Xoves, 27 Marzo de 2025

Nigrán instala, por petición veciñal, un novo parque biosaudable no Torreiro de Parada

Consta de tres elementos combinados para posible uso simultáneo de seis persoas

O Concello de Nigrán ven de investir 2.500 € na instalación dun novo parque biosaudable no Torreiro de Parada a petición dos veciños da parroquia e tal e como leva feito en todo o municipio ao longo destes anos. Este consta de tres elementos dobres para permitir o uso simultáneo de seis persoas e está ubicado na zona que quedara prevista tras emprender o Concello a humanización da contorna no 2018.

O novo circuito conta cun volante, ascensores pull e cadeira pectoral, cada un para dous usuarios. Como todos estes parques, está deseñado para a práctica de exercicio físico de adultos e son especialmente recomendables para maiores de 60 porque permiten mellorar a mobilidade, aumentar a flexibilidade e tonificar a musculación.

“Estamos a investir en saúde proporcionando verdadeiros ximnasios ao aire libre nun momento en que a actividade física máis segura é no exterior”, explica o alcalde, Juan González.