Sábado, 20 Setembro de 2025

Reunión do alcalde da Cañiza coa conselleira de Infraestruturas

0

O alcalde da Cañiza reuniuse en Santiago coa Conselleira de  Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia para volver a tratar o tema de execución da circunvalación entre a Estrada Provincial Cañiza-Crecente EP5005 e a Estrada Autonómica PO406 Cañiza-Filguera, que ademais conectará e axilizará as comunicación entre a A-52 e o polígono industrial.

Novo vial de conexión entre a A-52 e o polígono

A necesidade deste Vial xa se abordara coa conselleira na reunión do pasado 4 de febreiro de 2020, na que o Alcalde insistiu en que a execución desta obra é de máxima importancia para a vila porque permitirá tamén desconxestionar e eliminar o tráfico pesado dos viais do centro urbano.

Precisamente a Xunta tivo en estudo este vial durante anos sin que se lograra sacar adiante porque o plantexamento inicial partía do outro lado da Autovía, cun desenvolvemento máis dificultoso,  cuns costes de execución moi elevados ademáis de precisar de máis autorizacións sectoriais.

Na xuntanza, o alcalde rompe con esta iniciativa e lle presenta á conselleira unha alternativa máis axeitada que abaratará os costes da obra. Ademais, este trazado é unha continuidade natural do vial que baixa dende o Cuartel da Garda Civil ata a PO406 Cañiza-Filguera e logo discurre polos terreos das Tapadas ata conectar na zona do Centro Comarcal da Paradanta coa estrada do Vieiro.

Luis Piña lle comentou á conselleira que o Concello xa ten contratado o asesoramento urbanístico e o proxecto de execución, e pide á Consellería a axuda económica para poder construir este novo vial, sendo conscientes de que a obra tardará varios anos en rematarse.

Ante o recoñecemento por parte da conselleirade que este trazado é moito máis viable que o que se tiña baraxado ata o de agora pola Consellería, o alcalde trasladoulle qué infraestruturas debe implicarse no investimento da obra e asumir as costes da obra, entre outros motivos porque é prioritario dar unha axeitada conexión á N-120, A-52 e o polígono industrial (Ribadil I, Ribadil II e Parque Empresarial de Uceira)

Para finalizar este primeiro tema, o alcalde comprometeuse a que en canto esté rematado o proxecto de execución, o enviará á Consellería para o seu estudo.

Abastecemento de auga de consumo

Na axenda do día tamén tratouse outro dos temas importantes para A Cañiza. A problemática da auga potable de consumo humano que abastece ao centro urbano. Desde a Alcaldía están a xestionarse todas as actuacións que posibilitarán a correcta xestión da auga, desde os nacentes e captacións ata a correcta distribución da rede de abastecemento.

A este respecto tratouse sobre o Convenio existente entre o  Concello e Infraestruturas polo cal se construiría unha nova  ETAP (estación de tratamento de auga potable) para a mellora do sistema de abastecemento do centro urbano.

Sin embargo e segundo manifestou o alcalde, “dende o punto de vista económico este Convenio non é viable para A Cañiza e dende o punto de vista técnico tampouco”. O orzamento de licitación máis Ive ascende a 1.900.000€ dos cales a Xunta achegará unicamente 600.000€ para a redacción e adxudicación da obra, tendendo o Concello que asumir 1.300.000€, que considerando o crítico momento polo que están atravesando as arcas do Concello é totalmente inviable.  Con todo o Concello xa ten en estudo outras alternativas.

Transporte público

Nesta reunión tamén abordouse o tema do transporte público e a posibilidade de poder combinar na localidade o transporte escolar co transporte de viaxeiros.

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño pon toda Galicia na man dos e das turistas

0

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño repite experiencia este ano na edición máis atípica da Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, que continúa sendo un escaparate incrible para visibilizar un territorio composto por 14 concellos que aúnan esforzos para ofrecer ao público produtos turísticos de calidade baseados nos seus recursos, identidade e tradición.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a alcaldesa e representante institucional do Xeodestino, Nidia Arévalo; e a tenente de alcalde de Pazos de Borbén, Eloísa Nogueira, estiveron este xoves no stand de Galicia para presentar a nova campaña da Ría de Vigo e Baixo Miño, ‘Toda Galicia na túa man’, que “reflicte os principais elementos que caracterizan a Galicia como destino”. “Contamoscun rico patrimonio material e inmaterial, albergamos espazos naturais e preciosas paisaxes, ofrecemos unha exquisita e variada gastronomía e somos punto de paso do Camiño de Santiago. Sen dúbida podemos dicirlle ao turista que na Ría de Vigo e Baixo Miño ten toda Galicia na súa man”, explicaba Nidia Arévalo.

Pero o xeodestino tamén conta con particularidades que a diferencian do resto da comunidade, como “unha das fronteiras máis antigas do mundo, espazo de intercambio cultural e económico durante séculos, así como un vínculo especial coa pedra e a auga, elementos omnipresentes na nosa historia e desenvolvemento”. É precisamente a pedra a que vertebra parte das novas rutas do xeodestino, ideadas para amosar o territorio dende perspectivas diferentes que van “dende a posta en valor de miradoiros e fortalezas ata a visibilización de técnicas de construción coa pedra en seco pasando pola toponimia das rochas”. Por outra banda, o material e inmaterial conxúganse para dar a coñecer o patrimonio oculto dos 14 municipios do xeodestino.

En total 8 plans diferentes e información sobre 96 recursos que xa están a disposición de todas as persoas visitantes “nun formato singular e sostible, cun enfoque artístico baseado en ilustracións e co obxectivo de ofrecer ao turista, por exemplo, folletos e mapas perdurables no tempo”. Tamén volven as postais sonoras, este ano coa imaxe da Illa de San Simón, en Redondela, e da Virxe da Rocha, en Baiona. E que, con toda a súa maquinaria en funcionamento, o xeodestino ofrece ás e aos turistas material audiovisual, unha web e redes sociais para “promocionarnos e interactuar coas persoas que nos visitan”.

Produtos para este 2021

O Camiño de Santiago, a enogastronomía e a sostibilidade marcarán o traballo do xeodestino durante este 2021. “Nun Ano Santo o Camiño de Santiago tiña que ter un papel protagonista nas nosas accións. Buque insignia e ferramenta de posicionamento de Galicia no mundo, debemos aproveitalo como altofalante das nosas virtudes, para visibilizar o noso patrimonio e conectar á nosa poboación cos peregrinos e peregrinas que atravesan os nosos municipios”, salientou a rexedora de Mos.

Pero este ano o xeodestino tamén apostará pola enogastronomía “como excusa para artellar novos produtos baseados na calidade das nosas materias primas e viños e co entramado de festas gastronómicas como elemento diferenciador. A nosa gastronomía permítenos desenvolver unha oferta singular e desestacionalizadora que combinará tradición e innovación”.

Como remate, a Ría de Vigo e Baixo Miño traballará para “tender pontes e tecer redes que permitan ás nosas empresas turísticas coñecerse. A razón de ser do noso xeodestino é facer máis competitivo ao sector turístico do territorio e, para iso, é vital que as nosas empresas traballen xuntas, que aproveiten o traballo e a inercia do xeodestino para crear e comercializar produtos turísticos sostibles e seguros”.

Novo panorama

E é que se algo deixou tras de si a pandemia foi unha nova realidade, un novo escenario turístico e novas prioridades para todas as persoas visitantes. Neste sentido a tenente de alcalde de Pazos de Borbén, Eloísa Nogueira, sinalou que “entendemos que a unión fai a forza e soubemos sumar esforzos, traballo e ilusión para poñer en marcha iniciativas de calidade, innovadoras, seguras e sostibles que incidan na compoñente experiencial para aportar un plus de valor ás persoas que nos visitan”.

Este importante acto tamén contou coa presenza do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera; do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Turismo de Nigrán, Cristina Dosil.

As persoas maiores de Tomiño recomendan “traballo, educación e respecto” ás novas xeracións

0

Tomiño quere por en valor a sabedoría dos seus maiores e promover na mocidade un cambio de actitude cara á mal chamada terceira idade. A oficina municipal da información xuvenil (OMIX) desenvolveu unha campaña coa participación das persoas usuarias de dous dos centros que hai na vila: “Centro Siempre Cuidándote” (parroquia de Sobrada) e Centro de Día (barrio da Rocha).

“Dende a OMIX de Tomiño, servizo dirixido á mocidade de 12 a 35 anos, queremos facilitar información positiva sobre a xente maior, favorecendo o seu protagonismo en actividades sociais e fomentando a relación interxeracional; queremos tamén conseguir mellorar a autoimaxe dos maiores, fomentar as súas relacións sociais e a súa calidade de vida, e incluso levar á mocidade a pensar sobre a súa propia vellez”, explican desde a oficina, agradecendo especialmente a colaboración das educadoras sociais das entidades participantes.

A campaña foi pensada para difundila, sobre todo, nas redes sociais co obxectivo de promover a interrelación entre mocidade e persoas maiores institucionalizadas, cun nivel de deterioro leve ou moderado.

“Os nosos e as nosas maiores creceron nun mundo que é diferente ao noso, pero existen sentimentos esenciais e universais que permanecen. Por que non preguntarlles e escoitarlles, entón? As persoas anciás son unha gran fonte de coñecemento, baseada nas experiencias vividas. A mocidade que saiba aproveitar isto, accederá a unha chea de coñecementos”, comentan os organizadores.

No proxecto participaron máis de 20 persoas maiores que escribiron frases dirixidas á mocidade, con recomendacións, suxestións e consellos para aproveitar máis e mellor a vida; estudar, coidarse e desfrutar.

“Que traballen moito e sexan educados e boas persoas”, di Juana Vieira, 95 anos, na súa carta. Margarita Conde (84 anos), en cambio, recomenda “estudar para ter un futuro mellor e formar un fogar de respecto, traballo, saúde e bos modais”.

Que sexan humildes, que aforren cartos e que se divirtan coa mascarilla, son outros dos sabios consellos que as avoas e avós de Tomiño fan chegar á mocidade. Luz (87anos) desexa aos mozos e mozas que “teñades unha persoa que vos coide cando sexades maiores”.

Concedida a licencia de obras para a nova gardería en A Granxa

A empresa que vai xestionar a futura escola infantil no Polígono Industrial A Granxa dispón de licenza municipal do Concello do Porriño para executar as obras de acondicionamento do local cedido pola Zona Franca. O espazo conta cunha superficie de 448 metros cadrados e o orzamento estimado das obras é de algo máis de 55.000 euros.

A documentación aportada pola mercantil, que dirixe Beatriz Cabaleiro, informouse favorablemente e a licenza de obra outorgouse con data do día 20 de maio, firmada polo concelleiro responsable de Infraestruturas, Pedro Pereira.

Zona Franca cedeu e entregou as chaves en abril de seis locais na planta baixa do Centro de Servizos en A Granxa onde a firma “Trastes” xestionará una escola infantil con 74 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, así como servizos complementarios de 3 a 8 anos.

A futura entrada en funcionamento desta gardería “atenderá unha vella demanda dos empresarios e traballadores dos polígonos industriais do Porriño. Como institucións públicas temos que favorecer e facilitar a conciliación familiar e laboral”, segundo declarou a alcaldesa, Eva García de la Torre.

A Deputación lanza ReacPon, o programa para a reactivación económica postCovid na provincia

ReacPon xa está en marcha. O goberno provincial presentou onte as bases para poñer a circular 20 millóns de euros nos concellos de menos de 50.000 habitantes, o ambicioso investimento público que a Deputación de Pontevedra destina cara á reactivación na provincia na etapa postCovid. A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera deron a coñecer as liñas centrais das bases que, con criterios obxectivos, transparentes, equitativos, respectando a autonomía local e por concorrencia competitiva, permitirán impulsar nos concellos actuacións de rehabilitación, de nova construción e de mellora de espazos públicos. Aprobaranse no próximo pleno e unha vez publicadas os concellos poderán xa presentar os seus proxectos

Somos unha administración xusta, que reparte os recursos de forma xusta e fixemos un enorme esforzo para que as bases tivesen puntuacións matemáticas, con criterios medibles, o que significa que os proxectos van ser valorados dunha forma transparente e equitativa, para que ninguén se chame a engano”,  asegurou Carmela Silva. “Alguén ten que comezar a facer ben as cousas –asegurou a presidenta provincial manifestando o seu desexo de que outras administracións traballen do mesmo xeito- e esta administración transformadora está a facelo, apostando por criterios obxectivos e con fórmulas cada vez máis perfeccionadas. Estamos a facer as cousas ben”. 

A través de ReacPon Concellos, tal e como explicou, preténdese garantir dereitos e servizos, loitar contra o despoboamento fomentando a igualdade de oportunidades no ámbito rural e urbano, impulsar a sustentabilidade, promover a conectividade e dixitalización na prestación de servizos e a accesibilidade no acceso a equipamentos, espazos e infraestruturas locais no medio rural. Deste xeito, a institución vai dinamizar a economía e colaborar na recuperación pos-covid, así como proporcionar aos concellos infraestruturas e dotacións de carácter singular e avanzar na consecución dos Obxectivos 2030 e nas liñas mestras definidas para os fondos Next Generation. 

Pola súa banda o vicepresidente Mosquera explicou que o ReacPon pretende executar proxectos “para chegar solucións que contribúan a superar os problemas da pandemia de maneira rápida”. Unha das cuestións nas que fixo fincapé, amais dos criterios obxectivos aos que se referiu a presidenta, é que se esixirá madurez aos proxectos que presenten todos os concellos, puntuando máis a aqueles que estean listos para licitar con todos os informes sectoriais.  “Este programa é para reaccionar ante a pandemia”, incidiu, ao tempo que subliñou que “hai que facer as cousas ben e un esforzo por modernizar esta administración”. O vicepresidente explicou, así mesmo, que a intención é que “todo vaia a punto de cruz”, por se se pode substituír o esforzo económico da Deputación por fondos europeos e apuntou que se non se logra cubrir a primeira convocatoria porque non hai proxectos maduros, traballados e participados, abriríase outra.

Con ReacPon Concellos pódense financiar tres tipos de actuacións: rehabilitación, nova construción e espazos públicos. No primeiro caso inclúense rehabilitacións de edificios e instalacións municipais para uso social, cultural, deportivo, turístico e de lecer, así como as dirixidas á infancia e mocidade, atención a vítimas de violencia de xénero ou elementos de interese patrimonial e de uso institucional e administrativo. No que respecta á nova construción, inclúense edificios ou instalacións sostibles e intelixentes e actuacións ambientalmente sostibles e que impulsen a cohesión territorial, a conectividade, dixitalización, accesibilidade e igualdade de oportunidades rural/urbano. Finalmente, no caso de actuacións en espazos públicos búscase darlles un uso plural, amable e fomentar a estancia e as mobilidades alternativas con recuperacións, melloras, urbanizacións, e reurbanizacións que cumpran os principios da rede Ágora.

Cada concello poderá financiar unha actuación ben sexa de rehabilitación, nova construción ou espazo público ata un máximo financiable do 90% do Plan Concellos que lle corresponde, e un mínimo dun terzo do mesmo, dándoselle prioridade ás rehabilitacións e á mellora de espazos públicos con criterios de sustentabilidade. No que respecta ao cofinanciamento, os concellos con menos poboación aportarán menos recursos que os de maior poboación.

Amais valoraranse a madurez do proxecto, a contribución a unha economía descarbonizada, a calidade do proxecto e a contribución dos proxectos á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030. De feito, premiarase máis aqueles proxectos xa aprobados polo órgano competente e coa licitación publicada, os que estean aprobados polo órgano competente a licitación, os aprobados polo órgano competente que consten expresamente que están completos e listos para licitar, os que dispoñan das autorizacións sectoriais e os que teñan solicitadas as autorizacións sectorias. No que respecta á economía descarbonizada valorarase a porcentaxe de mellora da eficiencia enerxética no caso das rehabilitacións, a porcentaxe de independencia respecto das enerxías non renovables nas novas actuacións e, nas actuacións centradas na contorna urbana, a porcentaxe de espazo público dedicado a usos diferentes á circulación de vehículos. Pola súa banda, en canto á calidade do proxecto, medirase a análise de condicionantes e alternativas, os traballos previos conducentes ao coñecemento da realidade do estado actual, as solucións propostas, os materiais, as propostas construtivas e o nivel de detalle das solucións.  Finalmente, no que respecta á contribución á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e políticas pancas, terase en conta o cumprimento dos ODS, a aliñación e encaixe global dentro dos mesmos, o cumprimento das políticas panca do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e, no caso das actuacións de contorna urbana, o cumprimento e fomento dos principios da rede Ágora. 

Uxía Lambona e a súa banda chegan en concerto a Tomiño este domingo

0

Uxía Lambona e a Banda Molona chega en concerto ao Auditorio de Goián o domingo 23 de maio, ás seis da tarde e con todas as medidas de seguridade para previr posibles contaxios.

Uxía Lambona e a Banda Molona recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, desde “A Carolina” rapeada ata “O Jato rockeiro”; moitos temas tradicionais e algún que outro propio, pasando por diversos estilos coma o ska, o reggae, o klezmer, a cumbia, ou o tango.

Dende o grupo adiantan que será un concerto moi dinámico, onde artistas e público participarán de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa.

“Uxía Lambona e a Banda Molona”  é un proxecto musical, lúdico e educativo. O vindeiro domingo os seus compoñentes presentarán o seu novo disco, “unha viaxe espacial e especial chamada Astrounauta Sideral”.

Oferta de #culturasegura

Para cumprir coas medidas de seguridade vixentes só haberá 70 prazas dispoñibles no patio de butacas do auditorio e, aínda que xa están esgotadas dende hai un par de semanas, as persoas interesadas en asistir poden chamar ao teléfono 986 62 20 01 ou enviar un correo electrónico a [email protected], para anotarse nunha lista de agarda.

O prezo das entradas, que poderán adquirirse na propia taquilla do auditorio dende unha hora antes do comezo da función, é de 3 euros, agás para persoas menores de 12 anos, que pagarán a metade.

Comezan no Porriño as visitas guiadas teatralizadas pola vida e obra de Antonio Palacios

O Concello do Porriño anuncia o comezo das visitas guiadas teatralizadas pola obra e vida de Antonio Palacios coa ocasión do 75 aniversario do falecemento do excepcional arquitecto porriñés.

Levaranse a cabo unha serie de 10 visitas guiadas teatralizadas, percorrendo as obras realizadas polo arquitecto Palacios no casco urbano da súa vila natal. As visitas partirán do Templete de San Luis e incluirán a casa do Concello a Fonte do Cristo e a Botica Nova. Terán unha duración de 50 minutos e requiren de inscrición previa porque hai prazas limitadas.

As inscricións deben realizase a través de correo electrónico no enderezo [email protected] e o prazo estará aberto ata o xoves 27 de maio. A primeira destas visitas terá lugar o vindeiro sábado 29 de maio.

Coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal ante a tumba de Palacios, o Concello do Porriño comezou o pasado 27 de outubro os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios” coa ocasión do 75 aniversario do seu pasamento. O Concello elaborou unha programación que se estenderá ata o 27 de outubro de 2021 e reunirá unha serie de actos e actividades culturais para divulgar a obra do recoñecido arquitecto porriñés.

Ofrenda floral na tumba de Antonio Palacios

O Concello de Ponteareas da luz verde ao proxecto de recuperación do terreiro de Moreira

O Concello de Ponteareas aprobou na Xunta de Goberno Local o proxecto de recuperación do terreiro de Moreira, a explanada nas proximidades da igrexa parroquial, utilizada tradicionalmente como lugar de reunión e de esparexemento da veciñanza da parroquia, e lugar de celebración da súa festa principal, que presenta na actualidade unha gran degradación.

O ámbito específico de actuación está formado pola explanada do terreiro, o camiño que sobe á igrexa parroquial e ao Pazo do século XVII, o tramo de camiño que chega ao cemiterio e o linde co centro cultural situado cara a zona leste deste ámbito, ocupando unha superficie total de 1.980m². Todo este espazo está catalogado, e tamén hai varios elementos catalogados no entorno do ámbito de actuación, de modo que en cumprimento da Lei 5/2016 de 4 de maio  de Patrimonio Cultural de Galicia o proxecto require de autorización previa e vinculante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O centro da parroquia de Moreira, onde no seu día houbo un fermoso terreiro en torno a un centenario carballo aos pes da igrexa, é hoxe un espazo roto, cheo de tensión e dominado polo automóbil. A construción dun centro cultural fai uns anos, se ben reforzou o seu carácter de espazo central, non conseguiu resolver o deterioro do torreiro. A degradación do lugar móstrase en múltiples aspectos: o impoñente carballo foi substituído por un farol cara aos anos 70 do pasado século, que xa non ten focos; o ancheamento do camiño para converterse en praza é unha estrada ancha con mediana central e dimensións propias dunha travesía urbana; o palco, dos anos 70, está moi deteriorado e invadido pola vexetación, e o seu tamaño desproporcionado colmata case por completo a zona destinada aos peóns; unha monumental aliñación de plataneiros que marcaba o acceso ao cemiterio e que forma parte dun camiño histórico é unha fila de molestos cotóns abafada por un muro de contención de formigón; o cruceiro, destacado símbolo do lugar do século XIX, atópase engulido polos vehículos, con numerosos danos polos choques con coches; o espazo para os peóns é un baleiro que se expande e se contrae segundo o número de coches que se amorean nos seus bordes, pero sempre é residual.

“A pesar do elevado deterioro apreciado no terreiro de Moreira, o espazo conserva un gran potencial para volver ser un espazo público de referencia no centro da parroquia, que conta con varios elementos que reforzan o carácter central do espazo dentro desta, como son a igrexa, o cemiterio, o centro cultural e incluso unha parada de autobús escolar. Para recuperar o espazo é indispensable recoñecer o papel de cada un dos actores do mesmo, redefinir os seus límites e buscar os eixos sobre os que coser os distintos fragmentos do espazo. O obxectivo que se persegue con este proxecto consiste en recuperar un espazo para uso e desfrute dos peóns, que integre tódolos elementos que o caracterizan para crear un lugar de referencia na parroquia para as celebracións, festas, reunións e encontros dos veciños de Moreira”, indicou Chus Garrote, concelleira socialista de Vías e Obras.

As actuacións proxectadas teñen un custo de 331.177 euros e contemplan obras de urbanización tales como pavimentación, iluminación pública, saneamento, abastecemento, xardinería e mobiliario urbano, que buscan a mellora do espazo público existente. Este proxecto nace das propostas e ideas que xurdiron nos diferentes encontros que o goberno do BNG e do PSOE mantivo cos colectivos veciñais .

Detalle das actuacións proxectadas

  1. Canalizar o tráfico rodado, reducindo e limitando o espazo afectado polo coche e recuperar o centro da praza para o peón. Proponse plantar novamente un carballo no lugar que lle foi propio, desprazando o farol á zona suroeste do ámbito. A árbore iría acompañada dun banco que se podería mover nas ocasión en que se precise ter un espazo baleiro para a celebración dalgún evento.
  2. Dotar dun novo pavimento que recobre todo o espazo. Estaría formado por unha trama de círculos de adoquín con centro no carballo. As áreas para o peón estarían acabadas cun pavimento continuo de formigón desactivado, con árido de cando rodado, e as do coche con adoquín miúdo de 5×5 cm. O adoquín e o árido de formigón serán de granito gris Mondariz, para conseguir un pavimento cunha cor homoxénea, e o mobiliario de formigón gris.
  3. Conectar a explanada do centro cultural e o terreiro para crear un único espazo maior, para o que se retranquea o bancal que delimita o entorno do centro cultural e se abre unha escalinata na súa esquina suroeste para salvar o desnivel existente entre ámbalas plataformas e deixalas conectadas. Ao separar o bancal desconxestionaranse os plataneiros e ampliarase o camiño que conecta co cemiterio. Tamén se reduce a presencia dos peches da pista deportiva para mellorar a conexión visual entre as dúas plataformas: o peche situado sobre o bancal é fixo, cunha malla de aceiro galvanizado de 10x20cm, e o peche lateral é móbil, formado por catro bastidores corredoiros de aceiro galvanizado coa mesma malla que os fixos. O peche móbil poderá despregarse cando hai eventos deportivos ou recollerse para deixar un espazo máis diáfano e aberto. O bancal é a escalinata estarán rematados con perpiaños e chanzos macizos de granito gris Mondariz.
  4. Redeseño do palco da música. A súa dimensión actual é excesiva con relación ao espazo libre e ocupa, xunto coa parada de autobús, a mellor zona para sentarse. Proponse unha reinterpretación do mesmo combinándoo cunha secuencia de bancos modulares corridos e unha pérgola recuberta de xasmín. O palco apégase ao peche da finca do Pazo, nunha posición centrada, cunha forma poligonal que é unha reminiscencia da traza octogonal, pero cunhas esquinas redondeadas. Está rodeado por un banco corrido, e o contorno de perpiaños de granito gris Mondariz apardazado do escenario inclínase 9º cara dentro para conformar o respaldo do banco. A súa altura é de 0,90m sobre o nivel do terreiro, unha altura adecuada para a dimensión do espazo e que permite evitar a varanda de protección. No extremo nordeste un dos módulos do banco sepárase para articular a parada de autobús e a escaleira de subida ao palco, e no extremo suroeste sitúase unha xardineira con arbustos e plantas aromáticas. A pérgola está formada por unha estrutura lixeira de perfiles conformados de aceiro galvanizado e unha trama de cables de aceiro. A maior parte do seu trazado é diáfano servindo de soporte á vexetación para crear un espazo en sombra, salvo a zona da parada de autobús, onde uns vidros planos aseguran a protección contra a chuvia. Coa interpretación do palco perséguese integrar nun mesmo elemento o banco, o escenario e a parada de autobús, ampliando a funcionalidade do palco como elemento organizador do Torreiro que ademais de conservar a función ligada á tradición festiva servirá para construír un espazo de estancia, cunha escaleira adecuada á dimensión do torreiro.
  5. Colonización do camiño de subida á igrexa cunha fileira de magnolias Kobus, deixando deste modo que xardín do atrio da igrexa se estenda cara o torreiro. Na entrada do atrio proponse empotrar o pavimento os tres chanzos que provocan unha barreira arquitectónica, para eliminar o chanzo e sinalar o limiar da entrada. O desnivel sálvase cunha rampla tendida dentro do xardín resolta cun pavimento orixinal, de modo que o atrio queda accesible e integrado co resto da actuación.
  6. Rehabilitación do cruceiro, recolocando a escalinata do baseamento e reparando a varanda.

Baiona informa sobre campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade

0

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona informa que a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia oferta 185 prazas en campamentos específicos para persoas con discapacidade entre 11 e 45 anos.

Permiten gozar, durante 10 días, dunha estadía socializadora e de convivencia, nun espazo lúdico, humano, integrador, formativo e seguro; mediante o desenvolvemento de actividades dirixidas ao fomento de habilidades sociais, ao contacto coa natureza e o mar, ao coñecemento da propia cultura e á educación para a saúde.

O prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o día 4 de xuño incluído.

Ofértanse 185 prazas no Albergue Xuvenil Gandarío de Bergondo (A Coruña), na Residencia de Tempo Libre de Panxón, Nigrán (Pontevedra), e na Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense).

O prezo total do campamento é de 125 €. Ese importe pódese reducir nun 50% se a persoa ten o título de familia numerosa e nun 25 % se ten carné xove. Estes descontos non serán acumulables en ningún caso.

A tramitación dos campamento corresponde á Xunta de Galicia pero aquelas persoas interesadas poden informase no departamento de Servizos Sociais do Municipio solicitando cita presencial previa ou chamando por teléfono ao 986 38 59 26.

Para participar nos campamentos de verán para persoas con discapacidade tes que cumprir os seguintes requisitos:

  • Ter recoñecida unha porcentaxe de discapacidade igual ou superior ao 33%.
  • Ter unha idade comprendida entre os 11 e os 45 anos.
  • Ter cumprida a idade mínima establecida ao comezo da quenda e non superar a máxima ao seu final.
  • Estar empadroados nalgún concello de Galicia.
  • Non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio. (Diagnosticado positivo por COVID-19 segundo vos criterios médicos vixentes).
  • Non presentar trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade.
  • Ter unha capacidade mínima de comunicación e de participación nas actividades que se van a desenvolver.
  • Ter unha mobilidade acorde coas características da instalación que solicita.

Para máis información: https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/campamentos-de-veran-especificos-para-persoas-con-discapacidade-2021

O CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas retoma a súa tradicional xornada de xogos tradicionais

Logo de ter suspendida o pasado ano por mor do confinamento provocado pola pandemia da COVID-19, o CEIP Bouza Brey de Ponteareas recuperou unha das súas actividades tradicionais e das que máis gustan ao alumnado: a xornada de xogos tradicionais.

Certo é que o patrimonio cultural dun pobo va máis aló do que habitualmente enténdese como tal. Así, os xogos populares e tradicionais, forman parte da nosa propia identidade e que os máis pequenos, non só os coñezan, senón que gocen con eles, é a mellor forma de garantir a súa continuidade no tempo.

[su_image_carousel source=”media: 37414,37419,37417,37416,37415″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Con esa idea foi coa que o CEIP Bouza Brei de Ponteareas iniciou esa xornada dedicada precisamente a iso: a xogar e a traves do xogo, manter viva a tradición. Os xogos máis diversos adaptados ás idades das e dos participantes pero todos cun denominador común, as ganas de participar e o afán por divertirse e esquecer unha pandemia que formulou un novo panorama no que vivir.

A chave, a ferradura, e os birlos para o alumnado de sexto; petanca, zorregada e turra-soga para o de quinto. Os cursos de cuarto aprendían os segredos do calvo, tres en raia e a sementeira, mentres que os de terceiro contaban co arrastramortos e o limón.

Finalmente quedaban os aneis e a mariola para os alumnos e alumnas de segundo curso e os zancos e o cazo para o de primeiro.

Eles e elas serán os que, pasados os anos, terán que transmitir aos seus fillos e fillas –ao igual que a eles e elas transmitíronllo– estes xogos tradicionais, populares ou ‘de toda a vida’, que é unha desas frases que abrangue todo. Mentres eses xogos sigan vivos, a nosa cultura, tradicións, historia e esencia, seguirá viva.

Unha extraordinaria iniciativa do equipo docente do CEIP Fermín Bouza Brey, digna de ser copiada.

‘Sigue o teu instinto’ acada en FITUR o primeiro premio ao mellor produto turístico do mundo

Tralos 14 premios internacionais que acadou o vídeo promocional da campaña 2019 da Deputación ‘Fame de Experiencias?’, agora o audiovisual de 2020 ‘Sigue o teu instinto’ comeza a súa andaina polos circuítos de premios turísticos “transitando polo mesmo camiño de recoñecemento”. A presidenta, Carmela Silva, anunciou que a cinta protagonizada pola actriz Celia Freijeiro “acaba de conseguir en FITUR o primeiro premio ao mellor produto turístico nos FITUR Travel Video Competition”. Ao galardón, que foi recollido esta mañá no IFEMA pola deputada Ana Laura Iglesias e o equipo de Turismo da Deputación, presentáronse 86 cintas, foron seleccionadas 72 e á final chegaron a Deputación de Pontevedra, Palma de Mallorca e Valladolid, sendo a cinta da institución provincial a gañadora.

Con este recoñecemento ‘Sigue o teu instinto’ xa suma 4 premios internacionais, o acadado na categoría de Ecoturismo nos Golden City Gate de Berlín, onde competía con 122 películas de 23 países, e outros dous galardóns que xa foron comunicados pero que aínda non se poden facer públicos ao non seren anunciados. O director do Comité Internacional de Festivais Audiovisuais Turísticos (CIFFT), Alexander V. Kammel, “achegouse ao persoal da Deputación que aínda está en FITUR, a deputada de Turismo e a xefa do servizo, para comunicarlles que os vídeos desta administración están namorando a todo o mundo”, sinalou Carmela Silva.

Moito que celebrar no paso da Deputación por FITUR O premio a ‘Sigue o teu instinto’ non foi o único motivo de alegría do paso da Deputación de Pontevedra por FITUR. Na feira, a institución recolleu na gala celebrada na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles as 11 Q de Calidade ás oficinas de atención turística adheridas á rede Info Rías Baixas, as 3 propias da Deputación (Palacete das Mendoza, Aeroporto de Vigo e Armenteira en Meis) e nas dos concellos da Illa, A Estrada, Cangas, Nigrán, Sanxenxo, Baiona, Caldas e Poio. Ademais, Pontevedra Provincia consolidouse como o primeiro destino en SICTED de España en número de establecementos distinguidos, e non só iso, senón que a traballadora de Turismo Rías Baixas Elina González acadou un dos Premios SICTED como a segunda mellor xestora deste distintivo de calidade en todo o Estado español.

A Xunta abre o prazo para solicitar axudas para libros de texto e material escolar

A Xunta de Galicia abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2021/22.

O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde hoxe ata o próximo día 22 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia

O sistema de apoio ás familias en materia de libros e material escolar do Goberno galego susténtase en tres eixos que son o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar. Para atender estas tres liñas no próximo curso, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten habilitado unha cuantía de 17,4M€, e asegura a dotación de balde de libros e material para o 100% das familias que cumpren cos requisitos.

Ademais, mantéñense a flexibilización das esixencias de renda e o aumento xeneralizado das contías das axudas aplicadas no presente curso co fin de reforzar o apoio ás familias ante o contexto de pandemia.

Axudas á compra

As axudas da Xunta para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, ao alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

Así, no caso do alumnado dos dous primeiros cursos de Primaria recibirán 210 euros no caso de renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros; e de 140 euros para as rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.

No caso do alumnado matriculado en Educación Especial, en centros específicos ou en unidades de Educación Especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 275 euros, con independencia da renda per cápita familiar.

Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (210 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Fondo Solidario

No Fondo Solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

De non alcanzar os libros dispoñibles no Fondo Solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexan necesarios.

Así, o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a seis libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros terán acceso a catro manuais.

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao Fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.

Axudas para material escolar

O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e a contía da axuda é de 50 euros/alumno.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

Trámites por vía telemática

As  solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática fondolibros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

Balance do presente curso 2020-21

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade repartiu de forma gratuíta no presente curso escolar un total de 564.721 libros de texto do Fondo Solidario, o que alcanza a un total de 97.974 alumnos de 3º a 6º curso de Educación Primaria e dos catro cursos de ESO. Outros 27.398 alumnos se beneficiaron das axudas da Xunta para a adquisición de libros de texto; mentres que un total de 100.323 alumnos recibiron vales para a adquisición de material escolar.

A asignación de manuais dispoñibles no Fondo Solidario faise por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar e, de ser necesario, o centro adquire os libros complementarios que sexan precisos para garantir unha cobertura similar á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas (seis ou catro libros por alumno/a segundo o caso).

Deste xeito, e atendendo aos criterios de renda, casesete de cada dez alumnos de Primaria e de Secundaria beneficiarios do Fondo recibiron seis ou máis libros de balde; é dicir, que tendo en conta que a media de manuais nos centros é de seis por curso, nestes casos quedou cuberta a práctica totalidade das súas necesidades.

O Fondo Solidario está deseñado para garantir que as familias con rendas máis baixas sexan as primeiras destinatarias do programa de forma que poidan ser beneficiarias do maior número de libros dispoñibles.

Este domingo chegan ao Rosal ‘Tres vellas (polo menos)’

0

Esta fin de semana O Rosal acolle a última das actividades culturais organizadas para este mes de maio, un emocionante e emocional espectáculo de palabras cruzadas entre Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez, Guti. O auditorio municipal acollerá este domingo 23 ás 19.00 horas a obra ‘Tres vellas (polo menos)’, unha actuación na que os tres narradores compartirán co público as historias que lles contaron a eles varias vellas, fermosas narracións de mulleres sobre mulleres coas que se busca rescatar o relato daquelas persoas de idade avanzada, ás que moitas veces lles nega a voz, para que a súa memoria, sabedoría e esencia non se perda.

Un espectáculo que supón unha homenaxe a todas esas mulleres pero tamén á palabra falada, non soamente polas historias, chistes e lembranzas que os tres narradores compartirán, senón tamén pola propia riqueza polas palabras empregadas, o ritmo, os xestos, as olladas. Neste exclusivo show, protagonizado por narradores cun universo propio e unha voz singular, manifestaranse as olladas profundas, as mans encalecidas de todos os labores e o afiado sentido do gusto das vellas, e chegará un momento no que o auditorio sentirá o recendo dos honestos guisados do pasado. Ao rematar, o público sairá soñando co prato fumegante da memoria.

Con aforo reducido, a entrada será de balde e libre ata completar as prazas. O espectáculo desenvolverase con todas as medidas e protocolos marcados polas autoridades sanitarias, facendo dende o Concello todos os esforzos posibles para ofrecer aos rosaleiros e rosaleiras unha actividade cultural completamente segura.

Lete enxalza a “fortaleza e capacidade de superación” dos 21 deportistas preseleccionados galegos no equipo paralímpico español para Toquio

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación dos vinte e un deportistas galegos preseleccionados no equipo español de cara aos Xogos Paralímpicos de Toquio que terán lugar entre o 24 de agosto e o 5 de setembro. Deles dixo ser “o exemplo perfecto de fortaleza e capacidade de superación para moitas persoas e, máis aínda, despois dun período de enormes dificultades como a pandemia”.

No acto tamén participaron a triatleta Susana Rodríguez, o tirador Juan Saavedra, a atleta Adiaratou Iglesias, o taekwondista Alex Vidal e o piragüista Adrián Mosquera. “Susana cun diploma en Río e Juan cunha prata en Londres son os mellores guías para outros que veñen detrás como Adi, Alex ou Adrián que se estrearán en Xapón nuns Xogos Olímpicos”, apuntou. Lete Lasa tamén destacou a figura de Desirée Vila que hai tres días clasificábase tamén para a cita olímpica en salto de lonxitude e lembrou a outros galegos que completarán a delegación española como Gustavo Nieves (maratón), Jacobo Garrido (natación) e Martín da Puente (tenis en cadeira de rodas), así como aos que se atopan en plena carreira olímpica como Agustín  Alejos, David  Mouriz, Manuel Lorenzo e  Vicky Alonso (baloncesto en cadeira de rodas) ou Guillermo Javier Rodríguez (tiro con arco).

O secretario xeral para o Deporte destacou que o 15% da delegación española ten acento galego, un feito que responde a “un traballo intenso realizado por todo o tecido deportivo en prol dos deportistas con discapacidade e do deporte adaptado”. Do último recoñecemento de deportistas galegos de alto nivel (que acada 458 deportistas), 17 son deportistas con algún tipo de discapacidade, “a cifra máis alta de deportistas con discapacidade recoñecidos nunha resolución  DGAN”. Seguindo co exemplo do alto nivel, Lete Lasa recordou que, desde 2004, as bolsas paralímpicas e olímpicas teñen en Galicia a mesma contía.

De entre os máis de 250 deportistas preseleccionados no equipo paralímpico español sairá a lista definitiva para acudir aos Xogos, que estará composta por uns 115 deportistas e farase oficial na primeira quincena de xullo.

O Concello de Arbo renova 189 puntos de luz con tecnoloxía LED

0

As instalacións dos novos sistemas de iluminación teñen como finalidade mellorar a súa eficiencia enerxética, substituíndo as existentes por outras que supoñen un consumo de enerxía máis reducido e respectuosa co medio ambiente, e o actual proxecto é complementario coas actuacións que xa se executan na iluminación de Arbo.

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), concedía  unha achega do 80% de fondos FEDER para a execución do proxecto denominado “iluminación Exterior Sostible II Feder-EELLL-2019-000-499” para o Concello de Arbo

Estas axudas van destinadas as entidades locais para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono do IDAE no marco do programa operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020.

Este proxecto presentouse no segundo semestre do  2017. Nel están incluídas as actuacións de substitución dos puntos de luz existentes e das actuais iluminarías por Luminarias LED máis eficientes nas zonas que se indican dentro do termo municipal de Arbo. O proxecto contempla a substitución de 189 luminaria por tecnoloxía led, en Eidos de Arriba e Eidos de Abaixo na parroquia de Sela , en A Hermida, Polígono Industrial,  na Po400 baixa a Ponte Internacional, entre outros – informa o alcalde do Concello de Arbo Horacio Gil – o que permitirá reducir as emisión de CO2, ademais dun aforro na factura eléctrica e a evitación da contaminación.

Nigrán ampliará o departamento de Servizos Sociais con dous novos postos de traballo

0

O Concello de Nigrán destinará 60.000 € do remanente de tesourería á ampliazón do departamento de Servizos Sociais mediante a contratación por un ano dun novo traballador/a social e un auxiliar administrativo/a.

Así o plantexará o goberno local no vindeiro pleno ordinario do 31 de maio. Estas novas incorporacións serían a partir de setembro, coincidindo previsiblemente co inicio do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar, que permitirá duplicar o número de usuarios de 60 a 120 e, por tanto, incrementará a carga de traballo do departamento.

O novo persoal sumarase as dúas traballadoras sociais, unha educadora e unha auxiliar que o conforman actualmente.

“A Covid desafortunadamente ampliou o número de usuarios dos Servizos Sociais e as súas necesidades e, paralelamente, o Concello implantou recentemente programas como ‘Xantar na Casa’ que se sumarán ao novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar ou outros, polo que consideramos conviente esta ampliación do persoal para que o departamento continúe a funcionar como o está a facer”, sinala o alcalde, Juan González, quen indica que, en función da evolución da pandemia e as súas consecuencias socioeconómicas nas persoas, o Concello prolongará ou  non a duración dos contratos.

‘Inventio Mundi’, un percorrido polas figuras relacionadas coas descubertas e viaxes protagonizadas por galegos

0

A Sala de Exposicións Municipal de Tui acolle a mostra ‘Inventio Mundi’, unha exposición organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e pola Secretaría Xeral de Emigración que permite achegarnos a figuras relacionadas coas descubertas e viaxes transoceánicas protagonizadas por galegos.

No acto inaugural participaron o tenente alcalde de Tui, José Ramón Magán, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o secretario xeral, Antonio Rodríguez Miranda.

[su_image_carousel source=”media: 37346,37347,37342,37344,37345″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Inventio mundi” é unha mostra que recolle unha parte da historia de Galicia que se descoñece, que permaneceu practicamente invisibilizada e da que existen poucos documentos e materiais.

Nomes como o tudense Sebastián de Ocampo, o primeiro que demostrou o carácter insular da illa de Cuba en 1508, ou o do grumete Juanes Hernández tripulante da nao Concepción na expedición de Magalhaes, forman parte desta interesante exposición.

En pouco máis de trinta paneis a mostra explicar unha historia da navegación galega que arranca nese interese comercial coas Illas Molucas e remata no século XVII, cando mudan as formas de navegación. Pero tamén está en recoñecer esa historia de navegación que chegou ata os nosos días a través do imaxinario popular e que recolle a nosa literatura.

A mostra xestouse en 2019 en plena conmemoración do quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano que completaría a primeira circunnavegación do planeta e as súas consecuencias para Galicia.

Poderase visitar en Tui até o 6 de xuño.

Gonzalo Caballero propon a equiparación de horarios de peche de bares e restaurantes segundo “o modelo asturiano”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou dende Fitur a “potencialidade turística inmensa” que ten Galicia “na natureza, na cultura, na historia, no patrimonio, na Galicia interior, na Galicia atlántica, na Galicia urbana, na Galicia rural…”, e subliñou que cómpre “aproveitar esta potencialidade para a reactivación económica e social do país despois dunha crise de tanta intensidade”.

Así pois, logo de apostar por que Fitur sexa “o punto de partida para unha nova etapa na actividade turística”, Gonzalo Caballero reivindicou “un turismo seguro e con prudencia” que “permita ao sector galego desenvolver o seu potencial e recuperar e impulsar os niveis de emprego e actividade”, favorecendo deste xeito o desenvolvemento económico do noso país.

“É o momento de tomar todas as medidas de apoio á reactivación, de impulsar a actividade turística con seguridade en Galicia e de dar axudas ao sector”, recalcou o líder do PSdeG, quen reclamou á Xunta un plan de reapertura de negocios pechados pola pandemia.

Ao fío disto, recordou que o goberno de España vén de transferir 234 millóns de euros á Xunta “para axudas directas a pemes e autónomos” e que estes fondos reverterán “nunha parte moi importante” na hostalería e no sector do turismo, “uns dos máis afectados” pola pandemia.

MODELO ASTURIANO”

Nesa liña, Gonzalo Caballero propuxo á Xunta que aplique “o modelo asturiano”, que “implica fortalecer a vacinación e a sanidade pública para ter garantías fronte ao virus”, pero tamén “buscar vías para a reactivación económica”.

Por iso, pediu ao goberno galego que “comece a estudiar co comité clínico a ampliación dos horarios das cafeterías e bares para equilibrar os seus peches cos dos restaurantes”, unha medida que “a hostalería está reclamando nunha desescalada gradual”.

“A apertura ata a 1 da mañá é posible facéndoo con protocolos e prudencia”, remarcou o dirixente socialista, quen destacou que esta “é unha vía” para “reactivar a hostalería e tamén para potenciar o sector turístico”, dada a gran vinculación entre ambos sectores. Ao respecto, indicou que a decisión de ampliar o horario de apertura de cafeterías e bares debe ser avaliada polo comité clínico e modularse en función do número de contaxios.

‘De monumento a monumento’, andaina entre o mosteiro de Oia e o castro de Santa Trega

0

Baixo o nome ‘de Monumento a Monumento’, o próximo 5 de xuño, celebrarase unha andaina que, saíndo as 10 da mañá do Mosteiro de Oia, percorrerá os 12,5 Kms pola costa que o separan do Montiño, na Guarda. O obxectivo desta conmemoración é o mesmo que, na súa orixe, motivou as persoas que loitaron pola proclamación destes monumentos como parte do Patrimonio Nacional hai 90 anos: poñer en valor estes tesouros nacionais.

Por ese motivo, o Mosteiro de Oia tomou a iniciativa de conmemorar tal acontecemento organizando a andaina coa colaboración dos concellos de Oia e A Guarda, e contando ademais co patrocinio de Frutas Neves. As inscrición poderán facerse no Concello de Oia, o Centro Cultural da Guarda ou no email [email protected] ata esgotar as prazas.

Os participantes poderán desfrutar dunha ruta chea de encanto pegada á agreste Costa que une estes dous puntos do Camiño. No punto de chegada haberá un autobús para levar as persoas participantes novamente ao punto de partida se así o desexan.

Santa Trega

Descuberto en 1913, o enorme poboado castrexo que compón o Castro de Santa Tegra supuxo unha das primeiras campañas turísticas lanzadas en España, chegando a ser o segundo lugar máis visitado en Galicia trala Catedral de Santiago. O indiano portorriqueño Manuel Lomba Peña é a quen se lle debe en maior medida dito logro.

Mosteiro de Oia

O Mosteiro de Oia que data do século XII, é o único da Orde do Císter pegado ao Océano Atlántico. Dirixido polos benedictinos que foron monxes artilleiros e cultivaron as vides e as terras durante sete séculos, pasou, trala desamortización a mans privadas pertencendo ata 1945 á familia do segundo propietario, outro indiano portorriqueño veciño de A Guarda, Joaquín Alonso Martínez.

O Balonmán Tui e Balonmán Chapela buscan esta fin de semana o ascenso a Primeira Autonómica no pavillón tudense

0

O novo pavillón deportivo de Tui acolle esta fin de semana a Final Four de Balonmán na que os equipos senior masculino do club Balonmán Tui, o BM Lucus parrillada Abel, o Balonmán Línea 21 e o Balonmán Chapela buscarán o ascenso a Primeira Autonómica.

A proba foi presentada onte na Casa do Concello por parte do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez; a deputada de Medio Ambiente, Iria Lamas; o vicepresidente e a presidenta do Comité de Apelación da Federación Galega de Balonmán, Fernando Mosquera e Laura Solla, respectivamente; o presidente e vicepresidente do Club Balonmán Tui, Pablo Rodríguez e Manuel Pons e o capitán do equipo sénior masculino, Pablo Domínguez.

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, deixou constancia na presentación do compromiso e apoio do Concello de Tui co deporte. Agradecía o edil que esta Final Four se poida celebrar en Tui, e convidaba a acudir ao pavillón esta fin de semana. Desexaba sorte ao Balonmán Tui para lograr o ascenso de categoría.

Laura Solla, presidenta do Comité de Apelación da Federación Galega de Balonmán, explicaba que a Final Four é un formato que vén para quedarse polos bos resultados que está obtendo, xa que “lle da moito interese a competición, deixa a emoción até o final e sobre todo crea entre todos os xogadores que participan nela uns vínculos importantes e capacidade de asumir un tipo de competición diferente, con convivencia e cuns valores que fomentan cousas novas”. Tamén destacou o papel dos clubs, das administracións e da federación facilitando o regreso do balonmán e do deporte en pandemia, porque o “traballo deixou patente que o deporte non é nunca o problema, senón unha parte da solución e da saúde dos rapaces tanto física coma mental”

O presidente do Balonmán Tui, Pablo Rodríguez, agradeceu ás administracións e en especial ao concello o seu compromiso e aposta por traer esta Final Four para Tui, así coma á Federación Galega polo apoio brindando aos clubs. Destacaba coma chegar a esta loita polo ascenso ten moito mérito e valor tras un ano moi difícil. Salientaba que esta fin de semana vai ser a festa do balonmán en Tui.

Pola súa parte a deputada Iria Lamas destacaba o apoio da Deputación ao deporte. Agradecía aos clubs todo o esforzo realizado neste ano de pandemia. Tamén indicaba, que máis aló do ámbito deportivo, esta competición permitirá dar a coñecer Tui, salientando as repercusións positivas no turismo e na dinamización económica.

A cita será no novo pavillón municipal que acollerá o sábado ás 18 h a primeira semifinal entre o Balonmán Tui e o BM Lucus Parrillada Abel, e ás 20.15 h a segunda semifinal entre o Balonmán Línea 21 e o Balonmán Chapela.

O domingo ás 12 h xogaranse o 3º e 4º posto, e a final será o domingo ás 17 h.

O público poderá asistir reservando a súa entrada de forma gratuíta a través de www.cluber.es. No pavillón contarase con todas as medidas de seguridade.

O alcalde da Cañiza traslada aos responsables de estradas a necesidade de mellora da N-120 ao seu paso polo municipio

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, reuniuse onte na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, co xefe de Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Angel González; co cefe da Unidade de Estradas en Pontevedra, Pablo Domínguez  e coa subdelegada do Goberno, Mayca Larriba, a fin de transmitirlles a súa preocupación polo estado da N-120 ao seu paso polo termo municipal.

O pasado 4 de maio, o alcalde notificou oficialmente ao secretario de Estado de Infraestructuras Sergio Vázquez, á Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia  e en Pontevedra e a Delegación do Goberno de España en Galicia e Subdelegación de Pontevedra, do estado no que quedou o firme da estrada Nacional 120 na súa travesía polo casco urbano da Cañiza con motivo do peche do túnel da A-52 Rías Baixas en sentido Vigo Ourense.

Cómpre salientar que entre o 21 de xaneiro e o 30 de abril –por mor dun incendio que afectou gravemente as infraestruturas do túnel do Folgoso– todo o tráfico que circula diariamente pola A-52 foi desviado a través da N-120, ocasionando un importante deterioro na calzada que non estaba preparada para absorber tal volume e densidade de tráfico.

Nesta notificación Luis Piña solicitaba o arranxo do firme coa reposición de aglomerado e ademáis reiteraba un tema exposto ante estes organismos noutras ocasións relacionado co desbloqueo do expediente da obra aprobada  polo Ministerio de Fomento do Goberno de España en 2015 “Acondicionamento de aceras y red de pluviales en dos tramos de la N-120 entre los PP613+970 Y 614+910 en ambos márxenes.

Na mesa de traballo de onte, ademáis de abordar estes dous importantes asuntos, tratáronse outros expedientes relacionados con autorizacións sectoriais para o desenvolvemento de varias obras pendentes de executar no Concello.

A Deputación sorprende en FITUR coa campaña ‘É o teu momento’

A chamada da Deputación de Pontevedra a viaxar ás Rías Baixas–Pontevedra Provincia emocionou esta mañá en FITUR 2021 ás e os asistentes ao lanzamento da campaña ‘É o teu momento’. A institución provincial sorprendeu cunha atractiva presentación na que estreou o vídeo oficial da campaña, protagonizado pola artista Wöyza, e na que tivo un especial protagonismo o sector turístico do destino, que demostrou unha gran fortaleza e responsabilidade en tempos moi difíciles.

“O seu comportamento foi exemplar e fainos mirar cara o futuro de maneira moi optimista”, subliñou a presidenta Carmela Silva ante alcaldes e alcaldesas de toda a provincia, representantes do sector e xornalistas de medios e blogs especializados. Centos de persoas seguiron o acto por streaming a través da web e as redes sociais da Deputación.

Nun ano con fortes restriccións en FITUR, a Deputación apostou decididamente polo audiovisual para compartir co público a beleza das Rías Baixas, a súa cultura, patrimonio, gastronomía e Camiños de Santiago. A xornalista Noa García encargouse de conducir a presentación, que xunto á estrea de “É o teu momento” incluíu a proxección doutros tres vídeos inéditos.

Unha das pezas é un recoñecemento ao sector no que a presidenta, o xerente do Club Náutico de O Grove, Miguel de la Cierva, e a xerente de Alecrín Turismo de Natureza, Ana Vázquez, reflexionan sobre os atractivos das Rías Baixas e o presente e o futuro de turismo neste destino. O terceiro dos vídeos resume a campaña ‘momentos Rías Baixas’, na que máis de 2.400 persoas subiron xa ás redes sociais imaxes dos seus recordos especiais na provincia de Pontevedra. Por último, un vídeo coa peza musical ‘Libre’ de Wöyza coa Ría de Vigo como telón de fondo que puxo a guinda musical perfecta ao acto da Deputación.

Un destino para os 365 días do ano

A presidenta salientou que “É o teu momento” é unha campaña “que toca emocións e chega ao corazón”. “Fala dun lugar máxico, dun verdadeiro paraíso coidado por un sector do que temos que sentirnos moi orgullosas e orgullosos”, continuou, para amosarse convencida de que “o turismo vai crecer de forma exponencial na provincia, porque este é un gran destino”.

Carmela Silva: “Queremos que as Rías Baixas–Pontevedra Provincia sexa unha segunda casa para descansar, recuperarse do traballo, conectar coa natureza e gozar coa compañía dos seres queridos”

Carmela Silva reflexionou que a cultura e o patrimonio son fundamentais na oferta turística e convidou ao público a visitar as Rías Baixas–Pontevedra Provincia os 365 días do ano. “Se queren recuperar a felicidade despois dun tempo tan difícil, se queren desfrutar dun lugar que namora e non deixa a ninguén impasible, non poden deixar de regresar. Esperámosvos cos brazos abertos”, proclamou. Ademais, a presidenta destacou a participación na campaña de Wöyza, “muller potente, libre, que representa o mellor de todas e todos nós”.

O vídeo oficial, coa presenza e a voz en off da artista, recolle extraordinarias imaxes da natureza da costa e o interior, a gastronomía e o patrimonio da provincia. “Non agardes máis, observa con calma, mira, atrapa e garda. Desfruta de todo o que os teus ollos queiran regalarte”, invoca Wöyza na emotiva peza, que resalta que agora é o momento de viaxar ás Rías Baixas.

Pola súa banda na peza na que o sector turístico é protagonista, a presidenta e as voces convidadas repasan os dificilísimos 14 meses transcorridos desde o inicio da pandemia e reflexionan sobre os tesouros naturais do territorio, a cultura e o patrimonio, atractivos que van na liña do que agora demandan as viaxeiras e viaxeiros. “Queremos que as Rías Baixas–Pontevedra Provincia sexa unha segunda casa para descansar, recuperarse do traballo, conectar coa natureza e gozar coa compañía dos seres queridos”, resalta Carmela Silva no vídeo.

Éxito de “#momentosRíasBaixas”

O vídeo-resumo da campaña “#momentosRíasBaixas” achega pola súa parte fantásticas imaxes subidas ás redes polas persoas que participaron nos sorteos de estancias e actividades turísticas organizados pola Deputación nos últimos meses. A promoción, aínda en marcha, supera xa os 3,3 millóns de impresións e as 1,5 millóns de persoas alcanzadas. Na peza pódense ven fotografías da costa e o interior, turismo urbano, patrimonio, turismo activo, gastronomía, náutica, Camino de Santiago. Todas tomadas por protagonistas reais, persoas que xa viviron pequenos e grandes momentos nas Rías Baixas procedentes de todas partes do mundo.

O Obradoiro Fernando Monroy actualiza os elementos patrimoniais de Cesantes

0

O Obradoiro Fernando Monroy presenta este sábado no CEIP Outeiro das Penas de Cesantes ás 18:00 horas o libro ‘Inventario de canastros, cruceiros, portóns, fontes, lavadoiros e muíños de Cesantes’. Esta publicación é unha revisión e actualización da primeira que realizou o colectivo.

Naquel momento foi unha primeira experiencia e agora, máis dunha década despois, aparece revisada, cunha edición editorial moito máis coidada e coa incorporación dun gran número de elementos que se foron descubrindo nos últimos anos.

Click para ampliar

O traballo esixiu ós integrantes do colectivo e os seus colaboradores unha tarefa intensa de traballo de campo para comprobar o estado de moitos elementos anos despois da primeira recompilación e fotografar e catalogar aqueles descoñecidos que foron aparecendo nos últimos anos. De feito, incluso se atoparon unha serie de muíños no entorno do río Pexegueiro. Para isto contouse coa imprescindible colaboración dos veciños de Cesantes que, coas súas informacións, guiaron ó colectivo en todo o traballo de campo.

O acto de presentación contará coa intervención de varios especialistas nesta temática e será no ximnasio do centro escolar para gozar dun aforo o máis amplo posible dentro das restricións sanitarias existentes na actualidade. Este aforo, en todo caso, será reducido e situarase sobre o medio centenar de asistentes. Unha vez cubertos os sitios, non se permitirá a entrada a ninguén máis. Por suposto, a máscara é obrigatoria e tamén se solicita ós asistentes que acudan cun certo marxe de tempo ó centro escolar para evitar, no posible, calquera tipo de aglomeración.

P.D. Axuntamos as fotografías da portada lo libro, do cartel de presentación e dunha saída para a catalogación de elementos.

Comezan os traballos de reparación da xunta de dilatación da pila sur da Ponte de Rande

0

Esta fin de semana realizaranse os traballos de mantemento programado na ponte de Rande (autoestrada AP-9), consistentes na substitución dunha xunta de dilatación do taboleiro central da ponte á altura da pila Sur, afectando o carril dereito en sentido Vigo.

Click para ampliar

Está previsto que a actuación se inicie o sábado 22 de maio ás 09 h da mañá e finalice o domingo 23 de maio ás 17 h. En consecuencia, durante ese período será necesario realizar un corte do carril dereito do taboleiro central en sentido Vigo, en toda a lonxitude da ponte de Rande.

Os vehículos procedentes de Pontevedra circularán polo carril esquerdo, mentres que aqueles que proveñan do Morrazo circularán a través do taboleiro lateral ampliado, en ambos os casos en sentido Vigo. Non haberá afeccións ao tráfico en sentido Pontevedra.

As afeccións estarán debidamente sinalizadas na AP-9 e a través dos paneis de mensaxe variable.

Oia avanza para ter un escudo propio

0

O Concello de Oia acolleu o mércores unha reunión para avanzar no proceso de definición dun escudo e bandeira oficiais do municipio. A finalidade desta reunión era aclarar dúbidas, tratar as dúas propostas presentadas por veciños, unha nova proposta elaborada polo Concello (cun deseño acuartelado e elementos identificativos do municipio como o petróglifo Auga dos Cebros, os cabalos, o báculo e a torre) e valorar novas alternativas.

O encontro contou coa participación de representantes do executivo local; da alcaldesa, Cristina Correa; varios membros da Comisión de Heráldica -órgano consultivo da Xunta ao que lle compete a aprobación de brasóns e bandeiras-, persoas de referencia na investigación da historia local e algúns dos veciños que teñen presentado algunha proposta concreta relativa tanto ao escudo como á bandeira.

Durante a xuntanza de traballo fíxose un repaso dos principais fundamentos e conceptos relativos á heráldica e tamén se debateron as distintas iniciativas presentadas.

Entre os principais contidos abordados na reunión, incidiuse na necesidade de que o brasón oficial debe estar en consonancia coas normas relativas á heráldica e de que o seu contido sexa fiel á historia do municipio, advertíndose que non é admisible como opción o emblema do Mosteiro de Oia. Así, establecéronse unha serie de elementos como punto de partida para a elaboración dunha nova proposta de escudo sobre a que seguir traballando.

A nova proposta que presentará Heráldica, para unir ás xa enviadas anteriormente, estará baseada en catro elementos: a figueira con froitos e a torre (os cales xa figuran no selo municipal empregado polo Concello de Oia na segunda metade do século XIX), o báculo abacial e as ondas do mar.

A alcaldesa manifestou que “foi unha reunión moi produtiva, seguiremos avanzando para que Oia poida ter o seu propio escudo e bandeira”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Comisión, Eduardo Pardo de Guevara, sinalou que “a quen ten que gustarlle o escudo é aos veciños de Oia, que son os que o van usar”. Do mesmo xeito, incidiu en que foi unha pena que non asistisen os outros grupos políticos municipais e, neste senso, brindouse a volver ao municipio as veces que faga falta co obxectivo de resolver calquera dúbida ao respecto.

Comeza en Mosende o “Ciclo de Música Medieval en Camiño”

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura, vai desenvolver un ciclo de concertos de música medieval a realizárense nas igrexas e capelas das parroquias e barrios do termo municipal. A serie de concertos, titulados “Ciclo de Música Medieval en Camiño”, comezará o vindeiro domingo 23 de maio na parroquia de Mosende, na igrexa San Xurxo, ás 20:00 horas.

Segundo explica o departamento que dirixe a concelleira Cami Moreira “falamos de concertos líricos de cantigas medievais, da man da soprano e instrumentista, ESPERANZA MARA, co acompañamento de instrumentos medievais realizados por profesionais artesáns expertos en luthería medieval, que percorrerán as parroquias de Torneiros, Pontellas, Atios, Cans, Budiño, Chenlo, Carracido e San Bieito”.

“O Ciclo de Música Medieval en Camiño, é unha posta en valor do noso patrimonio cultural, literario e musical; á vez que se dinamizan estes espazos, facendo unha descuberta deles, amais da relixiosa, tamén a cultura”, engadiu Moreira.

A Concellería de Cultura estableceu que as apersoas asistentes terán que enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected] indicando o nome, apelidos e teléfono de contacto para facer a reserva dunha cadeira, para levar o control do aforamento e, finalmente, poder contactar en caso de xurdira algún gromo da Covid.

O prazo para inscrición previa rematará as 00:00 horas do venres 21. No caso de non completarse o aforo coas reservas solicitadas, completarase coas persoas que se acheguen o mesmo domingo, recollendo igualmente os datos de nome, apelidos e teléfono de contacto.

O Rosal reparte 1.000 bolsas de tea co gallo do mes das letras

0

O Rosal repartirá entre a veciñanza 1.000 bolsas de tea co lema ‘A lingua é fonte vella da que mana auga fresca’, impreso xunto co debuxo dunhas pingas de auga e o novo logo do Concello. Este reparto realízase co gallo do mes das letras, que O Rosal celebra durante todo este maio con diversas actividades arredor da conmemoración do Día das Letras Galegas.

Todas estas bolsas de tea distribuiranse no comercio local, polo que a veciñanza poderá obter a súa ao realizar as súas compras nos establecementos do municipio. Os comercios interesados en contar con estas bolsas deberán solicitalas e recollelas na casa consistorial.

Ademais de fomentar o comercio de proximidade, con esta iniciativa o Concello busca tamén contribuír á sostibilidade medioambiental, apostando por resistentes bolsas reutilizables de algodón coas que reemprazar ás de plástico que tardan máis de 150 anos en desintegrarse e que afectan gravemente ao ecosistema ao ser desbotadas.

A Xunta activa vinte campamentos e campos de voluntariado na provincia de Pontevedra

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, vén de activar unha vintena de campamentos e campos de voluntariado na provincia de Pontevedra no marco da campaña xuvenil de verán 2021, que contará en toda Galicia con case 8.000 prazas, das que 1.600 correspóndense coa provincia, tras incrementarse nun 15% con respecto ao ano anterior.

O departamento autonómico abriu na xornada de hoxe o período de solicitude de praza, que permanecerá aberto durante sete días hábiles no caso dos campamentos e ata dúas xornadas antes do inicio da actividade para os campos de voluntariado. A petición debe formalizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e, entre todos os interesados, sortearanse dez prazas de balde.

Polo demais, esta campaña conta cun reforzo de prazas destinadas á inclusión e mantéñense os distintos descontos das taxas para familias numerosas ou posuidores do carné xove, entre outros, aínda que todos os detalles poden consultarse na páxina web http://xuventude.xunta.es.

A campaña de verán desenvolverase entre os meses de xullo e setembro e centrarase na aposta pola conciliación familiar e laboral, a formación biosaudable dos mozos e a seguridade sanitaria no marco da situación pola covid-19. Así, a Consellería de Política Social vén de activar un formato axeitado que inclúe a redución dos aforos das actividades, o reforzo do persoal e o incremento das medidas hixiénico-sanitarias.

Oferta na provincia

No caso da oferta da provincia de Pontevedra, haberá un total de nove campamentos, para cativos de 9 a 17 anos, nas Sinas (Vilanova de Arousa), Ponte Maril (Forcarei), Albergue Vicente Agulló (Lalín), FervenzAventura (Silleda) –que é a novidade da presente campaña–, Illa de Ons (Bueu), Concello de Mondariz-Balneario, El Kiriko (Fornelos de Montes), Granxa-Escola Albergue de Tomiño e Residencia de Tempo Libre de Nigrán. As prazas de inclusión outorgaranse nas dúas primeiras iniciativas a desenvolver no Salnés e na Terra de Montes.

En canto aos campos de voluntariado, orientados a mozos de 18 a 30 anos de idade, serán O Camiño Portugués pola Costa, en Oia; A Illa de San Simón en colaboración coa Consellería de Cultura; A Terra que Habita no Mar, no Concello do Grove; Salvemos o mar: Plásticos cero, en Vilanova de Arousa; o campo itinerante Botarse ao Camiño, que rematará en Santiago; Rural influencers, en Cerdedo-Cotobade; Soutomaior fai Camiño; Tradición en Verde, en Lalín; A Idade do Bronce, en Campo Lameiro e tamén coa colaboración de Cultura; e catro quendas para actividades medioambientais nas Illas Cíes, pertencentes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O Concello pide á Xunta unha rectificación das declaracións nas que culpa ao Goberno local de “non interesarse” polo convenio para a reforma da Avenida Mendiño

0

O Concello de Redondela pedirá, a través dunha moción presentada polo Grupo Muncipal Socialista, que “a Xunta de Galicia proceda a desmentir as afirmacións escritas nas súas misivas acusando a este Goberno de non interesarse nin realizar os trámites necesarios” para continuar coa sinatura do convenio de reforma da Avenida Mendiño.

O Concello que preside Digna Rivas, considera “insultante” que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, respondendo a unha pregunta formulada polo Grupo Parlamentario Socialista sobre esta obra, afirme publicamente, que o Concello de Redondela non procedeu a remitir a retención de crédito precisa, “un trámite debidamente realizado, enviado e recibido pola Consellería hai máis de seis meses”, afirma con rotundidade a alcaldesa de Redondela.

Dende a chegada ao Concello, o grupo de Goberno interesouse de forma inmediata da situación dunha obra que, segundo recolle a prensa, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade “presentara en Redondela –infografías incluídas– acompañada do exalcalde do PP nas vésperas das eleccións municipais e asegurando que o proxecto xa estaba redactado e as obras sería contratadas ese mesmo verán”.

O interese do novo Goberno de coñecer a situación do procedemento viña dada porque, unha vez no Concello, o executivo entrante “constatou a inexistencia de ningún tipo de documentación nesta administración local sobre dita obra”, aclara a alcaldesa Digna Rivas.

A partir dese momento, comezan os envíos continuos de oficios dende o Concello á Xunta de Galicia, reiterando información sen que se dera contestación por parte da administración autonómica.

O 1 de marzo do 2020, a prensa publica unha noticia na que a Xunta aseguraba ter rematada a redacción do proxecto e, nesa mesma nova, a alcaldesa manifestaba a súa molestia por ter que coñecer a noticia a través dos medios de comunicación. Dous días despois, o 3 de marzo, remítese un novo oficio á Consellería, logo de ter coñecido pola prensa os avances do procedemento.

Curiosamente, apunta a alcaldesa de Redondela, a Xunta segue a manter silencio e ao día seguinte, o exalcalde do PP publica nas súas redes sociais “a proposta da Axencia Galega de Infraestruturas de aprobar o proxecto construtivo” feito que segundo Digna Rivas, deixaba clara e sen discusión “a absoluta falta de respecto institucional da Xunta que trasladaba un expediente administrativo ao exalcalde do PP e, porén, non procedía a dar traslado do mesmo á administración interesada, o Concello de Redondela”.

A partir de aí, as comunicacións á Consellería por parte do Concello son continuas, interesandose pola situación dun Convenio do que o Concello de Redondela aceptaba todas e cada unha das condicións que a Xunta enviaba, “incluída a retención de crédito na que se variaban as cantidades que, respecto ao borrador inicial, tería que achegar o Concello”, aclara Digna Rivas.

Co fin de deixar clara a postura e compromiso do Goberno local, o 20 de novembro, despois de meses de oficios remitidos á Xunta moitos deles sen contestación de ningún tipo, o Concello remite á Xunta “a retención de crédito emitida pola intervención municipal”.

A contestación da conselleira á pregunta do Grupo Parlamentario Socialista que o Goberno local non emitira a retención de crédito “que eles tiñan no seu poder dende hai mais de seis meses, é un insulto intolerable en calquera circunstancia, pero máis se quen o fai é a administración autonómica”.

No seu afán culpar ao Goberno local de feitos tan falsos como infundados –asegura Digna Rivas– a consellería chega a asegurar que non poden garantir a existencia de crédito para realizar as obras previstas “debido ao contexto da actual crise sanitaria”. “É dicir, piden que fagamos unha retención de crédito e, cando a facemos, resulta que é a propia Xunta de Galicia a que non pode cumprir as condicións que a nós nos esixía”, di a alcaldesa.

Para o Goberno redondelán, queda claro que a actitude da Xunta en todo este proceso “está moi ao marxe do que debe ser unha relación interadministrativa e que as continuas faltas de respecto  ou os continuos desplantes realizados á Alcaldía, non son máis que unha mostra do partidismo dunha Xunta de Galicia que boicotea, sistemáticamente, ao Concello de Redondela”.

En todo caso, o Goberno local chama a atención sobre “o silencio cómplice” do PP de Redondela que “que logo de esixir que o Concello cumprira os trámites, cando se decatou que a culpa era dos seus compañeiros en Santiago, mira para outro lado”.

O Concello de Redondela lémbralle á Xunta que é “a administración autonómica e que, como tal, ten que actuar de forma obxectiva amosando o respecto institucional que merecen todos os concellos, independentemente da súa cor política”.

Galicia rexistra un total de 2.701 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.701, deles 568 son da área da Coruña, 168 da de Lugo, 211 da de Ourense, 395 da de Pontevedra, 831 da área de Vigo, 440 da de Santiago e 88 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 32 están en UCI, 128 en unidades de hospitalización e 2.541 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 120.281 persoas curadas, rexistrándose 2.409 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.190.050.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.679.928.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Ponteareas recoñece o avance da Xunta nas súas obrigas co CEIP Fermín Bouza Brey

A alcaldesa de Ponteareas en funcións, Cristina Fdez. Davila, recibiu na mañá do martes no CEIP Fermín Bouza Brey ao delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, e ao xefe territorial de Educación, César Perez, quen informaron das intencións da administración autonómica para o cambio da cuberta do edificio principal desta instalación e do seu ximnasio, por un importe próximo aos 300.000€.

Fernández Davila recoñece que estamos ante “un avance”, que debe ser “o primeiro paso para acoller a reforma integral da instalación, ao ser esta unha necesidade imperiosa do centro que a propia comunidade educativa leva anos reclamando, atopándose sempre coa negativa da Xunta”. A alcaldesa en funcións e responsable de Ensino na localidade lembrou que “estas reformas nos centros de ensino son unha obriga da Xunta”, e amosou a súa confianza en que, tras comprometelo na propia visita, o ente autonómico “asuma seguidamente a continuación destas obras, para que non se queden unicamente na mellora da cuberta”.

“Dende o goberno local queremos felicitar a todas as persoas que formaron parte da comunidade educativa en diferentes etapas, e que nestes últimos anos acompañaron as reclamacións que dende o goberno local vimos realizando. O seu apoio e súa insistencia foron determinantes para lograr que a Xunta realice o primeiro investimento relevante neste centro despois de moitos anos”, salientou a alcaldesa en funcións.

O alcalde da Guarda recibe ás subcampionas da Liga Guerreras Iberdrola

0

O mércores 19 de maio o Salón de Plenos do Concello da Guarda acolleu a recepción oficial ás xogadoras, equipo técnico e directiva do Atl. Guardés por parte do alcalde da Guarda, Antonio Lomba e da concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes.

Para Antonio Lomba acadar o subcampionato de liga é un logro histórico para “o noso equipo” e é preciso que o Concello da Guarda así o transmita ao club e ao resto de veciños e veciñas da vila, neste momento intenso de competición por estar ás portas da fase final copa da Raíña.

Para o alcalde ter na Guarda un grupo de deportistas de élite que serven de referente para a xente xove é un dos desexos de toda persoa preocupada pola xuventude e o deporte. Indicou o edil que despois dunha tempada atípica por mor da pandemia da covid-19, o “xogador” que é a afección soubo apreciar o traballo realizado polo club. Rematou a súa intervención felicitando o Subcampionato de Liga e desexando moita sorte na copa da Raíña.

Montserrat Magallanes destacou que dende xa moitos meses desexábase facer esta recepción, pero a pandemia non deixou cabida para facelo, e neste intre o Guardés soubo trasladar “un sentimento”, que foi tamén o lema elixido polo club nesta tempada, cunha alegría que se traslada tamén á afección guardesa.

O acto rematou cunha entrega de agasallos ao club, xogadoras, equipo técnico e directiva, así coma un agasallo do club ao alcalde e á concelleira de deportes.

O alcalde de Baiona agradece o labor do persoal sanitario

0

“Cada 19 de maio, a totalidade de profesionais que conforman a especialidade da Medicina Familiar e Comunitaria celebran o Día Mundial da especialidade. Como alcalde do Concello de Baiona considero que é un día para reivindicar o papel vertebrador desta especialidade en calquera sistema de saúde moderno”, declara o rexedor.

Nesta edición, a celebración do Día da Medicina de Familia vén marcado pola pandemia provocada polo SARS-Cov-2a que houbo que facer fronte como sociedade, como sistema de saúde. O seu día a día viuse trastornado. Ao longo destes meses, a MfyC foi capaz adaptarse ás novas necesidades, en tempo récord, e asumir o reto de dar continuidade asistencial aos pacientes con enfermidades crónicas…e, por suposto, atender aos pacientes afectados por coronavirus e ás súas familias.

“En toda esta pandemia, a Medicina de Familia foi a especialidade escondida que, oculta dos titulares, achegou incontables horas de traballo silencioso para manter a base da curva. Por iso, neste día tan especial quero aproveitar para agradecer o seu gran labor, non só aos médicos e médicas da Medicina Familiar e Comunitaria, senón a todos as persoas que forman parte do sistema sanitario e co seu labor conseguiron tirar desa curva cara abaixo. O meu recoñecemento aos sanitarios e sanitarias esténdese máis aló dese gran labor iniciado fai máis dun ano, cando empezaron a batallar contra este virus, o meu recoñecemento é ao seu labor diario. Brillaron polo seu xestos e polos feitos. Así que hoxe é o momento de agradecer o traballo que cada un destes especialistas realizaron.

Hoxe é un día especial, o día da Medicina de Familia, un día para compartir o recordo e tervos presentes a todas e todos, os que están e os que sufriron. Trátase dun agradecemento sincero e non dubido en que o conxunto da sociedade coincide en dalo”, finaliza o alcalde.

Mos sela a colaboración coa Asociación Galega de Familias de Acollida

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a presidenta da Asociación Galega de Familias de Acollida “ACOUGO”, Rebeca Pereira Ferrón, asinaron, no salón de sesión do Concello, un convenio de colaboración mutua entre ambas entidades para o desenvolvemento no municipio mosense de programas de atención, formación e difusión en materia de sistema de protección de menores así como da medida específica de acollemento familiar, que promove a Asociación “ACOUGO” e de apoio ao traballo en incidencia política e sensibilización para a transformación e mellora social sobre acollemento familiar e /ou residencial, dereitos da infancia do Sistema de Protección, familias de orixe e familias de acollida. Sempre desde unha perspectiva holística e de xénero. Facilitando na medida das posible o uso de espazos e /ou equipos que se poidan precisar para acadar tales fins. Así como facilitar a entrada das persoas aso servizos psicosociais educativos, de deporte ou ocio dependentes do Concello.

A primeira das actividades de cooperación conxunta terá lugar mañá mesmo e consistirá nunha charla informativa sobre o acollemento familiar. Co fin de difundir o acollemento familiar como o mellor recurso para a protección á infancia e adolescencia en situación de desamparo ou risco; o Concello de Mos organiza mañá xoves unha charla informativa sobre o acollemento familiar. Terá lugar ás 19:00 h, no pazo de Mos, previa inscrición (por protocolo anti covid). Estará dirixida non só ás familias interesadas en acoller, si non tamén a profesionais e persoas interesadas en coñecer este recurso tan necesario para que os menores en desprotección crezan coa maior estabilidade física e emocional.

O acollemento permite darlles a posibilidade dun modelo de familia estruturada e normalizada, con figuras seguras de referencia, nun ambiente de afecto e sostén.

Dar aos menores a oportunidade de crecer en ambientes normalizados pero sen romper, na medida en que se poida, o contacto coa súa familia biolóxica é fundamental para o seu desenvolvemento e para a construción dunha futura vida emocional saudable.

Outra iniciativa será levar a Pleno unha moción relativa a equiparar real e efectivamente as persoas menores en acollemento familiar á condición de «fillo/a» e o recoñecemento de familias de especial protección ás familias acolledoras, na que se tomen os acordos de: ordear e actualizar a normativa municipal para establecer expresamente a equiparación real e efectivamente, para todos os efectos administrativos, aos menores en acollemento en calquera das súas modalidades —temporal, permanente ou  preadopción ou de urxencia— á condición de  fill@ durante o tempo que o/a menor atópese baixo acollemento familiar. Accionando medidas, que apoien positivamente a estas familias e menores.

Incorporar o item de familia acolledora ou crianza en acollida, nos impresos en todas as áreas da Xestión do  Organo de Goberno local. Accionando medidas , que apoien positivamente a estas familias e menores.

Considerar ás familias acolledoras de especial protección así como outro tipo de familias que teñan tamén esta consideración. Aplicando medidas de discriminación positiva que faciliten a vida comunitaria a nivel local das persoas que acollen e as acollidas.

Valorar a posibilidade de facer unha formación básica para o persoal e Equipo de Goberno do Concello en materia de Medidas de Protección de menores, especialmente sobre acollemento familiar.

E elaborar un Rexistro Municipal de Familias Acolledoras.

Nigrán homenaxea á escritora Rosalía de Castro cun gran mural

0

O Concello de Nigrán ven de estrear un gran mural sobre Rosalía de Castro na praza que leva o seu nome obra do grafiteiro miñorano Daniel Fernández ‘Dani Seek’. Con esta iniciativa, encadrada na programación do mes das Letras Galegas, o goberno local desexa vincular de verdade á praza co propio nome que homenaxea e, ao mesmo tempo, mellorar a imaxe desta entrada habitualmente vandalizada.

Deste xeito, o tunel de acceso, de 14 metros de lonxitude e 2,5 de altura, conta desde esta semana cun graffiti moi colorista en ambas paredes no que figura o rostro da escritora galega universal, o seu verso ‘Cantarte hei, Galicia, teus dulces cantares’, e diferentes motivos propios da cultura galega e a o seu medio natural (flores, paxaros, instrumentos como unha gaita e unha pandereta, etc).

“A partir de agora, a Praza Rosalía de Castro de Nigrán rende de verdade tributo á escritora universal. O resultado é espectacular e os veciños están encantados porque pediran mellorar a imaxe dese túnel”, destaca o alcalde, Juan González, quen ademáis sinala a aposta do consistorio por  creadores da comarca como Dani Seek, veciño de sabarís de 27 anos.

O mural, que suma 70 metros cadrados de superficie entre ambas paredes, é o maior que ten realizado o baionés ata agora e está pintado exclusivamente mediante técnica de espray. “Foi unha semana de traballo a tope e estou moi satisfeito co resultado obtido, quixen homenaxear a Rosalía e á cultura galega en xeral”, destaca Dani, quen confesa que lle sorprendeu recibir moitos parabéns e ánimos dos veciños mentres traballaba. O artista, cunha década de traxectoria, ven de gañar o primeiro premio do concurso ‘Lugo Social’ que o levará a pintar a fachada dun centro hospitalario desta cidade (no 2020 foi terceiro en Xuventude Crea de Vigo).

Redondela pon en valor a riqueza natural e biolóxica da Rede Natura 2000

0

Con motivo do Día Internacional da Diversidade Biolóxia e o Día Europeo da Rede Natura 2000, o Concello de Redondela, a través da Concellería de Medio Ambiente, ofrecerá un completo programa de actividades para por en valor a gran riqueza natural da enseada de San simón.

As actividades levaranse a cabo durante esta fin de semana, os días 21, 22 e 23 de maio, en xornada de mañá e de tarde:

Venres 21 de maio

  • Entre as 11:00 e as 14:00 horas, diante da Casa do Concello, terá lugar a presentación da Rede Natura 2000.

Sábado 22 de maio

Actividades de mañá:

  • Saída en kayak para coñecer a Rede Natura 2000 da Enseada de San Simón.

Horario 10.00-14:00 h saída porto de Cesantes. Prezo 15€ prazas limitadas.

  • 3 Paseos de 45 min para coñecer a biodiversidade biolóxica da Rede Natura 2000.

Horario: 10:00-13:00 h saída praia da Punta. Actividade de balde.

Actividades infanís de balde:

  • Obradoiro:  “Pegadas”
  • Obradoiro: “Cantos bechos viven por metro cadrado?”

Actividades rotativas horario: 10.00 a 13.00h prazas limitadas.

Xantar amenizado polo grupo local “Pacíficos Errantes” 13:30 – 14:15.

Actividades de tarde:

  • 3 Paseos de 45 min para coñecer a biodiversidade biolóxica da Rede Natura 2000.

Horario: 16:00-19:00 h saída praia da Punta. Actividade de balde.

Actividades infanís de balde:

  • Obradoiro: “Comedeiros para aves”
  • Obradoiro: “Realización de niños para aves”
  • Obradoiro: “Moluscos e crustáceos”

Actividades rotativas horario: 16.00 a 19.00h prazas limitadas.

Domingo 23 de maio

  • Saída en Kayak para coñecer a Rede Natura 2000 da Enseada de San Simón.

Horario 10.00-14:00 h saída porto de Cesantes. Prezo 15€ prazas limitadas.

Prazas limitadas en todas as actividades e delimitación polas medidas COVID.

A Deputación e o Concello de Ponteareas apostan polo rural

O rural de Ponteareas recibiu dous novos investimentos da Deputación, a través do Plan Concellos, que serviron para mellorar camiños en Santiago de Oliveira e Outeiro de Castro (Fozara) cun orzamento total que se achega aos 61.500 euros. As actuacións foron visitadas hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández Davila, acompañados da deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e a tenente de alcalde, Chus Garrote.

O camiño de Santiago de Oliveira estaba en deficiente estado de conservación, polo que era necesaria a súa repavimentación ao longo dos 312 metros de lonxitude. Trátase dunha vía relativamente ancha, con 5 metros de sección, polo que a superficie total de actuación é ampla. A obra realizada, como subliñou a alcaldesa en funcións, facilita o acceso aos equipamentos centrais da parroquia. No camiño de Outeiro de Castro, na parroquia de Fozara, realizouse unha obra que cambiará a vida da parroquia. O camiño era de terra e tan só permitía o seu tránsito a pé, especialmente nun dos tramos onde apenas alcanzaba os dous metros de anchura. Así as cousas, a xente  tiña que dar un importante rodeo para o caso de ter que desprazarse en coche á casa dunha veciña ou veciño. Esta anomalía, a dun camiño que desunía máis do que unía, quedou solucionada. A obra dividiuse en dous tramos para abranguer os case 350 metros de lonxitude. Na primeira parte, cunha anchura media de 4 metros de plataforma, foi necesario realizar dúas ampliacións puntuais. Na segunda, os traballos de ensanche foron os protagonistas pois partíase do ancho mínimo.  As obras incluíron, xa que logo, muros de contención, ademais dunha recollida de augas pluviais.

Santos Héctor  destacou que son dúas obras que facilitan moito a vida da veciñanza e na que os cartos públicos, que a Deputación reparte de maneira regrada a través do Plan Concellos, están moi ben empregados. “O cambio é espectacular porque favorece a vida da xente e conecta o que antes estaba desconectado”. O deputado volveu destacar a flexibilidade e utilidade do Plan Concellos para solucionar problemas e axudar a fixar poboación no rural. Para rematar expresou o seu cariño e estima polo alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, que vén de dimitir por problemas de saúde.

Compromiso de colaboración entre dúas institucións

Cristina Fernández Davila indicou que estas obras demostran o compromiso de colaboración e entendemento de dúas institucións. “Comunicamos a veciños/as que tiñan que dar unha volta enorme porque había un camiño que só servía para ir a pé”. Engadiu que agora disponse dun espazo ancho e moi humanizado neste lugar de Fozara. Ao respecto da actuación en Santiago de Oliveira explicou que reparouse  unha pista moi utilizada para ir dende a N-120 ao centro da parroquia, onde se sitúan equipamentos como centro cultural ou o campo de fútbol.

O Concello de Ponteareas ten recibido dende o ano 2015, data do cambio no Goberno provincial, máis de 13 millóns de euros da Deputación. Nesta cantidade figuran os 1.135.727 euros deste 2021 ao abeiro do Plan Concellos, que lle van permitir acometer actuacións tan diversas como o inventario de bens municipais, adquirir vehículos para os servizos municipais e a reforma do centro municipal de servizos psicopedagóxicos Asprodico. A maiores Ponteareas está tramitando os proxectos para mellorar o seu punto limpo, así como obras de eficiencia enerxética na Casa do Concello, o complexo deportivo Álvaro Pino, a estación depuradora de augas residuais e a Escola de Guillade. Tamén no marco do Plan Concellos Ponteareas contratou nestes últimos seis anos a 217 persoas desempregadas para desempeñar servizos municipais.  Finalmente, o Concello dispuxo dunha achega extraordinaria de 421.000 euros do Plan DepoRemse para a reordenación e integración urbana da contorna da piscina e do centro deportivo Álvaro Pino.

Homenaxe a Xela Arias este sábado na Guarda “Todalas poetas son tu e ningunha coma ti”

0

A Concellería de cultura do Concello da Guarda organiza unha completa programación de actividades en torno as nosas letras e en torno á figura homenaxeada este ano, Xela Arias.

Xela Arias foi mestra no Instituto da Sangriña, e tralo seu falecemento o instituto mantivo viva a súa figura e a súa importancia como poeta convocando durante case unha década o Certame literario Xela Arias, cunha notable participación e calidade nos poemas seleccionados.

O Concello da Guarda fixo un esforzo por divulgar a figura e a obra desta singular poeta, que  cultivou un estilo propio, moi persoal e algo incomprendido polos estándares literarios da súa época. Deste xeito a programación está pensada para sacar a súa obra á rúa e captar a atención dos veciños, para os  amantes da literatura e tamén para os menos lectores, para que a coñezan e descubran algunhas das composicións que esconden fermosura, misterio, inconformismo…

Así mesmo e tendo en conta que a vinculación de Xela coa nosa vila ven pola súa docencia no instituto as actividades foron combinadas e ideadas en colaboración co Departamento de Lingua Galega do Instituto da Sangriña baixo o nome “Todas as poetas son tu e ningunha coma ti”, parafraseando un verso adicado ao seu fillo no libro Darío a Diario (1996). Igualmente contan coa participación doutros colectivos e organismos como son a Biblioteca Municipal ou a Agrupación Cultural Guardesa.

Unha das actividades é unha exposición de poemas polos comercios da Guarda, que integra poemas da autora nos seus escaparates xerando así unha ruta literaria pola vila, sorprendendo aos transeúntes e curiosos con poemas escollidos de entre toda a súa obra.

Outra das actividades é a lectura de poemas pública que terá lugar o sábado 22 de maio na Praza do Reló ás 19:00, e contará coa participación de alumnado e docentes do IES A Sangriña, así como integrantes da Agrupación Cultural Guardesa.

E para rematar o último sábado do mes representarase no Centro Cultural, as 19:00h. unha proposta escénica baseada no último libro publicado por Xela Arias, Intempériome (2003), titulado “Vencerse é cousa de se tratar”. Esta proposta ten unha significación especial, xa que trátase da posta en escena dun recital que Xela estaba preparando co músico Fernando Abreu no momento do seu falecemento. Dentro do traballo de preparación previo a este recital quedaron gravados certos poemas na voz de Xela. Estas gravacións foron recuperadas por Abreu, así como o espírito do espectáculo e deron forma a esta proposta na que participan agora o propio Fernando Abreu como director artístico e músico, Mónica DeNut na lectura dos poemas, Pablo Carrera á guitarra e Roi Fernández a cargo do contido audiovisual.

No caso dos actos públicos do día 22 e 29 de maio os eventos contan, como ven sendo habitual cun protocolo COVID-19 e é preciso anotarse cunha semana de antelación en [email protected].

Actividades cos centros escolares

Ademais destas actividades realizadas en torno a Xela cabe destacar a convocatoria do II Tendal de poemas que se realiza co alumnado dos centros escolares Manuel Rodríguez Sinde, As Solanas, CPR San José e Centro de Educación Especial San Xerome.

Estes centros seleccionaron poemas dentro do amplo repertorio da nosa lingua galega e decorados sobre lenzos de roupa que están “colgados ao sol” en diferentes lavadoiros da nosa vila, concretamente os lavadoiros de A Cal, A Ribeira, Fedorento e Netos. Estes debuxos poden verse ata final de mes, sempre que a climatoloxía o permita.

Ademais desta actividade os centros públicos da vila (CEIP Manuel Rodríguez Sinde, CEIP As Solanas, CEIP A Sangriña) realizaron unha exposición sobre Xela Arias que sepode visualizar na Praza de Avelino Vicente.

Homenaxe do IES A Sangriña

Pola súa banda, o IES A Sangriña preparou a súa homenaxe institucional este venres coas seguintes propostas:

  1. Descubrimento dunha praca conmemorativa cun verso escollido (por unha Comisión do IES) da autora.
  2. Adicar unha das aulas de nova creación do centro (antiga vivenda do conserxe) co nome de “Aula Xela Arias”.

A Cañiza recibe a visita do Presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil

0

Esta mañá visitou o Concello o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, José Antonio Quiroga, para coñecer e tratar co alcalde, Luis Piña, as principais problemáticas relacionadas coas depuracións de augas residuais, saneamentos e limpeza de cauces de ríos así como dos sistemas de abastecemento de augas de consumo aínda que esta é unha competencia de Augas de Galicia da Xunta.

O alcalde explicou ao Presidente todo o traballo que dende hai ano e medio o Concello está desenvolvendo para dar luz a toda a infraestrutura de augas municipais da Cañiza.

Outro dos temas importantes da axenda desta reunión foi coñecer o estado dos informes que os técnicos da Confederación Hidrográfica están desenvolvendo en colaboración co Concello, para coñecer polo miúdo a situación real da depuración de augas da Cañiza.

Estes informes teñen como base e punto de partida o estudo integral realizado polo Concello sobre o estado das redes de colectores e depuración de augas residuais e o estudo técnico sobre as novas redes de alcantarillado que serían necesarias construir para que o servizo de saneamento chegue á maior parte do noso territorio, co obxectivo de ir camiñando cara a excelencia medioambiental. Estes estudos, presentados os pasados meses de outubro e novembro de 2020 polo Alcalde, revelaron que o 41% da nosa poboación non dispón deste servizo básico.

Os informes dos técnicos da Confederación levan xa uns meses en elaboración, cun amplo traballo de campo, e permitirán recoñecer as debilidades do Concello nesta materia para abordar axeitadamente as posibles solucións.

Regresa ao Pazo de Mos o festival infantil Musicando no Canto Conto

0

As Maimiñas, Mai e Miña, Lucía Lago e Irene Álvarez, presentaron esta mañá no Concello de Mos xunto coa alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Política Social e Igualdade e Participación Cidadá, Sara Cebreiro, unha nova edición do Festival Infantil Musicando no Canto Conto.

Musicando no Canto Conto, organizado polas Maimiñas e Reviravolta Produccións, patrocinado polo Concello de Mos e a Xunta de Galicia, e coa colaboración da Fundación Pazo de Mos, celebrarase o domingo 30 de maio no Pazo de Mos; contando coa actuación matutina, ás 12.30 horas, de As Maimiñas e, pola tarde, concerto de Xoan Curiel ás 19.00 horas e actuación do grupo Animar-T.

A asistencia como público é totalmente de balde pero require de inscrición previa para poder garantir todos os protocolos e medidas anti COVID-19. Os interesados en apuntarse poden facelo escribindo un correo electrónico ao enderezo [email protected] no que indiquen nome, apelidos e número de teléfono móbil, así como o concerto e/ou concertos aos que se quere asistir e o número de asistentes. Para finalizar o procedemento os inscritos recibirán no seu correo electrónico a pertinente invitación para poder acceder ao evento.

Tanto Maimiñas como as representantes municipais Arévalo e Cebreiro declaráronse esta mañá “moi contentas e satisfeitas de retomar un ano máis o Musicando Canto Conto, tras non poder celebrarse o ano pasado por mor da crise sanitaria”. Un festival que definiron como “xa moi consolidado no Concello de Mos e unha alternativa cultural e de ocio ideal para as familias”. Así mesmo destacaron “a importancia de retomar a cultura segura nestes tempos de nova normalidade e de saber adaptar o ocio e a música ás novas circunstancias para garantir a tranquilidade e disfrute de público e artistas”.

Rexedora local e concelleira concluíron salientando que a mosense “é unha administración comprometida cos sectores que peor o están a pasar por mor desta pandemia, sendo un deles o musical e do espectáculo, e concienciada coas necesidades de lecer da cidadanía para garantir a calidade de vida dos e das veciños e veciñas de Mos. É por elo que, con este tipo de iniciativas, contrubuímos a recuperación dun sector damnificado ao tempo que retomamos certa normalidade na vida e no ocio da veciñanza, sempre cumprindo escrupulosamente todas as medidas sanitarias. Con música cultura e diversión aunadas en Musicando no Canto Conto”.