O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participou onte nos actos oficiais organizados pola entidade de Turismo de Porto e Norte de Portugal para a presentación pública da recente aprobación por parte do Goberno de Portugal da certificación do Camiño Portugués da Costa entre Porto e Valença, o que o converte no terceiro itinerario xacobeo delimitado en terras portuguesas.
No acto participaron o presidente de Turismo Porto e Norte, Luis Pedro Martíns, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Axencia Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, Nuno Almeida, xunto cos alcaldes e representantes dos municipios polos que transita o Camiño Portugués da Costa, sendo o alcalde de Tui o único rexedor galego convidado a este acto.
A comitiva percorreu o trazado certificado iniciando o acto diante da Sé de Porto, como lugar de inicio desta ruta xacobea, pasando por Viana do Castelo (visitando a igrexa parroquial de Santiago de Neiva o máis antigo templo consagrado a Santiago en Portugal), a localidade de Caminha e finalizando o seu percorrido na Ponte Internacional que une as cidades de Valença e Tui. Para o alcalde de Tui este acto posúe un gran valor simbólico ao recoñecer como Tui é a porta de entrada en Galicia das rutas do Camiño Portugués en Galicia, unha consideración que ven avalada pola historia, polo número crecente de peregrinos que se visitan Tui no decurso da súa peregrinación e que agora ven ratifica a certificación oficial do Camiño da Costa realizada polo Goberno de Portugal.
O alcalde tudense agradeceu o convite realizado ao noso Concello para participar neste acto e deulle a benvida a todos os participantes neste percorrido polo Camiño Portugués da Costa ao noso municipio na Ponte Internacional que une Valença e Tui. Ao tempo que garante o compromiso do Concello tudense polo coidado deste itinerario de peregrinación, a conservación dos seus valores e o traballo para incrementar a calidade da acollida na nosa cidade a todos os peregrinos.
Os participantes valoraron o gran traballo levado a cabo pola Comisión de Certificación creada por Portugal para a homologación destes itinerarios, na que a Xunta tamén participa a través do Xacobeo. O traballo de certificación levouse adiante de xeito conxunto polas Secretarías de Estado do Turismo e do Patrimonio Cultural de Portugal, que recoñece a integridade do trazado e o seu elevado valor patrimonial, e que supón a delimitación oficial do terceiro Camiño de Santiago en terras lusas, despois do Camiño Interior e o Camiño Central Portugués na rexión do centro de Portugal.
O coñecido como Camiño Portugués de Santiago- Camiño da Costa é un itinerario de 138 quilómetros que recorre os municipios de Porto, Matoshinhos, Maia, Vila do Conde, Póvoa de Varzim, Esposende, Viana do Castelo, Caminha, Vila Nova de Cerveira e Valença. Para a súa certificación Portugal acadou un amplo consenso entre todas as administracións, tanto das cámaras implicadas como dos diferentes departamentos do Goberno luso, o que permitirá non só a conservación destes itinerarios se non a súa promoción do fenómeno xacobeo que Portugal.
No pasado ano 2021 o Camiño Portugués foi percorrido, segundo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago por 42.000 peregrinos e foi Tui o segundo lugar elixido polos peregrinos para iniciar a súa peregrinación logo de Sarria no Camiño Francés.