Mércores, 23 Abril de 2025

Nigrán continúa este sábado co ‘I Ciclo de Novos Intérpretes’

Procedentes de Andalucía e País Vasco respectivamente, ambos estudan na Escola Superior de Música de Cataluña como alumnos avantaxados ao reunir premios de recoñecido prestixio

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 19 de febreiro ás 19:30 horas no Auditorio Municipal o concerto do barítono Enrique Monteoliva acompañado do pianista Iñaki Gezala, encadrado no ‘I Ciclo Novos Intérpretes’ lanzado o pasado decembro desde o consistorio. Xuntos darán vida a obras de Clara Schumann, Franz Schubert, Mozart ou Reynaldo Hahn. A entrada, como a todos estes concertos, é de balde ata completar o aforo. O repertorio e o dossier completo da formación está pendurado na web municipal www.nigran.es.

O barítono andaluz Enrique Monteoliva estudou Piano e Canto no Conservatorio de Almería e actualmente está a terminar os estudos superiores na ESMuC (Barcelona) como barítono con Enedina Lloris. Foi finalista do IV Concurs de Cant Josep Palet (2021) e recibiu o Premio ao mellor intérprete de lied outorgado pola Fundació Vitoria dos Ángeles no X Concurs de Cant Germans Pla, Ciutat de Balaguer (2021). Tamén no 2021 debutou no Petit Liceu con I due gobbi (Marcos Portugal), no papel de Rusignolo.

O pianista vasco Iñaki Gezala formouse en Hondarribia e no Conservatorio de Irún finalizando coas máis altas cualificacións. Actualmente estuda no Superior de Catalunya co profesor Rafael Salinas. Entre os seus premios máis recentes destaca o ‘Eurasia Piano Forum-2021’ ou o primeiro premio ‘Donostia Piano Festival’ e segundo no ‘Festival Isaac Albéniz’ en Camprodón, Cataluña. Ten actuado como solista en diferentes salas de concerto de España e en Grecia no ‘Poros International Piano Festival’.

I Ciclo de Novos Intérpretes

Co afán de apoiar e protexer a excelencia musical, o Concello de Nigrán pon en marcha unha serie de concertos cunha mostra das mellores novas promesas de todas as especialidades instrumentais que marcarán o devir musical e cultural nun futuro non moi afastado. Así, Nigrán pon o seu Auditorio Municipal a disposición das agrupacións de novos músicos de todos os ámbitos, formacións camerísticas e solistas, que estean matriculados no último curso de Grao Superior de calquera conservatorio de España e sexan especialmente talentosos, así como aqueles intérpretes gañadores dalgún primeiro premio nalgún concurso nacional ou internacional.