O Concello de Baiona vén de dar por rematados os traballos de mellora da accesibilidade no Camiño Lameiriño, na Granxa, parroquia de Belesar. A obra, financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios do Concello, consistía na reconstrución dun muro de contención derrubado hai anos e que “presentaba un perigo para as familias que residen nesta zona, xa que dificultaba o acceso ás vivendas”.
A obra, adxudicada a Construcciones Vale S.L., por 23.586,28 euros, incluía tamén o arranxo e asfaltado do vial.
Óscar Martínez, concelleiro de Vías e Obras, lembra que o Goberno local traballa “para buscar solucións e mellorar as condicións dos veciños e veciñas das parroquias”. “O noso deber –subliña Martínez– é que as veciñas e os veciños de Baiona teñan acceso aos mesmos servizos, independentemente do lugar no que residan”.
Pola súa banda o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca que a mellora da accesibilidade e mobilidade de diversos barrios, o arranxo de viais, o asfaltado de vías e a recuperación de espazos, “forman parte das obras que puxemos en marcha para continuar coa nosa intención de seguir poñendo en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da cidadanía. Proxectos que nacen das demandas que nos trasladou a cidadanía a través da participación cidadá”.