O CEIP de Laredo de Chapela, Redondela, resultou galardoado no apartado de 1º e 2º de educación primaria no certame ‘Cooperativismo na Escola, posto en marcha pola Consellería de Emprego e Igualdade, por Laredópolis: a cidade dos nosos soños. A entrega dos premios tivo lugar onte no Salón Teatro de Santiago de Compostela nun acto presidido pola directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca. A entrega realizouse vía streaming, coa presenza do alumnado vía telemática.
No apartado de3º e 4º cursos de primaria o premio foi para o proxecto Historia para con-vivir do alumnado do CEIP Plurilingüe de Domaio de Moaña, mentres que ao estudantado de 5º e 6º do mesmo nivel educativo foilles entregado outro galardón por Os Limpacovids, ideado polos alumnos do CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal de Oleiros (A Coruña).
Na modalidade de actividades artísticas, na categoría de 2º ciclo de educación infantil, recoñeceuse como mellor traballo o realizado polo CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (Lugo) co título A que sabe o cooperativismo?.
Durante a cerimonia, os asistentes puideron desfrutar do espectáculo teatral Aibō, interpretado polas actrices Iria Pinheira e Areta Bolado, da Compañía Eléctrica.
O certame ten por finalidade difundir e promover o cooperativismo e os seus valores, como son a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución pactada de conflitos entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.
Un total de 59 centros participaron nesta convocatoria, repartida en tres modalidades: actividades artísticas (infantil e primaria), actividades cooperativizadas (estudantes de ESO e educación especial) e proxectos empresariais cooperativos (dirixida a centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial).
No caso dos proxectos empresariais dos centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial a entrega dos seus galardóns realizarase o Día Internacional do Cooperativismo que cada ano se celebra o primeiro sábado do mes de xullo.