Luns, 13 Xaneiro de 2025

A Xunta confirma á dirección do IES Pedras Rubias de Salceda a ampliación do centro

En paralelo e como solución provisional, os 19 alumnos da ESO á espera dunha praza poderán matricularse no IES de Salvaterra, no que se adaptarán novas aulas

A Xunta de Galicia ampliará o IES de Pedras Rubias de Salceda de Caselas no que realizará un investimento de 1,5 millóns de euros. Así o informou onte a delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, tras manter un encontro coa directora do centro, María José Espiñeira Costa, e Sonia Fernández Gómez, en representación da Anpa.

A ampliación era máis que necesaria e reiteradamente esixida polo Concello e a comunidade escolar dado que o centro, nestes momentos, só conta con solo 4 liñas de ensinanza secundaria obrigatoria. A proposta recollida nos plans da Consellería é incorporar ao centro un mínimo de dúas novas liñas de bacharelato. En total serían 4 aulas, 2 espazos para desdobre e apoio e 2 laboratorios.

Fernández-Tapias expliculles tanto á directora do centro como a representante da Anpa, que o concello de Salceda non ten PXOM aprobado e que a parcela na que está ubicado o centro é solo rústico de protección forestal, polo que se rexe por normas subsidiarias e pola Lei do Solo de Galicia. Isto implica, dixo, “que hai que facer un estudio moi minucioso e detallado da viabilidade urbanística da ampliación por parte do Concello”.

Solución provisional

En paralelo e como solución provisional ata que o novo centro estea dispoñible, os 19 alumnos e alumnas de 4º da ESO do Pedras Rubias que estaban á espera dunha praza –feito que deixa ben as claras a necesidade de ampliación insistentemente solicitada polo Concello– poderán matricularse no IES de Salvaterra de Miño, no que se adaptarán novas aulas. Segundo a Xunta, con esta medida “garántese a continuidade dos estudos postobrigatorios ao alumando de Salceda de Caselas que así o decida”.