O Concello de Nigrán pecha este venres 18 de febreiro o prazo de inscrición no concurso de comparsas, que terá lugar o sábado 26 de febreiro ás 21:00 horas. As agrupacións interesadas en participar deben inscribirse no Rexistro do Concello (de 9.00 a 14.00 horas) coa documentación pertinente (ficha de inscrición cuberta, fotocopia do CIF ou DNI, certificado de conta bancaria e xustificante de estar ao corrente tanto en Facenda coma na Seguridade Social). As bases, penduradas na web municipal www.nigran.es, mantéñense coma nos anos anteriores, así, as agrupacións deben contar cun número de participantes superior aos 20 membros, dos cales un mínimo de dez terán que ser adultos.
O Concello recupera o tradicional desfile tras o entroido telemático do ano pasado e amplía a dotación económica ata os 4.150 euros repartidos en vinte premios (700, 600, 500, 400, 300, 250, e os seguintes 14 restantes clasificados con 100 euros) para que todas as agrupacións participantes se beneficien. A maiores, cada unha das comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas, educativas e veciñais do municipio (ata un máximo de 5 por orde de Rexistro de Entrada) percibirán unha dotación extra de 300 euros como axuda. Por protocolo Covid, establécese como obrigatorio o uso de máscaras por parte de todos os participantes e organizadores.
O desfile, como é habitual desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial, arrancará coa batucada de ‘Bate no Cobre’ ás 20:30 horas e desde as 21:00 as comparsas sairán segundo a clasificación do sorteo que se celebrará o día 23 de febreiro ás 12:00 no salón de plenos. As actuacións se desenvolverán á altura da casa consistorial. Se a previsión meteorolóxica fose adversa para ese día, o desfile trasladaríase para outra data.
O xurado, pendente da súa designación, dará o fallo ao remate do evento tendo en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa. Pode quedar deserto algún premio e de haber menos comparsas que premios o número destes axustaríase.
As bases están a disposición dos interesados na Oficina de Atención ao Cidadá do Concello ou na web municipal.
Programación de entroido
O Concello de Nigrán inicia os actos do entroido o venres 25 de febreiro coa actuación de Cristian de Samil co show ‘Mamá&Monólogos’ no Auditorio Municipal ás 20:00 horas. Tras o tradicional desfile de comparsas do sábado 26, o luns 28 de febreiro será o turno dos máis pequenos con contacontos e baile desde as 17:00 no Auditorio Municipal.
O entroido finaliza o sábado 12 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a Casa do Concello sobre as 18.00 horas tirado por un carro de bois para ser velado a continuación no Torreiro de Parada, actos que se celebran co Centro Cultural Parada do Miñor e que rematarán coa queima do kiko e un concerto de D´Lider.
“Este ano recuperamos o entroido tradicional con todas as medidas de seguridade. Coma noutros anos, é un entroido no que teñan cabida tódolos públicos e tamén conta cun evento específico para o desfrute dos nenos. Como viñemos facendo, seguiremos a por en valor as tradicións máis locais, como é o caso do enterro do kiko”, explica o alcalde, Juan González.