Xoves, 18 Setembro de 2025

Baiona reafirma a súa aposta pola mellora de infraestruturas municipais cun investimento de máis de medio millón de euros

0

As actuacións para financiar este ano en Baiona a través da liña uno do Plan Concellos da Deputación xa están decididas. O Goberno que preside o socialista Carlos Gómez, investirá un total de 587.342,89 € en distintos proxectos entre os que se atopan os grandes investimentos que levarán a cabo ao longo do ano no municipio.

Así destaca o proxecto de mellora no barrio da Percibilleira, que supoñerá un investimento 186.184,55 euros e, desta forma, aténdese ás demandas dos veciños e veciñas da zona tras anos de desatención destas infraestruturas públicas “a pesar dos evidentes síntomas de esgotamento de vida útil das mesmas”, sinala o Concello. O actual equipo de Goberno comprometeuse a levar a cabo os traballos na zona que conlevarán á substitución das redes de saneamento, distribución de auga potable e renovación de asfaltados na vía principal de acceso ao barrio.

Así substituiránse as redes de subministro na rúa Fontiñas e na rúa Percibilleira. Ademais, tamén se repoñerá a rede de abastecemento naqueles tramos que sexa necesario debido á execución de novas canalizacións e tamén se fará unha reposición do firme que se atopa en mal estado. En total, actuarase nunha superficie total de case 3.000 metros cadrados.

O concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, adianta que, nos vindeiros meses, o Concello “poñerá en marcha un gran número de obras civís por un importe superior ao medio millón de euros, que van permitir mellorar a rede de saneamento, a rede de abastecemento, así como a seguridade viaria e o asfalto de principais vías de acceso en distintas zonas do municipio”.

“Como anunciamos –explica o alcalde Carlos Gómez– queriamos poñer en marcha un plan de investimentos en obra pública para actuacións necesarias para o noso municipio e estas futuras intervencións son exemplo do noso compromiso por mellorar as infraestruturas da localidade”.

Gómez asegura que se realizou “un traballo intenso percorrendo as parroquias para coñecer de primase man as necesidades de actuación”.

Ás obras de mellora na Percibellieira sumaranse actuacións de reposición do firme nos viais da Serralleira en Santa Cristina da Ramallosa, o que supón un investimento de 133.191, 37 euros. Este tipo de obras de asfaltado tamén levarán a cabo en diferentes rúas da localidade: na zona dos Tendales, no centro da localidade, para o que se destinaron 109.589,29 euros ou na estrada da Granxa en Belesar por 49.150, 76 euros.

Tamén esta prevista unha actuación no Camiño Urgal ( na zona dá Figueira) en Belesar onde se alargará a calzada e mellorarase o firme, o que supoñerá un investimento de máis de 60.000 euros. Así mesmo, no Camiño Cachouza ( Urgal) tamén esta previsto o arranxo do camiño e do asfaltado, investimento de 23.398, 79 euros.

Trátanse de viais, camiños ou estradas que son moi utilizados por numerosos residentes en distintos barrios e núcleos poboacións de Baiona.

En Santa Cristina da Ramallosa rehabilitarase o arranxo do paseo de madeira e da ponte situada na Avenida Foz do Miñor cun investimento de máis de 25.000 euros.

Para realizar todos estas obras de mellora, sacarase a licitación un paquete para cada unha das obras polo valor estimado, que inclúe numerosas actuacións repartidas por distintas zonas e barrios de Baiona.

“Estas obras contribúen a mellorar as infraestruturas públicas de Baiona e o mantemento e desenvolvemento sostible das distintas zonas do municipio, poñendo en valor a súa contorna e axudando a consolidar o tecido poboacional do noso municipio”, finaliza o rexedor.

Infancia e maiores do proxecto ‘Atinando Recordos’ de Mos, coñécense en persoa logo dun ano carteándose

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, as concelleiras mosenses de Educación e Política Social, Julia Loureiro e Sara Cebreiro, respectivamente, e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, xunto coa coordinadora do Centro de Día de Mos e deste proxecto, Diana Rodríguez, en representación da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, asistiron esta onte ao acto celebrado no Centro Dotacional de Torroso de encontro entre os participantes do proxecto ‘Atinando Recordos’.

Os participantes protagonistas do acto foron os amigos por correspondencia deste proxecto que naceu durante o confinamento e que son: os cativos de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Atín e os maiores usuarios de AFAGA.

Depois de máis dun ano carteándose, pequenos e maiores por fin puideron coñecerse en persoa, e intercambiar en man a última carta antes das vacacións escolares de verán.

Son un total de 41 alumnos os que contactan de forma mensual cos maiores de AFAGA, e a través das cartas vanse coñecendo e construíndo lazos de unión. Esta é una actividade entrañable que permite traballar aspectos tan importantes como a empatía, o cariño, o respecto… o que se convirte nunha experiencia inesquecible para ambas partes.

[su_image_carousel source=”media: 39340,39341,39342,39343,39344,39345,39346,39331,39333,39335,39336″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O CEIP de Atín conta cun buzón no centro para darlle visibilidade ao proxecto e para que o alumnado poida depositar e recoller as súas cartas.As mestras de 5º e 6º de Primaria responsables de este proxecto son Joana e Fani.

Esta iniciativa ten dous obxectivos principais: fomentar a estimulación cognitiva das persoas que teñen alzhéimer ou outra demencia, e estreitar lazos de unión entre nenos e maiores, fomentando valores como o respecto e o agarimo cara aos avós e avoas. Os usuarios e usuarias que participan neste proxecto son as persoas que reciben estimulación nos centros de AFAGA. Cada maior ten asignado un alumno ou alumna do colexio de Atín, e entre eles se cartean, é dicir, sempre é o mesmo neno/a que escribe a un mesmo avó/a e viceversa. Desta forma hai continuidade nas historias e mellores resultados a nivel terapéutico.

Diana Rodríguez, traballadora social de Afaga e coordinadora do proxecto, explica que “a través das cartas, os maiores esfórzanse por atopar na súa memoria eses recordos pasados, esas anécdotas, os xogos, as tradicións, para poder contarllas ao seu alumno ou alumna. Así traballan a memoria e sérvelles de estimulación cognitiva e funcional, xa que son eles mesmos quen escribe as cartas a man”.

Pola súa banda, Joana Pereiro, profesora de quinto de Primaria e responsable do proxecto por parte do CEIP, sinala que a finalidade é “poñer en valor aos nosos maiores, facendo que os alumnos se interesen por coñecer o seu pasado achegándoos así ás nosas tradicións. Os nenos poderán aprender como xogaban antigamente, como era o ensino, as festas, mesmo o seu propio pobo. Cremos que é importante unir a estas dúas xeracións, e xa que o momento actual obrigounos a distanciarnos fisicamente, isto é unha forma de poder achegalos. Ademais, con este proxecto poñemos en marcha un costume cada vez máis en desuso, comunicarse por carta, a emoción de escribilas e recibilas”.

A Alcaldesa Nidia Arévalo, felicitou na súa intervención ás mestras, ao director de Atín, Armindo Lorenzo, que deixa o centro este curso, aos cativos e a AFAGA tanto pola excelente iniciativa, como por que se manteña no tempo.

Tanto os nenos e nenas como os maiores mostráronse moi emocionados no intercambio en persoa de hoxe, que esperaban con moitísimo entusiasmo, xa que puideron coñecer en persoa ao seu amigo/a por correspondencia.

O Concello de Redondela remata as obras de mellora e ensanche do camiño Val do Muíño na parroquia do Viso

0

O Concello de Redondela deu por rematadas, esta semana, as obras de ancheado e mellora que se realizaban no camiño Val do Muíño, na parroquia do Viso. Trátase, segundo apunta o concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, “dun camiño que da servizo a numerosas vivendas e que se atopaba en malas condicións, tanto polo estreito da vía como polo estado do firme”.

Para poder anchear o camiño e minorar a afección a parcelas privadas, realizáronse muros de contención de entre 1,50 e 4,5 metros de altura que se situaron a 4 metros do eixo da vía.

Para mellorar a capa de rodadura estendeuse unha capa de asfalto de 6 centímetros de espesor sobre unha capa base de zahorra artificial de 25 centrímetros. Tal e como sinala o proxecto, naquelas zonas que foron gañadas mediante muro de contención, as capas de base do firme substitúense por unha capa de formigón de 18 centímetros sobre a que, posteriormente aplicouse a capa de rodadura.

Todas estas actuacións permitiron que o camiño teña un ancho medio de plataforma de 5 metros, o que garante a seguridade viaria dos vehículos que circulen pola zona.

Cómpre subliñar que unha rede de augas pluviais que discorre por parte do camiño Val do Muíño, desaugaba nun punto intermedio nun camiño de servizo que o deixaba impracticable, polo que foiprecisa a realización dun colector con tubaxe de PVC SN4 de Ø250 de parede compacta, ao longo de 13,00 metros lineais, para desaugar na canle existente.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou a importancia da obra realizada que da resposta á unha vella demanda veciñal “que carecía dun camiño en condicións e que dificultaba os desprazamentos”. A rexedora local adiantou que a mellora das comunicacións internas do municipio “son prioritarias para este Goberno. Non se pode falar de desenvolvemento, de cohesión territorial e de integración dos núcleos rurais, se non se dispón dunhas estradas e camiños en condicións”.

As obras contaron para a súa execución cun investimento de 49.617,38 euros asumidos na súa integridade pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2020

A Xunta ‘castiga’ á Guarda rexeitando a execución do acceso sur ao porto “unha infraestrutura fundamental para o futuro”

0

A deputada socialista Leticia Gallego censura que a Xunta rexeite executar o acceso sur ao porto da Guarda cando “é unha infraestrutura fundamental para o futuro” da vila. Fíxoo, onte, logo de que a Dirección Xeral se posicionase ao respecto ante unha pregunta do Grupo Socialista na Comisión de Infraestruturas do Parlamento.

“Que non se realice este proxecto a quen prexudica é principalmente aos mariñeiros, as redeiras e a veciñanza da Guarda”, sentenciou a socialista, quen cualificou de “agravio” con respecto a outros concellos nos que si se están facendo novas infraestruturas. “Pedimos igualdade e equidade para todos os concellos de Galicia, independentemente da cor política do seu alcalde ou alcaldesa”.

Así, “con esta nula política en investimento en obra pública normal que non se realicen as centos de infraestruturas pendentes nos concellos galegos”, lamentou a dirixente socialista, quen sinalou que “esta é gran política que fai o goberno de Feijóo en Galicia” cando “non lle importa a nosa terra nada”, xa que “só se inviste nos concellos do PP”.

Por iso, reclamou a realización de proxectos de infraestruturas “para todos os concellos”, logo de coñecer que a Axencia Galega de Infraestruturas investiu 8,4 millóns de euros en concellos do Partido Popular, fronte a 280 mil euros dedicados a concellos dirixidos por rexedores ou rexedoras do PSdeG. “Isto é unha discriminación que afecta a moitísimos concellos da nosa terra e é unha vergoña”, censurou.

No caso específico da Guarda, a responsable socialista alertou de que o seu porto pesqueiro “carece dunha vía de comunicación aceptable coa estrada PO-552” que é a vía de entrada e saída á localidade, “o que dificulta moito o tráfico de vehículos, especialmente os pesados”.

Por último, Gallego urxiu a que esta infraestrutura se financie “dende diferentes administracións”, xa que o Concello da Guarda “por si só non pode capitalizar a obra”, polo que debería ser “unha administración supramunicipal, como a Xunta de Galicia, a que o faga”. “O orzamento medio total acadaría, de forma aproximada, os 2,4 millóns de euros, “un custe que se agarda sexa asumido conxuntamente”.

O pleno infantil de Ponteareas aborda o acoso escolar, un dos temas que máis preocupa nas aulas

O Concello de Ponteareas acolleu unha nova sesión presencial do Pleno Infantil presidida pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, acompañada polo concelleiro de Mocidade e Deportes, Miguel Bouzó, e na que participaron seis centros educativos de primaria e secundaria do municipio. As e os representantes do CEIP Nosa Señora dos Remedios, CPR La Inmaculada, CPR Santiago Apóstol, CEIP Feliciano Barrea, IES Val do Tea e IES Barral abordaron nesta ocasión un dos temas que máis preocupa nas aulas, o acoso escolar.

“Por desgraza a palabra bullying está de moda debido aos innumerables casos de persecución e de agresións físicas, verbais, psicolóxicas e sociais que se están a detectar en colexios e institutos e que están a levar a moitos escolares a vivir situacións verdadeiramente aterradoras. Este pleno sírvenos para coñecer o voso punto de vista sobre este tema e como credes que podemos afrontalo, previlo e evitalo”, destacaba a concelleira.

[su_image_carousel source=”media: 39355,39354,39352,39351″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Durante o pleno os centros participantes abordaron cuestións como a importancia de denunciar as situacións de agresión, tanto propias como alleas, ou o acoso escolar a través das redes. Así, mentres algúns dos centros analizaba as estatísticas e detectaba o punto de inflexión no que o ciberacoso se disparaba, outros sinalaban como este tipo de acoso se disparou no último ano, no que a pandemia obrigou a rapaces e rapazas a comunicarse entre eles na maior parte dos casos a través das novas tecnoloxías.

Todas e todos os participantes quixeron facer fincapé nas posibles solucións para acabar cunha problemática que afecta de forma integral a menores, familias e centros escolares. Tamén propuxeron a creación dunha caixa anónima de denuncias, realizar campañas de concienciación social, dotar aos centros educativos de ferramentas, fomentar a intelixencia emocional ou establecer consecuencias firmes para as e os agresores, como os traballos sociais. E sinalaron o programa antiacoso que se está a seguir en Finlandia como un exemplo a ter en conta. Ademais, durante o pleno tamén repasaron os tipos de acosos escolar que se están a dar, as nefastas consecuencias para a persoa que o sufre e a orixe das situacións de bullying.

A concelleira Verónica Carrera aproveitou o pleno para recoñecer o labor de todos os centros escolares no distintivo outorgado que recoñece a Ponteareas como Cidade Amiga da Infancia, “algo que non teriamos acadado sen o voso traballo”. Pola súa banda, o concelleiro de Mocidade e Deportes deu resposta a todas as preguntas e suxestións plantexadas polos distintos centros relacionadas con diversos eidos da realidade municipal, dende a programación estival para infancia e mocidade ata as obras ou o transporte.

Areeiro aconsella aplicar un novo tratamento contra o mildio nas viñas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que volve recomendar ás persoas viticultoras a aplicación de tratamentos en canto a situación meteorolóxica se estabilice ante o alto risco de propagación do mildio. Neste senso, o persoal técnico da EFA aconsella aplicar un funxicida de acción preventiva, curativa e erradicante, amais de seguir revisando intensamente as viñas nestes días.

Altísimo risco de enfermidades

Aínda que a situación do avance da enfermidade nas viñas revisadas esta semana é moi dispar, con predios completamente libres de mildio e outros relativamente atacados, desde Areeiro subliñan que as condicións meteorolóxicas dos últimos días de humidade e temperaturas nocturnas mínimas altas, unidas as predicións para as vindeiras xornadas, van seguir sendo favorables ao desenvolvemento da citada patoloxía, polo que é necesario realizar os novos tratamentos.

Doutra banda, o aviso refírese tamén ao oídio e recomenda así mesmo o control das viñas ante a aparición de posibles síntomas da enfermidade, debido ao actual momento fenolóxico de máxima vulnerabilidade do acio. No caso do black rot, nas inspeccións realizadas non se detectou avance desta patoloxía, pero o persoal técnico da EFA recomenda tamén unha vixilancia desta enfermidade nas próximas revisións que se fagan aos predios.

Así mesmo, Areeiro alerta do risco de aparición da botrite naquelas zonas que teñan danos por sarabia e, nestes casos, ecomenda ás persoas viticultoras que se van realizar un tratamento fronte ao mildio, procuren que o funxicida leve tamén unha materia activa que protexa fronte a este outro fungo. Por último, no que se refire a outros parasitos da viña, nas revisións realizadas detectouse un lixeiro aumento de cicadelidos e máis síntomas de erinose de verán.

Doutra banda, desde a Estación Fitopatolóxica sinalan que de momento non é necesario facer tratamentos contra a bolboreta do buxo, malia terse producido o nacemento das primeiras eirugas.

Focos de infección nos acios

O Concello de Gondomar abre o prazo de solicitude de praza para o comedor escolar no curso 2021/22

0

O rexedor Paco Ferreira lembra que, “a pesar de solicitar en varias ocasións á Consellería de Política Social a asunción deste Servizo, deberemos esperar un ano máis segundo o seu compromiso adquirido con Gondomar”. Por esta razón “asumimos esta responsabilidade para atender as necesidades da nosa veciñanza este curso académico 2021-2022”.

O custo do menú diario – que inclúe tamén o servizo de monitores/ as- será de 4,14 euros por usuario e as axudas estarán destinadas a nenos e nenas matriculados/as nun dos centros públicos de ensino de Gondomar nos niveis de Educación Infantil e Primaria.

App COLECHEF

Co fin de facilitar a información aos proxenitores e mellorar o sistema de atención poñerase en marcha a aplicación “Colechef”, unha app de obrigatoria instalación “para a comunicación coa empresa que se encarga do servizo de comedor”. Trátase dunha ferramenta útil “para informar os pais e nais en tempo real e de forma personalizada para cada colexio respecto as prestacións do servizo de comedor.”

“Queremos que os usuarios do comedor poidan ter un coñecemento directo de que servizo e menús préstanse aos seus pequenos/as, así como poñer ao seu alcance un medio para solucionar posibles dúbidas”, afirma o alcade Paco Ferreira.

Prazo reserva de prazas

O prazo para presentar a solicitude das axudas para o comedor escolar abrirase entre os días 21 de xuño e 9 de xullo, para o alumnado que acuda ao comedor a semana completa ou semanas alternas. Entre os día 20 e 28 de setembro, abrirase o segundo prazo dirixido a aqueles que acudan polo menos dous días á semana.

En ambos os casos, como no das familias en situación de vulnerabilidade, deberán presentar os anexos e a documentación correspondentes (que poden descargarse na web www.concellodegondomar.gal) non Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica.

A Escola de Música de Xinzo celebra a audición de fin de curso

O vindeiro sábado 26 de xuño a Escola de Música de Xinzo pecha o curso escolar 2020/2021 coa Audición de Fin de Curso. O acto terá lugar no auditorio do Centro Cultural de Xinzo ás 19:30 h da tarde.

Na audición participarán alumnos de diferentes modalidades tanto en interpretacións solistas como grupais. O peche correrá a cargo da Banda de Música Infantil da Escola coa última actuación da tarde.

Aínda así, desde a Escola non esquecen que a situación aínda se atopa limitada pola pandemia sanitaria. “Tomaremos todas as medidas necesarias para garantir a seguridade da audición”, sinalou Francisco Jesús Represas Carrera, presidente da  agruapción, asegurando que o aforo no auditorio será dun 50% e o uso de máscara, obrigatorio.

Volven as rutas guiadas no Rosal polos muíños do Folón e do Picón e a Senda dos Pescadores

0

O Concello do Rosal volve traer este verán unha proposta de lecer para desfrutar da natureza coñecendo un pouco máis o patrimonio cultural e etnográfico do municipio. Deste xeito, durante os meses de xullo e agosto organizaranse un total de 26 visitas guiadas polos muíños do Folón e do Picón e pola Senda dos Pescadores que se dividirán en tres modalidades diferentes, unha delas dirixida a público familiar.

As persoas interesadas poden inscribirse xa nas:

Son todas rutas homologadas para grupos reducidos nas que as persoas participantes coñecerán estes recunchos do Rosal da man dun guía especializado e acreditado pola Xunta de Galicia. Para garantir as distancias de seguridades entre asistentes e cumprir con todos os protocolos de prevención, os grupos estarán limitados a 15 persoas. Recoméndase levar calzado cómodo e unha botella de auga e o uso de máscara será obrigatorio.

As rutas terán un custe de 2 euros por persoa e todas as persoas interesadas deberán inscribirse previamente na web municipal, incluídos os menores, que tamén deben pagar e facer a pertinente inscrición. As persoas interesadas poderán reservar a súa praza ata dúas horas antes do inicio da ruta e abonar o prezo do banco. A reserva só será válida unha vez sexa efectuado o pago e, para maior seguridade, é obrigatorio levar o ticket de reserva e o xustificante de pago.

Información turística

As medidas preventivas para evitar o contaxio da COVID-19 desaconsellan tanto a presenza de público en espazos reducidos como o reparto de material informativo en papel, polo que o Concello do Rosal decidiu non abrir ao público de novo este ano a oficina de turismo situada ao pé dos muíños do Folón e do Picón. A información estará dispoñible en paneis informativos ao longo da ruta, que conta con sinalización vertical con toda a información relevante, con diferentes zonas nas que a través dun código QR poden visualizarse vídeos ou obter información sobre diferentes puntos do sendeiro. Toda esta información tamén pode consultarse na páxina web municipal.

‘Tras as Ameas’ e ‘Música no Ar’ dúas propostas da Deputación con máis de 23 espectáculos en todas as comarcas

A Deputación de Pontevedra dá hoxe o pistoletazo de saída a dúas das grandes propostas que, no marco da programación Aviventa, vai desenvolver este verán para seguir a espallar cultura en vivo por todas as comarcas da provincia. Os programas Tras as Ameas e Música no Ar incluirán un total de 23 espectáculos e, como subliñou a presidenta provincial Carmela Silva, levarán as actividades culturais de novo aos castelos de Soutomaior e Sobroso, así como aos espazos patrimoniais máis singulares dunha decena de concellos.

Click para ampliar

“Somos a administración da provincia que máis aposta pola cultura –subliñou– e que ten máis presencia e unha mirada global, porque apoiamos todas as disciplinas culturais e, de forma particular, pola presencia das mulleres nas nosas iniciativas”.

Carmela Silva, que presentou as iniciativas xunto á deputada Victoria Alonso, e a directora de Cultura, Paula Cabaleiro, lembrou o grande éxito que tiveron as iniciativas levadas a cabo o pasado verán tanto nos castelos como os espazos singulares escollidos para Música no Ar, que se “encheron na súa totalidade e para os que houbo unha gran lista de agarda” e que animaron á institución provincial a seguir apostando nesta liña de actuacións. En concreto, Música no Ar volverá levar a música clásica contemporánea a espazos patrimoniais relevantes dos concellos da Estrada, Tui, Pontecesures, A Lama, A Cañiza, Cambados, Gondomar, Cangas, Silleda, Mondariz, así como ao Castelo de Soutomaior e neste senso, Carmela Silva quixo poñer de relevo que o Goberno provincial leva as súas propostas aos concellos “goberne quen goberne; iso o coidamos moitísimo en todas as nosas actividades”. Doutra banda, Tras as Ameas ofrecerá un programa de actividades multidisciplinares que se desenvolverán nos castelos de Soutomaior e Sobroso. Aínda que este último inmoble está no proceso de musealización, os espectáculos terán lugar nos espazos exteriores.

Música no A”

No caso de ‘Música no Ar’, que contará con 11 espectáculos, os escenarios serán mosteiros, pazos, castelos e conxuntos patrimoniais e os protagonizarán pequenas agrupacións, a maioría de instrumentación clásica e que incorporan sons e repertorio contemporáneo e xogan ás veces co audiovisual.

As actuacións comezarán o 1 de xullo con Javier Otero Neira (piano e sintetizadores), e Rubén Iglesias (baixo eléctrico e sintetizadores) nos xardíns do Pazo de Oca da Estrada. Posteriormente, o venres 16 actuará Ana Belén Rodríguez Trío (Ana Belén Rodríguez, piano; Noelia Álvarez, voz, e Kiri Cabaleiro (gaita, frauta e percusión) na praza de San Fernando de Tui; o sábado 17 o fará Vertixe Sonora (Pilar Fontalba, oboe; Jesús Coello, fagot, e Rubén Coello, guitarra eléctrica) no Espazo Cara a Ría de Pontecesures e o día 23, Clara Pino (arpa e voz), e Pablo Vidal (contrabaixo) no exterior da igrexa de San Martiño de Berducido, en A Lama.

No mes de agosto, a programación chegará o día 8 á Praza Maior da Cañiza, con Samudra Trío (Laura Lorenzo, frauta; Jimena Andión, cello, e Yamini Teresa Prabhu, piano) e o día 22, aos xardíns da praza de Fefiñáns de Cambados con Estefanía Cereijo (piano) e Esperanza Mara (soprano). E xa en setembro, as actuacións arrancan o día 5, con Suelen Estar Quartet (Elena Vázquez, violín; María José Pámpano, viola; Macarena Montesinos, cello, e Saúl Puga, contrabaixo) no Pazo Conde de Gondomar e continuarán o día 9 con Pulso Ensemble (Sara Méndez, saxofón; Pablo Paz, batería e percusión; María Domínguez, piano e teclados, e Pedro González, violín e proxección multimedia) nos xardíns do Castelo de Soutomaior.

Así mesmo, a praza da Igrexa de Santo André en Hío en Cangas acollerá o venres 10 de setembro o concerto de Raíces Aéreas (Luis Martíns, arpa electrónica, e Mónica de Nut, voz), e o Mosteiro de Carboeiro de Silleda o día 11 a actuación de Brais González (piano), e Beatriz Arenas (soprano). “Música no Ar” terá o seu punto e final o día 18 con Odaiko Percusión na praia fluvial do Val en Mondariz. A información de todas as actuacións figura na web da Deputación e en todos os espazos destes concellos o acceso para os concertos será libre ata ocupar o aforo, excepto en Cambados e Gondomar, para os que se deberá reserva previa nos enderezos electrónicos [email protected] e [email protected] e as persoas interesadas poden facelo desde hoxe. No caso do o concerto do 9 de setembro no Castelo de Soutomaior hai que reservar praza no correo [email protected] e tamén está aberta inscrición.

Tras as Ameas

Esta programación ofrecerá 12 espectáculos de todas as disciplinas artísticas nos castelos de Soutomaior e Sobroso, agrupadas en diversos ciclos: Noite nos Castelos (accións multidisciplinares nocturnas), Música con Historia (concertos de música para público familiar), Nin Príncipes nin Princesas (contacontos), O Teatro vén de Visita (accións escénicas de rúa), Creando no Xardín (obradoiros participativos de arte), Vaia Circo este Castelo (espectáculos de circo no exterior) e Entre Muros de Maxia (maxia). As actividades arrancan este mes de xuño, o día 30, con circo, danza e acrobacias no Castelo de Soutomaior, a cargo da compañía Su.Ma e o seu espectáculo Ikigai.

Posteriormente, no mes de xullo terán lugar en Sobroso as actuacións de Píscore (concerto con fusión) o día 8 e a gala de circo con Culturaactiva o día 22, mentres que en Soutomaior actuarán o mago Pedro Volta (día 15) e a compañía Tilitrate co espectáculo multidisciplinar Está de grelo (día 29). Doutra banda, en agosto haberá en Soutomaior contacontos con Aldaolado o día 5 e o obradoiro familiar con Pilar Alonso o día 19, mentres que en Sobroso estará o Mago Paco o día 12 e celebraranse obradoiros para toda a familia con Taller Abierto o día 26. Xa en setembro, haberá en Soutomaior acción escénica con Teatro Ghazafelhos, que representará A illa sen tesouro o día 1, e música con historia no espectáculo Asdomare, a cargo de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, o día 29, mentres que en Sobroso terá lugar a sesión de contacontos con Caxoto. A trastenda dos contos o día 8. Hoxe venres ábrese a inscrición para as actividades a través do formulario que as persoas interesadas poderán atopar na páxina web (www.depo.gal).

ADAPTA mellora o seu servizo de fisioterapia para persoas con discapacidade

No ano 2010 Adapta –Asociación de Persoas con Discapacidade do Condado e A Paradanta– puxo en marcha un Servizo de Fisioterapia dirixido ás persoas con discapacidade dos concellos que forman parte das dúas comarcas. Este tipo de terapia física, explica a Asociación, ocupa un lugar moi importante na atención a persoas con discapacidade física dado que o seu obxectivo “é promover, manter e aumentar a súa calidade de vida das persoas con discapacidade”.

Durante estes anos, este servizo consolidouse como un servizo de referencia entre o colectivo xa que a fisioterapia é especialmente útil para persoas que sufriron unha lesión ou que teñen problemas de saúde causados por una enfermidade, unha afección o unha discapacidade, chegando a ser un elemento clave.

No que vai de ano están sendo atendidas no Servizo de Fisioterapia de Adapta un total de trinta e dúas persoas con discapacidade en diferentes intensidades, polo que foi necesario reforzar o Servizo co incremento das horas de atención. Isto foi posible a través da convocatoria de subvencións destinadas a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo a asignación tributaria do 0,7% do IRPF a cal é xestionada dende COGAMI.

A través desta convocatoria subvencionáronse 5.000 € dirixidos a incrementar as horas de prestación do servizo de Fisioterapia para persoas con Discapacidade de Adapta, que xunto cos 15.000 € concedidos pola Fundación Once e as aportacións das persoas usuarias é posible facer fronte a totalidade dos custes do servizo .

O servizo esta en activo de luns a venres durante todo o ano e vai dirixido as persoas con discapacidade.

As instalacións municipais da Cañiza contará cun sistema de alarmas e video vixilancia

0

Esta mañá o alcalde da Cañiza, Luis Piña, anunciou que se está tramitando o expediente administrativo para implantar nas instalacións municipais un sistema de alarma e videovixiancia máis eficaz dotado dos últimos avances tecnolóxicos neste eido, co obxectivo de protexer e velar polos bens do Concello. 

“Foi necesario adoptar esta medida debido ao incremento das entradas non autorizadas e roubos perpetrados no parque de maquinaria e no punto limpo”, indicou o rexedor.

Luis Piña manifestou a súa preocupación polos roubos sufridos nas instalacións do parque de maquinaria e no punto limpo polo que resulta necesario reforzar a seguridade neste e outros edificios municipais para que accións como éstas non se volvan a repetir.

Este sistema se seguridade se instalará no parque de maquinaria, no edificio multiusos, punto limpo e complexo deportivo. Ademáis na Casa do Concello se instalarán dúas cámaras dentro e fora do edificio.

O novo sistema sustituirá ao anterior que viña costando mensualmente 548,13€uros. Ademáis de incorporar máis cámaras en máis instalacións, as grabacións das imaxes aloxaranse na nube para que non se poidan perder e todo por 552,97€uros ao mes.  

Ábrese un novo prazo de inscrición para o Campamento de Verán “Igual É +” de Tui

0

Até o próximo mércores, 23 de xuño, ás 14 h está aberto un novo prazo inscrición para o Campamento de Verán “Igual é +” Tui 2021. A existencia de prazas vacantes levou ao concello a abrir este novo. Hoxe mesmo publicouse na web municipal www.tui.gal a listaxe cos nenos e nenas admitidos nas dúas quendas establecidas.

Agora os participantes admitidos deberán solicitar a carta de pago do campamento presencialmente no departamento de Tesourería ou no correo [email protected], e efectuar o pago dos 30,56€ por participante e quenda.

As novas inscricións realizaranse cubrindo a documentación requirida, e a admisión realizarase por orde de entrada no rexistro do concello até completar o número de prazas dispoñible.

O martes 29, ás 20.30 horas, no novo pavillón deportivo municipal de Tui, realizarase unha reunión informativa cos/as pais/nais/titores/titoras das persoas participantes, mantendo as medidas de seguridade establecidas en materia de Covid-19.

Gondomar súmase á iniciativa #LuzPorlaEla en apoio á investigación da enfermidade

0

O consistorio gondomareño tinguirase un ano máis de verde, sumándose así aos máis de 210 municipios españois que secundan esta reivindicación, cada 21 de xuño, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).

Súmase así Gondomar a esta iniciativa promovida pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica co fin de visibilizar a situación dos enfermos do ELA, enfermidade da que se diagnostican anualmente 3 casos, o mesmo número de persoas que falecen tras padecela durante anos.

“As administracións en particular, e a sociedade en xeral, debemos implicarnos nestas medidas e obxectivos. Nestes tempos de pandemia demostramos a nosa capacidade e unión, e así debemos seguir apoiando a demanda de máis investigación e innovación en torno ao ELA, para coñecer a súa orixe, diagnóstico e, se é posible lograr unha cura”, manifestou o rexedor Paco Ferreira.

Por último, lembra que con #LuzPorlaEla se quere render unha homenaxe non só aos enfermos se non tamén a todos os seus familiares e coidadadores, así como as diferentes asociacións que diariamente loitan por facer oír e garantir os seus dereitos e e facilitar unha calidade de vida digna a quen padece a ELA.

Oia acolle esta fin de semana a XI edición “A Emoción dos Viños”

0

Oia converterase esta fin de semana no mellor lugar para sentir “A Emoción dos Viños”, coa celebración da undécima edición dun evento que cada ano reúne a adegas de diversos territorios. Tras desenvolver a súa edición do ano pasado no municipio oiense, este punto de encontro arredor da cultura do viño repite localización en 2021.

Organizada pola Asociación para a Emoción dos Viños, o evento conta coa colaboración do Real Mosteiro de Oia, lugar no que se celebrarán as dúas xornadas de actividade, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Oia.

A cita será este sábado e domingo no Mosteiro de Oia, “un escenario impresionante para viños fieis aos seus terroirs diferenciados: riqueza de matices, castes, paisaxes, tradicións e culturas nun espazo onde chegar á emoción, con sensibilidade e identidade. Viños sen complexos nin prexuízos, estimulantes do espírito, con pracer, levándonos así á emoción”, explican desde a organización do evento.

Na súa edición de 2021, “A Emoción dos Viños” presentará proxectos vitivinícolas cos alicerces da emoción. Trátase de iniciativas que tentan espallar por todas as terriñas do país o cultivo da vide desde o respecto pola terra e a súa contorna, bastións contra o abandono rural, elaborando viños que reflicten con autenticidade e creatividade o seu lar.

Sábado e domingo

O evento desenvolverase na súa maior parte ao aire libre, nos xardíns e no claustro do mosteiro, e seguindo as máis estritas medidas de seguridade e hixiene. Haberá entradas limitadas para cumprir coa normativa presente no que respecta á covid-19.

O horario será partido, o sábado e o domingo de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. O prezo da entrada é de 15 euros para unha xornada e de 25 euros para as dúas. As persoas asistentes recibirán unha copa serigrafiada coa que poderán degustar todos os viños. Ademais, instalarase unha tenda para todas as persoas interesadas en adquirir algunha botella.

O alcalde de Baiona solicita á Xunta actuacións nos centros educativos

0

O alcalde de Baiona solicita á Consellería de Educación da Xunta de Galicia que acometan as reformas demandas desde hai anos nos colexios de Baiona.

Así o reivindica o rexedor, tras manter unha reunión con representantes das Anpas de varios destes centros e da deputada autonómica Leticia Gallego.

Respecto diso, lembrou que os centros reclaman máis investimentos e o arranxo de infraestruturas que están en situación de deterioración provocada polo uso e a inadecuación funcional ás esixencias educativas actuais e á normativa vixente.

O Alcalde demanda varias reparacións no colexio Fontes-Baíña, como o cambio de portalón de acceso, a instalación dunha potabilizadora, a mellora da iluminación ou o peche dunha das fachadas do pavillón escolar. Tamén reclama a adecuación dos vestiarios e os servizos de Educación Infantil no colexio de Belesar, así como a substitución do valado do recinto, e “un patio en condicións”.

Para o colexio de Sabarís, pediu o arranxo “urxente” da cuberta, o peche de fachadas do pavillón, “que filtra auga” e que “supón un enorme prexuízo para o alumnado”. No caso da escola infantil Ou Areal, Carlos Gómez explica que está pendente un investimento de 250.000 euros “desde hai anos”, para acometer a ampliación e a mellora das instalacións.

“Desde o Concello de Baiona volveremos reivindicar tanto a través da Jefactura Territorial de Educación como á propia Consellería estas actuacións tan necesarias nos nosos centros educativos para que as contemplen nos novos orzamentos da Xunta de Galicia previstos para o mes de novembro”, finaliza o alcalde.

Vespa velutina: que debes saber?

0

A Vespa velutina, é unha especie procedente de Asia catalogada en España como especie invasora. Trátase dunha especie que pode ocasionar danos na apicultura, na agricultura e no medio ambiente xa que ataca ás colmeas matando ás abellas melíferas e provocando o descenso da poboación das especies polinizadoras, moi importantes para a produción agrícola.

O risco para a saúde humana é o mesmo que o xerado por calquera outra avespa xa que non son máis agresivas que as avespas autóctonas e só atacan cando se ven ameazadas, polo que é importante manterse a máis de 5 metros do niño.

A época de trampeo vai de febreiro a maio, durante a fase de construción e actividade do niño primario. O mellor lugar para colocar as trampas son os camelios, que están en flor entre febreiro e maio e atraen á avespa asiática. Pódense facer trampas caseiras e existen numerosas receitas de líquido atraínte para atrapar a exemplares desta especie.

O máis importante para combater a presenza da Vespa velutina é a súa identificación e diferenciación doutras especies autóctonas. A avespa autóctona máis similar é a Vespa crabro. A Vespa velutina ten o corpo negro a excepción do cuarto segmento abdominal que é de cor amarelo, a súa cabeza é negra e alaranxada e as patas son amarelas. A Vespa crabro, sen embargo, posúe o abdome maiormente amarelo salvo o primeiro segmento e parte do segundo que son negros e o tórax, a cabeza e as patas son de cor marrón-pardo. En caso de localizar un niño de Vespa velutina non se acheguen a el a menos de 5 metros e comuníqueo ao 012.

Ponteareas reclama ao Ministerio a exposición pública do anteproxecto de mellora da N-120

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e a segunda tenente de alcalde, Chus Garrote, reuníronse con representantes da ‘Plataforma da N-120’ ante a preocupación deste colectivo veciñal polo retraso na exposición pública do antreproxecto da mellora viaria da N-120 e pola aparente paralización de todo o procedemento. “Dende o Concello tamén compartimos esa incerteza e agardamos que este retraso teña a súa orixe únicamente nalgunha circunstancia particular do proxecto”, explica a rexedora.

Por este motivo, o Concello reclama á Dirección General de Carreteras e ao MITMA que faga a exposición pública do Anteproxecto de mellora da N-120 ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas, que leva en supervisión dende comezos de ano por parte do Ministerio. Nun escrito dirixido a ambas as dúas entidades, o Concello pediu de forma oficial que se lle informe á maior brevidade posible de en que punto administrativo está o Anteproxecto e “da previsión e cronograma futuro de cara á execución final desta obra tan necesaria e prioritaria para o noso Concello”.

Tras as reunións mantidas no último trimestre de 2020 e en marzo deste mesmo 2021, nas que se presentou un anteproxecto xa moi avanzado, o Goberno municipal amosa a súa sorpresa pola paralización do proceso.

Este proxecto busca dar solucións aos problemas na N-120 ao seu paso pola zona máis poboada de Ponteareas, unha vía que soporta diariamente unha elevada carga de tráfico local e comarcal, con grandes retencións nas horas punta e con grave risco para a veciñanza con moitos lugares cunha elevada concentración de accidentes ao non contar cos elementos de protección e seguridade viaria necesarios tanto para peóns como para condutores e condutoras.

Arbo recibe unha achega da Xunta para a mellora do acceso ao lugar de O Couto

0

O Concello de Arbo realizará obras de mellora de acceso ao lugar de O Couto na parroquia de Arbo. As obras contan co un financiamento do 70% do investimento da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, de acordo coa Orde de 30 de decembro de 2020  pola que se establecen as bases reguladoras e convócanse subvencións para a creación e/ou  mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados a prestación de servizos municipais, destinadas a Concellos de Galicia para o ano 2021 o 30% restante será asumido polo Concello con cargo a fondos propios.

O obxecto do contrato é a mellora do acceso dun camiño municipal  no Lugar de O Couto, na parroquia de Arbo, coa mellora do seu trazado e seguridade viaria, ampliando a plataforma pavimentada.

O alcalde do concello de Arbo, Horacio Gil,  insistiu en que “esta acción responde a unha demanda histórica dos veciños e veciñas do barrio de O Couto, que recolleu o equipo de goberno do Concello de Arbo e estamos a traballar para dar unha solución e o noso compromiso de rematar a remodelación completa en canto posible porque un dos nosos obxectivos é devolver aos lugares do noso municipio a importancia que nunca tiveron que perder”.

As obras propostas descríbense no proxecto redactado e que serviu de base para a solicitude da subvención ante a Xunta e son a execución  dunha limpeza de marxes con apertura de cunetas eliminación de raíces existentes das árbores próximas en varios puntos do trazado, demolición do firme existente, tamén se contempla a colocación de salvacunetas con tubaxe e  posterior pavimentación.

Dado que o  Concello de Arbo, nun futuro próximo, pretende ampliar a iluminación pública ao longo do tramo de actuación,  tamén se contempla a colocación de postes novos.

“Son obras que están dentro do plan que puxemos en marcha para a mellora de viais públicos do municipio”, sinala edil Horacio Gil. A estes sumaranse outros aprobados e incluídos dentro  do plan de  melloras de  viais  municipais,  espazos  publicos e  melloras en  abastecemento e  saneamentos para o ano  2021. No ano 2020 o Concello de Arbo acometeu melloras no viais de Laxas, Esmoriz, Urzal, mellora do entorno de San Xoan, Area Recreativa Bouza de Miguel, melloras en lavadoiros…. entre outras.

O programa da Deputación “Voando nas Rías Baixas comeza este domingo

Volven as rutas ornitolóxicas que promove a Deputación de Pontevedra. A cuarta edición do programa “Voando nas Rías Baixas”, que a institución provincial desenvolve xunto con SEO Birdlife para dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos, arranca con todas as prazas completas este domingo 20 de xuño para a primeira sesión de observación de aves nas Brañas de Xestoso, que se estenden polos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada.   

As Brañas de Xestoso son un espazo declarado Zona de Especial Conservación, protexido pola Rede Natura 2000, e cunha magnífica representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas como brañas, prados húmidos, turbeiras, matorral baixo, rochedos, carballeiras e a Lagoa Sacra de Olives. Nos meses de primavera estes diferentes ecosistemas son os hábitats ideais para observar e escoitar especies como a escribenta amarela, escribenta riscada, laverca, tordo charlo, trigueirón ou especies migratorias procedentes de África como o picanzo vermello, pica dos árbores, cuco ou bubela. Así mesmo, é un magnifico lugar para as rapaces, como a tartaraña cincenta, gatafornela, águia cobreira, miñato abelleiro e falcón peregrino entre outras.

A excursión estará conducida por dous experimentados guías ornitolóxicos de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as persoas participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Despois desta primeira ruta, o resto continuarán a partir do mes de setembro. Así, o día 5 celebrarase a actividade na Serra do Cando, (Cerdedo-Cotobade, Forarei, A Lama e Beariz)

e as inscricións abriranse na web da Deputación a partir do 23 de agosto. O 23 de outubro terá lugar a ruta polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove, Sanxenxo, Meaño e Cambados), para a que as persoas interesadas poderán apuntarse desde o día 11 dese mes, e o 14 de novembro celebrarase a actividade na Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa), coas inscricións abertas desde o día 2. “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 19 de decembro coa ruta polo Estuario do Río Miño (A Guarda) e pola Foz da Ramallosa (Nigrán). Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse desde o 7 de decembro.

A firma de moda inclusiva ‘JuanMariaByLolola’ conta cunha colección marca ‘Nigrán’

0

O Concello de Nigrán conta desde hoxe coa súa propia marca de moda ‘Nigrán’ grazas a firma ‘JuanMariaByLolola’, o proxecto de formación dual nado no 2019 froito da colaboración entre a deseñadora Lola Rande e o Centro de Educación Especial Juan María (Parada-Nigrán). Camisetas, tote-bags de algodón, gorras, chaveiros e incluso tazas con ilustracións propias compoñen esta primeira colección persoalizada na que a palabra ‘Nigrán’ (colección ‘Logo’) é a protagonista, xunto ao hashtag #Paraiso (colección Paraíso) ou ben a través da estética surfeira tan propia de Patos (colección ‘Furgo’).

Os artigos destas tres liñas están á venda xa na recén inaugurada caseta do mercarillo multicultural de Praia América (durante todo o verán de 18:00 a 21:00 horas), na caseta da Alameda de A Ramallosa (os dous puntos de venda facilitados desde o Concello) e na tenda do Centro Comercial Plaza E de Vigo ou a través da web www.juanmariabylolola.com/tienda

“Esta moda inclusiva é un orgullo para o noso municipio porque representa ese ‘Nigrán para todos’ polo que apostamos desde o goberno, non podemos ter mellor producto promocional que este e estamos encantados de poder cederlles dous puntos de venda en Nigrán”, destacou o alcalde, Juan González, durante a presentación da colección esta mañá no espazo municipal de Gaifar.

Esta é o primeiro encargo personalizado que realiza ‘JuanMariaBylolola’, estando abertos a colaborar en calquera outra proposta que xurda en calquera ámbito, privado ou público. Anteriormente presentaron a súa primeira colección ‘Estrellas para todos’ (2019) e ‘Surfeando Estrellas’ (2020).  “Esta trátase dunha colección persoalizada 100% para este Concello e cremos que vai ter moito tirón entre os turistas e tamén entre a propia veciñanza”, indica Lola Rande, quen lidera o traballo dos dez alumnos-traballadores con diversidade funcional  do CEE Juan María, o equipo decide e realiza desde o deseño ata a comercialización, ata a venda directa e atención ao público. “Isto cambioulles a vida a estes rapaces, eles se ocupan de todo, van solos cada día a Vigo a atender a tenda en Plaza Elípitica e os postos de Nigrán, desde que a abren ata que a pechan están eles ao frente, gañaron moitísima autonomía e seguridade e reciben o seu salario”, explican desde o Centro.

“O noso proxecto nace en 2019 coa vocación de ofrecer oportunidades laborais reais ás persoas con discapacidade. Co método de “aprender facendo” empezan a traballar desde o primeiro momento mentres se seguen formando.O día a día ensínanos a ver a vida cunha mirada diferente. Descubrimos que isto non vai de inclusión, isto vai de persoas que constrúen o seu futuro co seu esforzo. Isto vai de demostrar que querer é poder, que non hai nada que nos pare se seguimos adiante cada vez que caemos. Isto vai de persoas, de persoas únicas e especiais, como nos gusta a todos sentirnos”, resumen.

Tui acolle este sábado o Campionato Autonómico Sub11 de bádminton

0

O Pavillón do IES San Paio de Tui é a sede elixida pola Federación Galega de Bádminton para celebrar este sábado o Campionato Autonómico Sub11 de bádminton. A competición comezará ás 10 h e tendo en conta o número de inscricións, algo máis de 40 deportistas, poderá prolongarse até ás 20 h.

A competición foi presentada onte na Casa do Concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o presidente da Federación Galega de Bádminton, Rodrigo Sanjurjo, e a presidenta e o secretario do Club Bádminton Tui, Marisa Giraldez e Javier Argüelles. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosaba a gratitude do concello e da cidade á Federación Galega de Bádminton por ter elixido Tui para a celebración deste campionato Sub11, cando se cumpre o 50 aniversario do bádminton galego, un deporte onde “Tui xoga un papel destacado”. Lembraba os numerosos equipamento deportivos que ten o municipio que “supoñen un esforzo inversor en canto a acondicionamento e coidado dos mesmos”, e destacaba o rexedor tudense  que desde o ano 2019 realizouse “un investimento de máis dun millón de euros nos nosos equipamentos deportivos”.

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, agradecía o labor e o esforzo do Badminton Tui por dar continuidade ao deporte base na cidade neste ano tan complicado. Amosaba o compromiso do concello co deporte “aumentando as subvencións dirixidas aos equipos deportivos coma este de bádminton”.  

Rodrígo Sanjurjo, o presidente da Federación Galega de Bádminton, explicaba que “Tui é un piar fundamental para este deporte en Galicia e o seu club é o que máis e mellor creceu nos últimos cinco anos no bádminton galego, o máis importante de España, non só polo deportivo senón tamén polos valores que se transmiten no club tudense”. Destacou tamén o próximo curso de monitor de bádminton que se vai impartir proximamente en Tui.

Pola súa banda, a presidenta e o secretario do Club Bádminton Tui, Marisa Giráldez e Javier Argüelles, expresaron o seu agradecemento polo compromiso dos implicados na organización do campionato, tamén a federación e o Concello de Tui polo seu soporte.

Na competición participarán un total de 40 nenas e nenos menores de 11 anos que xogarán nas categorías feminina e masculina, e en dobres feminino, masculino e mixto. Por parte do Club Bádminton Tui participarán 5 cativos que a semana seguinte competirán no Campionato de España en Santander na mesma categoría. “Todo un fito para un club tan humilde, moi centrado no deporte base” sinalaba o secretario do club. O público non poderá asistir ao evento xa que os deportistas e técnicos completa o aforo máximo permitido na grada.

Reapertura das instalacións de verán en Mos

0

Este sábado 19 de xuño Mos reabrirá, con motivo do inicio da tempada estival, dos Parques da Auga da Pesqueira e Sanguiñeda, que estarán en funcionamento todos os días no seguinte horario: de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas.

Pola súa banda a piscina ao aire libre de San Eleuterio abrirá ao público o día 1 de xullo, con horario diario ininterrumpido de 11.00 horas a 21.00 horas.

Estas instalacións constan de dous vasos, un grande e un pequeno, destinado este último ó uso e desfrute dos cativos de menor idade.

Previamente á posta en funcionamento desta área de lecer, dende o Concello de Mos realizáronse labores de limpeza xeral de ambos vasos con reposición de auga e realización dos correspondentes tratamentos da mesma.

Estes traballos de mantemento realizáronse, como non podía ser doutro xeito, para que todo estea a punto e en perfectas condicións de uso no momento da apertura da piscina que terá lugar o 1 de xullo.

As instalacións, que constan de dúas piscinas: unha grande e unha pequena -para os nenos de máis curta idade- como xa se dixo, e de baños, contarán en todo momento con servizo de socorrista. A piscina está situada na zona oeste da urbanización de San Eleuterio, na parroquia mosense de Tameiga, xunto ó parque infantil e a pista deportiva.

O pasado verán, por mor da situación sanitaria derivada da COVID-19, as instalacións de ocio estival mosenses, piscina e parques da auga, non se abriron ao público nin foron utilizadas, pero este ano retoman xa a súa actividade con todos os protocolos e medidas sanitarias de seguridade e prevención para dar servizo e recursos de lecer á veciñanza pero sempre con todas as garantías para a saúde.

O Consello Municipal do Rosal marca o camiño das futuras actividades culturais

0

O Consello Municipal de Cultura volveu reunirse de novo como viveiro de ideas e foro de debate que sirva para marcar o camiño das futuras actividades culturais que se desenvolvan no Rosal. Neste novo encontro, a axenda cultural nos barrios ou o papel das asociacións foron algúns dos temas tratados por este órgano consultivo que busca traballar man a man con toda a sociedade cara a unha axenda cultural innovadora e pensada para todos os rosaleiros e rosaleiras. “O obxectivo é compartir ideas, facer propostas, comentar e avaliar as actividades… En definitiva, reflexionar en conxunto sobre as iniciativas culturais que queremos para o noso concello”, asegurou o edil de Cultura, Carlos Villanueva.

A programación cultural para este verán foi un dos puntos tratados na reunión. Dende o Concello estase a traballar para levar eventos a todos os barrios, dende música ou cine ata teatro. Ademais de repasar as actividades previstas para este mes de xuño, tamén se achegaron novas propostas culturais, como novas exposicións fotográficas, novas conferencias ou incluso novas xornadas festivas, como a Festa da Raia, proposta como un evento no que unir as dúas beiras do río nun acto con comida, música e andaina.

Pola súa banda, Villanueva comentou a todas as persoas integrantes do consello que O Rosal xa está en trámites coa Axencia Galega de Industrias Culturais para poder entrar a formar parte do circuíto de representacións teatrais. O edil de Cultura tamén quixo destacar o papel das asociacións nos eventos, ás que invitou a actuar como organizadores de actividades co Concello como colaborador. A organización da Festa do Asociacionismo, con proposta de datas, modalidades e actividades, foi outro dos puntos a tratar no encontro.

A piques de rematar as obras de ensanche e mellora da vía A Cova-Cañoteira, en Ponteareas

Ponteareas avanza a bo ritmo os traballos de ensanche e mellora da vía A Cova-Cañoteira. A concelleira de Vías, Obras, Alumeado e Urbanismo nas parroquias, Chus Garrote, visitou estes días a execución das tarefas que se están levando a cabo neste barrio para dotar dunha axeitada accesibilidade a esta zona, unha continua demanda da veciñanza. “Era unha necesidade e unha prioridade. Ata o de agora por moitos tramos do camiño apenas pasaba un vehículo lixeiro e había vivendas ás que non podía chegar nin unha ambulancia nin un camión de bombeiros en caso de emerxencias”, salienta a edil.

Cun orzamento de 168.438 euros financiado con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, a obra comezou a executarse tras a obtención dos permisos da Patrimonio da Xunta de Galicia e grazas á colaboración da veciñanza, que cedeu os metros precisos para proceder á ampliación da anchura do camiño. Os traballos executados pola concellaría, que xa están en fase final, inclúen o ensanche da estrada, a colocación de muros, a mellora da drenaxe mediante a execución dun colector e sumidoiros ao longo do treito de actuación e o seu posterior asfaltado. Tamén contempla a pavimentación doutro treito do camiño para dar continuidade ás pistas asfaltadas.

Como destaca a concelleira Chus Garrote, esta era unha obra moi necesaria que se suma á longa lista de ensanches e asfaltados levados a cabo de camiños de terra a través dos que durante toda a vida tiña que acceder a veciñanza ás súas vivendas. “Estamos a facer importantes esforzos para garantir a accesibilidade aos fogares do rural e mellorar e ampliar os servizos, xa que a metade da poboación de Ponteareas vive no noso rural. É  algo marabilloso, pero isto multiplica o número de camiños, pistas e vías de acceso, chegando a máis de 400 quilómetros de vías municipais. E iso supón duplicar esforzos en mantemento e mellora para facer fronte a todos os anos de despreocupación dos gobernos anteriores, que non dotaron ás nosas parroquias dos servizos mínimos necesarios”, recalca a edil.

Novas prazas para desfrutar dos “Bosques Terapéuticos” da Deputación

Con todas as prazas esgotadas, os esperados baños de bosques da Deputación de Pontevedra chegan este sábado ao Espazo Natural Arco da Vella en Vigo cunha espectacular ruta que discorrerá á beira do río Eifonso, situado na parroquia de Bembrive. Durante o quilómetro que dura este percorrido, de dificultade media-baixa, as persoas participantes poderán relaxarse e mergullarse nos beneficios que ofrece a natureza, unha actividade integral que conxuga medio ambiente, exercicio, saúde e cultura.

O río Eifonso nace no Monte das Lagoas, a 450 metros de altura, abríndose camiño entre o val polo que discorre e pasando aos pés da Capela de San Cibrán. As persoas que participen nesta nova actividade de “Bosques Terapéuticos” poderán desfrutar no seu transcurso de fermosas fervenzas, como a de Bouzafría, e muíños de auga. En 2016 este río foi integrado no Parque Botánico Arco da Vella, situado nas inmediacións da capela de Vos Ramallos.

Malia que todas as prazas para a ruta deste sábado están completas, aquelas persoas que queiran desfrutar desta ruta teñen a oportunidade de inscribirse nas outras catro saídas que a Deputación ten organizadas polo Espazo Natural Arco da Vella e que terán lugar os días 10 e 16 de xullo e 7 e 22 de agosto. A inscrición nestas rutas, así como na do resto de percorridos desta segunda edición de “Bosques terapéuticos”, poderá realizarse proximamente no sitio web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal).

O portavoz de AporM propón a reapertura da piscina de Mondariz este verán

0

Xoán Montes Bugarín, portavoz de AporM, vén de rexistrar un escrito solicitando a reapertura da piscina municipal do Pé do Muíño este verán. Sinala que as medidas sanitarias que están a adoptar tanto o goberno de España como o goberno da Xunta de Galicia van no sentido de relaxar, de forma progresiva, as restricións (uso da máscara, utilización dos espazos públicos, etc), de forma que “o escenario que se presenta é moito máis favorable que o que vivimos ata agora, facendo viable a recuperación da vida social que vivimos antes da pandemia”.

O líder da oposición mondarizá pídelle ao goberno municipal que mire a concellos como Covelo, As Neves ou A Cañiza, que abrirán as súas piscinas nas próximas semanas, “o que
conecta coa demanda da veciñanza de Mondariz, que está a vivir agora unha onda de calor
que volverá con máis forza nos meses de xullo e agosto”.

Con todo, o goberno local opta por seguir os pasos dos concellos de Tui, Salceda de Caselas e Salvaterra e non abrilas.

AporM pídelle ao goberno local que “adopte todas as medidas de seguridade necesarias para
dar este servizo este verán, controlando a capacidade de acollida e limpando as instalacións
coa periodicidade necesaria, sobre todo os vestiarios”. Montes Bugarín avoga porque Mondariz vaia recuperando pouco a pouco a normalidade da vida social, o que pasa por recuperar servizos públicos como o da piscina municipal.

Baiona organiza unha recollida solidaria para a protectora de animais “Os palleiros”

0

As persoas participantes do “Proxecto Vincúlate” do Concello de Baiona organizan unha recollida solidaria de produtos para a protectora de animais “Os Palleiros”.

O próximo 23 de xuño os participantes visitarán as instalacións desta protectora e idearon unha campaña solidaria de recollida de produtos que a asociación precisa para atender aos animais.

Así, os cidadáns e cidadás que queiran colaborar coa campaña poden facelo fácilmente. As persoas interesadas poderán deixar os produtos nas instalacións do Pavillón Municipal de Deportes en horario de: luns a venres: 09:00-14:00 e 16:00-23:00 horas e os sábados e domingos, de 09:00-14:00 e 16:00-21:00.

Entre os produtos que se poden doar figuran: pensos de todos os tipos (cachorros, específicos, normal…), salchichas, lixivia e desinfectantes, kongs ou xoguetes duradeiros. Tamén premios e snacks para cans, transportines, casetas, correas, arneses, colares…estes últimos produtos poden ser utensilios usadas en bo estado de conservación. Non se aceptan doazóns económicas. A campaña de recollida arrinca hoxe e finalizará o vindeiro martes 22 de xuño.

Tui presenta unha programación para loitar contra a LGBTIfobia

0

Música, contacontos infantís, encontros escolares e charlas informativas compoñen o “Tui con Orgullo”. Trátase dun programa co que a Concellería de Igualdade, do Concello de Tui, pretende celebrar a diversidade e loitar contra a LGBTIfobia, con motivo do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQ.

As actividades comezaron hoxe xoves, 17 de xuño, co encontro lector da escritora Eva Mejuto, galardoada co Premio Clubs de lectura 2021, co alumnado de ESO e Bacharelato dos Institutos IES San Paio e o IES Indalecio Pérez Tizón. O encontro xirará entorno á obra “22 segundos”, a primeira novela xuvenil galega que trata a temática trans. Participará tamén no acto o activista trans Marcos Ceive.

O programa recolle tamén dúas conferencias para o público adulto que se celebrarán na Sala Municipal de Exposicións, na Área Panorámica, o xoves 24 e o luns 28 de xuño, ás 20 h, con entrada libre ata completar capacidade. “A diversidade existe” será o título da charla prevista para o xoves 24 de xuño a cargo de Soledad Fernández Costas, en representación de Chrysallis Asociación Estatal de Familias de Menores Trans. Mentres o luns 28 a Asociación Trans Miño falará sobre a “Como naceu o  movemento LGTBIQ+ en España”.

Para o público infantil haberá unha sesión de contos moi especial, a cargo de Sandra Prado Ansín, co título “Contos de todas as cores”. Será o propio luns, 28 de xuño, ás 18.30 h, na Sala Municipal de Exposicións na Área Panorámica. Vai dirixida a público de 3 a 9 anos. A entrada é libre até completar a capacidade. Nesta actividade a través de contos e xogos veremos que hai moitos tipos de familias, de formas de ser e de querer, e que todas son válidas se hai amor e respecto.

A parte máis lúdica deste programa conta coa colaboración da Concellería de Cultura. Será o domingo, 27 de xuño,  ás 13 h no Palco da Música no Paseo da Corredoira da man de Lucía Aldao e María Lado, cun espectáculo poético musical chamado “O BEN QUERER(SE)”, en sesión vermú.

Con “Tui con orgullo” a Concellería de Igualdade inaugurou no Concello de Tui unha nova liña de traballo cara á visibilización e dignificación da diversidade de sexo en xénero, de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria, libre de discursos de odio e respectuosa coas distintas formas de ser e de querer.

O Concello do Porriño suspende o campamento municipal de verán

A Concellería de Igualdade do Concello do Porriño informa que o Campamento Municipal de Verán 2021 queda suspendido pola situación motivada pola Covid-19, a pesar de transcorrer o curso escolar con normalidade.

“O obxectivo prioritario desta Concellería é preservar a saúde das nenas e nenos e entendemos que aínda non existen as garantías sanitarias suficientes nas actividades colectivas que ofrezan un control de movementos e accións cando comparten espazos, actividades, xogos, excursións, sendo moi difícil que se impida o contacto entre os pequenos xa que as actividades de interacción grupal son a base da maior parte dos xogos nos campamentos”, segundo manifestou Cami Moreira, concelleira responsable.

“Dende a Concellería de Igualdade, facendo un exercicio de responsabilidade, decidimos apostar pola prudencia e a seguridade, dos e das cativas, das súas familias e dos seus entorno máis próximos”, engadiu a concelleira.

O Concello do Porriño agarda poder retomar a realización do campamento cara ao vindeiro ano, en canto se normalice a situación, agradecendo a comprensión por parte das familias porriñesas.

A compostaxe suma adeptos no municipio de Gondomar

0

Nas próximas semanas completarase a entrega de medio centenar de novos  composteiros cunha capacidade de 400 litros cada un. Sumaranse así aos preto de 400 que xa se repartiron entre aqueles veciños e veciñas que os solicitaron.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, subliña que “a colaboración e interese de  os nosa veciñanza é unha proba máis de que Gondomar é un municipio que aposta polo medio ambiente” e engade “que seguiremos traballando como fixemos ata o de agora, porque as administracións debemos estar á fronte da loita contra o cambio climático”.

Pola súa banda o Concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, agradeceu a disposición dos veciños para reciclar os residuos orgánicos que xeran, explicando na presentación que “a reciclaxe nos permite reducir o envío do noso lixo a SOGAMA para que a queimen e reducir o gasto municipal nesta materia, e poder investilo no municipio”.  

Nese sentido lembra o traballo que desde o inicio da lexislatura desenvolveuse desde o departamento de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, en mans de Brais Misa, con campañas de información e concienciación e accións concretas como o reparto de composteiros.

Os interesados e interesadas en facerse cun deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Municipal, acreditando estar empadroado en Gondomar e ter unha vivenda unifamiliar na que poder situar o  composteiro.   

Este ano o San Xoán non terá fogueiras públicas na Guarda

0

Ante a proximidade da celebración da Noite de San Xoán, dende a Policía Local da Guarda infórmase que todos aqueles que desexen facer unha fogueira deberán solicitar o permiso nas súas oficinas da Praza do Reló.

Este ano, debido á situación sanitaria, só se permitirán fogueiras en espazos privados, previa solicitude particular e cun aforo máximo de 15 persoas.

Ademais, póñense a disposición dos guardeses e guardesas que teñan dúbidas sobre como e onde se poderán facer estas fogueiras.

Dende o Concello da Guarda agradécese a colaboración de todos os veciños e veciñas da vila para entre todos desfrutar da noite e facer dela unha festa segura.

Redondela pon en marcha ‘O cinema da Memoria’,ciclo de proxeccións dentro do programa ‘Ano das Mullleres da Illa de San Simón’

0

Lembrar a escuridade da ditadura franquista para que tempos terribles como eses non se volvan a repetir e abrir o debate e a reflexión na sociedade redondelá sobre a defensa dos valores democráticos, son algúns dos obxectivos que busca o ciclo ‘O Cinema da Memoria’, iniciativa que se desenvolve dentro das actividades do Ano das Mulleres da Illa de San Simón.

O ciclo iniciarase o vindeiro 19 de xuño na Alameda Castelao de Redondela, coa proxección da película de Alejandro Amenábar, Mientras dure la guerra, que ofrece unha extraordinaria visión sobre os instantes críticos que lle tocou vivir a Miguel de Unamuno.

Xa o día 26 de xuño, no campo da festa de Reboreda, será a quenda de A lingua das bolboretas, a primeira das dúas proxeccións programadas baseadas en novelas de Manuel Rivas, xa que, para o 3 de xullo e na Alameda Rosalía de Chapela, está prevista a proxección de O lápis do carpinteiro.

O ciclo péchase o 10 de xullo co documental Aillados no campo de San Pedro en Cesantes, centrado na Illa de San Simón, lugar de encarceramento dos presos políticos do réxime franquista e que foi testemuña de episodios cargados de dramatismo, pola incerteza do destino desas persoas, e de heroísmo por parte das Mulleres da Illa, que foron quen de, con risco das súas propias vidas, tecer unha rede solidaria de axuda ás persoas encarceradas.

Todas as proxeccións terán lugar ás 22:30 horas e terán entrada gratuíta pero aforo limitado para garantir a seguridade sanitaria das persoas asistentes.

O ciclo O Cinema da Memoria, tal e como puntualiza a alcaldesa Digna Rivas, busca poñer o foco de atención sobre a necesidade de protexer o sistema democrático, “un sistema que garanta un estado social que protexa aos débiles fronte aos abusadores, que fomente a cultura, a educación en valores humanos e a liberdade dos pobos”.

O CEIP Humberto Juanes exhibe os traballos realizados polo alumnado na actividade extraescolar de cómic

0

O alumnado e toda a Comunidade Educativa do CEIP Humberto Juanes, en Nigrán, podrán gozar nestes días de fin de curso 2020/2021 –que remata o martes 22 de xuño–, dunha interesantísima mostra de cómics realizada polo alumnado do centro na actividade extraescolar organizada pola ANPA do centro. Esta iniciativa foi desenvolvida ao longo do curso –os xoves en horario de 16:00 h a 17:30 h– pola ilustradora Coral Martínez.

[su_image_carousel source=”media: 39144,39145,39146″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A ANPA do Humberto Juanes, en coordinación co centro, ante a situación xerada pola pandemia e o cumplimento do protocolo COVID-19, apostou polo cumplimento do horario de actividades extraescolares de 16:00 h-17:30 h todos os días, nunha clara medida favorecedora da conciliación familiar, xa que os centros da zona do Val Miñor non tiveron actividades extraescolares.

Foi, sen dúbida, un grande esforzo xa que tiveron que adaptar todas as actividades para o cumplimento das condicións de máxima seguridade que require o protocolo COVID-19 e integralo na Programación Xeral Anual do Centro.

A exposición de Cómics podrá verse do 16 ao 18 de xuño, de 15:30 a 17:00, na biblioteca do colexio.

O alumnado do CEIP Laredo de Chapela premiado no certame ‘Cooperativismo na escola’ por ‘Laredópolis: a cidade dos nosos soños’

0

O CEIP de Laredo de Chapela, Redondela, resultou galardoado no apartado de 1º e 2º de educación primaria no certame ‘Cooperativismo na Escola, posto en marcha pola Consellería de Emprego e Igualdade, por Laredópolis: a cidade dos nosos soños. A entrega dos premios tivo lugar onte no Salón Teatro de Santiago de Compostela nun acto presidido pola directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca. A entrega realizouse vía streaming, coa presenza do alumnado vía telemática.

No apartado de3º e 4º cursos de primaria o premio foi para o proxecto Historia para con-vivir do alumnado do CEIP Plurilingüe de Domaio de Moaña, mentres que ao estudantado de 5º e 6º do mesmo nivel educativo foilles entregado outro galardón por Os Limpacovids, ideado polos alumnos do CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal de Oleiros (A Coruña).

Na modalidade de actividades artísticas, na categoría de 2º ciclo de educación infantil, recoñeceuse como mellor traballo o realizado polo CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (Lugo) co título A que sabe o cooperativismo?.

11,30 h.- A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, entregará os premios do certame Cooperativismo na Escola ao alumnado de infantil e primaria. No Salón Teatro (rúa Nova, 34). foto xoán crespo 16/06/2021

Durante a cerimonia, os asistentes puideron desfrutar do espectáculo teatral Aibō, interpretado polas actrices Iria Pinheira e Areta Bolado, da Compañía Eléctrica.

O certame ten por finalidade difundir e promover o cooperativismo e os seus valores, como son a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución pactada de conflitos entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

Un total de 59 centros participaron nesta convocatoria, repartida en tres modalidades: actividades artísticas (infantil e primaria), actividades cooperativizadas (estudantes de ESO e educación especial) e proxectos empresariais cooperativos (dirixida a centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial).

No caso dos proxectos empresariais dos centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial a entrega dos seus galardóns realizarase o Día Internacional do Cooperativismo que cada ano se celebra o primeiro sábado do mes de xullo.

A Banda Reveriano Soutullo celebra este domingo unha ruada polo centro de Ponteareas

O Concello de Ponteareas organiza unha nova actividade de lecer para o desfrute de toda a veciñanza. Este domingo 20 de xuño, a Banda de Música A.M. Reveriano Soutullo celebrará un pasarrúas polo centro de Ponteareas. A ruada sairá ás 12:30 horas dende diante da Casa Consistorial e levará a súa música polas rúas do centro ata o Parque da Perillana.

Xa no parque, a Banda ofrecerá un concerto a partir das 13:00 horas cun amplo repertorio adaptado a todas as idades, entre o que o público poderá escoitar música galega de sempre, con pezas de compositores ponteareáns, pero tamén con títulos máis modernos.

A Banda de Música do Conservatorio Reveriano Soutullo iniciou a súa andadura en 1996 baixo a batuta de José Fernández Prego, á que en 2001 se lle suma a Agrupación Musical Reveriano Soutullo con identidade propia e coa banda de música como principal expoñente. Cunha varios premios xa na súa traxectoria, a banda está formada na actualidade por máis de 50 compoñentes e conta entre eles cun grupo de novas incorporacións que comparten os seus estudos na Escola da propia banda coa súa especialización en distintos conservatorios.

Dende a Concellería de Cultura dirixida por Fernando Groba convídase a toda a veciñanza a participar nesta actividade, que se celebrará ao aire libre e contará con todas as medidas de prevención e seguridade marcadas pola actual situación sanitaria.

Oia continúa coa posta en valor do seu patrimonio cunha mesa informativa sobre as salinas do Aguncheiro

0

O Concello de Oia continúa avanzando na posta en valor do patrimonio local, neste caso coa recente instalación dunha mesa informativa sobre as salinas romanas do Aguncheiro, situadas na contorna do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola parroquia de Mougás. A instalación consiste nun banco construído en formigón e madeira e unha mesa informativa panorámica de 200 x 60 cm e feita en aceiro.

Este soporte informativo contén gráficos, ilustracións e textos relativos ao funcionamento e localización das salinas, o contexto histórico e a importancia e usos do sal.

Este novo equipamento no concello de Oia foi financiado pola Deputación de Pontevedra, que concedeu unha axuda de 4.225,80 euros (100% do investimento) a través da convocatoria de subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural dirixidas aos concellos da provincia para o ano 2020.

Situada en pleno Camiño, no espazo comprendido entre a entrada ao antigo cámping Pedra Rubia e unha marquesiña da Estrada Vella no Aguncheiro, trátase dunha actuación sinxela, nada invasiva e realizada en materiais resistentes que minimizan os gastos de mantemento. O obxectivo é facilitar a parada nesta zona de paso (habitualmente frecuentada pola veciñanza, peregrinos e turistas) e, ao mesmo tempo, dar a coñecer a presenza dos restos das salinas e o seu valor patrimonial. Nese sentido, os textos preséntanse accesibles en varios idiomas.

Con esta intervención, o Concello dá continuidade aos traballos de sinalización e posta en valor patrimonial xa realizados noutras zonas do concello, como é o caso do barrio histórico do Arrabal, as proximidades do Mosteiro de Oia, a contorna da capela de San Sebastián ou a posta en marcha da app turismodeoia.mobi con información sobre os distintos recursos do municipio.

O sal e as salinas

Ao longo da costa sur de Pontevedra, entre Oia e A Guarda, e a costa norte de Portugal esténdense un conxunto de salinas costeiras que nos indican unha explotación industrial polo menos desde época romana, por parte das poboacións asentadas nos castros litorais. Esta actividade económica, xunto á pesca e as salgaduras, axuda a entender a alta ocupación do litoral neste espazo xeográfico.

A explotación do sal na antigüidade foi unha actividade de primeira orde polo alto valor dese produto, vital na conservación dos alimentos e na elaboración de salgaduras e outros usos “industriais”, como o curtido de peles e a metalurxia.

No tocante ás salinas do Aguncheiro, próximas ás instalacións do antigo cámping de Pedra Rubia, o seu acceso verase facilitado a través da rehabilitación das instalacións do antedito cámping nas que o Concello está a traballar.

Paralelamente aos avances na recuperación das instalacións do antigo cámping e ás actuacións en materia de sinalización, o Concello tamén aposta pola posta en valor e do propio xacemento arqueolóxico. Nese sentido, traballará na captación de financiamento para a futura consolidación e musealización das salinas.

Gondomar recupera este verán a celebración dos Campus Deportivos

O Concello de Gondomzar, a través da Concellería de Deportes dirixida por Nuria Lameiro, recupera este verán os tradicionais campus que se viron interrompidos o pasado verán como consecuencia da pandemia. Ante a mellora da situación, e sempre cumprindo as medidas sanitarias impostas no momento da súa celebración, “queremos ofrecer opcións de tempo libre aos máis novos durante as súas vacacións fomentando á vez os hábitos saudables”.

Desde a Concellería agradécese a implicación dos distintos clubs deportivos que colaboran co departamento “na recuperación dos campus” así como aos que en anos anteriores fixérono posible “e que sabemos que cando todo volva á absoluta normalidade aí estarán”.

Os campus desenvolveranse en diferentes datas e están dirixidos a nenos/as e mozos de idades comprendidas entre os 5 e 17 anos, dependendo da actividade que se elixa. Os interesados poderanse inscribir e solicitar máis información no propio pavillón municipal ou a través do correo [email protected].

Emotiva homenaxe da Deputación ás xogadoras do Club Balonmán Cañiza: “sodes un equipo de campioas”

0

Dous anos leva sen perder un partido o equipo feminino do Club Balonmán A Cañiza, un extraordinario caso de éxito deportivo nunha vila de 5.100 habitantes do interior da provincia. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo render hoxe homenaxe á entidade e particularmente ás xogadoras, que veñen de conquistar por segundo ano o campionato galego en Primeira Autonómica e ascenden á División de Honra de Prata Feminina. “Sodes un equipo de campioas; o que conseguistes ten un inmenso valor e non só nós, senón toda Galicia, debe estar orgullosa”, proclamou a máxima responsable provincial na recepción que a institución brindou ao equipo na sede de Vigo.

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, o presidente do club, Rubén Fernández, o adestrador, Emilio Barciela, e todo o equipo, capitaneado por Carla Abad e Sofía Álvarez, participaron no acto, no que tamén estaban presentes os deputados e deputadas provinciais Gorka Gómez (Deportes) e Vicky Alonso (Cultura).

“A Cañiza é un pobo pequeno, o que supón menos recursos e habitantes, e por iso o que lograstes ten un mérito maior e o éxito acada aínda máis importancia”, dirixiuse Carmela Silva ás xogadoras, para felicitar tamén a todo o equipo técnico e directivo e ao rexedor. “O equipo amosa o carácter e o esforzo das mulleres. Grazas a vós a próxima tempada A Cañiza estará presente en moitísimos lugares”, resaltou, para lembrar o factor de atracción que exerce o deporte. A isto sumou a relevancia de convertérense en referencia para moitas nenas. “As mulleres precisamos de referentes, e vós xa o sodes para as nenas de A Cañiza e de toda Galicia”, lembrou.

O alcalde, Luis Piña, agradeceu á Deputación o seu apoio e explicou que o ascenso supuxo “vivir momentos moi emotivos e de ilusión, grazas a un traballo extraordinario”. O rexedor amosouse orgulloso dos triunfos do club e salientou como alicerces do éxito o compromiso das xogadoras, o esforzo da entidade e o apoio social. “O Concello seguirá respondendo e quero invitar á presidenta a asistir a un partido cando rematemos as obras de mellora no pavilllón, das que xa temos adxudicado o 50%”, incidiu.

Carla Abad, coordinadora da sección feminina do club, capitana e xogadora, tamén se mostrou “moi orgullosa” de todo o acadado nos dous últimos anos. “Non perdemos ningún partido. Esta tempada vai ser moi complicada, pero confío en todo o equipo”, explicou, para agradecer á presidenta a recepción na sede e rematar: “Conseguímolo con moito esforzo, pero se o tivésemos escrito antes non sairía mellor” .

O presidente do Balonmán A Cañiza, pola súa banda, eloxiou o compromiso das xogadoras, moitas delas universitarias e que fan un esforzo por adestrar e traballar polo equipo ao máximo nivel. “Non estamos para gañar diñeiro, pero desde logo temos o respecto e o cariño de todo o mundo, e iso é o que nos motiva”, resaltou. A presidenta entregou ao equipo e aos seus responsables un agasallo previo á foto de familia coa imaxe de fondo das xogadoras celebrando o ascenso e o lema “Club Balonmán A Cañiza é de prata. Elas non teñen límites”.

’32m2′, a traxicomedia de ButacaZero sobre o confinamento, despídese dos escenarios o domingo 20 en Tomiño

0

A xira de 32m2 chega ao seu fin. A última creación teatral de ButacaZero, a compañía creativa dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, celebrará o vindeiro domingo 20, a partir das 18.00 horas, a súa derradeira función, no Auditorio de Goián. A compañía, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, propón unha obra de teatro absurdo que parte da propia experiencia do tándem artístico durante o encerro da primavera do pasado ano.

A peza, candidata pola súa escenografía aos Premios Max, representarase por derradeira ocasión en Tomiño. A función, que coincide coa celebración do fin do primeiro Estado de Alarma decretado en marzo de 2020, supón o peche da Xira confinada, a serie de actuacións coas que 32m2 percorreu 21 localidades galegas durante esta primavera.

O espectáculo, que conta cunha escenografía xiratoria asinada por Beatriz de Vega –pola que 32m2 é candidata aos Premios Max de Teatro 2020/2021–, e cunha banda sonora orixinal creada polo músico Rodrigo Cuevas, naceu coa vontade de ofrecer unha ollada reflexiva e “sandadora” sobre o confinamento.

32m2 presenta a Mar e a Xan (interpretados por Nuria Gullón e Xurxo Cortázar), unha parella que se considera antisistema e que habita nun pequeno ático de 32 metros cadrados con total tranquilidade, nun mundo que non deixa de xirar cando, de súpeto, a presenza dun virus fai que a vida pare e confinen a toda a poboación.

As entradas son limitadas por razón de aforo e de seguridade e pódense reservar a través de [email protected] ou no teléfono 986 622 001.

A compañía
ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira.   A investigación e a reflexión dende un ollar crítico e irónico son as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena.

Con 32m2, o tándem aséntase como referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego pola súa capacidade á hora de dialogar co mundo actual. A estrea da peza acompañouse, á vez, da publicación en papel do libro homónimo, que tamén asina a dramaturga Esther Carrodeguas. O texto, publicado por Edicións Positivas, pódese adquirir tanto a través da páxina web https://edicionspositivas.com/producto/32m2/ coma nas diferentes librarías coas que traballa habitualmente a editorial.