Sábado, 8 Febreiro de 2025

A firma de moda inclusiva ‘JuanMariaByLolola’ conta cunha colección marca ‘Nigrán’

"Trátase dunha colección persoalizada 100% para este Concello e cremos que vai ter moito tirón entre os turistas e tamén entre a propia veciñanza", indica Lola Rande

O Concello de Nigrán conta desde hoxe coa súa propia marca de moda ‘Nigrán’ grazas a firma ‘JuanMariaByLolola’, o proxecto de formación dual nado no 2019 froito da colaboración entre a deseñadora Lola Rande e o Centro de Educación Especial Juan María (Parada-Nigrán). Camisetas, tote-bags de algodón, gorras, chaveiros e incluso tazas con ilustracións propias compoñen esta primeira colección persoalizada na que a palabra ‘Nigrán’ (colección ‘Logo’) é a protagonista, xunto ao hashtag #Paraiso (colección Paraíso) ou ben a través da estética surfeira tan propia de Patos (colección ‘Furgo’).

Os artigos destas tres liñas están á venda xa na recén inaugurada caseta do mercarillo multicultural de Praia América (durante todo o verán de 18:00 a 21:00 horas), na caseta da Alameda de A Ramallosa (os dous puntos de venda facilitados desde o Concello) e na tenda do Centro Comercial Plaza E de Vigo ou a través da web www.juanmariabylolola.com/tienda

“Esta moda inclusiva é un orgullo para o noso municipio porque representa ese ‘Nigrán para todos’ polo que apostamos desde o goberno, non podemos ter mellor producto promocional que este e estamos encantados de poder cederlles dous puntos de venda en Nigrán”, destacou o alcalde, Juan González, durante a presentación da colección esta mañá no espazo municipal de Gaifar.

Esta é o primeiro encargo personalizado que realiza ‘JuanMariaBylolola’, estando abertos a colaborar en calquera outra proposta que xurda en calquera ámbito, privado ou público. Anteriormente presentaron a súa primeira colección ‘Estrellas para todos’ (2019) e ‘Surfeando Estrellas’ (2020).  “Esta trátase dunha colección persoalizada 100% para este Concello e cremos que vai ter moito tirón entre os turistas e tamén entre a propia veciñanza”, indica Lola Rande, quen lidera o traballo dos dez alumnos-traballadores con diversidade funcional  do CEE Juan María, o equipo decide e realiza desde o deseño ata a comercialización, ata a venda directa e atención ao público. “Isto cambioulles a vida a estes rapaces, eles se ocupan de todo, van solos cada día a Vigo a atender a tenda en Plaza Elípitica e os postos de Nigrán, desde que a abren ata que a pechan están eles ao frente, gañaron moitísima autonomía e seguridade e reciben o seu salario”, explican desde o Centro.

“O noso proxecto nace en 2019 coa vocación de ofrecer oportunidades laborais reais ás persoas con discapacidade. Co método de “aprender facendo” empezan a traballar desde o primeiro momento mentres se seguen formando.O día a día ensínanos a ver a vida cunha mirada diferente. Descubrimos que isto non vai de inclusión, isto vai de persoas que constrúen o seu futuro co seu esforzo. Isto vai de demostrar que querer é poder, que non hai nada que nos pare se seguimos adiante cada vez que caemos. Isto vai de persoas, de persoas únicas e especiais, como nos gusta a todos sentirnos”, resumen.