Ponteareas, por segundo ano consecutivo, participa nas Convergências Portugal–Galiza, que homenaxean a Rosalía de Castro e ao Zeca Afonso a través de propostas culturais e fornecen vínculos culturais dos dous lados da raia.
Dentro do amplo programa de actividades, que comezaron o pasado día 19 de abril en Braga, este venres 7 de maio desenvolverase na sala multiúsos do auditorio municipal a presentación do libro Alfredo Guisado. Xente d’a Aldea e outros textos das orixes e, deseguido, a actuación do monologuista Quico Cadaval.
A presentación do libro Alfredo Guisado. Xente d’aldea e outros textos das orixes do autor Carlos Pazos–Justo, incluído dentro da colección Creadores ponteareáns, comezará as 19 horas.
Este volume dedicado ao poeta, deputado, político e xornalista Alfredo Guisado, nado en Lisboa mais con orixes na parroquia ponteareá de Pías, celebra o centenario do poemario homónimo e achega outros textos que están vinculados coa súa terra das orixes coa que sempre mantivo unha constante e prolífica conexión.
A continuación, ás 20 horas, actuación do director e actor galego Quico Cadaval, que presenta o monologo ‘Fantasmas familiares’, un espectáculo de narración oral que se adapta ás circunstancias ambientais, ás experiencias persoais do artista e aos terrores máis íntimos do público.
“Dentro do amplo programa das Convergências, achegamos a presentación do novo volume de Creadores ponteareáns dedicado a Alfredo Guisado, unha persoa erudita que, malia nacer en Lisboa, viviu intensamente a unión entre Galiza e Portugal; e completamos a xornada coa actuación doutra persoa, de Quico Cadaval, que como moitas de nós sente un vínculo forte coa cultura e lingua do país irmán”, sinala o edil de Cultura, Fernando Groba.
Para asistir a estas actividades, é necesario facer a reserva correspondente escribindo un correo electrónico a [email protected].