante nos diferentes programas, e que durante o último ano estiveron falando telefonicamente e compartindo historias, pero que non se coñecen en persoa. Estes encontros gravaranse para poder compartir nas redes sociais estas emocionantes historias.

Cruz Vermella en Redondela fixo balance da actividade realizada durante último ano e que beneficiou a máis de 400 persoas no municipio de Redondela. Esta cifra resulta da memoria realizada pola institución na que a actividade que destacou, como non podía ser doutra forma, é o programa de loita contra a pobreza coa atención de 175 persoas ás que se realizou un apoio na entrega de alimentos, pago de subministracións, medicamentos, repartición de material escolar ou pago de taxas de documentos e desprazamentos entre outros.

Durante este período, a atención desenvolveuse con diferentes colectivos como o programa de persoas maiores, con 222 usuarios nos proxectos de teleasistencia domiciliaria, atención a persoas con funcións cognitivas deterioradas, envellecemento saudable… Outro dos piares imprescindibles son os programas de intervención social nos que se atenderon a preto de 200 persoas.

Doutra banda, o programa de emprego cobrou unha especial importancia debido á situación actual de crise derivada da pandemia, con 41 participantes no noso punto de información laboral.

Cabe destacar tamén o importante labor realizado polo equipo de Cruz Vermella Mocidade con 15 menores do programa de Promoción do Éxito Escolar.

Cruz Vermella conta cun importante apoio social reflectido nos 635 socios e socias e 22 voluntarios, ademais de institucións públicas e particulares que cada día achegan o seu granito de area para poder facer realidade estes obxectivos.

Unha celebración marcada pola maior operación da historia de Cruz Vermella Española
A celebración do Día Mundial da Cruz Vermella e a Media Luna ten lugar durante a maior operación da historia de Cruz Vermella Española, o Plan Cruz Vermella RESPONDE fronte á Covid-19, a través do cal se puido apoiar xa a máis de 400 persoas vulnerables da zona de Redondela.

A Xunta confirma á dirección do IES Pedras Rubias de Salceda a ampliación do centro

A Xunta de Galicia ampliará o IES de Pedras Rubias de Salceda de Caselas no que realizará un investimento de 1,5 millóns de euros. Así o informou onte a delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, tras manter un encontro coa directora do centro, María José Espiñeira Costa, e Sonia Fernández Gómez, en representación da Anpa.

A ampliación era máis que necesaria e reiteradamente esixida polo Concello e a comunidade escolar dado que o centro, nestes momentos, só conta con solo 4 liñas de ensinanza secundaria obrigatoria. A proposta recollida nos plans da Consellería é incorporar ao centro un mínimo de dúas novas liñas de bacharelato. En total serían 4 aulas, 2 espazos para desdobre e apoio e 2 laboratorios.

Fernández-Tapias expliculles tanto á directora do centro como a representante da Anpa, que o concello de Salceda non ten PXOM aprobado e que a parcela na que está ubicado o centro é solo rústico de protección forestal, polo que se rexe por normas subsidiarias e pola Lei do Solo de Galicia. Isto implica, dixo, “que hai que facer un estudio moi minucioso e detallado da viabilidade urbanística da ampliación por parte do Concello”.

Solución provisional

En paralelo e como solución provisional ata que o novo centro estea dispoñible, os 19 alumnos e alumnas de 4º da ESO do Pedras Rubias que estaban á espera dunha praza –feito que deixa ben as claras a necesidade de ampliación insistentemente solicitada polo Concello– poderán matricularse no IES de Salvaterra de Miño, no que se adaptarán novas aulas. Segundo a Xunta, con esta medida “garántese a continuidade dos estudos postobrigatorios ao alumando de Salceda de Caselas que así o decida”.

Máis de 400 deportistas danse cita este domingo no ‘Trail Aventura Muíños de Folón’ no Rosal

A cuarta edición do Trail Aventura Muíños do Folón chega este domingo ao Rosal cunha proba adaptada ao cento por cento á nova realidade. Máis de 400 persoas participarán nesta carreira cun percorrido de 15 quilómetros e un protocolo sanitario específico deseñado para velar pola saúde de todas as persoas: durante unha hora e media celébranse saídas de dous corredores cada 20 segundos.

“Hai que valorar a capacidade da organización do trail para reinventarse, adaptarse ás circunstancias e apostar por un deporte seguro”, afirmou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, durante a presentación oficial da proba, na que tamén participou o deputado provincial, Héctor Santos; o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, e o director técnico da proba, Serafín Martínez.

Ánxela Fernández Callís: “Hai que valorar a capacidade da organización do trail para reinventarse, adaptarse ás circunstancias e apostar por un deporte seguro”

Nesta ocasión, a organización renovou o 80 por cento do percorrido nunha contorna única. Como sinalou a alcaldesa, “desta pandemia aprendemos a importancia de valorar o que temos ao noso ao redor e a gran relevancia dos espazos naturais da contorna, o que nos identifica como un lugar onde o barrio ten a oportunidade de gozar da calidade de vida e que tamén atrae a xente de fóra para coñecer os muíños, aceno de identidade do valor patrimonial que temos no noso concello e no que involucramos a persoas que coa súa vontade, enerxía e altruísmo fixeron posible un evento deportivo como o carreiro ”.

Trátase da primeira proba de atletismo de montaña que se celebrará en Galicia en 2021, “un roteiro moi diferente, cun número limitado de persoas que virán exclusivamente da comunidade galega por restricións”, explicou Serafín Martínez. “É unha oportunidade para volver á vida deportiva e para que a xente elimine a adrenalina que leva acumulada tanto tempo ao participar en diferentes probas”, dixo o director técnico, quen destacou a boa acollida desta edición especial: en menos de 24 horas foron cubertas todas as vacantes.

O IV Trail Aventura Muíños do Folón conta co apoio da Deputación de Pontevedra e forma parte da Trail League xunto cos de Tui e A Guarda. “Para nós é unha satisfacción poder colaborar con esta importante proba, porque o deporte está a ser un shock tanto para os profesionais como para o público en xeral. É unha forma de promover o Concello e a provincia, porque aínda temos moito que mostrar ”, dixo o deputado Santos Héctor.

Pola súa banda, Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, quixo destacar os protocolos específicos desenvolvidos para poder realizar a proba con todas as garantías sanitarias. “Esta é unha proba moito máis segura e é un éxito. É un evento afianzado e importante para moitos organizadores de eventos deportivos camiñar a algunhas actividades que antes tiñan unha gran calidade agora xa están dentro da excelencia deportiva ”, lembrou.

Nigrán instala, por petición veciñal, un novo parque biosaudable no Torreiro de Parada

0

O Concello de Nigrán ven de investir 2.500 € na instalación dun novo parque biosaudable no Torreiro de Parada a petición dos veciños da parroquia e tal e como leva feito en todo o municipio ao longo destes anos. Este consta de tres elementos dobres para permitir o uso simultáneo de seis persoas e está ubicado na zona que quedara prevista tras emprender o Concello a humanización da contorna no 2018.

O novo circuito conta cun volante, ascensores pull e cadeira pectoral, cada un para dous usuarios. Como todos estes parques, está deseñado para a práctica de exercicio físico de adultos e son especialmente recomendables para maiores de 60 porque permiten mellorar a mobilidade, aumentar a flexibilidade e tonificar a musculación.

“Estamos a investir en saúde proporcionando verdadeiros ximnasios ao aire libre nun momento en que a actividade física máis segura é no exterior”, explica o alcalde, Juan González.

A Guarda inviste no futuro da piscina municipal coa redacción dun proxecto para realizar as obras máis necesarias e urxentes

0

O xoves día 6 de maio celebrouse no Salón de Plenos do Concello da Guarda unha sesión plenaria de carácter extraordinario cun punto único na Orde do Día sobre a análise da situación real e actual da adxudicataria Transgalaica, S.L. en relación ao servicio da piscina municipal de A Guarda, así como as solucións inmediatas a adoptar para a continuación do servicio municipal na piscina municipal.

Neste senso, O concello da Guarda está colaborando coa concesionaria da Piscina municipal a través de varias modificacións contractuais que se realizan no marco  da necesidade de adoptar medidas urxentes e extraordinarias  para facer fronte ao impacto económico  do COVID 19 e garantir a continuidade do servizo ante a dificultade do concesionario da execución do contrato.

Así se realizaron dúas modificacións do contrato inicial da concesionaria da Piscina municipal, modificacións  que contaron coa unanimidade de todos os grupos políticos da Corporación. Nelas acordouse unha redución do horario de 10 horas semanais; a anulación do canón do 13 % en consumos enerxéticos –ata agora ese canón repercutía na concesionaria– e a asunción polo concello dos gastos COVID 19  orixinados polo protocolo que houbo que implantar na Piscina.

Ademais o concello da Guarda  propúxolle á concesionaria da Piscina Municipal, para paliar as consecuencias negativas  froito do COVID 19, unha ampliación do contrato de concesión por un prazo de 2 anos, proposta que foi rexeitada pola concesionaria.

Paralelamente o concello guardés vén traballando  en proxectos cara a consecución da continuidade  do servizo da Piscina municipal, servizo que conta cunha gran aceptación tanto polos veciños e veciñas da localidade como da comarca; cómpre salientar que máis do 30 % dos usuarios son de Oia o Rosal ou Goian.

Así o equipo de goberno, encabezado por Antonio Lomba,  contratou en  febreiro unha auditoría do estado da Piscina municipal. Despois de reunións coa empresa redactora da auditoría o concello acordou encargar dous proxectos, o  primeiro para facer fronte ás necesidades máis urxentes e subsanar, no prazo de tempo  máis curto  posible, deficiencias que presenta a Piscina Municipal.

Unha vez recepcionado e cando se teña  coñecemento  do importe que acada o mesmo, o alcalde, Antonio Lomba, levará ao Plenario un suplemento de crédito con cargo ao remanente de tesourería positivo do 2020 para poder acometer as obras con recursos propios.

Pero ademais xa están pedidos orzamentos para poder encargar a redacción dun segundo proxecto, máis ambicioso, que acometa a mellora  da eficiencia enerxética das instalacións e da envolvente da Piscina Municipal. Para este  proxecto  buscarase  a colaboración dos  próximos fondos europeos, Next Generation.

E nas últimas semanas a concesionaria municipal presentou a solicitude de reequilibrio económico, ante esta solicitude o alcalde pediu  informes aos departamentos de Secretaría e Intervención do concello da Guarda para  o seu análise, estudio e proposta.  No día 14 de abril se enviou resolución á concesionaria para que aportase máis documentación, esta documentación foi presentada no concello da Guarda o  día 23 de abril.

A intención do equipo de goberno é que, unha vez realizados os traballos técnicos, a proposta definitiva sexa  obxecto dun acordo plenario, tendo sempre como obxectivo a continuidade na prestación do servizo na Piscina Municipal. 

Ver Pleno

José Carlos Martínez Crespo, novo secretario xeral do PSdeG-PSOE do Rosal

0

O presidente da Comisión Xestora do PSdeG-PSOE do Rosal, Miguel A. Rodríguez Velasco, convocou para onte, xoves 6, de maio a Asamblea Extraordinaria para a elección da nova Executiva Municipal socialista. A Asemblea, que tivo lugar no Centro Polivalente do Rosal votou a lista consensuada e elixida polas afiliadas e afiliados e, polo tanto, con voto unánime.

A nova Executiva terá como secretario xeral a José Carlos Martínez Crespo ao que acompañarán Miguel A. Rodríguez Velasco como secretario de Organización e Milagros Carmen Amador Acal como secretaria de Política Municipal.

O novo secretario xeral, José Carlos Martínez Crespo, –actual concelleiro do Rosal– deu as grazas a todos polo apoio prestado e adiantou a súa intención de “aunará esforzos na integración para representar os intereses dos afiliados así como dos votantes que depositaron a súa confianza no PSOE do Rosal e garantir os valores que os veciños demandan ante o actual Goberno Local”.

‘Cancións de abril e polifonías tradicionais do Miño’ para despedir as Convergências de Ponteareas

A segunda e última xornada da VII edición das Convergências Portugal–Galiza contará cun concerto en Ponteareas protagonizado polo grupo Canto D’Aqui e o Grupo Folclórico da Universidade de Minho, actividade que terá lugar este vindeiro domingo, 8 de maio, a partir das 20 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal e que se desenvolve baixo o título xenérico de ‘Cancións de abril e polifonías tradicionais do Minho’.

As Convergências buscan ser unha homenaxe a Rosalía de Castro, ao Zeca Afonso e, este ano, tamén a Alfredo Guisado.

Click para ampliar

O Grupo Folclórico da Universidade do Minho foi fundado no ano 1993, cos obxectivos de recollida, preservación e divulgación da cultura popular do Baixo Minho. Coa recuperación dos traxes, os cantos e os bailes na fin do século XIX e comezos do XX, tentan espertar, na mocidade, o seu respecto e a súa revalorización.

O grupo Canto D’Aqui pretende levar o público a unha viaxe musical polo ’25 de abril’ e lembrar aqueles que cantaron e impulsaron, a través da música, a revolución que marcou a historia da república portuguesa.

“Este concerto achega a Ponteareas músicas de sonoridade e cariz tradicional coa participación de dúas agrupacións da cidade de Braga, antiga capital da Gallaecia, e é unha homenaxe aos que marcaron unha época, lembrando a Zeca Afonso, Adriano Correia de Oliveira ou Vitorino, entre outros” afirma Fernando Groba, responsábel da Concellaría de Cultura.

Para asistir a esta actividade, é necesario facer a reserva correspondente escribindo un correo electrónico a [email protected].

A Guarda avanza no seu Plan de Compostaxe Municipal

0

O Plan de Compostaxe do Concello da Guarda da esta semana un paso máis co inicio da colaboración entre a mestra composteira e a Asociación San Xerome Emiliani.

Esta colaboración arranca, na semana da compostaxe, cunha actividade de separación de residuos que tivo lugar o martes día 4 de maio na finca das Mercedes (A Gándara), co obxectivo de despexar as posibles dúbidas de separación para a reciclaxe que o persoal do centro poida ter.

A seguinte actividade irá enfocada á compostaxe e consistirá na formación inicial na materia impartida pola técnica municipal e no acopio de material vexetal procedente do mantemento dos parques e xardíns. O persoal do centro de xardinería será o encargado de facer o acopio de material para formar con el pilas de compostaxe.

Unha vez creadas as pilas realizarase un seguimento das mesmas para controlar os parámetros do proceso. Un control e manexo adecuado das pilas permitirá a obtención dun compost de calidade, que o persoal de xardinería poderá empregar nas zonas verdes que xestiona. De este xeito conseguimos xestionar os residuos verdes para obter un abono que poderá ser empregado para a mellora das zonas verdes.

A obra dunha muller ocupa dende hoxe o emblemático espazo da escalinata central da Deputación

A vangardista aperta da escultora Soledad Penalta destinada aos concellos e á veciñanza da provincia ocupa dende hoxe o emblemático espazo da escalinata interior central do Pazo da Deputación. “Esta escultura representa o mellor da sociedade” asegurou a presidenta Carmela Silva no acto de inauguración da obra ao referirse a que simboliza “un mundo local con inmensa capacidade de transformación” e racha coa histórica “preponderancia masculina nas institucións, amosando unha forma diferente de ver o mundo, a provincia e a Deputación que temos que construír, onde as mulleres ocupen todo o espazo público”.

Click para ampliar

O acto, que contou coa escenografía dun pano vermello que se descolgou para descubrir a obra, foi presidido por Carmela Silva, acompañada da propia artista Soledad Penalta, do vicepresidente, Cesar Mosquera, e das deputadas e deputados do goberno.

A presidenta provincial lembrou que “ata agora a historia da Deputación de Pontevedra escribiuse con nome de home, non hai máis que ir á Sala de Comisións para afirmar que aquí o masculino tiña unha enorme preponderancia”.

Deste xeito, recordando amais que este ano se cumpre o 185 aniversario da constitución da Deputación e o 130 da finalización do edificio do Pazo, “quixemos facer un xesto de transformación, xa visible nas decisións políticas e accións que desenvolvemos, e situar nun lugar emblemático do Pazo provincial unha escultura que simboliza aos concellos da man dunha muller, dunha das grandes artistas galegas, Soledad Penalta, que vai quedar aquí para sempre”.

A peza, de preto de 100 quilos de peso e 2,7 metros de alto por 2,10 de ancho, simula, como explicou a súa autora Soledad Penalta, “unha gran aperta, unha gran acollida e o desexo desta institución de axudar aos municipios e comarcas que integran a provincia”. Está elaborada en aceiro inoxidable e inclúe o nome de todos os concellos e comarcas manuscrito pola escultora en cintas metálicas que caen, tal e como detallou, “de xeito dinámico, con movemento e sen forzar, formando esa cascada que simboliza a protección desta administración, e con son, como asubíos do vento cara o progreso, para ir cara adiante”.

A presidenta detallou a importancia da escultura: “Agora, contamos cunha obra do século XXI, cunha escultura que representa o poder dos concellos da man dunha muller”. Tamén recordou que, amais, “coa escultura estase a tapar algo intolerable: unha gravación enxalzando o peor da historia do noso país, relacionada co ditador Franco e tamén a rachar co protagonismo do masculino no espazo público”.

[su_image_carousel source=”media: 36286,36284″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O vicepresidente Mosquera amosou a súa grande satisfacción “ pola retirada das placas de loa a Franco e ao Borbón Xoán Carlos I”. Destacou que o cambio “pode aparentar un detalle menor, pero non o é: é moi transcendente, moi simbólico e moi potente” porque á Deputación suponlle “un reforzo na liña de transparencia, da proximidade á cidadanía, da equidade e da desaparición de certas prácticas que por desgracia duraron demasiado e afortunadamente hoxe están desaparecidas”.

O vicepresidente parabenizouse por estar implicado “liderando este cambio” na imaxe da institución, aínda que destacou que queda moito por facer. Explicou que a participación do grupo provincial do BNG consistiu “na insistencia pesada que faciamos dicindo ‘Temos que quitar iso de aí, temos que quitar iso de aí’. O demais é mérito de quen tomou a decisión, a presidenta, e de quen fixo a obra”, explicou.

Mosquera aproveitou a ocasión, ademais, para lembrar que el mesmo hai 18 anos dixera que a Deputación debía desaparecer e converterse no ‘Museo dos caciques’: “A razón é obvia e incluso hai unha canción popular que di ’Para caciques Pontevedra’. Ante ese contexto, e como a desaparición non foi posible por razóns coñecidas, tivemos a oportunidade de dedicarnos a erradicar esa traxectoria da Deputación, cambiarlle a imaxe e as prácticas e convertela nunha administración ecuánime, xusta e transparente na que todo o mundo ten as mesmas oportunidades”, insistiu.

Soledad Penalta, escultora especializada en obras de aceiro e metal, leva case 40 anos de traballo nas súas costas tras recibir formación na Coruña, Barcelona, Italia e, entre outros lugares, Estados Unidos. Trátase dunha das poucas mulleres artistas da súa xeración que traballou na obra pública, realizando pezas de gran formato e empregando materiais pesados como o aceiro ou o ferro. Ten participado en exposicións individuais e colectivas en Galicia, París ou Florencia. Na nosa comunidade podemos atopar pezas súas en lugares públicos como o parque escultórico da Torre de Hércules ou o paseo marítimo de Baiona.

A Cañiza acolle unha charla formativa sobre o Dano Cerebral Adquirido a cargo de persoal de Fegadace

0

O Salón de Plenos do Concello da Cañiza acolleu, na mañá, de hoxe unha xornada sobre o Dano Cerebral adquirido. A actividade, presentada polo alcalde Luis Piña, correu a cargo de persoal Fegadace (Federación Galega de Dano Cerebral) co obxectivo de obxectivo informar sobre esta enfermidade, as causas e factores que a producen, recoñecer os síntomas,  como actuar ante un Ictus, as secuelas que pode deixar e, sobre todo, cáles son os recursos dos que podemos dispor en caso de padecer esta enfermidade.

Grazas á charla impartida por unha das traballadoras sociais de Fegadace, hoxe veciñas e veciños puideron coñecer algo máis sobre o Dano Cerebral Adquirido: unha lesión repentina no cerebro que aparece de xeito brusco. En Galicia padecen esta enfermidade 35.000 persoas e ao ano prodúcense 7.000 novos casos.

As causas que producen esta lesión poden ser internas: ictus, tumor cerebral, anoxia ou infección cerebral ou externas como un traumatismo ocasionado por accidente. Soamente o Ictus absorbe o 78 % destas lesións.

O Ictus é un vaso sanguíneo do cerebro que se rompe ou obtura producindo unha trombose e os factores que o causan poden ser modificables ou non. Entre os factores modificables se sinalan o sobrepeso, colesterol, diabetes, en resume mala alimentación, unha vida sedentaria e hipertensión arterial. Todos estes factores podemos eliminalos. Os factores non modificables son a idade ( a partires de 55 anos as persoas son máis propensas a padecer un Ictus), sexo (as mulleres teñen máis probabilidades), antecedentes familiares ou ter sufrido con anterioridade outro Ictus.

Podemos recoñecer que estamos ante un Ictus polos seguintes síntomas: dor de cabeza súbita, parálise da cara, dificultade para entender e  falar, perda de sensibilidade e forza nun lado do corpo ou perda de equilibrio e deficultade para camiñar. Estos síntomas non teñen porqué darse á vez. Calquera pode sufrir un Ictus.

É moi importante saber qué facer ante un ICTUS. É primordial actuar, non esperar, non tomar aspirinas nin conducir, chamar ao 112 ou 061 e agardar a ambulancia. Acudir a tempo a un hospital é vital.

As secuelas poden ser físicas, cognitivas, conductuais e emocionais.  A enfermidade ten tres fases. Unha aguda que requiere de coidados intensivos, neurociruxía, planta de neuroloxía e coidado de Ictus. Segunda Fase subaguda no que o enfermo xa entra nas unidades de rehabilitación, de réxime hospitalario de día ou ambulatoria e a terceira fase, moi importante, que é a volta ao Fogar.

Nesta fase crónica é cando poden axudar as asociacións de Dano Cerebral Adquirido a través dos recursos que ofrecen aos enfermos. Nestes centros como Adaceco (A Coruña), Adace (Lugo), Alento (Vigo) Renacer (Ourense) e Sarela (Santiago de Compostela)  informan sobre os  recursos disponibles: unidades residenciais, centros de día, pisos tutelados, centros ambulatorios, información e apoio ás familias así como as posibilidades de inclusión social e laboral.

FEGADACE é a Federación galega que coordina o movemento asociativo das cinco asociacions de daño cerebral que existen en Galicia e a súa principal labor é apoiar e axudar despois de sufrir un Ictus, cando o enfermo é dado de alta e chega ao seu fogar. O seu contacto é 659 177 709 . web: www.fegadace.org e o enderezo electrónico: [email protected] .

En Vigo atópase a asociación Alento que presta apoio e axuda aos enfermos despois de sufrir un dano cerebral. Podemos contactar con eles no número Teléfono  986 229 069, no e-mail [email protected] ou consultando a súa páxina: www.alento.org

En exposición pública a numeración das parroquias de Salceda de Caselas

Ata o vindeiro xoves 27 de maio permanecerá en exposición pública a nova numeración das parroquias de Salceda de Caselas, para que as persoas afectadas poidan realizar alegacións se o consideran oportuno. Os documentos pódense consultar xa na páxina web do Concello (www.salcedadecaselas.gal), e para consulta presencial ou aclaración de dúbidas é preciso pedir cita previa a través dos teléfonos do Concello ou da propia páxina web.

A renumeración das parroquias ven a completar o proceso que se iniciara a primeiros de ano coa do casco urbano, que xa leva unas semanas implementada e en funcionamento.

A acción, que conta con un orzamento de 14.730,54 € está financiada na súa totalidade polo Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial de Pontevedra, e ten unha gran importancia para a súa utilización noutros usos municipais. Estase a realizar por unha empresa especializada en coordinación cos técnicos municipais e de acordo coas normas dictadas polo Instituto Nacional de Estatística para tal fin.

Con esta iniciativa, que dá resposta a diversas solicitudes veciñais, resólvese tamén o histórico problema da identificación dos barrios no rural. O proxecto servirá tamén para solucionar moitos dos problemas das entregas do servizo de correos, que en moitas ocasións se vían dificultadas pola numeración das vivendas, sobre todo nas zonas máis rurais, nas que non sempre resulta doado seguir a numeración existente.

O proxecto inclúe a colocación de placas identificativas en tódalas vivendas do municipio, nas que se inclúe o nome da vía, praza, barrio, etc, asi como o número da vivenda, o que suporá a solución definitiva aos problemas de ubicación que se están a dar neste momento. Esta segunda fase custará 18.029 €, tamén financiados dentro do mencionado Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial de Pontevedra.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Estamos moi satisfeitas pola boa acollida que tivo o traballo no casco urbano, e polas facilidades ofrecidas pola veciñanza para a realización do traballo, e estamos seguras de que así vai ser tamén nas zonas diseminadas que agora están en exposición pública, conscientes de que precisamente no rural é onde se están a dar máis problemas polas dificultades de localización de moitas vivendas, problemas que agora quedarán solucionados na súa práctica totalidade”.

Arranca o ‘II Culturminho’ co obxectivo de crear novos actos culturais conxuntos no Miño Transfronteirizo

O AECT Río Minho, da man da CIM Alto Minho e do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), arranca mañá venres o II Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo ‘Culturminho’ que se prolongará durante este mes co obxectivo de concretar propostas e iniciativas culturais conxuntas no territorio miñoto coas que optar a fondos europeos.

Axentes culturais privados e creadores do territorio galego portugués, xunto a persoal técnico de Cultura dos concellos e cámaras municipais da raia reuniranse para realizar un ‘brainstorming’ sobre cales deben ser os eventos transfronteirizos a desenvolver con Portugal que permitirían mobilizar un público conxunto. O traballo xorde despois de analizar a situación da cultura no territorio do Miño o pasado ano nas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra, que se desenvolveran en formato telemático por motivo da pandemia.

A idea é que neste segundo foro se  desenvolvan varios grupos de traballo presenciais e en liña cunha titorización por parte de persoal experto nos que reflexionar colectivamente sobre as sinerxias creadas en ámbalas beiras do Miño. Búscase aproveitar a industria cultural propia para xerar creatividade e mobilizar a economía aproveitando os equivamentos e actividades xa existentes.

As xornadas de traballo vanse desenvolver en catro sesións os venres do mes de maio, comenzando mañá, de maneira alternativa en Paredes de Coura e no Concello do Rosal. As sesións deste venres e a do 14 de maio terán como título ‘Desing Thinking aplicado á creación de proxectos culturais no Río Miño transfronteirizo’ e estarán titorizadas pola consultora e formadora, especialista en Creatividade Aplicada, Katja Tschimmel.

O vindeiro 21 de maio (P. Coura) traballarase sobre ‘Proxectos de estruturación para o financiamento: aspectos críticos no desenvolvemento e a xestión’e ‘Orzamento, financiamento e comunicación’. Xa para finalizar, o 28 de maio farase unha análise crítica dos proxectos desenvolvidos e abordaranse ‘as ‘Redes internacionais: creación e xestión de redes e proxectos europeos’ por parte dos especialistas en eventos culturais Lucía García e Nacho de la Vega.

Como peche e conclusión do ‘II Culturminho’, o 18 de xuño terá lugar a presentación dos proxectos deseñados polas e polos axentes culturais no Centro Social Polivalente de O Rosal para, unha vez examinados e valorados, decidir a posibilidade de que algún opte a fondos europeos.

Neste sentido, o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez salientou a importancia de optar a todos os fondos europeos posibles, subliñando que dende o AECT Rio Minho se traballará por acadar cartos da UE dos programas ‘Europa Creativa-Cultura’ e ‘Europa dos cidadáns’, ademais dos que xa se están xestionando do Interreg e dos que poidan chegar do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19 ‘Next Generation’.

“A cultura é unha parte moi importante para a reactivación económica do territorio miñoto. Nestes momentos no que a zona da fronteira sufriu un dobre impacto polo peche con Portugal, hai que multiplicar esforzos, propoñer proxectos e buscar financiamento para recuperar a actividade”, insistiu Benítez.

A pandemia acrecenta a demanda de cursos na Aula CeMit de Tomiño

0

A pandemia por coronavirus parece haber influído de maneira significativa na demanda de cursos e outras accións formativas na Aula CeMit de Tomiño, situada no coñecido coma Campo da Feira.

Durante os meses de xaneiro e febreiro, debido ao alto número de contaxios, non houbo actividades de formación, pero foi moita a xente que solicitou axuda para poder realizar diversos trámites a través de Internet coma, por exemplo, uso da Sede Electrónica do Concello de Tomiño, realización de solicitudes de citas previas nas diferentes administracións, trámites na páxina de emprego da Xunta de Galicia e no SEPE (Servizo Público de Emprego), entre moitos outros.

Dende o 1 de marzo ata finais do pasado mes de abril celebráronse dous cursos ofimática de 84 horas cada un, aprendendo as persoas participantes a manexar os programas Libreoffice Writer, Calc, Base e Impress).

Debido ao COVID-19 e a alta demanda de participantes, 13 en total, fíxose necesario facer dúas quendas, ademais de ser obrigatorio, loxicamente, o uso da máscara, a desinfección dos equipos, emprego de mamparas e uso de xel hidro-alcohólico, entre outras medidas de seguridade.

Os coñecementos adquiridos servíronlles ás persoas usuarias para preparar o exame celebrado en diferentes aulas da rede CeMIT (entre elas na de Tomiño) hoxe e onte, para a obtención do CODIX (Certificación galega de competencias dixitais en ofimática); proba convocada pola AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica).

Esta certificación é o documento que acredita posuír a combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, que as persoas precisan para desenvolverse no manexo de aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación.

Nos próximos meses realizarase un curso de retoque fotográfico e outro de Iniciación a informática. Ademais, organizaranse nos meses de verán actividades para público infantil, e no mes de setembro, volverase impartir o curso de ofimática orientado, tanto a persoas interesadas en aprender o uso destas ferramentas, como ás que queiran prepararse para a seguinte convocatoria do CODIX que, con probabilidade, será en novembro deste mesmo ano.

Para solicitar información e anotarse aos vindeiros cursos, as persoas interesadas poden chamar ao 986623304; enviar un correo electrónico a [email protected]; inscribirse na páxina web da Aula CeMit ou pasarse directamente pola aula do Campo da Feira.

A Guarda oferta en maio unha programación centrada nas Letras Galegas e no medio ambiente

0

O Concello da Guarda, a través das concellerías de Cultura e Medio Ambiente, ven de programar diversas actividades para este mes de Maio, unha programación centrada nas Letras Galegas e no medio ambiente que traerán á Guarda proxeccións, teatro, charlas, recitais e moito máis.

A programación arranca este sábado día 8 de Maio coa proxección do filme “O que Arde” ás 19:30h no Centro Cultural da Guarda. Un filme dirixido por Óliver Laxe que transcorre en zonas rurais de Galicia e que amosa o problema da desaparición do medio rural a consecuencia dos incendios forestais. Esta proxección enmárcase dentro do ciclo de actividades medioambientais “Sostendo o Futuro”.

O sábado 15 de maio continúa a programación de maio ás 20:00h no Centro Cultural coa representación teatral de “32M2 – Unha xira confinada”. Esta obra de teatro, creada pola plataforma ButacaZero, trata sobre o absurdo do confinamento, coa finalidade de provocar nos asistentes unha catarsis colectiva ante un acontecemento que ten marcado, e marcará, a vida da sociedade. Unha comedia de enredo sobre a nosa realidade máis recente coa que público sentirase seguramente identificado. O prazo para a reserva de entradas abrirase o venres 7 de maio a través do mail [email protected].

Xa para a seguinte semana concéntranse actividades dirixidas a todo tipo de público, como son a Charla- debate sobre a ALARGASCENCIA para o venres 21 de maio que, dentro do ciclo “Sostendo o Futuro”, busca a reflexión sobre os nosos hábitos de consumo efímeros.

O Conto dos Ratos de Lonxedetodo dirixido aos mais pequenos da casa dentro das actividades da Biblioteca Municipal para a mañá do 22 de maio no Salón de Actos do Centro Cultural. E xa o 22  de maio a tarde chegará o momento de homenaxear a Xela Arias cunha lectura de poemas pública na Praza do Reló ás 19:00h. que contará coa participación do IES A Sangriña e a colaboración da Agrupación Cultural Guardesa. Esta lectura de poemas non será o único evento adicado a Xela Arias – poeta homenaxeada neste 2021 e que foi mestra no noso instituto-  xa que para a última fin de semana do mes, terá lugar no Centro Cultural un singular espectáculo creado para este ano por Fernando Abreu baixo o nome “Vencerse é cousa de se tratar” e que ten a súa orixe nun recital que o propio Abreu e Xela estaban a preparar no momento do seu pasamento. O espectáculo recupera as voces da poeta que quedaron rexistradas dentro dos traballos de preparación daquela e agora toman forma ao tempo que fotografías e versos da súa obra son proxectados na pantalla, acompañados instrumentalmente por Fernando Abreu e Pablo Carrera, así como Mónica de Nut lendo os poemas de Intempériome.

A exposición de poemas en variados formatos completan esta programación tendo dunha banda a exposición de poemas de Xela nos comercios “Tódalas poetas son tu e ningunha coma ti” e a segunda edición do Tendal de Poemas, que este ano colonizará os lavadoiros da localidade da man dos centros educativos da vila.

Ademais, paralelamente a todas estas actividades, mantense ata o 22 de maio a Ruta do Libro, que obsequia a todos aqueles que consuman libros na nosa localidade cunha bonita bolsiña de tela para poder transportalos.

Como xa ven sendo habitual tódalas actividades requiren de inscrición previa no mail [email protected], abríndose o prazo de inscrición unha semana previa ao evento en si.

Os comercios que queiran acoller os poemas de Xela Arias no seu escaparate poden anotarse no mail [email protected] ata o 18 de maio.

Ademais:

  • Tendais de poemas nos lavadoiros da vila a cargo dos colexios da Guarda.
  • Ruta literaria polos comercios “Tódalas poetas son tu e ningunha coma ti” (do 18 de maio ao 18 de xuño).
  • Tódalas actividades precisan reserva previa de entradas en [email protected] indicando: nome completo dos asistentes, teléfono de contacto, idade no caso dos menores de idade e se forman unidade de convivencia.

Galicia rexistra un total de 3.072 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.072, deles 702 son da área da Coruña, 226 da de Lugo, 271 da de Ourense, 488 da de Pontevedra, 897 da área de Vigo, 395 da de Santiago e 93 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 48 están en UCI, 149 en unidades de hospitalización e 2.875 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 117.715 persoas curadas, rexistrándose 2.392 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.091.968.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.289.153.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Mos mellora o último tramo pendente da Estrada Generoso Domínguez

0

Onte comenzaron os traballos da obra de mellora da seguridade viaria na Estrada Generoso Domínguez ata cruce baixada á Picota, que se atopa incluída no Plan de Infraestruturas Rurais 2020 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

A obra, contratada e financiada íntegramente pola administración autonómica, contra cun orzamento de 32.284,29 euros, e foi supervisada esta mañá durante a súa xornada de inicio pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e o arquitecto municipal, Ramón Vega.

Os representantes municipais, Arévalo e Augusto, declararon durante a súa visita que “o Concello de Mos ten como un dos obxectivos principais da administración local que o viario municipal se atope nas mellores condicións de uso, o que supón un garante na seguridade viaria. Así como avanzar no Plan Mos Humanizado para seguir a construír un municipio máis transitable e habitable, máis cómodo e amable para circular tanto a pé como en vehículo. É por elo que consideramos estas obras que hoxe se inician tan necesarias, posto que suporán unha importante optimización da seguridade viaria na Estrada Generoso Domínguez desde o cruce baixada á Picota, cara a Coto-Cela”.

A lonxitude total da actuación é de 685 metros que presentan pavimento de asfalto e resultan o único tramo de toda a Estrada Generoso Domínguez pendente de mellora.

A actuación principal a desenvolver é a rehabilitación superficial do firme, unha mellora das características superficiais do pavimento que se realiza tras terse executado previamente o pertinente barrido de firme por medios mecánicos con limpeza enérxica de superficie de pavimento existente, mediante cepillo de aramio e incluso repaso manual.

O recrecido consiste na extensión dunha capa de rodadura de 5 centímetros de espesor estendida e compactada. Previa a extensión, e unha vez executado a limpeza e barrido da superficie, aplícase rego de adherencia. Estímase un prazo aproximado para execución das obras de 2 semanas.

Nigrán duplica o número de prazas para o Centro de Enfermidades Neurodexenerativas de Panxón

0

O Concello de Nigrán ven de duplicar o número de prazas para o Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas de Panxón, xestionado por Afaga, ante a constatación de que o confinamento e as medidas de distanciamento social teñen acelerado o proceso de deteriorio cognitivo para moitas persoas. Así, as sesións semanais de 3 horas pasarán a ser catro, o que permitirá organizar dous grupos de 12 usuarios cada un que asistirán a dúas semanais de xeito gratuíto, xa que é un servizo público de carácter municipal que o Concello creou no 2016 vencellado a súa política ‘Un Nigrán para todos’.

“Tomamos esta decisión ante a constatación de que as medidas de distanciamento social agravaron moitos casos e fixeron aflorar novos, por iso tiñamos máis peticións que nunca”, explica o alcalde, Juan González, quen onte asistíu como convidado a unha sesión de terapia canina ofrecida  por Yaracan, empresa que acude regularmente ao CEE Juan María (o Concello de Nigrán financia esta actividade a partir deste mes de maio).

Esta nova realidade comezou xa este luns, cubríndose deste xeito a lista de agarda e quedando todavía vacantes para novas solicitudes que deberán dirixirse ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Nigrán, tendo sempre prioridade os empadroados no municipio. Compre sinalar que a porcentaxe destas enfermidades na poboación maior de 65 anos é dun 1,83%, polo que en Nigrán existiría unha prevalencia de 323 habitantes.

“A crise sanitaria tivo un impacto especialmente significativo nas persoas con demencia, así como na súa contorna familiar e convivencial. As medidas de distanciamento social aceleraron o procese de deterioro funcional e cognitivo, asi como a sobrecarga da contorna familiar e convivencial”, indican desde Afaga. De feito, os propios resultados obtidos en Nigrán nos estudos de comparación entre as valoracións sociais pre/pos pandemia indicaban a necesidade de reforzar esta actividade de estimulación terapéutica.

“Son obradoiros de estimulación cognitiva indubidablemente beneficiosos para os usuarios pero  tamén é importante destacar o efecto positivo na súa familia porque alivia parcialmente a sobrecarga  dos coidados”, incide o rexedor, quen sinala este centro municipal ubicado no recinto do CEE de Panxón como un dos grandes piares do seu proxecto político ‘Un Nigrán para todos’.

SOS Fonte de Troncoso píde ao Concello de Mondariz Balneario e á Xunta que eviten o derrubo do histórico ‘Chalé Villa Flora’

SOS Fonte de Troncoso, plataforma que comezou cunha actuación cinguida á Fonte de Troncoso propiamente dita reclamar, insistentemente, a recuperación deste elemento patrimonial do Balneario, pon o foco de atención sobre outro elemento catalogado que está a piques de derrubarse: o coñecido como Chalé Villa Flora.

A Plataforma que, afortunadamente, amplia o seu ámbito de actuación á protección do patrimonio histórico do Balneario, lembra que segundo a lexislación vixente “corresponde á administración municipal a competencia para velar polo cumprimento dos deberes de conservación e rehabilitación, de acordo co artigo 13 da Lei 8/2012 de Vivenda de Galicia, así como as ordes de execución que obriguen as persoas propietarias de bens inmobles a realizaren as actuacións necesarias para dar cumprimento a este deber, de acordo co artigo 136 da Lei 2/2016 do Solo de Galicia”.

O Hostal Villaflora é un edificio protexido que empezou a funcionar como hotel no ano 1923. Situado en Mondariz Balneario, forma parte do Catálogo de Bens Culturais de Galicia (clave 36031_37626 do Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia; DOG do 15.06.2020) así como do Catálogo do Proxecto de Ordenación do Medio Rural do concello de Mondariz Balneario (DOG nº 24 do 02.02.2001).

Baixo estas premisas legais o pasado 1 de febreiro SOS Fonte de Troncoso rexistrou no Concello de Mondariz Balneario un escrito solicitándolle que “no ámbito das súas competencias, poña en marcha as medidas legais oportunas para evitar que se produza un dano grave e irreparable sobre este ben cultural catalogado protexido pola lei, tal e como xa aconteceu con outros bens culturais protexidos do municipio (o Hotel Avelino, o Hotel Roma, a Fonte de Troncoso), en particular obrigando á propiedade a rehabilitar a súa cuberta para evitar o colapso do edificio.”

Silencio administrativo

Desde que rexistramos o noso escrito hai agora tres meses, nunca obtivemos resposta do Concello, por isto agora decidimos dirixirnos á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, que ten competencias exclusivas en materia de protección do Patrimonio Cultural segundo o art. 27.18 do Estatuto de Autonomía. Queremos a Consellería actúe de forma urxente, esixindo o cumprimento da lei para evitar a perda doutro ben cultural –un edificio protexido– en Mondariz Balneario.

A asociación recorda que o futuro de Mondariz Balneario “pasa, necesariamente, por coidar e recuperar o seu patrimonio histórico, velando de forma activa pola súa conservación e rehabilitación, tanto se se atopa en mans públicas como privadas”.

O Club Balonmán Caselas obtén una praza na “Final Four”

Despois de finalizar primeiros primeiros de grupo, o Club Balonmán Caselas tivo que enfrontarse a unha fase de grupos para poder alcanzar a súa meta final, participar na "Final Four".

Tras un gran esforzo e moita preparación, a esperada cita terá lugar o vindeiro sábado 8 de maio en Redondela. O encontro entre os equipos que xogaron a Liga de Prata, terá lugar no pavillón da Bombonera.

A participación será entre os campións dos grupos A, B e C e o segundo mellor sendo: o Sar A o campión do grupo A, o EDM Salceda o campión do grupo B, o Balonmán Culleredo o do grupo C e o Sar B o segundo mellor do grupo A.

O sábado ás 10:00 horas da mañá producirase o primeiro encontro da xornada. Esta primeira semifinal disputarase entre o Sar A e o EDM Salceda e ás 11:45 terá lugar a segunda semifinal entre BM Culleredo Canosa Avogacía e Sar Ledisson B.

Ás 16:00 horas da tarde disputaranse o terceiro e cuarto posto os dous equipos que non resultasen gañadores pola mañá, e ás 17:30 xogarase a final. Ao remate deste último encontro haberá unha entrega de premios.

Desde o Club Balonmán Caselas consideran que xa é un premio chegar ata este punto e que as súas xogadoras poidan participar neste torneo. Ademais, tamén queren aproveitar para desexarlle sorte a todos os equipos.

A réplica do petróglifo de Auga dos Cebros chega a Oia

0

A réplica do singular petróglifo de Auga dos Cebros, elaborada pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, vén de chegar a Oia, onde quedará exposta no interior do Centro Sociocultural de Pedornes.

O proxecto de elaboración da réplica de Auga dos Cebros naceu no ano 2019 promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes –titular dos terreos nos que se atopa o xacemento arqueolóxico– e máis pola Asociación Costa dos Castros co obxectivo de contar cunha reprodución fiel deste singular e valioso gravado rupestre.

A intervención comezou en xuño de 2019 coa intervención do orixinal e da contorna, así coma a da creación do molde, e finaliza en 2021 co remate da réplica na Escola e a súa instalación en Pedornes.

A iniciativa desenvolveuse co financiamento do Concello de Oia e máis da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que foi a encargada de acometer os traballos.

A finalidade última de contar cunha réplica fiel dos gravados de Auga dos Cebros é a salvagarda deste patrimonio fráxil e en risco, protexendo o xacemento mediante documentación. Neste sentido, cabe lembrar o proceso de deterioro que, debido á acción de distintos axentes, está a rexistrar esta importante mostra da arte rupestre do noroeste peninsular.

Presentación este venres en Pedornes

Este venres día 7 ás 12.00 horas realizarase unha presentación dos resultados do proxecto no Centro Sociocultural de Pedornes. O acto estará presidido pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e contará coa participación de Manuel Ángel Pombal (representante da Comunidade Montes e Costa dos Castros), o historiador Fernando Javier Costas Goberna (Costa dos Castros e Acamo), algúns dos profesores participantes no proxecto (Fernando Carrera e Jose Antonio Quinteiro), así coma a directora da Escola, Carmen Lorenzo. Por mor das restricións pola COVID-19, o acceso ao acto é limitado e será exclusivamente mediante invitación.

A presentación incluirá unha visita ás dúas réplicas elaboradas: a do petróglifo de Auga dos Cebros 1 –que representa varias figuras de cuadrúpedes e unha espectacular embarcación de tipoloxía mediterránea- e a de Auga dos Cebros 2 –que representa outra embarcación-. Ambas están xa instaladas no Centro Sociocultural de Pedornes, que será o seu emprazamento definitivo.

O singular petróglifo de Auga dos Cebros

O petróglifo de Auga dos Cebros sitúase en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes, no lugar do Viveiro, nun espazo arborado próximo ao río Vilar que rexistra unha elevada densidade de gravados rupestres. Na zona existen petróglifos de diversas tipoloxías, pero entre eles destaca especialmente o da gran embarcación de orixe mediterránea, un dos máis singulares da costa galega e único na fachada atlántica europea.

Ademais da gran nave de Auga dos Cebros 1, na zona existen insculturas doutras dúas embarcacións: son as denominadas Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6.

A representación de naves con formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a.C. mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia destas xoias arqueolóxicas.

A Guarda realiza unha nova pavimentación na Praza de San Bieito

0

O Concello da Guarda realizou esta semana as tarefas de reposición da capa de rodadura da Praza de San Bieito no casco urbano, unha praza cunha alta densidade de vehículos debido ao seu uso como zona de estacionamento pola a existencia nos seus arredores de establecementos comerciais e equipamentos coma o Centro da Terceira Idade, Farmacia, Auditorio de San Bieito, Praza de Abastos, entre outros.

A capa de rodadura existente atopábase xa moi deteriorada, polo que se realizou a súa reposición por unha nova, enlazando coas obras realizadas o ano pasado na Rúa Concepción Arenal.

Esta primeira fase das obras contempla tamén o repintado da sinalización horizontal cun presuposto total duns 10.000 €.

Nunha segunda fase o concello está a redactar un proxecto no que se inclúen, entre outras actuacións, a mellora da iluminación da Praza de San Bieito ou a substitución dos setos por unha baranda e mobiliario para a parte superior do Auditorio.

O Concello da Guarda continúa deste xeito coa mellora da seguridade vial en diversas rúas do concello, garantindo un espazo que reúna as condicións máis axeitadas para o tránsito de vehículos e peóns e os accesos ás vivendas.

Gonzalo Caballero destaca o traballo do Goberno de España no proceso de reforma da seguridad viaria na N-120 en Ponteareas

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou onte a súa vila natal, Ponteareas, para manter unha xuntanza con responsables socialistas na bisbarra do Condado, como o alcalde de A Cañiza, a tenente alcalde de Ponteareas, o tenente alcalde de Mondariz e os voceiros socialistas de Salvaterra e Crecente, entre outros.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero puxo en valor que o Goberno de España estea traballando “con firmeza nun proceso de reforma da seguridade viaria da N-120” que está en marcha, así como “nunha variante para Ponteareas” que permita un acceso directo á autovía A-52, e reducir tráfico noutras vías do concello.

“Teño falado directamente co ministro de Transportes, José Luís Ábalos, sobre as necesidades de Ponteareas”, resaltou o dirixente socialista, quen destacou o papel do Goberno central, xa que nestes compromisos “non se avanzara nada ata que chegou un goberno progresista liderado por Pedro Sánchez”, porque con Rajoy “nada de nada”.

En canto aos cambios no Goberno local de Ponteareas, Gonzalo Caballero puxo en valor o traballo feito polo goberno municipal e trasládolle o seu “aprecio persoal” e apoio a quen fora ata o de agora alcalde, Xosé Represas, a quen desexou o mellor.

“Seguiremos sendo socios leais para seguir traballando en Ponteareas dende o Goberno coa candidata que o BNG presente á Alcaldía”, sinalou o líder do PSdeG, quen asegurou en que “os concelleiros e concelleiras socialistas de Ponteareas van seguir dando o mellor de si mesmos para sacar adiante o concello”.

Pasos adiante na hostalaría

O máximo dirixente das e dos socialistas galegos pediu ao goberno galego que “combine a seguridade sanitaria e a loita contra o virus coas medidas de reactivación”, co que propuxo “dar pasos adiante” e “avanzar con seguridade” no proceso de desescalada da hostalería.

Así, Gonzalo Caballero instou á Xunta e ao Comité Clínico a avaliar a posibilidade de ampliar horarios de bares e cafeterías “de xeito inmediato” ata as 23 horas, de forma que poidan estar abertos “igual que os restaurantes”.

Nesta mesma liña, suxeriu ao goberno galego que estudie o “modelo Asturias” para que, “unha vez superado o estado de alarma, a hostalería poida abrir, polo menos, ata medianoite con protocolos e garantías”. De feito, no caso da comunidade veciña, a partir do vindeiro domingo, a hostaleira poderá permanecer aberta ata a 1 da mañá. “Este é un modelo no que temos que profundizar”, sentenciou o dirixente socialista.

“É necesario posibilitar a reactivación económica onde non existen tantos riscos e a medida que a vacinación avance”, sinalou o líder do PSdeG, quen incidiu en que “hai que apostar por unha liña de reactivación económica” cando “moitos cidadáns e cidadás non chegan a fin de mes: traballadores, desempregados, autónomos ou pemes atópanse en circunstancias moi complexas”.

Nesta liña, Gonzalo Caballero destacou que o PSdeG está traballando dende o Parlamento de Galicia para impulsar “liñas de acción que permitan dar axudas directas ás economías con dificultades”, “medidas de protección social que beneficien aos galegos e galegas” e tamén en como “empregar os fondos europeos para xerar emprego”.

Estado de alarma

En canto ao estado de alarma, o máximo dirixente do PSdeG pediu a Feijóo que “coopere e colabore con lealdade” co goberno de España, “en vez de buscar tensionar”.

“A mellor garantía para a desescalada é o proceso de vacinación”, incidiu Gonzalo Caballero, logo de lembrar que “Feijóo dicía que non habería vacinas ata o segundo trimestre de 2021” cando, en realidade, a vacinación contra a covid comezou o 1 de xaneiro e se realizou “de forma continua grazas ao programa de vacinación do goberno de España”.

Nesta liña, o líder do PSdeG instou ao PP a pronunciarse sobre unha posible prórroga do estado de alarma. “Se nalgún momento o Consello Interterritorial ou as autoridades sanitarias recomendan decretar o estado de alarma para o país ou para unha comunidade autónoma, gustaríame saber se o PP estaría disposto a apoiar este tipo de medidas”, sinalou.

A Deputación humanizará o cruce que conecta o centro de Gondomar coas parroquias de Peitieiros, Chaín e Morgadáns

O cruce que conecta o centro de Gondomar coas estradas provinciais que dan servizo ás parroquias de Peiteiros, por unha banda, e Chaín-Morgadáns, pola outra, será humanizado cunha gran transformación que vai acometer a Deputación en convenio co Concello de Gondomar e que vai supoñer un investimento de 271.769 euros. A zona foi visitada hoxe polos deputados Gregorio Agís e Iria Lamas, xunto co alcalde Francisco Ferreira. A actuación inclúe, ademais, o redeseño da rotonda na que as estradas conflúen coas rúas de San Bieito e do Emigrante, onde se rexistra unha elevada densidade de tráfico.

A obra, que está en proceso de licitación, será adxudicada pola Deputación durante os próximos días, dado que o prazo de presentación de ofertas xa rematou. O convenio contempla unha achega dun 70% pola Deputación (190.000 euros), mentres que o restante 30% (81.500 euros) procede do Concello, ao incluír a construción de servizos urbanos, como unha nova beirarrúa pola marxe da estrada de EP-2301 (a Chaín), unha zona de carga e descarga na EP-2301 (Peitieiros) e a reordenación das paradas de autobús.

Francisco Ferreira: “Este é un dos proxectos estrela, porque dá categoría a esta zona e prosigue a transformación de todo o concello que estamos a acometer”

Gregorio Agís destacou que mellórase “un punto complexo para o tráfico porque reordena o arranque das estradas provinciais, que saen en paralelo e comunican con parroquias cunha alta densidade de poboación”. A obra “estira” a zona urbana, dando un tratamento de lastra de granito ao pavimento e incluíndo pasos de peóns sobreelevados (con granito escuro), o primeiro para cruzar as estradas e o segundo xa rúa de San Bieito antes da rotonda. Ao tempo, engadiu, a rotonda vai ser reformada para darlle maior presencia, creando unha base remontable no seu perímetro ao obxecto de permitir o xiro na circulación de vehículos articulados e autobuses.

As novas beirarrúas ao comezo da estrada a Chaín-Morgadáns terán un ancho de ata 2,5 metros cumprindo cos criterios do Decálogo de Actuacións da Deputación en estradas provinciais e inclúen tamén a renovación da rede de iluminación pública, soterrando o cableado, e a dotación de rede de recollida das augas pluviais. Para garantir unha correcta accesibilidade ata a parada de autobuses ao longo da nova beirarrúa realizarase un muro de contención dende o comezo da estrada, e para integralo na nova configuración urbana quedará recuberto cunha pantalla vexetal. A parada do transporte público tamén será reformada para adaptala á normativa.

“Investimentos como nunca en Gondomar”

Francisco Ferreira destacou a colaboración da Deputación, que en menos de 6 anos investiu “como nunca se investira en Gondomar en infraestruturas, parques infantís, instalacións deportivas e un longo etcétera”. Ferreira cualificou o arranxo desta intersección das estradas provinciais co centro urbano como un dos “proxectos estrela” porque resolve o cruzamento por parte dos peóns e tamén os xiros do tráfico pesado. “É unha obra que dá categoría a toda esta zona e prosigue a transformación de todo o concello”. Ademais destacou que 0 30% que o Concello de Gondomar achega á obra procede do Plan Concellos “polo que, ao final, á veciñanza de Gondomar esta obra non lle supón ningún custe gracias ao financiamento regrado da Deputación”. “Hai un antes e un despois gracias a esta colaboración entre a Deputación e os concellos, xuntos seremos quen de facer un concello con servizos renovados, grande e forte nunha provincia grande e forte.”

A Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 9,2 millóns de euros en Gondomar dende que en 2015 cambiou o Goberno provincial. Este financiamento permitiu a Gondomar executar preto dunha vintena de obras en rúas, camiños, saneamentos e acondicionamento de equipamentos e dotacións municipais. Ademais, o Plan Concellos fixo posible a contratación de máis de 90 persoas desempregadas para traballar en servizos municipais. Neste tempo, a Deputación acometeu tamén cinco obras de seguridade viaria das estradas provinciais, entre as que destacan a pavimentación integral da estrada de Chaín-Morgadáns (406.000 euros) e a mellora no PQ 2+630 na de Peitieiros.

Cultura e música para a recuperación: a aposta da Eurocidade Tui-Valença polo MUMI 2021

0

“Estamos ávidos de espectáculo”. Así o proclamaba o presidente da Cámara Municipal de Valença, Manuel Rodrigues Lopes, na presentación onte mércores 5 do MUMI 2021, o encontro profesional das músicas do Minho que se celebrará do 9 ao 11 de setembro. Xunto a el, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González e representando á organización do MUMI, César Cardoso e Manuel Vicente Roxo.

“Non temos dúbida de que o MUMI vai converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular”, subliñou Cabaleiro. O encontro do sector musical, que terá programación aberta á cidadanía, repartirá a súa actividade entre Valença e Tui en 2021 e xa ten o compromiso e interese de ambos municipios para 2022. A presentación hoxe mércores 5 no Arquivo Municipal de Valença foi tamén unha celebración da apertura da fronteira terrestre entre Galicia e Portugal tras catro meses de peche.

César Cardoso e Manuel Vicente Roxo, representantes dun equipo organizador con estrutura en ambas beiras do Miño, remarcaron o carácter de punto de encontro que terá o MUMI despois dun ano tan difícil para o sector musical pola pandemia. “O MUMI pode ser o punto de partida para a recuperación creando un espazo de encontro onde vernos as caras e construír unha relación estable entre axentes e empresas galegos e portugueses”, sinalou Roxo. A organización prepara un programa de encontros para empresas e festivais, actividades formativas e obradoiros asi como moita música ao vivo para os dias 9, 10 e 11 de setembro. “No MUMI sabemos da importancia da proxección pública, de programar concertos nas rúas de Tui e Valença abertos á cidadanía. Serán máis de cincuenta concertos nas dúas edicións nun territorio único como é a Eurocidade”, apunta Roxo.

O MUMI é un proxecto que veñen madurando desde hai anos un grupo de empresas culturais de Galicia e Portugal, e que tivo unha edición cero en 2020 en Verín, coincidente en datas co

inicio do confinamento, polo que non puido desenvolverse con plenitude. Na Eurocidade Tui-Valença o MUMI desenvolverá as edicións 2021 e 2022 xa que, tal como sinalou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, “este territorio é o mellor escaparate para unha Feira coma esta e as institucións imos volcarnos”. Na rolda de prensa, na que tamén estivo presente Sonsoles Vicente Solla, responsable de Cultura no concello de Tui, Cabaleiro fixo fincapé na magnitude e singularidade dun territorio como o que conforman Tui e Valença. “O futuro de Galicia está en Portugal e boa parte do de Portugal está en Galicia. Estamos ante unha das poucas fronteiras en Europa de carácter urbano. Antes da pandemia, catro mil cincocentos vehículos cruzaban a diario a ponte entre Tui e Valença, o cal dá idea das relacións sociais, económicas e culturais que hai establecidas”, afirmou.

Pola súa banda, Manuel Rodrigues Lopes, presidente da Cámara Municipal de Valença, contou que foi dos primeiros veciños en cruzar a Tui o pasado sábado 1 de maio, día no que se levantou o peche da fronteira. “Nós non temos unha ponte, temos unha rúa que nos une, nunca precisamos de pasaportes”, sinalou nun discurso cheo de afectividade e entusiamo por proxectos conxuntos como o MUMI. “Alabo a coraxe o equipo organizador, falamos de dúas cidades interligadas que precisan de horizontes comúns. Durante estes catro meses, Valença botou moito en falta a alegría dos galegos e estou convencido de que Tui non era o mesmo sen a presenza da veciñanza do norte de Portugal. O MUMI 2021 é un embrión de todo o que pode vir nun futuro próximo”, afirmou.

Tres días de música e encontros profesionais en localizacións emblemáticas de ambos municipios. Asi séra o MUMI 2021, que bota a andar tras esta presentación co obxectivo de crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, xornalistas e público xeral daranse cita en setembro neste evento que conta co apoio económico de ambos concellos, que aportan 15.000 euros cada un deles. Ademais do impacto económico que terá na contorna, desde a organización remarcan o impacto social e mediático dun evento coma este. “O MUMI crea alianzas estratéxicas e iso é fundamental nun momento como o que estamos a vivir”, apunta Manuel Vicente Roxo.

Os sete cachorros rescatacos polo CAAN nun monte de Valga atopan novo fogar en só tres días

Hai adopcións que se fan en tempo récord. O luns 26 de abril os seus nomes entraban na web do CAAN na lista cans e cadelas listos para ser adoptados e o mércores 28 os sete preciosos cachorros que o persoal do centro rescatara en febreiro con tan só un día de vida nun monte en Valga xa tiñan atopado un novo fogar.

As catro cadelas, ‘Flor’, ‘Florina’, ‘Florita’, ‘Floriña’ e os cans ‘Flo’, ‘Florito’ e ‘Florín’, foran encontrados abandonados no monte nunha situación crítica, pero nestes dous meses e medio recuperáronse perfectamente e despois da súa vacinación, xa estaban listos para saír das instalacións.

[su_image_carousel source=”media: 36164,36163″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

O mesmo luns, día en que os seus nomes se colgaron na web, dous deles, ‘Florín’ e ‘Flo’ xa viaxaron coas súas novas familias a Meaño e Pontevedra respectivamente. Un día despois, o fixeron catro dos seus irmás e irmáns: ‘Florita e ‘Florina’ saíron do CAAN cara a Pontevedra, mentres que ‘Florito’ e ‘Flor’ foron trasladados a seus novos fogares en Ponteareas e o concello coruñés de Oroso respectivamente.

Xa o mércores 28 abandonou o centro a última da camada,’Floriña’, que xa vive no seu novo fogar en Redondela. Coas súas adopcións, xa son máis de 250 as acadadas no que vai de ano polo CAAN da Deputación.

[su_image_carousel source=”media: 36161,36162″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

O final feliz da historia destes cachorros de Valga ten o seu contrapunto no rescate doutras dúas camadas de 7 e 6 cachorros en Silleda e Salvaterra. No primeiro caso, foron rescatados coa súa nai, que recolleu o testemuño do nome de ‘Flor’, e son tres femias, ‘Florita’, ‘Florilla’ e ‘Florina’, e catro machos, ‘To’, ‘Ton’, ‘Toni’ e ‘Tonin’, que evolucionan favorablemente nas instalacións da Armenteira.

En Salvaterra o persoal do CAAN recolleu seis cachorros, que neste caso estaban sen a súa nai. Trátase de catro femias, ‘Pati’, ‘Pepa’, ‘Púa’ e ‘Puri’, e dous machos, ‘Lubi’ e ‘Lubo’, que teñen mes e medio e tamén se recuperan de xeito favorable.

A Asociación de Alfombristas de Ponteareas inaugura en Santiago a exposición fotográfica ‘Foto Souto, a retina do Corpus’

A Asociación de Alfombristas del Corpus Christi de Ponteareas inaugura este vindeiro sábado, 8 de maio ás 12 horas, no hotel ‘Oca Puerta del Camino’ de Santiago de Compostela, a exposición fotográfica ‘Foto Souto, a retina do Corpus’ e unha alfombra dedicada ao Camiño de Santiago.

Ponteareas, “o berce do alfombrismo español”, explica a Asociación de Alfombristas de Ponteareas, presenta esta exposición fotográfica “que recolle 75 anos das nosas alfombras florais, e amósanos as imaxes captadas por tres xeracións de fotógrafos desta vila”.

Click para ampliar

As fotos expostas achégannos á visión dos fotógrafos, de como o pobo de Ponteareas elabora as alfombras para o paso do Santísimo desde fai máis de douscentos anos. “Son imaxes dun gran valor sentimental xa que, a traves delas, podemos revivir esas alfombras efémeras de anos anteriores e non lembran as persoas que as elaboraron”.

A menos dun mes da festa grande de Ponteareas, a Asociación de Alfombristas continúa o labor de difusión da Festa do Corpus Christi declarada de Interese turístico Internacional.

A Asociación de Alfombristas de Ponteareas quere facer público o agradecemento “á sensibilidade e interese manifestados pola dirección do Hotel ‘Oca Puerta del Camino’ que puxo ao dispor da Asociación todos os medios con que conta o Hotel para a realización da devandita exposición”.

A exposición permanecerá aberta ata o domingo 6 de xuño, data na que se celebra a festa do Corpus Christi en Ponteareas e, sen dúbida, será vista por todos aqueles peregrinos que se acheguen a Santiago de Compostela neste Ano Santo Compostelán.

Baiona finaliza a reconstrución dun muro de contención en Belesar

0

O Concello de Baiona vén de dar por rematados os traballos de mellora da accesibilidade no Camiño Lameiriño, na Granxa, parroquia de Belesar. A obra, financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios do Concello, consistía na reconstrución dun muro de contención derrubado hai anos e que “presentaba un perigo para as familias que residen nesta zona, xa que dificultaba o acceso ás vivendas”.

A obra, adxudicada a Construcciones Vale S.L., por 23.586,28 euros, incluía tamén o arranxo e asfaltado do vial.

Óscar Martínez, concelleiro de Vías e Obras, lembra que o Goberno local traballa “para buscar solucións e mellorar as condicións dos veciños e veciñas das parroquias”. “O noso deber –subliña Martínez– é que as veciñas e os veciños de Baiona teñan acceso aos mesmos servizos, independentemente do lugar no que residan”.

Pola súa banda o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca que a mellora da accesibilidade e mobilidade de diversos barrios, o arranxo de viais, o asfaltado de vías e a recuperación de espazos, “forman parte das obras que puxemos en marcha para continuar coa nosa intención de seguir poñendo en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da cidadanía. Proxectos que nacen das demandas que nos trasladou a cidadanía a través da participación cidadá”.

A Cañiza inicia a tramitación dun novo vial que elmininará do centro urbano o tráfico pesado do polígono industrial

O pasado 21 de abril iniciábase, por Resolución da Alcaldia da Cañiza, o expediente para solicitar asistencia xurídica para a redacción do que se coñecera como PEID das Tapadas, –Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Concello no lugar das Tapadas–, terreos situados entre o Centro Comarcal e o Área de Servizo.

Este PEID permitirá construir un novo vial  que axudará a mellorar a mobilidade dos vehículos e cidadanía e reducirá a circulación do tráfico pesado no casco urbano ao facilitar as comunicacións co polígono industrial e conectar a través dunha circunvalación a EP5005 Cañiza-Crecente coa PO406 Cañiza-Filgueira.

Segundo manifestou o alcalde da Cañiza, Luis Piña, “serán necesarios varios anos para abrir ao tráfico esta nova vía xa que hai que desenvolver e tramitar este plan especial dentro do PXOM”. Coa execución desta obra, dende a Alcaldía dase resposta a un problema viario que leva máis de 20 anos enriba da mesa sen que ata agora se adoptaran medidas.

A iniciativa é un paso máis do Goberno local no proceso de reordenación da mobilidade urbana, dando protagonismo aos cidadáns sobre os vehículos. É, en todo caso, o Concello da Cañiza sinala que este “é solo un dos cambios que o novo Plan de Mobilidade Urbano Sostible da Cañiza, PMUS,  favorecerá, en consonancia cos novos modelos que se están implementando e que nos alineará con Europa”.

Para poder desenvolver esta importantísima obra é necesario modificar o Plan Xeral de Planeamento Municipal aprobado o 27/06/2003. A construcción deste vial pasa pola redacción e aprobación dun Plan Especial PEID cuxa asistencia xurídica xa se licitou e notificou por Resolución do Alcalde a semana pasada á empresa  J&A Garrigues, S.L.P. que conta cun prazo de 3 meses para presentar o documento.

O PEID recollerá o establecemento e ordenación das infraestruturas relacionadas coas comunicación, transportes, espazos libres públicos, equipamentos comunitarios, instalacións destinadas a  servizos públicos, suministros de enerxía, saneamento, evacuación de augas e outros.

Coa asistencia xurídica xa contratada, formalizarase o contrato de servizos para a redacción do Plan que levará un tempo aprobalo xa que necesita das autorizacións sectoriais favorables e vinculantes de varias administracións Públicas, entre elas de Fomento.

Unha vez aprobado este Plan Especial, o Concello poderá executar a obra e materializar o proxecto de urbanización e construcción do novo Vial

A Vía Verde, proxecto estrela da EDUSI Redondela 2020, será presentado mañá xoves en Chapela

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, presentará este xoves, 6 de maio ás 19 horas na alameda de Chapela, as obras de acondicionamento da vía férrea en desuso para Vía Verde de esparexemento peonil e ciclista. A rexedora estará acompañada polos redactores do proxecto, a empresa NAOS Arquitectura.

“Con esta actuación imos darlle un novo uso ao antigo trazado ferroviario, crearemos un lugar de esparexemento, unha zona deportiva e, ao mesmo tempo, axudamos a fomentar a vida saudable”, destaca a alcaldesa Digna Rivas. Doutra banda, a rexedora local sinala que “os e as visitantes e á veciñanza da zona gozarán dun paseo a pé ou en bicicleta por un medio natural, afastados do tráfico do centro urbano”.

Os traballos previstos inclúen converter nunha praza o antigo apeadeiro para, dese xeito, unir dúas zonas de Chapela que tradicionalmente estaban separadas pola vía férrea.

Durante o acto proxectarase un vídeo con infografías das actuacións previstas. Ademais, a alcaldesa Digna Rivas, dará a coñecer as próximas obras que se van a acometer no marco da EDUSI Redondela 2020; entre elas, a rexeneración urbana da contorna da Praza de Ponteareas; o acondicionamento, adaptación e mellora enerxética oficina Servizos Sociais Chapela e a reforma e mellora enerxética do Mercado de Abastos de Redondela.

Redondela 2020

Redondela 2020 é unha das 84 Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible elixidas en primeira convocatoria polo Ministerio de Facenda e Función Pública, entre 270 candidatas de todo o territorio nacional. Para a súa execución foi aprobado un importe de 6.250.000 €, dos cales 5.000.000 € financiáronse con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e 1.250.000 €, con cargo a fondos propios do Concello de Redondela.

Butaca Zero pecha o programa de primavera no auditorio Lois Tobío de Gondomar

0

O domingo 9 de maio ás 20:00 horas no auditorio Lois Tobío de Gondomar terá lugar a última montaxe ecénica da tempada. Cun prezo de 3,50 € por persoa de venda on-line no link https://taquilla.concellodegondomar.gal/.

Mar e Xan son unha parella fóra do común, coma todas. Viven tan tranquilamente no seu pisiño de 32m². A vida pasa e o mundo xira, volta e volta, coma un filete. Pero un día, o mundo esmendréllase. O que era unha Nación convértese nunha HiberNación e hai que facer todo o que di Simón. Mar non recoñece a súa vida. Xan non recoñece á súa parella.

O mundo redúcese a catro paredes e xa ninguén entende nada. 32m² é un enredo co que todo o público se poderá sentir identificado, pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual e todas tivemos que acabar por levantar as nosas propias alfombras para descubrir a merda que tiñamos debaixo dos propios pés.

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia un paso máis no deterioro do servizo de Atención Primaria

0

Imaxe´de arquivo das mobilizacións pola Sanidade Pública no Rosal

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia que o servizo de Atención Primaria dos concellos do Baixo Miño leva xa anos nunha situación de precariedade provocada principalmente pola falta de medios persoais e deficiencias nas  instalacións. Concretamente no caso do Rosal, o persoal sanitario atende a un número de pacientes que supera as recomendacións dos colexios médicos e da OMS.

Coa pandemia, as carencias de espazo e de dotación material do Centro de Saúde obrigaron a desprazar á Guarda o servizo de pediatría e a pechar a consulta de San Miguel. A implantación ademais da atención telefónica, lonxe de aliviar o traballo do persoal médico, supuxo un afondamento no deterioro do servizo, ademais de poñer ás profesionais do centro nunha situación límite.  Atender aos pacientes por teléfono, ademais de difícil e moitas veces frustrante, supón unha multiplicación da carga de traballo e unha sobrecarga emocional, xa que unha parte da poboación os fai responsables do deterioro do servizo.

Recentemente a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, reuniuse do Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,  a quen explicou os problemas da atención primaria. Se ben o Conselleiro admitiu a existencia de carencias de persoal e expresou a intención de convocar unha praza de médico, non apreciou a necesidade de reforzar o servizo de pediatría nin comprometeu melloras nas instalacións. Desde a Plataforma reivindícase que a praza de médico debe ir acompañada dunha praza de enfermería e reitérase ademais a necesidade de crear unha praza de pediatría para O Rosal, xa que o concello ten poboación infantil suficiente para  xustificala. Do mesmo xeito, dende a plataforma esíxense solucións ás carencias estruturais e de equipamento nos centros de saúde. Por outra parte, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia novamente o feito de que sigan sen contratar substitutos para as ausencias do persoal facultativo. A situación acaba de agravarse, xa que desde o pasado día 29 de abril non hai pediatra para os usuarios e usuarias do Rosal. O servizo estase a cubrir prolongando a xornada das dúas pediatras que quedan na Guarda. Deste xeito os nenos e nenas están sendo atendidos cada día por unha persoa distinta, o que supón un grave deterioro do servizo pola perda de continuidade no seguimento.

O Concello de Nigrán inviste 43.000 € no asfaltado e ampliación de tres rúas de Camos

0

O Concello de Nigrán rematará esta semana o asfaltado e ampliación das rúas  Aldeite, A Igrexa e Balinfra, todas no núcleo de Camos, cun investimento de 43.000 € a través dunha subvención de Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) xa que tamén facilita o acceso a fincas agrícolas. Previamente, o Concello dotou de abastecemento a toda esta zona (barrios de O Xuncido e Balinfra)  e aos barrios de Rial e A Cruz (nestes foi reposto o tramo de firme afectado).

“Tratábase de camiños en moi mal estado e que a propia asociación de veciños nos pedira mellorar, polo que traballamos tamén para acadar as cesións que nos permitiron anchear as rúas dándolle un xiro espectacular”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que a seguridade viaria tamén se verá reforzada pola colocación de sendos lombos na rúa da Igrexa, onde os residentes se queixan da alta velocidade á que circulan moitos vehículos que atallan por aí para chegar a un centro escolar. A empresa Covsa está actualmente a asfaltar cunha mestura bituminosa de 5 cm de espesor tras traballar anteriormente os operarios municipais para repoñer muros froito das cesións ou facilitar os accesos ás vivendas.

As obras para continuar coa ampliación do abastecemento na parroquia continuarán nos vindeiros meses, xa que o goberno local aprobou no pleno do 5 de abril destinar 205.000 € do Remanente de Tesourería para achegar este servizo público á Tarela (Nigrán) e O Carballal (Camos), beneficiando a preto de 100 fogares. “Con estas obras e ás axudas ás comunidade de augas cubrimos practicamente todo Camos, que ata 2017 non tiña servizo público algún”, finaliza o alcalde, Juan González

Mellora de camiños municipais en Corazáns e Pesqueiras, en Salvaterra de Miño

Rematadas as obras de mellora de camiños municipais en Corzáns e Pesqueiras, en Salvaterra de Miño. As obras incluídas neste proxecto consistiron na mellora da pavimentación de dous camiños municipais: o primeiro   atopase na Parroquia de Corzáns, concretamente entre os barrios de A Feira e A Torre; O segundo está situado na Parroquia de Pesqueiras e conecta os barrios de Gandarela e o Castelo. 

Con esta acción o Concello de Salvaterra de Miño segue traballando  no seu plan de     mellora da rede municipal de estradas e viais. En ambos camiños o firme actual é de aglomerado asfáltico, encontrándose este nun estado notablemente deteriorado, e por elo que se plantexa executar unha nova capa de rodadura sobre o pavimento asfáltico existente, para mellorar a calidade e seguridade de ambas carreteras.
Con esta nova pavimentación   pretendese mellorar o servizo que prestan estas dúas infraestructuras aos seus usuari@s, pois  tratase de viais cunha relativamente elevada densidade de tráfico en relación as súas características. Unha obra executada cun orzamento de  45.790,03€, que o Concello leva  a cabo a través do Plan Camiños 2020-2021, financiada mediante a subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (da Consellería do Medio Rural) ó abeiro do Plan de mellora de camiños municipais de acceso á parcelas agrícolas por importe de 37.843€, asumindo O Concello o valor restante de 7.946,03€.

O Concello da Guarda denuncia o roubo da Pía da fonte da Praza de Avelino Vicente

0

O Concello da Guarda denuncia o roubo da Pía da Fonte da Praza de Avelino Vicente, no casco urbano da vila. Trátase dunha peza de pedra con forma de concha que desapareceu nesta pasada fin de semana.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, considera esta acción coma un ataque contra o patrimonio de todos os veciños e veciñas da Guarda, pondo os feitos en coñecemento da Garda Civil e da Policía Local para dar co autor ou autores desta “atrocidade”.

As Convergências chegan a Ponteareas co monólogo de Quico Cadaval e a presentación dun libro sobre Alfredo Guisado

Ponteareas, por segundo ano consecutivo, participa nas Convergências Portugal–Galiza, que homenaxean a Rosalía de Castro e ao Zeca Afonso a través de propostas culturais e fornecen vínculos culturais dos dous lados da raia.

Dentro do amplo programa de actividades, que comezaron o pasado día 19 de abril en Braga, este venres 7 de maio desenvolverase na sala multiúsos do auditorio municipal a presentación do libro Alfredo Guisado. Xente d’a Aldea e outros textos das orixes e, deseguido, a actuación do monologuista Quico Cadaval.

A presentación do libro Alfredo Guisado. Xente d’aldea e outros textos das orixes do autor Carlos Pazos–Justo, incluído dentro da colección Creadores ponteareáns, comezará as 19 horas.

Este volume dedicado ao poeta, deputado, político e xornalista Alfredo Guisado, nado en Lisboa mais con orixes na parroquia ponteareá de Pías, celebra o centenario do poemario homónimo e achega outros textos que están vinculados coa súa terra das orixes coa que sempre mantivo unha constante e prolífica conexión.

A continuación, ás 20 horas, actuación do director e actor galego Quico Cadaval, que presenta o monologo ‘Fantasmas familiares’, un espectáculo de narración oral que se adapta ás circunstancias ambientais, ás experiencias persoais do artista e aos terrores máis íntimos do público.

“Dentro do amplo programa das Convergências, achegamos a presentación do novo volume de Creadores ponteareáns dedicado a Alfredo Guisado, unha persoa erudita que, malia nacer en Lisboa, viviu intensamente a unión entre Galiza e Portugal; e completamos a xornada coa actuación doutra persoa, de Quico Cadaval, que como moitas de nós sente un vínculo forte coa cultura e lingua do país irmán”, sinala o edil de Cultura, Fernando Groba.

Para asistir a estas actividades, é necesario facer a reserva correspondente escribindo un correo electrónico a [email protected].

Tui, plató excepcional para a gravación da serie ‘Un asunto privado’

0

As rúas de Tui xunto a edificios coma os antigos xulgados na Praza da Inmaculada ou o Seminario Menor, están sendo dende onte luns o escenario da gravación da serie ‘Un asunto privado’ de Bambú Produccións, dirixida por David Pinillos e María Ripoll e creada por Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Gema R. Neira.

Drama, romance, acción e comedia mestúranse nos 8 capítulos que conforman Un asunto privado. A serie está protagonizada por Marina Quiroga, unha muller de alta sociedade que se dispón a atrapar a un asasino en serie coa axuda do seu mordomo Héctor. Demostra o seu talento e loita contra os estereotipos para converterse nunha muller detective nun mundo de homes.

[su_image_carousel source=”media: 36095,36096,36097,36099,36100″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

En Tui estánse a rodar escenas tanto dos anos 20 coma dos anos 40 o que supuxo algúns cambios en lugares coma o Paseo da Corredoira, onde onte rodáronse os exteriores, sen terrazas e con parte do mobiliario urbano retirado. Así grazas á rodaxe hoxe puideron verse no Paseo da Corredoira dende coches de cabalos e clásicos dos anos 40.

Xa dende a semana pasada, cando comezaron os preparativos da rodaxe, na zona do Paseo da Corredoira vese o gran despregue que implica a gravación no que participan un centenar de técnicos e 60 figurantes. Entre os actores que están gravando as escenas estes días en Tui están Tito Valverde, Aura Garrido, ou Pablo Molinero.

A serie emitirase en Amazon Prime Video en máis de 240 países.

Dende o Concello de Tui valórase positivamente que a produtora Bambú teña elixido Tui coma un dos lugares para a gravación das escenas, xa que isto repercutirá positivamente na imaxe turística de Tui, dándoa a coñecer a nivel internacional.

Nigrán abre o prazo para participar na ‘Festa da Bicicleta’

0

O Concello de Nigrán abre desde hoxe 5 ao 13 de maio o prazo para inscribirse na ‘Festa da Bicicleta’, que se celebrará como cada ano o 17 de maio cunha marcha circular polo litoral do municipio. Os interesados, empadroados ou non, deben escribir a [email protected] facilitando o nome completo de todos os participantes, teléfono e DNI.

Os asistentes, coa súa propia bicicleta, deberán levar obrigatoriamente casco e máscara durante todo o traxecto e o Concello organizará os grupos en función do que nese intre determinen as autoridades sanitarias. A saída será desde o Pavillón Municipal de Panxón ás 10:30 para chegar ao final da rotonda de Praia América e volver e participarán tamén os vehículos deportivos adaptados do Concello con usuarios e voluntarios.  Unha vez rematada a marcha sorterase entre os asistentes unha bicicleta e dez cascos e haberá máis sorpresas.

“A marcha ao aire libre e coa aplicación de todas as medidas anti-covid é completamente segura, por iso apostamos por mantela deste xeito, é unha tradición de cada 17 de maio que queremos preservar”, incide o alcalde, Juan González.