O Concello de Nigrán ven de duplicar o número de prazas para o Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas de Panxón, xestionado por Afaga, ante a constatación de que o confinamento e as medidas de distanciamento social teñen acelerado o proceso de deteriorio cognitivo para moitas persoas. Así, as sesións semanais de 3 horas pasarán a ser catro, o que permitirá organizar dous grupos de 12 usuarios cada un que asistirán a dúas semanais de xeito gratuíto, xa que é un servizo público de carácter municipal que o Concello creou no 2016 vencellado a súa política ‘Un Nigrán para todos’.
“Tomamos esta decisión ante a constatación de que as medidas de distanciamento social agravaron moitos casos e fixeron aflorar novos, por iso tiñamos máis peticións que nunca”, explica o alcalde, Juan González, quen onte asistíu como convidado a unha sesión de terapia canina ofrecida por Yaracan, empresa que acude regularmente ao CEE Juan María (o Concello de Nigrán financia esta actividade a partir deste mes de maio).

Esta nova realidade comezou xa este luns, cubríndose deste xeito a lista de agarda e quedando todavía vacantes para novas solicitudes que deberán dirixirse ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Nigrán, tendo sempre prioridade os empadroados no municipio. Compre sinalar que a porcentaxe destas enfermidades na poboación maior de 65 anos é dun 1,83%, polo que en Nigrán existiría unha prevalencia de 323 habitantes.
“A crise sanitaria tivo un impacto especialmente significativo nas persoas con demencia, así como na súa contorna familiar e convivencial. As medidas de distanciamento social aceleraron o procese de deterioro funcional e cognitivo, asi como a sobrecarga da contorna familiar e convivencial”, indican desde Afaga. De feito, os propios resultados obtidos en Nigrán nos estudos de comparación entre as valoracións sociais pre/pos pandemia indicaban a necesidade de reforzar esta actividade de estimulación terapéutica.
“Son obradoiros de estimulación cognitiva indubidablemente beneficiosos para os usuarios pero tamén é importante destacar o efecto positivo na súa familia porque alivia parcialmente a sobrecarga dos coidados”, incide o rexedor, quen sinala este centro municipal ubicado no recinto do CEE de Panxón como un dos grandes piares do seu proxecto político ‘Un Nigrán para todos’.