7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Concello de Redondela remata as obras de mellora e ensanche do...

    O Concello de Redondela remata as obras de mellora e ensanche do camiño Val do Muíño na parroquia do Viso

    Os traballos contaron cun investimento de 49.617,38 euros e foron subvencionadas integramente con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra

    O Concello de Redondela deu por rematadas, esta semana, as obras de ancheado e mellora que se realizaban no camiño Val do Muíño, na parroquia do Viso. Trátase, segundo apunta o concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, “dun camiño que da servizo a numerosas vivendas e que se atopaba en malas condicións, tanto polo estreito da vía como polo estado do firme”.

    Para poder anchear o camiño e minorar a afección a parcelas privadas, realizáronse muros de contención de entre 1,50 e 4,5 metros de altura que se situaron a 4 metros do eixo da vía.

    Para mellorar a capa de rodadura estendeuse unha capa de asfalto de 6 centímetros de espesor sobre unha capa base de zahorra artificial de 25 centrímetros. Tal e como sinala o proxecto, naquelas zonas que foron gañadas mediante muro de contención, as capas de base do firme substitúense por unha capa de formigón de 18 centímetros sobre a que, posteriormente aplicouse a capa de rodadura.

    Todas estas actuacións permitiron que o camiño teña un ancho medio de plataforma de 5 metros, o que garante a seguridade viaria dos vehículos que circulen pola zona.

    Cómpre subliñar que unha rede de augas pluviais que discorre por parte do camiño Val do Muíño, desaugaba nun punto intermedio nun camiño de servizo que o deixaba impracticable, polo que foiprecisa a realización dun colector con tubaxe de PVC SN4 de Ø250 de parede compacta, ao longo de 13,00 metros lineais, para desaugar na canle existente.

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou a importancia da obra realizada que da resposta á unha vella demanda veciñal “que carecía dun camiño en condicións e que dificultaba os desprazamentos”. A rexedora local adiantou que a mellora das comunicacións internas do municipio “son prioritarias para este Goberno. Non se pode falar de desenvolvemento, de cohesión territorial e de integración dos núcleos rurais, se non se dispón dunhas estradas e camiños en condicións”.

    As obras contaron para a súa execución cun investimento de 49.617,38 euros asumidos na súa integridade pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2020

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.