Xoves, 14 Agosto de 2025

O alumnado de Ponteareas continúa coñecendo o concello a través da Biblioteca Municipal

O alumnado de Ponteareas continúa coñecendo o concello a través da Biblioteca Municipal. Esta semana os mozos e mozas de 1º da ESO do IES Barral visitaron o Museo e a Biblioteca para coñecer a historia do municipio dende as épocas máis antigas, pasando pola etapa de cultura castrexa, Ponteareas medieval ata a época contemporánea, e o funcionamento destes dous servizos públicos.

No Museo Municipal puideron coñecer as pezas arqueolóxicas procedentes do Castro de Troña, a arte rupestre, varias pías bautismais e o primeiro coche de bombeiros que tivo o Concello de Ponteareas ademais dunha serie de vitrinas cos ponteareáns mais senlleiros: Fermín Bouza Brey, Manuel Domínguez Benavides, Rogelio Lorenzo, Alfredo Pedro Guillado, Emilia Estevez Villaverde, Reveriano Soutullo…

Os alumnos e alumnas tamén coñeceron o funcionamento e instalacións da Biblioteca Municipal de Ponteareas. Aprenderon a como facerse socios ou socias e as vantaxes que isto conleva. Un dos aspectos mais salientables é que unha persoa usuaria desta biblioteca é automaticamente socio e socia de calquera biblioteca de Galicia.

O Concello tamén quere lembrar que a Biblioteca de Ponteareas organiza diversas visitas ao Castro de Troña, ao Cemiterio Municipal, a Igrexa románica de Ángoares, fai un percorrido pola historia de Ponteareas, ademais das visitas ao Museo e á Biblioteca Municipal. Os centros escolares e colectivos interesados tan só teñen que poñerse en contacto a través do correo electrónico [email protected] ou chamar ao teléfono 986 660 765 para solicitar aquela visita que máis lles interese.

Redondela traslada o busto de Valle-Inclán á biblioteca municipal que leva o nome do ilustre dramaturgo

0

O busto de Ramon María del Valle-Inclán preside, dende hai uns días, a entrada da Biblioteca Municipal de Redondela que leva o nome do ilustre dramaturgo, poeta e novelista de Vilanova de Arousa.

Ata o seu traslado, a imaxe en pedra de Valle-Inclán, un dos escritores galegos con maior proxección nas letras hispánicas, estaba situada na Praza de Figueroa, próxima á casa do Concello nunha ubicación non excesivamente adecuada e que facía que moitas veces pasase desapercibida. Esa situación, un tanto estraña ao estar nunha praza dedicada a outra persoa, explícase facilmente xa que a biblioteca municipal, que leva o seu nome, atopábase nos baixos da Casa Consistorial.

O Goberno local considerou que o cambio do busto ao seu novo emprazamento, a entrada da Biblioteca Municipal de Redondela ‘Valle-Inclán’ situada no Multiúsos da Xunqueira, non só puña en valor a obra escultórica e a figura do propio escritor, “senón que ten un lugar de honra na biblioteca que leva o seu nome”.

Con este cambio, explica Digna Rivas, “queremos recuperar a figura de Valle Inclán outorgándolle un lugar máis acorde coa súa figura e transcendencia cultural”.

A Guarda súmase á conmemoración do Día de Rosalía de Castro o 23 de febreiro

0

O vindeiro 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro, con motivo do seu 185 aniversario. Múltiples serán as homenaxes e actos de recordo a celebrar dende diferentes institucións da xeografía galega.

A proposta da Guarda para este 2022 articulouse baixo a mirada artística de Irene Silva e o seu deseño orixinal Rosalía Total. A artista miñorana transportou ata o Porto da Guarda a esa Rosalía alegre e colorida creando unha bela estampa que estará a disposición da veciñanza guardesa a modo de marcapáxinas. Estes marcapáxinas, que incorporan breves extractos de obras rosalianas, atoparanse na  Biblioteca e nas librerías como agasallo ante o préstamo ou a compra de libros.

Mais o proxecto Rosalía total chegará tamén ata as aulas da man de Irene Silva e Fátima Granja coa actividade Poesía Cantareira na que ambas artistas traballarán a obra de Rosalía de Castro a ritmo de rap, rock e tamén musica tradicional. Esta proposta pecorrerá os cinco centros de primaria da localidade e o centro de educación especial San Xerome entre os días 22 ao 24.

Para rematar restaurantes e bares da Guarda sumáronse á campaña Caldo de Gloria que organiza directamente a Casa de Rosalía, ofrecendo á súa clientela un caldo o día 23 de febreiro, lembrando a receita do poema Miña casiña, meu lar, na que Rosalía deixara constancia da épica dos humildes. Os establecementos adheridos son: Arruaz, Art Café, As Pozas, Brétema, O Couto e O Forte.

O Concello de Baiona mellora a iluminación pública en Baíña co cambio de 33 luminarias por tecnoloxía LED

0

Baiona continúa coa renovación da iluminación pública do municipio, un proxecto impulsado desde a Concellería de Iluminación Publico do Concello, que como explica o concelleiro Óscar Martínez “está a supoñer a renovación da luminaria eléctrica da iluminación pública do municipio cun cambio a tecnoloxía LED. Co obxecto de mellorar a súa eficiencia enerxética e conseguir un maior aforro nas facturas eléctricas”.

Aos traballos de mellora realizados en Baredo a semana pasada súmanse os que se están levando a cabo no vial de acceso ao encoro de Baíña onde se substitúen 33 luminarias con consumo de 70 W de sodio por un consumo unitario de 30 W LED. Os traballos están a consistir na substitución das luminarias coa subministración e montaxe de lámpadas LED, mantendo a columna ou brazo existente, así como as melloras nas instalacións eléctricas cando sexan necesarias.

As obras da iluminación desenvolvidas nestes días con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e realizados por persoal do concello.

Entre as vantaxes da luminaria LED atópanse que é que este tipo de lámpadas ten unha vida útil maior, aproximadamente 50.000 horas, reduce a pegada de carbono nun 50% e a nova luminaria é 100% reciclable. A renovación da iluminación tamén vai redundar na calidade da iluminación pública do municipio, aumentando os niveis de iluminación, mellorando a uniformidade media de servizo e a calidade cromática da luz.

O AECT Rio Minho crea un observatorio para analizar as dinámicas socioeconómicas transfronteirizas do Miño

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño, AECT Rio Minho, está a traballar para poñer en marcha un Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas (ODT) no territorio miñoto. Trátase dun proxecto que revelará información socioeconómica do territorio galego e portugués de maneira conxunta para poñer en marcha iniciativas “de éxito”  tanto de políticas públicas como de proxectos privados.

Segundo informa o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Uxío Benítez, o proxecto terá un soporte web que estará ligado á web institucional do AECT na que se envorcarán diferentes datos socioeconómicos do territorio do Río Miño Transfronterizo. Trátase dunha iniciativa novidosa que nace con vocación de permanencia, segundo o nacionalista, “e para cubrir un baleiro de información sobre a fronteira”.

O novo ODT xurde, de feito, porque contra todo prognóstico e a pesares de décadas de cooperación eurorrexional ata o de agora só se tivera en conta o fenómeno transfronteirizo en estudos puntuais e non existían  indicadores socio-económicos válidos para ambos lados da fronteira. De feito, a primeira eiva que houbo que superar para o novo Observatorio foi a creación de indicadores conxuntos apropiados e recoñecidos oficialmente.

O ODT do Rio MINHO, como todos os observatorios socioeconómicos, nace coa vocación de servir a persoas estudosas, institucións e persoas emprendedoras como ferramenta de obtención de datos para analizar o territorio e poder facer políticas públicas e privadas de éxito. Para Benítez, no caso do AECT Rio Minho, é unha “ferramenta indispensable” para continuar actualizando a diagnose territorial da Estratexia do Rìo Minho Transfronterizo, e o seu Plano de Acción, hoxe desenvolvido en fichas de proxectos en busca de financiamento.

O ODT está a ser despregado no ámbito do proxecto ‘Rede de Apoio ás dinámicas locais de cooperación no río Miño transfronteirizo’-REDE_LAB_MINHO- financiado polo Programa Interreg V-A España Portugal (Actividade2 – Construción e dinamización dunha rede de cooperación e observación das dinámicas transfronteirizas). Aínda que ao primeiro impulso se dá con financiamento europeo, preténdese crear unha cooperación estable con outras entidades – vía protocolos de colaboración- que permita mantelo no tempo.

Na tarde de onte celebrouse unha primeira reunión de presentación dos traballos do Observatorio cun grupo reducido de persoas de entidades locais ás que pode interesar a ferramenta co obxectivo de que achegasen suxestións antes do seu lanzamento definitivo.

Elaboración e análise de 120 indicadores

O Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas (ODT) do Río Miño está a ser construído  sobre a elaboración e análise de 120 indicadores a escala dos concellos que conforman o AECT, e que están recollidos nun informe xeral cos últimos datos actualizados.

A información, común a ambas os países, é moi ampla e permite coñecer a situación de cada área e ter unha idea das súas potencialidades e limitacións verbo das zonas que as engloban. O esquema da exposición informativa baséase en dez campos de interese definidos pola AECT. 

En primeiro lugar, presentarase a situación da AECT respecto a Galicia e Portugal en relación ao territorio, poboación e vivenda, é dicir, realizando un percorrido pola potencialidade que ten o territorio e as posibilidades de vivenda que presenta. Tamén se abordará a situación en sanidade e desenvolvemento social, é dicir, os campos que fan relación á calidade de vida en aspectos sociais do territorio.

A seguir inclúese a situación da innovación e do desenvolvemento económico e empresarial, que indica o potencial económico do territorio. En cuarto lugar, abórdanse aspectos relativos ao transporte e mobilidade transfronteiriza, dada a importancia que este apartado ten para o territorio. Despois trataranse o emprego e o desemprego, que tamén esta asociado ás condiciones sociais do territorio, combinado con a capacidade de xerar riqueza e mantela ben distribuída.

En sexto lugar, coméntanse aspectos relativos a infraestruturas e servizos públicos. A seguir trátanse os campos da educación e da formación, que sinalan o capital humano presente ou futuro do territorio. Para completar os epígrafes sociais, dedícase un apartado a falar de cidadanía e cultura.

Outro aspecto fundamental no desenvolvemento sustentable do territorio trata sobre o medio ambiente e o desenvolvemento sustentable, polo que se dedica outro apartado a este campo. Finalmente, dado a capacidade de atracción turística do territorio, dedicarase un apartado ao Turismo.

Récord de turistas e peregrinos no mes de xaneiro na Oficina Municipal de Turismo

0

No mes de xaneiro bateuse récord de visitantes na Oficina Municipal de Turismo de Tui. Case mil persoas demandaron información neste punto, situado aínda na praza de San Fernando, a maior cifra neste mes dende que se teñen rexistros deste servizo municipal.

En concreto foron 962 persoas as que pasaron pola oficina tudense, das que 302 eran peregrinos e 660 turistas. Nos datos rexistrados obsérvase un notable incremente de visitas con respecto aos últimos anos superando os datos de antes da pandemia. Así en 2016 foron 702 persoas as que pasaran pola Oficina e 603 en 2017. Tanto en 2018 coma en 2019 a oficina non abriu no mes de xaneiro, e en 2020 foran 588 os turistas e peregrinos que demandaran información. O ano pasado nas semanas de xaneiro en que estivo aberto o servizo só foron atendidas 6 persoas.

Dos 302 peregrinos que en xaneiro pasaron pola oficina tudense 118 eran internacionais e 184 nacionais.  Portugal con 58 persoas realizando o Camiño, Alemaña con 15, Italia con 13 e EEUU con 11 foron os principais lugares de orixe dos peregrinos. Tamén houbo de Francia, Reino Unido, Países Baixos, Arxentina, Colombia, República Checa, Corea, Letonia, Chile, Brasil ou Xapón.  Mentres a provincia de Pontevedra con 145 persoas, as Illas Baleares con 12, A Coruña con 7 e Córdoba con 5 foron os principais puntos de orixe dos peregrinos nacionais, chegando tamén dende Madrid, Murcia, León, As Palmas, Girona, Cidade Real, Sevilla ou Cádiz.

Dos 660 turistas que no primeiro mes de ano requiriron información turísticas 147 eran estranxeiros e 513 nacionais. No turismo internacional as principais procedencias foron Portugal de onde chegaron 89 persoas, Brasil con 24, Arxentina con 6,Italia e Ucraína, con 5 turistas de cada un destes países.  Por outra parte de turismo nacional houbo 144 consultas de persoas da provincia de Pontevedra, 64 de Barcelona, 53 de Madrid, 43 da Coruña, e 25 de Baleares, entre outros lugares Dende o pasado 2 de febreiro a Oficina Municipal de Turismo está situada nun novo emprazamento no Paseo da Corredoira nº16, nunhas instalacións máis amplas, céntricas e modernas. O seu horario de atención ao público é de luns a domingo, incluíndo festivos, de 9.30 a 14.00 h e de 16 a 19 h. O teléfono de contacto 677 41 84 05, o correo electrónico [email protected] e posúe amais a conta @oficinaturismotui en Instagram.  Neste mes están a recibir consultas tanto vía telefónica coma por correo electrónico de peregrinos que están preparando a realización do Camiño de Santiago interesándose por como chegar a Tui dende outros puntos de Galicia, ou onde obter a credencial do peregrino. Tamén teñen consultas de guías de turismo solicitando información para realizar visitas no verán con grupos de turistas.

O Porriño e Mos desfrutarán xuntos deste Entroido

Os veciños e veciñas do Porriño e Mos disfrutarán xuntos deste Entroido. Será o sábado, 26 de febreiro, cando se celebre o I Desfile Conxunto de Entroido entre ambos concellos no que participarán 16 comparsas, 8 de cada municipio.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentaron hoxe  a que será a segunda actividade conxunta entre os dous Concellos.

“Un evento que non é o primeiro, nin será o último que fagamos xuntos”, indicou Lorenzo, “Para min é un pracer e un orgullo que dous pobos limítrofes, irmáns e que facemos vida común no noso día a día, disfrutemos de novo dun acto conxunto”. O alcalde animou á veciñanza a participar deste desfile que “se desenvolverá cun estricto cumprimento das medidas de seguridade sanitarias” e animou ”a todos os/as porriñeses/as e a todos os/as mosenses a disfrutar desta xornada de festa e reencontros”.

No mesmo sentido se manifestou a rexedora mosense, quen destacou que se trata de dous concellos “que conviven no comercial, no ocio, no cultural…. e que estamos obrigados a entendernos”. Arévalo quixo poñer en valor o entendemento e a boa disposición que supón colaborar en actividades que son o eixo da actividade cultural de ambos municipios e “moitas veces coinciden o mesmo día á mesma hora, algo que non se entende. Estou segura de que os cidadáns de Mos e do Porriño están aplaudindo de poder disfrutar xuntos deste Entroido”.

Os representantes municipais agradeceron o labor indispensable que realiza a Policía Local e os voluntarios/as de Protección Civil dos dous concellos, sen os que sería imposible organizar este evento.

Indicaron ademais que cada concello mantén a súa programación habitual, a maiores do desfile conxunto do sábado.

Lucenza-Ateneo de Nigrán organiza este sábado un acto sobre os naufraxios da ría de Vigo na memoria da xente

0

Lucenza-Ateneo de Nigrán organiza este sábado 19 de febreiro, ás 19:00 horas, no Centro da terceira idade da Ramallosa (antiga estación do tranvía), unha charla sobre naufraxios na ría de Vigo, que terá como protagonista a Tino Costas Bergara, veciño de Nigrán, quén rememorará unha serie de acontecementos relacionados con accidentes marítimos sucedidos na comarca e na ría de Vigo ao longo do século XX.

Acompañándoo estará tamén Xosé Lois Vilar Pedreira, historiador, arqueólogo e coñecedor en profundidade de moitos aspectos da historia e do patrimonio cultural da comarca, así como da toponimia, a cultura marítima e os naufraxios acontecidos neste sector da costa galega.

Esta charla enmárcase nunha serie de actividades que o Ateneo de Nigrán irá desenvolvendo ao longo do tempo dentro do programa “Memorias e vidas da xente de Nigrán”, co que se pretende dar a coñecer vivencias e memorias de veciños, que nos poidan achegar información, experiencias e lembranzas de acontecementos, lugares e formas de vida do pasado, coa idea de contribuir así a manter e reforzar a memoria local de Nigrán e a súa poboación.

Esta actividade, que xa estaba programada por Lucenza dende hai tempo, ten coincidido fatalmente coas novas do naufraxio do pesqueiro “Vila de Pitanxo”.  O Ateneo de Nigrán quere trasladar ás familias e aos pobos de orixe destes traballadores da pesca o seu pesar e a súa solidariedade coa xente do mar.

Para a difusión das súas actividades, Lucenza conta cun perfil en Facebook (www.facebook.com/lucenzaateneonigran).

Para máis información poden escribir ao enderezo electrónico:[email protected] ou contactar no teléfono 669404562 co seu presidente, Xabier Méndez.

Aberta a inscrición para os cursos de lingua galega para obter os certificados CELGA

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas informa da convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os cursos son gratuítos e desenvolveranse en liña e tamén de forma presencial na provincia en Vigo e Pontevedra. O prazo de presentación de solicitudes comeza este mesmo martes 15 de febreiro e manterase activo ata o vindeiro 7 de marzo.

As persoas interesadas en participar nestes cursos deberán inscribirse no seguinte enlace: https://formacion-lingua.xunta.gal. Cada persoa poderá inscribirse só nun único curso.

Todas as persoas interesadas que precisen máis información sobre estes cursos poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán información detallada sobre estas accións formativas.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a sumarse a esta formación e destaca a importancia destes cursos, “unha grande oportunidade para mellorar no uso da nosa lingua e poder obter un título imprescindíbel para acceder a un proceso de oposición en Galicia”.

O alcalde de Tui participou no acto oficial de “presentación” da certificación do Camiño Portugués da Costa

0

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participou onte nos actos oficiais organizados pola entidade de Turismo de Porto e Norte de Portugal para a presentación pública da recente aprobación por parte do Goberno de Portugal da certificación do Camiño Portugués da Costa entre Porto e Valença, o que o converte no terceiro itinerario xacobeo delimitado en terras portuguesas.

No acto participaron o presidente de Turismo Porto e Norte, Luis Pedro Martíns, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Axencia Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, Nuno Almeida, xunto cos alcaldes e representantes dos municipios polos que transita o Camiño Portugués da Costa, sendo o alcalde de Tui o único rexedor galego convidado a este acto.

A comitiva percorreu o trazado certificado iniciando o acto diante da Sé de Porto, como lugar de inicio desta ruta xacobea, pasando por Viana do Castelo (visitando a igrexa parroquial de Santiago de Neiva o máis antigo templo consagrado a Santiago en Portugal), a localidade de Caminha e finalizando o seu percorrido na Ponte Internacional que une as cidades de Valença e Tui. Para o alcalde de Tui este acto posúe un gran valor simbólico ao recoñecer como Tui é a porta de entrada en Galicia das rutas do Camiño Portugués en Galicia, unha consideración que ven avalada pola historia, polo número crecente de peregrinos que se visitan Tui no decurso da súa peregrinación e que agora ven ratifica a certificación oficial do Camiño da Costa realizada polo Goberno de Portugal.

O alcalde tudense agradeceu o convite realizado ao noso Concello para participar neste acto e deulle a benvida a todos os participantes neste percorrido polo Camiño Portugués da Costa ao noso municipio na Ponte Internacional que une Valença e Tui. Ao tempo que garante o compromiso do Concello tudense polo coidado deste itinerario de peregrinación, a conservación dos seus valores e o traballo para incrementar a calidade da acollida na nosa cidade a todos os peregrinos.

Os participantes valoraron o gran traballo levado a cabo pola Comisión de Certificación creada por Portugal para a homologación destes itinerarios, na que a Xunta tamén participa a través do Xacobeo. O traballo de certificación levouse adiante de xeito conxunto polas Secretarías de Estado do Turismo e do Patrimonio Cultural de Portugal, que recoñece a integridade do trazado e o seu elevado valor patrimonial, e que supón a delimitación oficial do terceiro Camiño de Santiago en terras lusas, despois do Camiño Interior e o Camiño Central Portugués na rexión do centro de Portugal.

O coñecido como Camiño Portugués de Santiago- Camiño da Costa é un itinerario de 138 quilómetros que recorre os municipios de Porto, Matoshinhos, Maia, Vila do Conde, Póvoa de Varzim, Esposende, Viana do Castelo, Caminha, Vila Nova de Cerveira e Valença. Para a súa certificación Portugal acadou un amplo consenso entre todas as administracións, tanto das cámaras implicadas como dos diferentes departamentos do Goberno luso, o que permitirá non só a conservación destes itinerarios se non a súa promoción do fenómeno xacobeo que Portugal.

No pasado ano 2021 o Camiño Portugués foi percorrido, segundo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago por 42.000 peregrinos e foi Tui o segundo lugar elixido polos peregrinos para iniciar a súa peregrinación logo de Sarria no Camiño Francés.

O cine volve ás parroquias de Ponteareas

O cine volve ás parroquias de Ponteareas este domingo coa proxección da película “Millions” no Centro Cultural Os Muíños de Oliveira ás 17.00 horas. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, explica que con esta iniciativa “queremos continuar levando a sétima arte a todos os recunchos do noso concello”, e lembra que a entrada é de balde ata completar aforo.

A película “Millions” céntrase en Anthony, un neno de novo anos que tras a morte da súa nai móstrase sempre pragmático, mentres que o seu irmán pequeno Damian, dous anos menor que el, recorre á imaxinación, á fantasía e á fe para que o seu confuso mundo adquira sentido.

Un día unha bolsa chea de billetes, caída do ceo, vai parar aos pés de Damian. Grazas a ela, os nenos vivirán unha aventura que quedará gravada de forma imperecedoira na súa memoria, pois comprenderán que o verdadeiro valor das cousas nada ten que ver co diñeiro.

Concello e Xunta ampliará o vial entre a rúa Vázquez Estévez e a estrada PO-400

0

O Concello de Arbo, acaba de aprobar o convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e vivenda a través da Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo para  realizar obras de ampliación do vial entre a Rúa Vázquez Estévez e a Estrada PO-400.

Os equipamentos urbanos desempeñan un papel fundamental como elemento dinamizador de desenvolvemento social e cultural da nosa sociedade e son, ademais, elementos estruturais na contorna urbana.

As intervencións definidas como contornas urbanas recollen as actuacións enfocadas a mellorar o espazo público tendo en conta as necesidades de utilización e en relación coa mellora da contorna, o ambiente e a calidade de vida.

Coa presente actuación preténdese a apertura dunha nova rúa entre a estrada PO-400 que se sitúa no extremo norte da vía prevista e a rúa Vázquez Estévez, no seu extremo sur. A proposta supón a completa urbanización da rúa coa incorporación dunha calzada dun único sentido de circulación de vehículos, beirarrúas a ambos os lados e unha zona axardinada. A intervención complétase coa disposición dun paso de peóns e reparación da beirarrúa da rúa Vázquez Estévez.

O orzamento de execución por contrata de 315.513,77 €, correspondendo a base 260.722,18 € e ao IVE do 21% 54.758,59 €,  dos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aportará 252.132,62 € (70% do custe estimado)  e Concello de Arbo 108.056,84 € (30% do custo estimado)

O obxeto da obra e a recuperación de espazo público peonil para facilitar os desprazamentos e potenciar a súa función como espazo de encontro dos veciños. – Mantemento e conservación das rúas en óptimas condicións de seguridade, para os vehículos e transeúntes. Coas obras permitirase a saida de vehículos a través do mesmo ata a Estrada autonómica PO-400, liberando de tráfico o casco urbano de Arbo, principalmente da parte xa peatonalizada. Ao mesmo tempo, ao contar con aceras este novo tramo, constituirá un itinerario seguro para os peons que accedan o casco urbano dende outras zonas.

Coas as actuacións previstas pretendese mellorar a seguridade vial na zona e na súa contorna e dotar de máis infraestruturas e mellores comunicacións aos arbenses.

A Xunta acada o 25 % de execución da vía de alta capacidade Tui – A Guarda

0

A Xunta acadou xa o 25% de execución das obras da vía de alta capacidade Tui-A Guarda  entre o enlace coa A-55 e o polígono de Areas, que supoñen un investimento autonómico de 21,2 millóns de euros.

As actuacións teñen como obxectivo a construción do treito de autovía no termo municipal de Tui, iniciándose coa conexión coa A-55 mediante unha glorieta elevada sobre a autovía, que canalizará os tráficos no enlace.

Desde a glorieta partirá unha recta en viaduto sobre a A-55 ata o punto quilométrico 0+113,43, onde enlaza cunha rampla e finaliza no semienlace do polígono de Areas.

Xa se desenvolveu a totalidade de tarefas de limpeza e roza e realizáronse o 52% das demolición de edificacións, muros de formigón ou peches.

No que se refire ás escavacións, xa acadan o 90%, ao telas realizado en diversos puntos do tronco, do semienlace de Areas, do enlace coa A-55 e en camiños. Así, lévanse executado uns 109.000 metros cúbicos de escavación en saneos e en desmontes.

Tamén avanzan os recheos, cunha execución que acada case o 80%. Xa comezaron os traballos nas zonas anteriormente citadas e recheáronse uns 145.000 m³, 40.000 m³ correspondentes a saneos.

Ademais progresan os traballos da explanada no semienlace de Areas, a disposición de firmes e as actuacións de drenaxe nesta contorna.

En relación ás estruturas, estase a traballar na execución dos pasos superiores, inferiores e nos muros.

Características técnicas

A autovía contará con dúas calzadas separadas por sentidos de circulación, de dous carrís cada unha, e beiravías exterior e interior de 2,5 metros e 1,5, respectivamente. A glorieta elevada sobre a A-55 terá dous carrís de 4 m de ancho cada un.

A intervención inclúe dous enlaces, un coa A-55 -glorieta a distinto nivel- e co polígono de Areas, no punto quilométrico 0+630. Construiranse 5 pasos superiores, nos puntos quilométricos 0+000, 0+348, 0+640, 1+100 da estrada A-55, e 0+300 no ramal de conexión coa N-551. Tamén se executarán 2 pasos inferiores, un destinado ampliar o que existe no punto 0+700 da A-55 e outro no 0+400 do ramal de conexión da PO-552.

Este proxecto suporá unha significativa mellora na accesibilidade do polígono de Areas, así como o reforzo da seguridade viaria do actual enlace das estradas PO-552 e N-551 coa A-55, e tamén da propia N-551.

Na actualidade está en servizo o treito da VAC Tui–A Guarda, entre Goián e A Guarda, cunha lonxitude de 10,15 km, que percorre os concellos de Tomiño, A Guarda e O Rosal, e que entrou en funcionamento en 2014.

Para facer viables os treitos pendentes, a Xunta planificou unha execución por fases que dialogou cos principais axentes institucionais e económicos implicados e que estableceu a priorización deste treito inicial de Tui, incluíndo o enlace de Areas.

A Subdelegación do Goberno coordina xunto o Concello de Baiona as medidas de seguridade para a Festa da Arribada

0

Imaxe de arquivo da presentación da Arribada 2021 que, finalmente, non se puido celebrar

A Subdelegación do  Goberno en Pontevedra e o Concello de Baiona celebraron onte pola mañá unha Xunta Local de Seguridade cuxo punto prioritario centrouse en promover e coordinar todas  as medidas  encamiñadas a garantir a seguridade na localidade durante o desenvolvemento dos actos da Festa da Arribada que se celebra os días 4, 5 e 6 de marzo.

 Esta celebración regresa tras un ano de parón pola pandemia e agárdase que congregue de novo a un importante número de visitantes que  queren gozar  desta  festa   mediaval co  recoñecemento de interese turístico internacional.

Así,  as  accións que se van levar a cabo por parte dos Corpos e  Forzas de  Seguridade  do Estado pasan pola posta en marcha de  controis de circulación nos accesos a Baiona, contando para iso de medios terrestres e aéreos e pola activación de controis de alcoholemia e drogas que sirvan de prevención  pola posible falta de  responsabilidade  dalgúns  condutores.

Ademais, servirán de  apoio aos axentes da Policía Local, garantindo o bo desenvolvemento das actividades festivas. Respecto a isto, revisouse o plan de protección elaborado polo Concello no que se establecen os medios municipais para garantir a seguridade durante o desenvolvemento dos tres días festivos.

O xerente da Área Sanitaria de Vigo visitou o Centro de Saúde de Arbo

0

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, realizou unha visita ao Centro de Saúde de Arbo o pasado 15 de febreiro de 2022, acompañado polo alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil.

Durante a visa o Xerente,  mantivo un encontro co persoal sanitario do devandito centro sanitario. En todo momento estivo acompañado polo alcalde da localidade, Horacio Gil.

Neste momento o centro de saúde conta con todo o persoal, ademáis de cunha unidade de ambulancia 12 horas ao día para o Concello de Arbo.

Esta xuntanza enmárcase no programa de visitas aos centros de Atención Primaria que o xerente está realizando, para coñecer de primeira man a situación dos seus profesionais así como a asistencia sanitaria ofertada.

Nigrán pecha este venres o prazo de inscrición para o concurso de comparsas

0

O Concello de Nigrán pecha este venres 18 de febreiro o prazo de inscrición no concurso de comparsas, que terá lugar o sábado 26 de febreiro ás 21:00 horas. As agrupacións interesadas en participar deben inscribirse  no Rexistro do Concello (de 9.00 a 14.00 horas) coa documentación pertinente (ficha de inscrición cuberta, fotocopia do CIF ou DNI, certificado de conta bancaria e xustificante de estar ao corrente tanto en Facenda coma na Seguridade Social). As bases, penduradas na web municipal www.nigran.es, mantéñense coma nos anos anteriores, así, as agrupacións deben contar cun número de participantes superior aos 20 membros, dos cales un mínimo de dez terán que ser adultos.

O Concello recupera o tradicional desfile tras o entroido telemático do ano pasado e amplía a dotación económica ata os 4.150 euros repartidos en vinte premios (700, 600, 500, 400, 300, 250, e os seguintes 14 restantes clasificados con 100 euros) para que todas as agrupacións participantes se beneficien. A maiores, cada unha das comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas, educativas e veciñais do municipio (ata un máximo de 5 por orde de Rexistro de Entrada) percibirán unha dotación extra de 300 euros como axuda. Por protocolo Covid, establécese como obrigatorio o uso de máscaras por parte de todos os participantes e organizadores.

O desfile, como é habitual desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial, arrancará coa batucada de ‘Bate no Cobre’ ás 20:30 horas e desde as 21:00 as comparsas sairán segundo a clasificación do sorteo que se celebrará o día 23 de febreiro ás 12:00 no salón de plenos. As actuacións se desenvolverán á altura da casa consistorial. Se a previsión meteorolóxica fose adversa para ese día, o desfile trasladaríase para outra data.

O xurado, pendente da súa designación, dará o fallo ao remate do evento tendo en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa. Pode quedar deserto algún premio e de haber menos comparsas que premios o número destes axustaríase.

As bases están a disposición dos interesados na Oficina de Atención ao Cidadá do Concello  ou na web municipal.

Programación de entroido

O Concello de Nigrán inicia os actos do entroido o venres 25 de febreiro coa actuación de Cristian de Samil co show ‘Mamá&Monólogos’ no Auditorio Municipal ás 20:00 horas. Tras o tradicional desfile de comparsas do sábado 26, o luns 28 de febreiro será o turno dos máis pequenos con contacontos e baile desde as 17:00 no Auditorio Municipal.

O entroido finaliza o sábado 12 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a Casa do Concello sobre as 18.00 horas tirado por un  carro de bois para ser velado a continuación no Torreiro de Parada, actos que se celebran co Centro Cultural Parada do Miñor e que rematarán coa queima do kiko e un concerto de D´Lider.

“Este ano recuperamos o entroido tradicional con todas as medidas de seguridade. Coma noutros anos, é un entroido no que teñan cabida tódolos públicos e tamén conta cun evento específico para o desfrute dos nenos. Como viñemos facendo, seguiremos a por en valor as tradicións máis locais, como é o caso do enterro do kiko”, explica o alcalde, Juan González.

Ponteareas implementa simboloxía peonil temporal sobre calzadas para continuar recuperando espazo público para as persoas

O Concello de Ponteareas está a implementar simboloxía peonil na calzada das rúas peonalizadas ao abeiro do seu compromiso por continuar recuperando espazo público para as persoas. Trátase dunha medida denominada ‘Urbanismo táctico’, unha ferramenta empregada en innumerábeis cidades de todo o mundo realizar intervencións lixeiras e provisionais en rúas recuperadas para as persoas, transformándoas e maximizando o valor compartido dos espazos públicos. O Goberno local complementará estas intervencións, aínda sen rematar, coa colocación de xardineiras e bancos ao longo de todas as rúas para convertelas tamén en lugares de estancia e relación social.

As rúas Vidales Tomé, Morales Hidalgo, Constitución, Reveriano Soutullo, Concha Brey e Senén Canido son dende hai meses rúas peonís de tráfico limitado a autorizados. Ademais da sinalización vertical situada na entrada desas rúas xunto a xardineiras “é necesario reforzar o carácter peonil destas rúas con sinalización horizontal moi visual sobre a calzada. Con estas actuacións os vehículos autorizados que acceden son máis conscientes de que a zona na que se atopan non é unha calzada, senón que se trata dunha zona peonil, ao tempo que as persoas entenden que se trata dun espazo do que poder gozar con tranquilidade sen ter que confinarse en beirarrúas estreitas”.

O obxectivo do Concello é que no verán xa estean listos os proxectos de reforma destas rúas. “Co pintado actual e o mobiliario urbano a instalar queremos reforzar o concepto peonil destas rúas de forma transitoria e provisional até que se realicen as obras de remodelación”, informa o Concello.

O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso de recuperar o espazo público para as persoas e reducir o tráfico a motor seguindo as indicacións e recomendacións das Nacións Unidas e da Unión Europea, tal e como están facendo concellos e cidades en todo o mundo para facer fronte á emerxencia climática e mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas.

A grupo socialista urxir á Xunta a resolver o problema de transporte entre A Guarda e Caminha co obxectivo de dar continuidade ao Camiño Portugués pola Costa

0

A deputada socialista Leticia Gallego visitou hoxe A Guarda, xunto ao seu a alcalde, Antonio Lomba, para presentar unha batería de iniciativas para urxir á Xunta a resolver o problema de transporte entre o concello guardés e o municipio portugués de Caminha co principal obxectivo de dar continuidade ao Camiño Portugués pola Costa no seu paso polo esteiro do Miño.

“O transbordador que une as dúas beiras do río atópase inactivo e isto impide a peregrinos cruzar o esteiro en transporte regular”, alertou a socialista, quen incidiu no “importante quebranto e confusión” que isto supón, ao que se suma a “desinformación” e as “publicacións contraditorias” sobre a ruta Xacobea.

Ao fío disto, Gallego lamentou que, “malia que a web oficial do Camiño de Santiago sinala que o Camiño Portugués pola Costa entra en Galicia pola vila mariñeira de A Guarda, tras cruzar o río Miño na súa desembocadura, varias organizacións e entidades portuguesas formulan alternativas que nada teñen que ver coa ruta oficial, recoñecida e promovida pola Xunta”.

Así, destacou, “algunhas publicacións indícanlles ás peregrinas e peregrinos que percorran case 30 quilómetros máis para cruzar o río a través da ponte que une Vilanova de Cerveira e Tomiño para logo chegar ata A Guarda, e noutras mesmo propoñen continuar o itinerario ata Valença do Minho para enlazar dende alí co Camiño Portugués, o cal é moito máis grave xa que anula o percorrido pola costa atlántica galega que transcorre polos municipios de A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona ou Nigrán”.

“Cómpre buscar unha solución a curto prazo para arranxar esta problemática no transporte de pasaxeiros e pasaxeiras entre ambos municipios, polo que pedimos á Xunta que se reúna cos alcaldes afectados para que poidan trasladarlles de primeira man a problemática que están a vivir”, subliñou a responsable socialista.

Por último, Gallego pediu ao goberno galego que “se manifeste e tome medidas” en relación ás publicacións que difunden itinerarios “non oficiais” sobre o Camiño Portugués pola Costa, xa que isto “implica un enorme prexuízo” para a ruta Xacobea e, nomeadamente, para os municipios do Baixo Miño polos que transcorre.

A Guarda contará co servizo móbil de nova xeración

0

O Concello da Guarda informa que en vindeiras datas contarase na vila co servizo móbil de nova xeración na banda de 700 MHz coas principais operadoras móbiles.

Nesta fase inicial as empresas verificarán a calidade do servizo, co cal terase mellor cobertura tanto en interiores coma exteriores, así coma unha mellora substancial na velocidade de conexión a internet, servizos de televisión, vídeo e música baixo demanda, e novos servizos que sairán ao mercado nos vindeiros anos.

A prestación dos servizos móbiles nesta banda de 700 MHz pode conlevar a aparición de determinadas afectacións na recepción do sinal de TDT dos usuarios da nosa vila, debido a que esta frecuencia empregábase anteriormente para servizo de televisión.

Para solucionar ditas afectacións, en caso de chegar a producirse, os operadores móbiles habilitaron a llega700, para resolver as incidencias a través do numero de contacto de atención gratuíta para a cidadanía 900 833 999.

Trala notificación da afectación por parte dos veciños, un técnico cualificado desprazarase e procederá a realizar as labores de acondicionamento para solucionar a incidencia. Todo elo sen custe algún para eles.

Adiado o entroido en Mondariz para a primaveira verán deste ano

0

A Asociación de Veciños Xabriña, xunto co Concello de Mondariz, mantiveron unha xuntanza cos participantes do entroido de Mondariz para adiadar o entroido de cara a primaveira verán deste mesmo ano.

Moitos dos participantes comezaron a realizar os traballos no mes de novembro, pero en decembro, coas restriccións e os numerosos contactos e aislamentos pola Covid-19 de gran parte dos organizadores, retrasaronse os prazos de entrega.

Por toda esta situación, a propia asociación e o Concello mantiveron unha reunión cos participantes para propoñerlle facelo de cara a primaveira-verán, onde á maioráa dos asistentes estiveron de acordo coa proposta.

A data aínda está por confirmar por parte da organización e dos participantes.

Por todo isto, o entroido queda posposto para a primaveira-verán deste ano, onde dende a asociación e Concello animá á veciñanza a que se anoten máis comparsas e carrozas, para realizar un gran entroido de verán, onde haberá premios a participación e premios especiais, xunto con animación musical e sorteos.

A Deputación distribúe manteis divulgativos sobre o ‘Caldo da Gloria’ en 33 concellos da provincia

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Lingua, vai distribuír entre 33 concellos da provincia manteis divulgativos sobre o ‘Caldo de Gloria’, unha receita humilde que Rosalía de Castro menciona no poema ‘Miña casiña, meu Lar’ do Libro Follas Novas. A iniciativa, que se desenvolve da man da Fundación Rosalía de Castro’, pretende poñer en valor tanto a lingua galega como a gastronomía tradicional popular.

Os manteis serán utilizados o vindeiro día 23, cando se conmemora o aniversario do nacemento de Rosalía, nos comedores escolares dos centros de ensino públicos e na hostalería local de cada municipio. No criterio de reparto primáronse os establecementos que ofertarán o ‘Caldo de gloria’ na súa carta para celebrar a efeméride sobre a autora de Padrón, os que utilizan o galego como lingua principal, e os que participan do Plan Revitaliza e dispoñan do selo distintivo do plan provincial de compostaxe.

Nesta simbólica iniciativa estaban a disposición dos concellos da provincia 8.000 exemplares do mantel individual de papel co poema e a explicación sobre o Caldo de Gloria. O reparto fíxose por estrito orde de solicitude cun máximo de 150 unidades aos concellos de menos de 5.000 habitantes, 200 aos de entre 5.000 e 10.000, 300 aos de entre 10.000 e 20.000, e 500 aos de entre 20.000 e 50.000. Os concellos e/ou os locais de restauración que precisen máis unidades para estender a proposta teñen a oportunidade de descargalos e imprimilos de maneira autónoma dende a páxina web da Deputación e tamén da Fundación Rosalía.

Na comarca de Pontevedra participarán na iniciativa os concellos de Poio, Barro, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade; na comarca do Salnés, Meaño, Meis e Ribadumia; no Morrazo Moaña, Bueu e Marín; na comarca de Caldas, Pontecesures, Cuntis, Valga e Caldas; no Deza Tabeirós Agolada, Silleda, Vila de Cruces, Lalín e Forcarei; na comarca do Baixo Miño A Guarda e O Rosal; na área de Vigo O Porriño, Redondela, Mos, Pazos de Borbén e Salceda de Caselas; no Val Miñor Oia e Gondomar; e no Condado-Paradanta Ponteareas, Mondariz, As Neves, Mondariz Balneario e Covelo.

Actos institucionais

Esta iniciativa sobre o ‘Caldo de Gloria’ é unha das moitas que a Deputación vai levar adiante para poñer de relevo a figura de Rosalía neste mes. Celebraranse dous actos institucionais  coorganizados polos departamentos de Lingua e Cultura para festexar o Día de Rosalía o mércores 23 no Pazo Provincial en Pontevedra e o xoves 24 na sede da Deputación en Vigo, ambos ás 19 horas.

Ambos eventos contarán coa intervención musical do grupo de pandereteiras Ialma,e  coa degustación de balde dun ‘caldiño de gloria’ que será elaborado polo alumnado dos CIPF Carlos Oroza e CIFP Manuel Antonio, da que o público asistente poderá levar unha cunca conmemorativa de Rosalía de olería tradicional para a súa casa.

Seguindo a proposta da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), tamén se agasallará ao público  cun libro en lingua galega, neste caso ‘Violetas no Asfalto’, unha antoloxía poética de Lucía Novas -primeiro exemplar da Colección Medal de poesía feita por mulleres da Editorial provincial-, xunto cunha flor, unha camelia do cultivar ‘Rosalía de Castro’ dos xardíns do Castelo de Soutomaior. Así mesmo, nos eventos de Pontevedra e Vigo lerán o manifesto da AELG Miriam Ferradáns e Marta Dacosta, respectivamente.

Dado que a capacidade para participar é limitada, as persoas interesadas deben inscribirse no correo [email protected].

Inicio do estudo topográfico para a senda peonil que completará a mellora da estrada Tameiga-Pereiras

0

O tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o edil mosense de Urbanismo, José Areal, e o arquitecto municipal, Ramón Vega, reuníronse esta mañá no lugar da Pedraucha, parrqouia de Tameiga, coa empresa que nos vindeiros días vai iniciar o estudo topográfico para a nova senda peonil da Estrada Tameiga-Pereiras e que terá como paso previo a remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.

Estanse a iniciar as conversas cos veciños da zona de cara a poder acometer a devandita senda da que inmediatamente se realizará o estudo topográfico. A primeira das xuntanzas coa veciñanza para explicarlles o proxecto realizábase o pasado 1 de decembro no Multiusos das Pozas.

Por outra banda, o Concello de Mos xa ten rematado o proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, previo ao inicio da senda, co que se transformará totalmente esta zona.

A obra na contorna da Capela de San Eleuterio é o paso previo á mellora da Estrada Tameiga-Pereiras, onde se acometerá esta senda peonil.

Para a acometida da devandita senda a administración local mosense atópase actualmente no punto anterior ao inicio do procedemento, consistente no comezo das conversas cos veciños da zona, antes de empezar a redacción do proxecto.

En breve comezará a realizarse o estudo topográfico, para o que xa hai unha empresa adxudicada para realizar este traballo de medición pormenorizada e así poder, a continuación, indicarlles en detalle aos veciños o trazado exacto da nova senda e o seu deseño definitivo.

Contorna da Capela de San Eleuterio

Pola súa banda o proxecto de transformación da contorna da Capela de San Eleuterio, convertirá a zona nun espazo público de calidade, con nova pavimentación e dotación de vexetación, arboreda, iluminación e instalacións urbanas, establecendo prioridade peonil na totalidade do ámbito, de 4.800 m2 de superficie, mellorando as condicións de accesibilidade e poñendo en valor os elementos catalogados. Unha mellora que beneficiará á zona da Capela e o cruceiro de San Eleuterio.

Proponse a plataforma única como solución idónea de convivencia entre o peón e o vehículo, desdibuxando os límites entre a zona peonil e a zona de rodadura, permitindo que os viandantes poidan apropiarse desta zona de tránsito motorizado, que se establece no perímetro Sur e Este de o ámbito, no camiño Laxiñas e a estrada Tameiga-Pereiras. Este vial perimetral proxéctase con pavimento de formigón puído con xuntas abertas entreveradas en céspede, marcando sutilmente a zona de rodadura mediante xuntas de retracción, plantación de arces vermellos e farois de iluminación dobre.

O Concello de Oia contratará 11 persoas ao abeiro do Plan Concellos

0

O Concello de Oia contratará a un total de 11 persoas desempregadas ao abeiro do Plan Concellos 2022 (liña de emprego) da Deputación de Pontevedra.

Os contratos terán unha duración de 6 meses e con dedicación a xornada completa. Os perfís que se solicitan son de condutor/operador de maquinaria forestal (1 praza), albanel/oficial de 1ª (2 prazas) e peón forestal (8 prazas).

Poderán beneficiarse desta iniciativa as persoas desempregadas inscritas na oficina de Emprego de Baiona, que fará a preselección de candidaturas. Posteriormente, o Concello se encargará da selección definitiva.

No seguinte cadro resúmese o número de prazas para cada posto e máis o perfil solicitado (xunto co código correspondente no que deberán inscribirse na oficina de emprego as persoas interesadas).

PRAZASPERFIL/OCUPACIÓN
 1  Condutor/Operador de maquinaria forestal. (CNO. 83221013)  
 2 Albanel-Oficial de 1ª. (CNO. 71211015)  
8 Peón Forestal.  (CNO. 95431028)   

O Concello de Oia lembra que, para poder ser seleccionadas pola oficina de emprego, as persoas demandantes deberán estar inscritas no código correspondente ao perfil ao que queiran optar.

A Concellería de Vías e Obras remata as obras de mellora do Camiño das Petadas en Cesantes

0

A Concellería de Vías e Obras do Concello de Redondela que dirixe Vicente Lamas, vén de dar por rematados os traballos de acondicionamento, mellora no drenaxe e pavimentación no Camiño das Petadas, na parroquia de Cesantes, obra incluída no plan integral de mellora da rede viaria municipal que, dende a súa chegada ao Concello, desenvolve o Goberno que preside Digna Rivas.

Para o desenvolvemento das obras fíxose preciso o traballo previo de limpeza de cunetas e noiros do camiño e o posterior varrido do firme existente para, posteriormente, realizar o rego de adherencia.

Unha vez realizados os traballos previos, procedeuse ao asfaltado da capa de rodadura con aglomerado asfáltico en quente de 6 centímetros de espesor final e a súa compactación con medios mecánicos nunha superficie total de 584 metros cadrados.

Finalmente, realizáronse pequenas obras de fábrica e drenaxes necesarias para a conservación do camiño e a instalación de tres tapas de rexistro.

Os traballos realizados buscaban a mellora, non só da accesibilidade ás vivendas situadas na contorna, senón da seguridade tanto da circulación rodada como peonil.

Ponteareas mellora os camiños municipais da Mo e do Areal de Fontes en Cumiar

O Concello de Ponteareas acaba de rematar a intevención de mellora do camiños municipais da Mo e do Areal de Fontes de Cumiar. A intervención, que contou cun orzamento de case 30.000 euros, consistiu na mellora do acceso das dúas zonas, xa que os camiños nos que se interveu tiñan firme de terra, e precisaban dun pavimentado en condicións.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e a concelleira de Vías, Obras e Iluminación, Chus Garrote, destacaron durante a súa visita á Mo e ao Areal de Fontes que esta intervención “facilita en gran medida a mobilidade da veciñanza, ao tempo que tamén dota as rúas de maior seguridade”. “Estes traballos son unha mostra máis do noso compromiso para mellorar a mobilidade, a seguridade e a comodidade de todas as parroquias de Ponteareas”, salientan.

Chus Garrote tamén quere incidir en que a intervención promovida polo Concello “é unha mostra máis do noso claro compromiso coa veciñanza do rural”, e afirma que “unha das nosas prioridades sempre será facilitar a mobilidade e a seguridade dos camiños de todas as nosas parroquias”.

Esta intervención está financiada ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O Concello da Guarda felicita a Carmen Rodríguez González no seu 100 aniversario

0

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, visitaron na xornada deste luns día 14 de febreiro a Carmen Rodríguez González coincidindo co seu 100 aniversario.

Carmen Rodríguez González é unha das avoas mais lonxevas da Guarda, e celebrou o pasado día 11 de febreiro o seu 100 aniversario na compaña dos seus familiares.

Na visita aproveitaron para conversar cos seus familiares sobre aspectos da súa vida e da súa familia, sempre ligada ao comercio da vila dende que viñeron ata a Guarda dende América, fai xa uns 50 anos.

Nesta recibiu unha homenaxe do concello en mans do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, que quixeron acudir a dar os parabéns e un pequeno agasallo a esta veciña por acadar os 100 anos de idade.

A familia agradeceu esta visita e amosouse moi agradecida polo recoñecemento entregado a Carmen Rodríguez González.

Redondela da a coñecer o seu patrimonio cultural e artístico a través de roteiros guiados

0

O vindeiro domingo, 20 de febreiro, e co percorrido pola traza do Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Redondela sur, o Concello redondelán, a través da Concellería de Patrimonio que dirixe María Castro, en colaboración con A Citania, inicia unha serie de saídas guiadas a fin de coñecer e poñer en valor o abundante patrimonio cultural, histórico e paisaxístico que posúe o municipio.

A saída será as 10 horas dende a capela de Santiago de Antes, no concello de Mos, para, dende aí comezar un percorrido xa polo municipio redondelán.

Serán un total de catro rutas que se desenvolverán os derradeiros domingos de cada mes polo que, as seguintes, serán o 27 de marzo na que se percorrerá a traza do Camiño Portugués ao seu paso por Redondela norte; o 24 de abril para percorrer A Portela na súa beira oeste e, finalmente, o 29 de maio, en Rande, para facer o treito entre Regasenda e o Castelo.

Para máis información sobre as rutas, as persoas interesadas poden acceder á páxina de Facebook AcitaniaGalicia ou chamar ao teléfono 600 381 782

Nigrán continúa este sábado co ‘I Ciclo de Novos Intérpretes’

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 19 de febreiro ás 19:30 horas no Auditorio Municipal o concerto do barítono Enrique Monteoliva acompañado do pianista Iñaki Gezala, encadrado no ‘I Ciclo Novos Intérpretes’ lanzado o pasado decembro desde o consistorio. Xuntos darán vida a obras de Clara Schumann, Franz Schubert, Mozart ou Reynaldo Hahn. A entrada, como a todos estes concertos, é de balde ata completar o aforo. O repertorio e o dossier completo da formación está pendurado na web municipal www.nigran.es.

O barítono andaluz Enrique Monteoliva estudou Piano e Canto no Conservatorio de Almería e actualmente está a terminar os estudos superiores na ESMuC (Barcelona) como barítono con Enedina Lloris. Foi finalista do IV Concurs de Cant Josep Palet (2021) e recibiu o Premio ao mellor intérprete de lied outorgado pola Fundació Vitoria dos Ángeles no X Concurs de Cant Germans Pla, Ciutat de Balaguer (2021). Tamén no 2021 debutou no Petit Liceu con I due gobbi (Marcos Portugal), no papel de Rusignolo.

O pianista vasco Iñaki Gezala formouse en Hondarribia e no Conservatorio de Irún finalizando coas máis altas cualificacións. Actualmente estuda no Superior de Catalunya co profesor Rafael Salinas. Entre os seus premios máis recentes destaca o ‘Eurasia Piano Forum-2021’ ou o primeiro premio ‘Donostia Piano Festival’ e segundo no ‘Festival Isaac Albéniz’ en Camprodón, Cataluña. Ten actuado como solista en diferentes salas de concerto de España e en Grecia no ‘Poros International Piano Festival’.

I Ciclo de Novos Intérpretes

Co afán de apoiar e protexer a excelencia musical, o Concello de Nigrán pon en marcha unha serie de concertos cunha mostra das mellores novas promesas de todas as especialidades instrumentais que marcarán o devir musical e cultural nun futuro non moi afastado. Así, Nigrán pon o seu Auditorio Municipal a disposición das agrupacións de novos músicos de todos os ámbitos, formacións camerísticas e solistas, que estean matriculados no último curso de Grao Superior de calquera conservatorio de España e sexan especialmente talentosos, así como aqueles intérpretes gañadores dalgún primeiro premio nalgún concurso nacional ou internacional.

Mos instala trampas contra as velutinas en colaboración cos apicultores mosenses

0

As instalacións da base do Servizo Municipal de Emerxencias e GES de Mos, sita na Veigadaña, acolleron onte pola tarde a entrega por parte do Concello de 400 trampas e o seu correspondente líquido atraente, adquiridos con fondos propios, como parte da campaña anual de prevención contra a vespa velutina que desde fai anos vénse desenvolvendo por parte da administración local mosense.

Na entrega estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, o coordinador dos apicultores de Mos, Serafín Arjones; e representantes do Grupo Supramunicipal de Emerxencias, GES, de Mos.

O obxectivo desta campaña é dotar aos apicultores mosenses, que durante o verán axudan ao Servizo Municipal de Emerxencias de Mos a eliminar niños de velutina, dun reforzo na loita contra esta especie invasora, baseado en medidas de prevención.

A instalación das trampas farase nas 10 parroquias por igual, a razón de 40 trampas por parroquia, e realizarana entre máis dunha vintena de apicultores mosenses que participan nesta iniciativa e que, tras a colocación das trampas, encargaranse de vixilalas para que se conserven en bo estado e controlar que conteñen a cantidade necesaria de líquido atraente, ou repoñelo en caso contrario.

A instalación das trampas comezará xa e realizarase durante o que queda do presente mes de febreiro, que é cando saen as raíñas que ata o de agora atopábanse hibernando.

Desde o Concello de Mos infórmase de que a campaña de trampas repetirase o vindeiro ano, cando se repartirán e instalarán outras 400 unidades. Dado que cada trampa dura varios anos, deste xeito lograrase que en 2023 cada parroquia mosense conte con 80 trampas instaladas. Así mesmo, os representantes municipais, Arévalo e Costas, avanzaron que o próximo verán farase a entrega a estes máis de 20 apicultores mosenses o veleno para disparar e desactivar os niños de velutina nas dúas modalidades existentes: pértiga e escopeta.

O edil de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, declaraba esta tarde que “na prevención está a clave para poder ter un verán e un outono libre de velutinas, polo que desde o Concello de Mos, ademáis de investir nesta campaña de trampas profesionais, anímase aos particulares a elaborar trampas caseiras que poden colocar nas súas fincas”. Para ensinar como construír estas trampas caseiras publicarase un vídeo didáctico nas redes sociais municipais.

Costas destacou para rematar que “a pesares de non ter competencias nesta materia, desde o Concello de Mos implicámonos fortemente na prevención e eliminación da vespa velutina, coñecedores da importancia que teñen campañas deste tipo e da preocupación que esta especie invasora xera non só entre o colectivo dos apicultores, senón entre a veciñanza en xeral”.

Persoas con discapacidade de Salvaterra de Miño e Baiona, no curso de comunicación en lingua castelá organizado por Cogami

As instalacións que COGAMI ten en Vigo, rúa Teixugueiras, nº 15 baixo, acollen nestes días un curso AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) de Comunicación en Lingua Castelá N2 no que participan persoas con discapacidade de Baiona, Salvaterra de Miño e Vigo.

Esta formación, que cofinancian a Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, consta de 138 horas lectivas que se imparten ata o día 23 de marzo, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O curso inicia con 14 persoas, 9 mulleres e 5 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33 % como mínimo ou de incapacidade laboral para a profesión habitual.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, rexistrando arestora un total de 3.533 persoas inscritas.

EcDesign gaña o concurso de desenvolvemento de solucións innovadoras da Deputación cunha proposta de sostibilidade

O proxecto de creación dunha páxina web, “Kukuza”, dirixida a amosar e recoñecer o esforzo das empresas en prol da sostibilidade, foi a proposta coa que o equipo EcDesign, de A Guarda, formado por Luis Eduardo Castro, Jarol Meléndez, Leticia Correa e Genoveva Sousa, se fixo co primeiro premio do concurso Desenvolvemento de Solucións Innovadoras a Retos, organizado pola Deputación de Pontevedra a través de SmartPeme. A presidenta, Carmela Silva, asistiu esta tarde na sede provincial en Vigo ao evento final do certame no que se deron a coñecer os tres equipos gañadores deste reto tecnolóxico, no que participaron máis dunha decena de persoas de distintos lugares da provincia e que, como destacou Carmela Silva, “amosou o enorme talento que neste eido temos, do que temos agora que tomar boa nota desde as administracións”.

Os equipos concursaron en liña desde o pasado 24 de xaneiro en grupos multidisciplinares de ata catro persoas, para desenvolver solucións innovadoras a través da creación dunha aplicación móbil, web ou outra plataforma tecnolóxica para dar resposta a algún destes retos: axudar na promoción da sostibilidade nas empresas; contribuír na mellora da igualdade nas empresas ou axudar no impulso do emprendemento. No acto celebrado esta tarde, os equipos presentaron as liñas xerais das súas propostas e, na súa valoración, o xurado tivo en conta a validez do modelo de negocio, a súa factibilidade, a innovación e a diferenciación do proxecto.

Carmela Silva: “Igualdade, sostibilidade e emprendemento son retos aos que temos que dar resposta e coas vosas propostas tedes amosado o enorme talento que hai nesta provincia no eido tecnolóxico, do que as administracións temos que tomar nota”

A presidenta, Carmela Silva, quixo subliñar a riqueza de ideas presentadas á hora de facer fronte aos retos da igualdade, sostibilidade e o emprendemento, “aos que temos que dar resposta desde a creatividade e adaptándonos a estes novos tempos nos que a evolución tecnolóxica segue o seu avance sen deterse un segundo”. “Coas propostas que tedes presentado–sinalou- amosades o enorme talento que hai nesta provincia no eido da innovación. As vosas solucións poden mellorar a vida das persoas en múltiples ámbitos, desde o empresarial ao social, sen esquecer a sostibilidade, e esa versatilidade é o exemplo no que temos que mirarnos. Temos que conseguir na nosa sociedade implementar as boas prácticas que vemos en convocatorias como esta que organizamos a través do noso programa SmartPeme, un proxecto que está axudando a fortalecer no eido dixital ás pemes e ás persoas emprendedoras desta provincia”.

Os equipos gañadores

O equipo gañador, EcDesign, apostou por dar resposta ao reto da sostibilidade. Neste senso, a idea presentada por Luis Eduardo Castro, Jarol Meléndez, Leticia Correa e Genoveva Sousa, de A Guarda, foi a creación dunha páxina web, Kukuza, dirixida a facilitar a promoción dos esforzos das empresas nesa materia e amosar indicativos dos logros das empresas nas súas páxinas web. En Kukuza as empresas poden rexistrarse e responder a unha serie de cuestionarios sobre distintas temáticas de sostibilidade e, unha vez cubertos, dáselles unha puntuación e asígnaselles un posto nun ránking, dándolles, ademais, uns selos distintivos. Este primeiro premio consiste no acceso prioritario aos programas de coworking que a Deputación desenvolverá este 2022 nos viveiros de empresas de Lalín e Barro e unha estancia nun aloxamento na provincia para as 4 persoas integrantes do equipo, valorada en 1.000 euros.

O segundo premio foi para o equipo Datasight Consulting, de Pontevedra, promovido por Laureano Fernández, que presentou o proxecto Emprende Insight para dar resposta ao reto de impulsar o emprendemento. O fixo cunha plataforma web de visualización de datos baseada en Power BI para permitir ás persoas emprendedoras e ás administracións públicas coñecer e analizar aqueles factores que inflúen no emprendemento e comprender os insights clave do comportamento e o éxito das motivacións da persoa emprendedora. O obxectivo é contribuír a favorecer a taxa de éxito do emprendemento a través dos insights obtidos dos datos de emprendemento e proporcionar a través de machine learning os factores clave que contribúan ao éxito do mesmo. O premio consiste no acceso prioritario aos programas de coworking nos viveiros de Barro e Lalín da institución provincial e nunha experiencia gastronómica na provincia para 4 persoas valorada en 500 euros.

Finalmente, o terceiro galardón foi para o equipo Axudas Familia, integrado por Begoña Estévez e Juan José González, de Vigo, que deron resposta ao reto da igualdade, cunha solución web para acompañar e axudar ás familias en todos os aspectos relacionados con trámites e axudas. É dicir, encárganse da xestión do “papeleo”, proporcionando ás mesmas experiencia e coñecemento e información. Ademais, a web inclúe un apartado con información de utilidade para persoas emprendedoras. Este premio daralles acceso aos programas de coworking nos viveiros de Barro e Lalín da Deputación e a unha experiencia de turismo activo na provincia para 4 persoas, valorada en 250 euros.

Últimos días para inscribirse no II Concurso de Escaparates de Entroido de Redondela

0

Por segundo ano consecutivo, as Concellerías de Eventos e Promoción Económica, que xestionan a alcaldesa Digna Rivas e a concelleira María Castro, respectivamente, veñen de convocar o Concurso de Escaparates de Entroido, unha iniciativa que busca “incentivar e premiar aos e as comerciantes que, co seu esforzo, apoian a promoción e mellora da imaxe do comercio cunha decoración especial dos seus escaparates”.

Trátase, explica a alcaldesa Digna Rivas, de crear “non só un ambiente agradable, acorde coas datas de entroido nas que nos atopamos, senón ofrecer un aliciente engadido ao comercio local e unha ferramenta para dinamizar as compras nestas datas”.

No concurso poderán participar todos os establecementos comerciais que teñan unha vitrina cara a rúa. É dicir, que non só estará aberto aos establecementos comerciais, comerciantes polo miúdo e almacenistas de Redondela, senón tamén a todos aqueles establecementos que teñan unha vitrina como poden ser, por exemplo, un despacho de oficinas ou un centro formativo, entre outros.

A inscrición no concurso será de balde, debendo realizarse no correo electrónico [email protected]. O prazo de inscrición rematará o vindeiro 18 de febreiro de 2022 e o comercio deberá ter preparado o seu escaparate antes do día 25 de febreiro.

Outorgaranse tres premios, quedando algún deserto se o xurado estímao oportuno: Premio á orixinalidade e innovación, Premio á composición e deseño tradicional e Premio especial do público dotados, os tres, con 30 cuñas de publicidade na Radio Municipal de Redondela a partir do mes de abril de 2022, agasallo corporativo e diploma acreditativo.

Pola súa banda, as veciñas e veciños que compren ou consuman nos establecementos participantes terán a oportunidade de votar para outorgar o premio especial do público. O poderán facer dende o 28 de febreiro ata ás 14:00 horas do 4 de marzo de 2022, nunha urna situada na Casa do Concello depositando nela o seu vale debidamente cumprimentado e selado polo establecemento.

Os nomes dos comercios gañadores serán publicados na páxina web oficial do Concello www.redondela.gal e nas redes sociais corporativas; serán convocados para que asistan ao acto de entrega de premios.

Nova mobilización en Mondariz organizada pola Plataforma en Defensa da Sanidade do Condado e A Paradanta

0

O vindeiro xoves 17 de febreiro a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e a Paradanta volverá mobilizarse. Desta volta a concentración será diante do Centro de Saúde ás 20 h. Cómpre destacar que Mondariz foi o primeiro Concello das comarcas de O Condado e A Paradanta onde se realizaron mobilizacións en defensa da sanidade pública.

No ano 2018, xunto coa veciñanza de Mondariz Balneario e Covelo, organizáronse concentracións e manifestacións reclamando o servizo de pediatría neses concellos para non ter que depender de Ponteareas. Case que catro anos máis tarde e despois de distintas declaracións por parte da Xunta “dando a entender que se ía a solucionar o problema a situación empeorou, pois na actualidade, ademáis da falta do servizo de pediatría hai unha médica de familia de baixa laboral e baixas en enfermería sen cubrir”, apuntan fontes da Plataforma.

Dende a Plataforma insístese na necesidade de defender unha sanidade pública e universal de calidade “unha sanidade de calidade á que poidamos acceder en condicións de igualdade independentemente da nosa capacidade económica” e considera urxente “parar esta destrución da sanidade pública intencionada que se está a levar dende hai anos”.

Para a Plataforma, detrás do deterioro da sanidade pública “están as grandes corporacións médicas agardando a obter beneficios. De feito a privatización paulatina da sanidade é xa unha realidade dende hai anos. Concertos con hospitais privados como POVISA, a construción do Álvaro Cunqueiro, a atención telefónica, o mantemento dos equipos ou as cociñas e cafeterías dos hospitais, son algúns exemplos de como se vai privatizando aos poucos a sanidade pública para transformala nun negocio”, denuncian.

Por todo iso, a Plataforma chama unha vez máis á veciñanza das comarcas do Condado e A Paradanta e do resto do país “a mobilizarse na defensa da sanidade pública e acudir a esta nova concentración diante do centro de saúde de Mondariz”.

Alumnado do Rosal e Tomiño presentan este venres a Gala de Meniños Cantores 2 no Baixo Miño, un proxecto de Ponte… nas Ondas!

O Auditorio de Goián (Tomiño)acollerá este venres 18 de febreiro ás 19.00 horas, a Gala de presentación do proxecto Meniños Cantores 2 no Baixo Miño.

Ponte…nas ondas!, o IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño e o CPI Suárez Marquier, do Rosal, en colaboración cos concellos de Tomiño e do Rosal organizan o acto, ao que asistirá a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, institución que apoiou a publicación do libro USB de Meniños Cantores 2.

O alumnado participante en Meniños Cantores 2 de ambos centros serán os encargados de conducir a gala-presentación que contará coas actuacións de Andrea Pousa e de Lucía Pérez, ambas madriñas do proxecto. Ademais proxectaranse imaxes da gravación do primeiro Meniños Cantores.

No acto intervirán a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e o presidente de Ponte…nas ondas!, Santiago Veloso, xunto coas alcaldesas Ánxela Fernández (O Rosal) e Sandra González. Os profesores Luis Lechuga do IES Antón Alonso Ríos e Xosé Manuel Méndez explicarán o traballo desenvolvido polo alumnado no proxecto.

No caso do IES Antón Alonso Ríos dáse unha feliz coincidencia. Na edición de 2005, a encargada de interpretar o tema musical “Bailando contigo”, composto polo músico e vicedirector do centro, Luis Lechuga, era a alumna Andrea Pousa. Nesta ocasión Andrea é unha das madriñas do proxecto para acompañar a interpretación do alumnado no tema “O tren”, de Andrés do Barro nunha versión adaptada.

No caso do CPI Suárez Marquier dáse outra feliz coincidencia; no tema musical escollido, “Canto de Roda” (2005), participaba nas voces unha alumna de 1º de ESO, Ánxela Fernández Callís. Dezasete anos despois, Ánxela asistirá á gala de presentación de Meniños Cantores 2 en calidade de alcaldesa do Concello do Rosal. Nos arranxos musicais participou tamén Xosé Manuel Méndez, profesor do centro educativo rosaleiro xunto ao músico Gustavo Domínguez.

Recolla do patrimonio

No disco-libro de Meniños Cantores de 2005 incluíase un CD e un DVD que contiñan 19 temas musicais, 18 videoclips, 32 karaokes e 2 documentais: un Make in off e unha recoll de testemuños do patrimonio cultural inmaterial. No documental recollíase o proceso de formación das treboadas do Baixo Miño e tamén dos telleiros do Rosal coa súa xerga (o verbo), un código lingüístico propio.

Os centros organizadores do acto deste venres xa participaron na primeira edición de 2005 de Meniños Cantores que naquel momento incluía a 17 centros educativos situados entre Vigo e Porto.

O proxecto Meniños Cantores 2 forma parte das boas prácticas de Ponte nas ondas! Presentadas por Portugal e España na UNESCO e que poden ser inscritas como “modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial”. Para Portugal e para Galicia será a primeira inscrición no rexistro da UNESCO e Ponte…nas ondas! será un modelo referencia internacional de boas prácticas co patrimonio.

O Concello de Salceda contratará a 15 persoas para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais durante o ano 2022

O Concello de Salceda de Caselas realizará este ano unha serie de contratacións de persoal con cargo á Liña 3 do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra , para a que se solicitou unha subvención de 139.126,46€ que foi finalmente concedida.

A duración dos contratos, a xornada completa, será de 6 meses dende o 30 de marzo ata o 30 de setembro de 2022.

A contratación destas 15 persoas destinarase ao desempeño de diferentes postos de traballo para facer fronte aos traballos e tarefas en diferentes servizos que presta o concello como os de Medio Ambiente, Recadación, Orientación Laboral, Biblioteca e Mantemento de dependencias municipais.

No área de Medio Ambiente serán contratadas, 6 persoas para o posto de Peóns para a xestión de residuos e unha persoa como Condutora do Camión do Lixo e outros vehículos municipais. As súas funcións serán a limpeza e desinfección e xestión de residuos dos espazos públicos e edificios públicos durante os seis meses centrais do ano no que se produce un incremento de poboación, polas actividades de promoción e para a reactivación económica e do turismo e ante as demandas de mantemento de servizos municipais, debidas aos estándares de esixencia provocados pola pandemia da COVID 19, que aínda seguirán vixentes nos vindeiros meses.

No área de Xestión Forestal se incorporarán dúas persoas, para o posto de Peón Forestal. As súas funcións consistirán en realizar labores de desbroce e coidado das superficies forestais para manter en boa disposición e estado de conservación os montes do concello ante a entrada da primavera e o verán, que son épocas críticas para a masa forestal ante o inminente risco de aparición de lumes.

En relación co área de Emprego e Orientación Laboral, contratarase una persoa para o posto de Orientadora Laboral. As súas funcións serán a realización de trámites co SEPE  e o SPEG, atención a desempregados/as para orientar na procura de emprego, realización de currículo, elaboración de itinerarios de inserción, alta en plataformas de busca de emprego entre outras, co obxectivo de facer fronte á maior actividade laboral que sempre se produce no concello de Salceda entre os meses de abril e setembro.

A Cañiza asina un convenio con Cáritas para colocar 2 contedores de recollida de roupa

0

O Concello da Cañiza vén de asinar un convenio de colaboración, con Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, para a colocación de dous contedores de recollida de roupa e a posta en marcha dun servizo de roupeiro.

Os contedores de roupa estarán colocados na Casa da Cultura da Cañiza, e no espazo do aparcamento da rúa do Regueiro.

Ademais, coa sinatura deste convenio, Cáritas pon a disposición dos servizos Sociais do Concello un servizo de roupeiro para suplir as carencias de vestimenta das persoas máis necesitadas do municipio.

Segundo manifestou esta mañá o rexedor da vila, Luis Piña, «colaboramos con Cáritas no seu proxecto de inclusión socio laboral dirixido a persoas en situación de risco e na entrega de roupa de segunda man ás persoas máis necesitadas».

A empresa encargada de colocar, conservar e recoller a roupa destes contedores, así como de desenvolver un tratamento axeitado de cada peza e distribuila é Servicios Comerciales de Inserción Laboral EIL SL, constituida por Cáritas co obxectivo de situar ás persoas en situación de risco nun contexto e posición favorables para exercer os seus dereitos de cidadanía en igualdade de oportunidades.

Na sinatura do convenio, a empresa responsabilizouse da imaxe dos contenedores e de mantelos correctamente, de xeito que poidan estar continuamente en funcionamento. Tamén se  responsabilizou a contratar a correspondente póliza de seguro de danos a terceiros.

A vixencia do convenio será de dous anos a partires da súa sinatura e será prorrogable no caso de que ambas partas así o decidan.

O Porriño vaise de pinchos polo entroido

Un total de 19 establecementos de hostalería porriñeses participarán nas Xornadas Gastronómicas do Entroido 2022.

Esta ruta de pinchos forma parte do programa gastronómico posto en marcha dende o Concello do Porriño, en colaboración con AHOSPOR para poñer en valor a nosa hostalería, promocinar o comercio local e dinamizar a vila. Nos próximos días presentaranse outras actividades que completan programación.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, e o presidente de AHOSPOR, Jose Manuel Fernández, foron os encargados de presentar esta mañá esta iniciativa que dá o pistoletazo de saída ao Entroido porriñés esta fin de semana.

“Desde esta fin de semana e ata o 5 de marzo poderemos degustar as propostas dos nosos hostaleiros cada venres e sábado, de 19 a 22h”, explicou o concelleiro , Bienvenido Estévez.

“Os locais prepararán pinchos típicos destas datas como lacón, cacheira, orella ou filloas, que poderán ser degustados ao módico prezo de 1,5 euros”, explicou o presidente dos hostaleiros, Jose Manuel Fernández quen destacou que estas actividades demostran que a hostalería do Porriño “sigue moi viva e ten moito que ofrecer”.

Pola súa banda, o rexedor animou a toda a veciñanza do Porriño, e tamén aos veciños e veciñas dos municipios da contorna, a participar desta ruta de pinchos que “son máis que unha degustación gastronómica, tamén son unha oportunidade para convivir e encontrarnos, algo moi importante tras os momentos que levamos vivido”. Quixo tamén agradecer a AHOSPOR e á hostelería do Porriño a súa iniciativa xa que “este tipo de iniciativas contribúen a revitalizar o noso pobo e a nosa economía”.

Participan: Adega de Montero, A Francachela, A Tentación, Bar en Xogo, Bolboreta, Cafetería El Sol, Cafetería Platinum, Casa di Mili, Celtiña, Cólleo con pinzas, Galibar Centro, La Bici, La Cueva, La de Chato, Maloserá, Maracaibo, Mesón Argentino 2, Segredos Gastrobar e Val da Louriña.

Os muíños do Folón e do Picón volven xirar coas súas pezas máis tradicionais

0

Nemesio Castro é memoria viva do Rosal. El, como din no concello, “é un pequeno gran home”. O veciño é parte do legado do municipio, xa que é o dono dos últimos muíños activos do Folón e do Picón. O Concello uniu forzas con el, o seu fillo Lorenzo e o artista José Luís Rodríguez para renovar un dos muíños de Nemesio, o Muíño da Ferra, e recuperar así, o legado dunhas edificacións que definen a identidade e historia do Rosal.

“Queremos manter viva a nosa tradición e facer que as novas xeracións aprendan a forma de vida dos rosaleiros e rosaleiras de antes”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández. Para a renovación do muíño o Concello correu cos custos, mentres que Nemesio, Lorenzo e José Luís traballaron man a man para crear as pezas da maneira tradicional e facer que o muíño xire como nos vellos tempos.

Instalaron unha nova xateira, unha das pezas máis importantes da maquinaria dun muíño, pois é a que o pon en funcionamento. Vai adaptada no que se chama cubo, e alí reten a auga facendo que colla a presión necesaria para propulsala ata o reducio, peza que pon en marcha a pedra para trillar o millo.

Tamén se instalou un pexadoiro, peza feita de casqueiro verde e que ten a función de cortar a auga para que o muíño deixe de funcionar, e unha moega, lugar onde se alberga o millo durante o proceso do produto final.

A alcaldesa pon en valor “o gran traballo de Nemesio para preservar o noso legado”, ao tempo que destaca a importancia do labor de Lorenzo e José Luís para axudalo. “O interese de persoas novas como eles é moi importante para que o noso pasado tamén sexa presente e futuro”, conclúe Ánxela Fernández. 

A rexedora tamén quere lembrar que as persoas interesadas en coñecer a historia de Nemesio Castro poden facelo a través da web que o Concello lle adica á memoria viva das nosas veciñas e veciños.

O Centro Cultural da Lamosa de Covelo xa conta cunha cociña grazas á Deputación

0

O Centro Cultural da parroquia da Lamosa é un dos lugares de referencia para as distintas asociacións de Covelo, que empregan este edificio para a organización de actividades sociais, culturais e formativas así como para o seu propio funcionamento. Este lugar de encontro da sociedade do concello precisaba da instalación dunha cociña -unha aclamada petición da veciñanza- así como da realización de obras complementarias, actuacións que tiveron un orzamento de 21.500 euros e que foron sufragadas da man do Plan Concellos 2020. Ata as instalacións achegáronse os deputados provinciais Santos Héctor e Ana Laura Iglesias nunha visita na que tamén estiveron o alcalde do concello, Juan Pablo Castillo, e unha das concelleiras de Covelo.

Os fondos provinciais serviron para dar resposta unha das necesidades máis demandadas por estas asociacións: a instalación dunha cociña con mobiliario e electrodomésticos suficientes para a organización de cursos de cociña, xornadas de preparado de produtos locais ou eventos culinarios para todos os públicos. Deste xeito, as obras -que se realizaron na planta baixa do edificio- consistiron nas instalación de fontanería e electricidade así como na construción dunha saída de gases ao exterior. Da man do proxecto tamén se levou a cabo a fabricación e colocación dos mobles de cociña así como a instalación dos electrodomésticos (vitrocerámica, forno, microondas, frigorífico…).

Ademais, malia que o edificio se atopaba en bo estado de mantemento e conservación antes das actuacións foron necesarias algunhas obras complementarias. Tratouse da reposición de madeiras deterioradas polas humidades, o correcto illamento das paredes afectadas polas mesmas, a drenaxe das augas que se filtraban e a construción dunha pequena beirarrúa exterior de pedra. Ademais, desprazouse unha toma de auga exterior existente e procedeuse á evacuación das augas pluviais procedentes da parcela.

COGAMI inicia curso de comunicación en lingua castelá dirixido a persoas con discapacidade de Salvaterra e Baiona

As instalacións que COGAMI ten en Vigo (rúa Teixugueiras, nº15, baixo) acollen un curso AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas) de Comunicación en Lingua Castelá N2.

Esta formación, que cofinancian a Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, consta de 138 horas lectivas que se imparten ata o día 23 de marzo, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O curso inicia con 14 persoas, 9 mulleres e 5 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo ou de incapacidade laboral para a profesión habitual, procedentes dos concellos de Vigo, Baiona e Salvaterra do Miño.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, rexistrando arestora un total de 3.533 persoas inscritas.