Sábado, 18 Xaneiro de 2025

A Guarda oferta en maio unha programación centrada nas Letras Galegas e no medio ambiente

O Ciclo “Sostendo o futuro” e as actividades entorno á figura de Xela Arias centran a programación deste mes con proxeccións, teatro, charlas, recitais e moito máis

O Concello da Guarda, a través das concellerías de Cultura e Medio Ambiente, ven de programar diversas actividades para este mes de Maio, unha programación centrada nas Letras Galegas e no medio ambiente que traerán á Guarda proxeccións, teatro, charlas, recitais e moito máis.

A programación arranca este sábado día 8 de Maio coa proxección do filme “O que Arde” ás 19:30h no Centro Cultural da Guarda. Un filme dirixido por Óliver Laxe que transcorre en zonas rurais de Galicia e que amosa o problema da desaparición do medio rural a consecuencia dos incendios forestais. Esta proxección enmárcase dentro do ciclo de actividades medioambientais “Sostendo o Futuro”.

O sábado 15 de maio continúa a programación de maio ás 20:00h no Centro Cultural coa representación teatral de “32M2 – Unha xira confinada”. Esta obra de teatro, creada pola plataforma ButacaZero, trata sobre o absurdo do confinamento, coa finalidade de provocar nos asistentes unha catarsis colectiva ante un acontecemento que ten marcado, e marcará, a vida da sociedade. Unha comedia de enredo sobre a nosa realidade máis recente coa que público sentirase seguramente identificado. O prazo para a reserva de entradas abrirase o venres 7 de maio a través do mail [email protected].

Xa para a seguinte semana concéntranse actividades dirixidas a todo tipo de público, como son a Charla- debate sobre a ALARGASCENCIA para o venres 21 de maio que, dentro do ciclo “Sostendo o Futuro”, busca a reflexión sobre os nosos hábitos de consumo efímeros.

O Conto dos Ratos de Lonxedetodo dirixido aos mais pequenos da casa dentro das actividades da Biblioteca Municipal para a mañá do 22 de maio no Salón de Actos do Centro Cultural. E xa o 22  de maio a tarde chegará o momento de homenaxear a Xela Arias cunha lectura de poemas pública na Praza do Reló ás 19:00h. que contará coa participación do IES A Sangriña e a colaboración da Agrupación Cultural Guardesa. Esta lectura de poemas non será o único evento adicado a Xela Arias – poeta homenaxeada neste 2021 e que foi mestra no noso instituto-  xa que para a última fin de semana do mes, terá lugar no Centro Cultural un singular espectáculo creado para este ano por Fernando Abreu baixo o nome “Vencerse é cousa de se tratar” e que ten a súa orixe nun recital que o propio Abreu e Xela estaban a preparar no momento do seu pasamento. O espectáculo recupera as voces da poeta que quedaron rexistradas dentro dos traballos de preparación daquela e agora toman forma ao tempo que fotografías e versos da súa obra son proxectados na pantalla, acompañados instrumentalmente por Fernando Abreu e Pablo Carrera, así como Mónica de Nut lendo os poemas de Intempériome.

A exposición de poemas en variados formatos completan esta programación tendo dunha banda a exposición de poemas de Xela nos comercios “Tódalas poetas son tu e ningunha coma ti” e a segunda edición do Tendal de Poemas, que este ano colonizará os lavadoiros da localidade da man dos centros educativos da vila.

Ademais, paralelamente a todas estas actividades, mantense ata o 22 de maio a Ruta do Libro, que obsequia a todos aqueles que consuman libros na nosa localidade cunha bonita bolsiña de tela para poder transportalos.

Como xa ven sendo habitual tódalas actividades requiren de inscrición previa no mail [email protected], abríndose o prazo de inscrición unha semana previa ao evento en si.

Os comercios que queiran acoller os poemas de Xela Arias no seu escaparate poden anotarse no mail [email protected] ata o 18 de maio.

Ademais:

  • Tendais de poemas nos lavadoiros da vila a cargo dos colexios da Guarda.
  • Ruta literaria polos comercios “Tódalas poetas son tu e ningunha coma ti” (do 18 de maio ao 18 de xuño).
  • Tódalas actividades precisan reserva previa de entradas en [email protected] indicando: nome completo dos asistentes, teléfono de contacto, idade no caso dos menores de idade e se forman unidade de convivencia.