Domingo, 9 Febreiro de 2025

A Agrupación Musical do Rosal celebra o seu 35 aniversario cun concerto na Praza do Calvario

Será este domingo 9 ás 18.00 horas con entrada do público por orde de chegada ata completar aforo

O Rosal continúa coas actividades culturais organizadas para este mes de maio. Este domingo 9 será a quenda da Agrupación Musical, que celebrará o seu 35 aniversario cun concerto na Praza do Calvario a partir das 18.00 horas ao que queren convidar a todos os rosaleiros e rosaleiras.

Ao longo da súa historia, a banda rosaleira ten acadado moitos e importantes recoñecementos a nivel galego e estatal, converténdose nunha das máis galardoadas da nosa comunidade. Ao mesmo tempo, a súa escola ten sido un viveiro de grandes músicos que ocupan, actualmente, postos de relevancia en diferentes ámbitos culturais. Dende que se fundou no ano 1986, baixo a batuta de Nani Matos, diferentes directores teñen sido os responsables de guiar a este grupo: José Luis Represas, José Vicente Simeó, Diego Javier Llorente, Marcel van Bree, Carlos Ramón Pérez ou José Javier Bascoy. Na actualidade está dirixida por Javier Alonso. 

O programa que interpretarán este domingo estará dividido en dúas partes: a primeira proporá a todas as persoas asistentes unha apaixonante viaxe a través das diferentes expedicións que cruzaron o Océano Atlántico baixo o punto de vista de compositores xaponeses. Na segunda, a música máis próxima tomará protagonismo, escenificando a volta ás raíces populares da nosa cultura.

O concerto será ao aire libre con aforo reducido, con entrada do público por estrito orde de chegada ata completar prazas. A actividade desenvolverase cumprindo con todas as medidas e protocolos marcados polas autoridades sanitarias, facendo dende o Concello todos os esforzos posibles para continuar coa actividade cultural de xeito seguro.