7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Deputación e o Concello de Ponteareas apostan polo rural

    A Deputación e o Concello de Ponteareas apostan polo rural

    Mellorarán o acceso a Oliveira e poñendo fin aos rodeos da veciñanza en Outeiro de Castro

    O rural de Ponteareas recibiu dous novos investimentos da Deputación, a través do Plan Concellos, que serviron para mellorar camiños en Santiago de Oliveira e Outeiro de Castro (Fozara) cun orzamento total que se achega aos 61.500 euros. As actuacións foron visitadas hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández Davila, acompañados da deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e a tenente de alcalde, Chus Garrote.

    O camiño de Santiago de Oliveira estaba en deficiente estado de conservación, polo que era necesaria a súa repavimentación ao longo dos 312 metros de lonxitude. Trátase dunha vía relativamente ancha, con 5 metros de sección, polo que a superficie total de actuación é ampla. A obra realizada, como subliñou a alcaldesa en funcións, facilita o acceso aos equipamentos centrais da parroquia. No camiño de Outeiro de Castro, na parroquia de Fozara, realizouse unha obra que cambiará a vida da parroquia. O camiño era de terra e tan só permitía o seu tránsito a pé, especialmente nun dos tramos onde apenas alcanzaba os dous metros de anchura. Así as cousas, a xente  tiña que dar un importante rodeo para o caso de ter que desprazarse en coche á casa dunha veciña ou veciño. Esta anomalía, a dun camiño que desunía máis do que unía, quedou solucionada. A obra dividiuse en dous tramos para abranguer os case 350 metros de lonxitude. Na primeira parte, cunha anchura media de 4 metros de plataforma, foi necesario realizar dúas ampliacións puntuais. Na segunda, os traballos de ensanche foron os protagonistas pois partíase do ancho mínimo.  As obras incluíron, xa que logo, muros de contención, ademais dunha recollida de augas pluviais.

    Santos Héctor  destacou que son dúas obras que facilitan moito a vida da veciñanza e na que os cartos públicos, que a Deputación reparte de maneira regrada a través do Plan Concellos, están moi ben empregados. “O cambio é espectacular porque favorece a vida da xente e conecta o que antes estaba desconectado”. O deputado volveu destacar a flexibilidade e utilidade do Plan Concellos para solucionar problemas e axudar a fixar poboación no rural. Para rematar expresou o seu cariño e estima polo alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, que vén de dimitir por problemas de saúde.

    Compromiso de colaboración entre dúas institucións

    Cristina Fernández Davila indicou que estas obras demostran o compromiso de colaboración e entendemento de dúas institucións. “Comunicamos a veciños/as que tiñan que dar unha volta enorme porque había un camiño que só servía para ir a pé”. Engadiu que agora disponse dun espazo ancho e moi humanizado neste lugar de Fozara. Ao respecto da actuación en Santiago de Oliveira explicou que reparouse  unha pista moi utilizada para ir dende a N-120 ao centro da parroquia, onde se sitúan equipamentos como centro cultural ou o campo de fútbol.

    O Concello de Ponteareas ten recibido dende o ano 2015, data do cambio no Goberno provincial, máis de 13 millóns de euros da Deputación. Nesta cantidade figuran os 1.135.727 euros deste 2021 ao abeiro do Plan Concellos, que lle van permitir acometer actuacións tan diversas como o inventario de bens municipais, adquirir vehículos para os servizos municipais e a reforma do centro municipal de servizos psicopedagóxicos Asprodico. A maiores Ponteareas está tramitando os proxectos para mellorar o seu punto limpo, así como obras de eficiencia enerxética na Casa do Concello, o complexo deportivo Álvaro Pino, a estación depuradora de augas residuais e a Escola de Guillade. Tamén no marco do Plan Concellos Ponteareas contratou nestes últimos seis anos a 217 persoas desempregadas para desempeñar servizos municipais.  Finalmente, o Concello dispuxo dunha achega extraordinaria de 421.000 euros do Plan DepoRemse para a reordenación e integración urbana da contorna da piscina e do centro deportivo Álvaro Pino.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.