Xoves, 27 Marzo de 2025

A Cañiza inicia a tramitación dun novo vial que elmininará do centro urbano o tráfico pesado do polígono industrial

O pasado 21 de abril iniciábase, por Resolución da Alcaldia da Cañiza, o expediente para solicitar asistencia xurídica para a redacción do que se coñecera como PEID das Tapadas, –Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Concello no lugar das Tapadas–, terreos situados entre o Centro Comarcal e o Área de Servizo.

Este PEID permitirá construir un novo vial  que axudará a mellorar a mobilidade dos vehículos e cidadanía e reducirá a circulación do tráfico pesado no casco urbano ao facilitar as comunicacións co polígono industrial e conectar a través dunha circunvalación a EP5005 Cañiza-Crecente coa PO406 Cañiza-Filgueira.

Segundo manifestou o alcalde da Cañiza, Luis Piña, “serán necesarios varios anos para abrir ao tráfico esta nova vía xa que hai que desenvolver e tramitar este plan especial dentro do PXOM”. Coa execución desta obra, dende a Alcaldía dase resposta a un problema viario que leva máis de 20 anos enriba da mesa sen que ata agora se adoptaran medidas.

A iniciativa é un paso máis do Goberno local no proceso de reordenación da mobilidade urbana, dando protagonismo aos cidadáns sobre os vehículos. É, en todo caso, o Concello da Cañiza sinala que este “é solo un dos cambios que o novo Plan de Mobilidade Urbano Sostible da Cañiza, PMUS,  favorecerá, en consonancia cos novos modelos que se están implementando e que nos alineará con Europa”.

Para poder desenvolver esta importantísima obra é necesario modificar o Plan Xeral de Planeamento Municipal aprobado o 27/06/2003. A construcción deste vial pasa pola redacción e aprobación dun Plan Especial PEID cuxa asistencia xurídica xa se licitou e notificou por Resolución do Alcalde a semana pasada á empresa  J&A Garrigues, S.L.P. que conta cun prazo de 3 meses para presentar o documento.

O PEID recollerá o establecemento e ordenación das infraestruturas relacionadas coas comunicación, transportes, espazos libres públicos, equipamentos comunitarios, instalacións destinadas a  servizos públicos, suministros de enerxía, saneamento, evacuación de augas e outros.

Coa asistencia xurídica xa contratada, formalizarase o contrato de servizos para a redacción do Plan que levará un tempo aprobalo xa que necesita das autorizacións sectoriais favorables e vinculantes de varias administracións Públicas, entre elas de Fomento.

Unha vez aprobado este Plan Especial, o Concello poderá executar a obra e materializar o proxecto de urbanización e construcción do novo Vial