12.1 C
Pontevedra
Mércores, 22 de Marzo de 2023
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello de Ponteareas da luz verde ao proxecto de recuperación do...

    O Concello de Ponteareas da luz verde ao proxecto de recuperación do terreiro de Moreira

    O proxecto aprobado pola Xunta de Goberno Local pretende actuacións para recuperar este espazo central que ascenden a un total de 331.177 €

    O Concello de Ponteareas aprobou na Xunta de Goberno Local o proxecto de recuperación do terreiro de Moreira, a explanada nas proximidades da igrexa parroquial, utilizada tradicionalmente como lugar de reunión e de esparexemento da veciñanza da parroquia, e lugar de celebración da súa festa principal, que presenta na actualidade unha gran degradación.

    O ámbito específico de actuación está formado pola explanada do terreiro, o camiño que sobe á igrexa parroquial e ao Pazo do século XVII, o tramo de camiño que chega ao cemiterio e o linde co centro cultural situado cara a zona leste deste ámbito, ocupando unha superficie total de 1.980m². Todo este espazo está catalogado, e tamén hai varios elementos catalogados no entorno do ámbito de actuación, de modo que en cumprimento da Lei 5/2016 de 4 de maio  de Patrimonio Cultural de Galicia o proxecto require de autorización previa e vinculante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

    O centro da parroquia de Moreira, onde no seu día houbo un fermoso terreiro en torno a un centenario carballo aos pes da igrexa, é hoxe un espazo roto, cheo de tensión e dominado polo automóbil. A construción dun centro cultural fai uns anos, se ben reforzou o seu carácter de espazo central, non conseguiu resolver o deterioro do torreiro. A degradación do lugar móstrase en múltiples aspectos: o impoñente carballo foi substituído por un farol cara aos anos 70 do pasado século, que xa non ten focos; o ancheamento do camiño para converterse en praza é unha estrada ancha con mediana central e dimensións propias dunha travesía urbana; o palco, dos anos 70, está moi deteriorado e invadido pola vexetación, e o seu tamaño desproporcionado colmata case por completo a zona destinada aos peóns; unha monumental aliñación de plataneiros que marcaba o acceso ao cemiterio e que forma parte dun camiño histórico é unha fila de molestos cotóns abafada por un muro de contención de formigón; o cruceiro, destacado símbolo do lugar do século XIX, atópase engulido polos vehículos, con numerosos danos polos choques con coches; o espazo para os peóns é un baleiro que se expande e se contrae segundo o número de coches que se amorean nos seus bordes, pero sempre é residual.

    “A pesar do elevado deterioro apreciado no terreiro de Moreira, o espazo conserva un gran potencial para volver ser un espazo público de referencia no centro da parroquia, que conta con varios elementos que reforzan o carácter central do espazo dentro desta, como son a igrexa, o cemiterio, o centro cultural e incluso unha parada de autobús escolar. Para recuperar o espazo é indispensable recoñecer o papel de cada un dos actores do mesmo, redefinir os seus límites e buscar os eixos sobre os que coser os distintos fragmentos do espazo. O obxectivo que se persegue con este proxecto consiste en recuperar un espazo para uso e desfrute dos peóns, que integre tódolos elementos que o caracterizan para crear un lugar de referencia na parroquia para as celebracións, festas, reunións e encontros dos veciños de Moreira”, indicou Chus Garrote, concelleira socialista de Vías e Obras.

    As actuacións proxectadas teñen un custo de 331.177 euros e contemplan obras de urbanización tales como pavimentación, iluminación pública, saneamento, abastecemento, xardinería e mobiliario urbano, que buscan a mellora do espazo público existente. Este proxecto nace das propostas e ideas que xurdiron nos diferentes encontros que o goberno do BNG e do PSOE mantivo cos colectivos veciñais .

    Detalle das actuacións proxectadas

    1. Canalizar o tráfico rodado, reducindo e limitando o espazo afectado polo coche e recuperar o centro da praza para o peón. Proponse plantar novamente un carballo no lugar que lle foi propio, desprazando o farol á zona suroeste do ámbito. A árbore iría acompañada dun banco que se podería mover nas ocasión en que se precise ter un espazo baleiro para a celebración dalgún evento.
    2. Dotar dun novo pavimento que recobre todo o espazo. Estaría formado por unha trama de círculos de adoquín con centro no carballo. As áreas para o peón estarían acabadas cun pavimento continuo de formigón desactivado, con árido de cando rodado, e as do coche con adoquín miúdo de 5×5 cm. O adoquín e o árido de formigón serán de granito gris Mondariz, para conseguir un pavimento cunha cor homoxénea, e o mobiliario de formigón gris.
    3. Conectar a explanada do centro cultural e o terreiro para crear un único espazo maior, para o que se retranquea o bancal que delimita o entorno do centro cultural e se abre unha escalinata na súa esquina suroeste para salvar o desnivel existente entre ámbalas plataformas e deixalas conectadas. Ao separar o bancal desconxestionaranse os plataneiros e ampliarase o camiño que conecta co cemiterio. Tamén se reduce a presencia dos peches da pista deportiva para mellorar a conexión visual entre as dúas plataformas: o peche situado sobre o bancal é fixo, cunha malla de aceiro galvanizado de 10x20cm, e o peche lateral é móbil, formado por catro bastidores corredoiros de aceiro galvanizado coa mesma malla que os fixos. O peche móbil poderá despregarse cando hai eventos deportivos ou recollerse para deixar un espazo máis diáfano e aberto. O bancal é a escalinata estarán rematados con perpiaños e chanzos macizos de granito gris Mondariz.
    4. Redeseño do palco da música. A súa dimensión actual é excesiva con relación ao espazo libre e ocupa, xunto coa parada de autobús, a mellor zona para sentarse. Proponse unha reinterpretación do mesmo combinándoo cunha secuencia de bancos modulares corridos e unha pérgola recuberta de xasmín. O palco apégase ao peche da finca do Pazo, nunha posición centrada, cunha forma poligonal que é unha reminiscencia da traza octogonal, pero cunhas esquinas redondeadas. Está rodeado por un banco corrido, e o contorno de perpiaños de granito gris Mondariz apardazado do escenario inclínase 9º cara dentro para conformar o respaldo do banco. A súa altura é de 0,90m sobre o nivel do terreiro, unha altura adecuada para a dimensión do espazo e que permite evitar a varanda de protección. No extremo nordeste un dos módulos do banco sepárase para articular a parada de autobús e a escaleira de subida ao palco, e no extremo suroeste sitúase unha xardineira con arbustos e plantas aromáticas. A pérgola está formada por unha estrutura lixeira de perfiles conformados de aceiro galvanizado e unha trama de cables de aceiro. A maior parte do seu trazado é diáfano servindo de soporte á vexetación para crear un espazo en sombra, salvo a zona da parada de autobús, onde uns vidros planos aseguran a protección contra a chuvia. Coa interpretación do palco perséguese integrar nun mesmo elemento o banco, o escenario e a parada de autobús, ampliando a funcionalidade do palco como elemento organizador do Torreiro que ademais de conservar a función ligada á tradición festiva servirá para construír un espazo de estancia, cunha escaleira adecuada á dimensión do torreiro.
    5. Colonización do camiño de subida á igrexa cunha fileira de magnolias Kobus, deixando deste modo que xardín do atrio da igrexa se estenda cara o torreiro. Na entrada do atrio proponse empotrar o pavimento os tres chanzos que provocan unha barreira arquitectónica, para eliminar o chanzo e sinalar o limiar da entrada. O desnivel sálvase cunha rampla tendida dentro do xardín resolta cun pavimento orixinal, de modo que o atrio queda accesible e integrado co resto da actuación.
    6. Rehabilitación do cruceiro, recolocando a escalinata do baseamento e reparando a varanda.

    COLABORACIÓNS

    Miguel Sande, «Brinde e desespero»

    Miguel Sande está a presentar o seu novo poemario, «Brinde e desespero», co que recentemente acadou o XXV Premio Johan Carballeira. Xa falamos noutras ocasións neste mesmo espazo de como se están a diluír a cotío as xa febles liñas que separan os distintos xéneros literarios. «Brinde e desespero» é unha proba máis pois, a pesar da súa inequívoca cadencia lírica, Sande xoga a brincar con habilidade sobre as lindes da poesía para adentrarse no terreo da narrativa e darlle forma a unha prosa poética ben particular.

    Arantza Portabales, «O home que matou a Antía Morgade»

    Abad e Barroso chegaron un día para quedar, para alternar con Leo Caldas, Frank Soutelo e algúns dos outros detectives de referencia da literatura galega dos últimos anos.

    “Nigeria 70”, una trilogía para escuchar

    El Sello inglés Strut nace a finales de los 90. En el año 2008 es adquirido por el Sello !K7 Music, con sede en Berlín, Londres y Nueva York. Strut tiene como misión desenterrar las joyas perdidas del pasado de la música de baile.

    Xosé Monteagudo, «Vémonos mañá»

    Realidade e ficción conflúen na última proposta narrativa de Xosé Monteagudo, «Vémonos mañá», na que presenta o que poderiamos considerar unha dupla biografía novelada.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    81 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    41 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    6 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS