10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaArranca o 'II Culturminho' co obxectivo de crear novos actos culturais conxuntos...

    Arranca o ‘II Culturminho’ co obxectivo de crear novos actos culturais conxuntos no Miño Transfronteirizo

    Algúns dos proxectos poderán optar a fondos europeos

    O AECT Río Minho, da man da CIM Alto Minho e do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), arranca mañá venres o II Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo ‘Culturminho’ que se prolongará durante este mes co obxectivo de concretar propostas e iniciativas culturais conxuntas no territorio miñoto coas que optar a fondos europeos.

    Axentes culturais privados e creadores do territorio galego portugués, xunto a persoal técnico de Cultura dos concellos e cámaras municipais da raia reuniranse para realizar un ‘brainstorming’ sobre cales deben ser os eventos transfronteirizos a desenvolver con Portugal que permitirían mobilizar un público conxunto. O traballo xorde despois de analizar a situación da cultura no territorio do Miño o pasado ano nas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra, que se desenvolveran en formato telemático por motivo da pandemia.

    A idea é que neste segundo foro se  desenvolvan varios grupos de traballo presenciais e en liña cunha titorización por parte de persoal experto nos que reflexionar colectivamente sobre as sinerxias creadas en ámbalas beiras do Miño. Búscase aproveitar a industria cultural propia para xerar creatividade e mobilizar a economía aproveitando os equivamentos e actividades xa existentes.

    As xornadas de traballo vanse desenvolver en catro sesións os venres do mes de maio, comenzando mañá, de maneira alternativa en Paredes de Coura e no Concello do Rosal. As sesións deste venres e a do 14 de maio terán como título ‘Desing Thinking aplicado á creación de proxectos culturais no Río Miño transfronteirizo’ e estarán titorizadas pola consultora e formadora, especialista en Creatividade Aplicada, Katja Tschimmel.

    O vindeiro 21 de maio (P. Coura) traballarase sobre ‘Proxectos de estruturación para o financiamento: aspectos críticos no desenvolvemento e a xestión’e ‘Orzamento, financiamento e comunicación’. Xa para finalizar, o 28 de maio farase unha análise crítica dos proxectos desenvolvidos e abordaranse ‘as ‘Redes internacionais: creación e xestión de redes e proxectos europeos’ por parte dos especialistas en eventos culturais Lucía García e Nacho de la Vega.

    Como peche e conclusión do ‘II Culturminho’, o 18 de xuño terá lugar a presentación dos proxectos deseñados polas e polos axentes culturais no Centro Social Polivalente de O Rosal para, unha vez examinados e valorados, decidir a posibilidade de que algún opte a fondos europeos.

    Neste sentido, o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez salientou a importancia de optar a todos os fondos europeos posibles, subliñando que dende o AECT Rio Minho se traballará por acadar cartos da UE dos programas ‘Europa Creativa-Cultura’ e ‘Europa dos cidadáns’, ademais dos que xa se están xestionando do Interreg e dos que poidan chegar do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19 ‘Next Generation’.

    “A cultura é unha parte moi importante para a reactivación económica do territorio miñoto. Nestes momentos no que a zona da fronteira sufriu un dobre impacto polo peche con Portugal, hai que multiplicar esforzos, propoñer proxectos e buscar financiamento para recuperar a actividade”, insistiu Benítez.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.