Ponteareas avanza a bo ritmo os traballos de ensanche e mellora da vía A Cova-Cañoteira. A concelleira de Vías, Obras, Alumeado e Urbanismo nas parroquias, Chus Garrote, visitou estes días a execución das tarefas que se están levando a cabo neste barrio para dotar dunha axeitada accesibilidade a esta zona, unha continua demanda da veciñanza. “Era unha necesidade e unha prioridade. Ata o de agora por moitos tramos do camiño apenas pasaba un vehículo lixeiro e había vivendas ás que non podía chegar nin unha ambulancia nin un camión de bombeiros en caso de emerxencias”, salienta a edil.
Cun orzamento de 168.438 euros financiado con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, a obra comezou a executarse tras a obtención dos permisos da Patrimonio da Xunta de Galicia e grazas á colaboración da veciñanza, que cedeu os metros precisos para proceder á ampliación da anchura do camiño. Os traballos executados pola concellaría, que xa están en fase final, inclúen o ensanche da estrada, a colocación de muros, a mellora da drenaxe mediante a execución dun colector e sumidoiros ao longo do treito de actuación e o seu posterior asfaltado. Tamén contempla a pavimentación doutro treito do camiño para dar continuidade ás pistas asfaltadas.
Como destaca a concelleira Chus Garrote, esta era unha obra moi necesaria que se suma á longa lista de ensanches e asfaltados levados a cabo de camiños de terra a través dos que durante toda a vida tiña que acceder a veciñanza ás súas vivendas. “Estamos a facer importantes esforzos para garantir a accesibilidade aos fogares do rural e mellorar e ampliar os servizos, xa que a metade da poboación de Ponteareas vive no noso rural. É algo marabilloso, pero isto multiplica o número de camiños, pistas e vías de acceso, chegando a máis de 400 quilómetros de vías municipais. E iso supón duplicar esforzos en mantemento e mellora para facer fronte a todos os anos de despreocupación dos gobernos anteriores, que non dotaron ás nosas parroquias dos servizos mínimos necesarios”, recalca a edil.