8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaOia continúa coa posta en valor do seu patrimonio cunha mesa informativa...

    Oia continúa coa posta en valor do seu patrimonio cunha mesa informativa sobre as salinas do Aguncheiro

    A instalación, sinxela e con información moi visual, sitúase en pleno Camiño Portugués da Costa

    O Concello de Oia continúa avanzando na posta en valor do patrimonio local, neste caso coa recente instalación dunha mesa informativa sobre as salinas romanas do Aguncheiro, situadas na contorna do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola parroquia de Mougás. A instalación consiste nun banco construído en formigón e madeira e unha mesa informativa panorámica de 200 x 60 cm e feita en aceiro.

    Este soporte informativo contén gráficos, ilustracións e textos relativos ao funcionamento e localización das salinas, o contexto histórico e a importancia e usos do sal.

    Este novo equipamento no concello de Oia foi financiado pola Deputación de Pontevedra, que concedeu unha axuda de 4.225,80 euros (100% do investimento) a través da convocatoria de subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural dirixidas aos concellos da provincia para o ano 2020.

    Situada en pleno Camiño, no espazo comprendido entre a entrada ao antigo cámping Pedra Rubia e unha marquesiña da Estrada Vella no Aguncheiro, trátase dunha actuación sinxela, nada invasiva e realizada en materiais resistentes que minimizan os gastos de mantemento. O obxectivo é facilitar a parada nesta zona de paso (habitualmente frecuentada pola veciñanza, peregrinos e turistas) e, ao mesmo tempo, dar a coñecer a presenza dos restos das salinas e o seu valor patrimonial. Nese sentido, os textos preséntanse accesibles en varios idiomas.

    Con esta intervención, o Concello dá continuidade aos traballos de sinalización e posta en valor patrimonial xa realizados noutras zonas do concello, como é o caso do barrio histórico do Arrabal, as proximidades do Mosteiro de Oia, a contorna da capela de San Sebastián ou a posta en marcha da app turismodeoia.mobi con información sobre os distintos recursos do municipio.

    O sal e as salinas

    Ao longo da costa sur de Pontevedra, entre Oia e A Guarda, e a costa norte de Portugal esténdense un conxunto de salinas costeiras que nos indican unha explotación industrial polo menos desde época romana, por parte das poboacións asentadas nos castros litorais. Esta actividade económica, xunto á pesca e as salgaduras, axuda a entender a alta ocupación do litoral neste espazo xeográfico.

    A explotación do sal na antigüidade foi unha actividade de primeira orde polo alto valor dese produto, vital na conservación dos alimentos e na elaboración de salgaduras e outros usos “industriais”, como o curtido de peles e a metalurxia.

    No tocante ás salinas do Aguncheiro, próximas ás instalacións do antigo cámping de Pedra Rubia, o seu acceso verase facilitado a través da rehabilitación das instalacións do antedito cámping nas que o Concello está a traballar.

    Paralelamente aos avances na recuperación das instalacións do antigo cámping e ás actuacións en materia de sinalización, o Concello tamén aposta pola posta en valor e do propio xacemento arqueolóxico. Nese sentido, traballará na captación de financiamento para a futura consolidación e musealización das salinas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.