10.5 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaHomenaxe a Xela Arias este sábado na Guarda “Todalas poetas son tu...

    Homenaxe a Xela Arias este sábado na Guarda “Todalas poetas son tu e ningunha coma ti”

    Sábado 22 de maio ás 19:00h na Praza do Reló, en caso de choiva trasladase á Casa dos Alonso

    A Concellería de cultura do Concello da Guarda organiza unha completa programación de actividades en torno as nosas letras e en torno á figura homenaxeada este ano, Xela Arias.

    Xela Arias foi mestra no Instituto da Sangriña, e tralo seu falecemento o instituto mantivo viva a súa figura e a súa importancia como poeta convocando durante case unha década o Certame literario Xela Arias, cunha notable participación e calidade nos poemas seleccionados.

    O Concello da Guarda fixo un esforzo por divulgar a figura e a obra desta singular poeta, que  cultivou un estilo propio, moi persoal e algo incomprendido polos estándares literarios da súa época. Deste xeito a programación está pensada para sacar a súa obra á rúa e captar a atención dos veciños, para os  amantes da literatura e tamén para os menos lectores, para que a coñezan e descubran algunhas das composicións que esconden fermosura, misterio, inconformismo…

    Así mesmo e tendo en conta que a vinculación de Xela coa nosa vila ven pola súa docencia no instituto as actividades foron combinadas e ideadas en colaboración co Departamento de Lingua Galega do Instituto da Sangriña baixo o nome “Todas as poetas son tu e ningunha coma ti”, parafraseando un verso adicado ao seu fillo no libro Darío a Diario (1996). Igualmente contan coa participación doutros colectivos e organismos como son a Biblioteca Municipal ou a Agrupación Cultural Guardesa.

    Unha das actividades é unha exposición de poemas polos comercios da Guarda, que integra poemas da autora nos seus escaparates xerando así unha ruta literaria pola vila, sorprendendo aos transeúntes e curiosos con poemas escollidos de entre toda a súa obra.

    Outra das actividades é a lectura de poemas pública que terá lugar o sábado 22 de maio na Praza do Reló ás 19:00, e contará coa participación de alumnado e docentes do IES A Sangriña, así como integrantes da Agrupación Cultural Guardesa.

    E para rematar o último sábado do mes representarase no Centro Cultural, as 19:00h. unha proposta escénica baseada no último libro publicado por Xela Arias, Intempériome (2003), titulado “Vencerse é cousa de se tratar”. Esta proposta ten unha significación especial, xa que trátase da posta en escena dun recital que Xela estaba preparando co músico Fernando Abreu no momento do seu falecemento. Dentro do traballo de preparación previo a este recital quedaron gravados certos poemas na voz de Xela. Estas gravacións foron recuperadas por Abreu, así como o espírito do espectáculo e deron forma a esta proposta na que participan agora o propio Fernando Abreu como director artístico e músico, Mónica DeNut na lectura dos poemas, Pablo Carrera á guitarra e Roi Fernández a cargo do contido audiovisual.

    No caso dos actos públicos do día 22 e 29 de maio os eventos contan, como ven sendo habitual cun protocolo COVID-19 e é preciso anotarse cunha semana de antelación en centrocultural@aguarda.es.

    Actividades cos centros escolares

    Ademais destas actividades realizadas en torno a Xela cabe destacar a convocatoria do II Tendal de poemas que se realiza co alumnado dos centros escolares Manuel Rodríguez Sinde, As Solanas, CPR San José e Centro de Educación Especial San Xerome.

    Estes centros seleccionaron poemas dentro do amplo repertorio da nosa lingua galega e decorados sobre lenzos de roupa que están “colgados ao sol” en diferentes lavadoiros da nosa vila, concretamente os lavadoiros de A Cal, A Ribeira, Fedorento e Netos. Estes debuxos poden verse ata final de mes, sempre que a climatoloxía o permita.

    Ademais desta actividade os centros públicos da vila (CEIP Manuel Rodríguez Sinde, CEIP As Solanas, CEIP A Sangriña) realizaron unha exposición sobre Xela Arias que sepode visualizar na Praza de Avelino Vicente.

    Homenaxe do IES A Sangriña

    Pola súa banda, o IES A Sangriña preparou a súa homenaxe institucional este venres coas seguintes propostas:

    1. Descubrimento dunha praca conmemorativa cun verso escollido (por unha Comisión do IES) da autora.
    2. Adicar unha das aulas de nova creación do centro (antiga vivenda do conserxe) co nome de “Aula Xela Arias”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.