Martes, 10 Decembro de 2024

O portavoz de AporM propón a reapertura da piscina de Mondariz este verán

Xoán Montes Bugarín, portavoz de AporM, vén de rexistrar un escrito solicitando a reapertura da piscina municipal do Pé do Muíño este verán. Sinala que as medidas sanitarias que están a adoptar tanto o goberno de España como o goberno da Xunta de Galicia van no sentido de relaxar, de forma progresiva, as restricións (uso da máscara, utilización dos espazos públicos, etc), de forma que “o escenario que se presenta é moito máis favorable que o que vivimos ata agora, facendo viable a recuperación da vida social que vivimos antes da pandemia”.

O líder da oposición mondarizá pídelle ao goberno municipal que mire a concellos como Covelo, As Neves ou A Cañiza, que abrirán as súas piscinas nas próximas semanas, “o que
conecta coa demanda da veciñanza de Mondariz, que está a vivir agora unha onda de calor
que volverá con máis forza nos meses de xullo e agosto”.

Con todo, o goberno local opta por seguir os pasos dos concellos de Tui, Salceda de Caselas e Salvaterra e non abrilas.

AporM pídelle ao goberno local que “adopte todas as medidas de seguridade necesarias para
dar este servizo este verán, controlando a capacidade de acollida e limpando as instalacións
coa periodicidade necesaria, sobre todo os vestiarios”. Montes Bugarín avoga porque Mondariz vaia recuperando pouco a pouco a normalidade da vida social, o que pasa por recuperar servizos públicos como o da piscina municipal.