Mércores, 11 Decembro de 2024

‘Cancións de abril e polifonías tradicionais do Miño’ para despedir as Convergências de Ponteareas

A segunda e última xornada da VII edición das Convergências Portugal–Galiza contará cun concerto en Ponteareas protagonizado polo grupo Canto D’Aqui e o Grupo Folclórico da Universidade de Minho, actividade que terá lugar este vindeiro domingo, 8 de maio, a partir das 20 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal e que se desenvolve baixo o título xenérico de ‘Cancións de abril e polifonías tradicionais do Minho’.

As Convergências buscan ser unha homenaxe a Rosalía de Castro, ao Zeca Afonso e, este ano, tamén a Alfredo Guisado.

Click para ampliar

O Grupo Folclórico da Universidade do Minho foi fundado no ano 1993, cos obxectivos de recollida, preservación e divulgación da cultura popular do Baixo Minho. Coa recuperación dos traxes, os cantos e os bailes na fin do século XIX e comezos do XX, tentan espertar, na mocidade, o seu respecto e a súa revalorización.

O grupo Canto D’Aqui pretende levar o público a unha viaxe musical polo ’25 de abril’ e lembrar aqueles que cantaron e impulsaron, a través da música, a revolución que marcou a historia da república portuguesa.

“Este concerto achega a Ponteareas músicas de sonoridade e cariz tradicional coa participación de dúas agrupacións da cidade de Braga, antiga capital da Gallaecia, e é unha homenaxe aos que marcaron unha época, lembrando a Zeca Afonso, Adriano Correia de Oliveira ou Vitorino, entre outros” afirma Fernando Groba, responsábel da Concellaría de Cultura.

Para asistir a esta actividade, é necesario facer a reserva correspondente escribindo un correo electrónico a [email protected].