No ano 2010 Adapta –Asociación de Persoas con Discapacidade do Condado e A Paradanta– puxo en marcha un Servizo de Fisioterapia dirixido ás persoas con discapacidade dos concellos que forman parte das dúas comarcas. Este tipo de terapia física, explica a Asociación, ocupa un lugar moi importante na atención a persoas con discapacidade física dado que o seu obxectivo “é promover, manter e aumentar a súa calidade de vida das persoas con discapacidade”.
Durante estes anos, este servizo consolidouse como un servizo de referencia entre o colectivo xa que a fisioterapia é especialmente útil para persoas que sufriron unha lesión ou que teñen problemas de saúde causados por una enfermidade, unha afección o unha discapacidade, chegando a ser un elemento clave.
No que vai de ano están sendo atendidas no Servizo de Fisioterapia de Adapta un total de trinta e dúas persoas con discapacidade en diferentes intensidades, polo que foi necesario reforzar o Servizo co incremento das horas de atención. Isto foi posible a través da convocatoria de subvencións destinadas a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo a asignación tributaria do 0,7% do IRPF a cal é xestionada dende COGAMI.
A través desta convocatoria subvencionáronse 5.000 € dirixidos a incrementar as horas de prestación do servizo de Fisioterapia para persoas con Discapacidade de Adapta, que xunto cos 15.000 € concedidos pola Fundación Once e as aportacións das persoas usuarias é posible facer fronte a totalidade dos custes do servizo .
O servizo esta en activo de luns a venres durante todo o ano e vai dirixido as persoas con discapacidade.