Lucenza-Ateneo de Nigrán organiza este sábado 19 de febreiro, ás 19:00 horas, no Centro da terceira idade da Ramallosa (antiga estación do tranvía), unha charla sobre naufraxios na ría de Vigo, que terá como protagonista a Tino Costas Bergara, veciño de Nigrán, quén rememorará unha serie de acontecementos relacionados con accidentes marítimos sucedidos na comarca e na ría de Vigo ao longo do século XX.
Acompañándoo estará tamén Xosé Lois Vilar Pedreira, historiador, arqueólogo e coñecedor en profundidade de moitos aspectos da historia e do patrimonio cultural da comarca, así como da toponimia, a cultura marítima e os naufraxios acontecidos neste sector da costa galega.
Esta charla enmárcase nunha serie de actividades que o Ateneo de Nigrán irá desenvolvendo ao longo do tempo dentro do programa “Memorias e vidas da xente de Nigrán”, co que se pretende dar a coñecer vivencias e memorias de veciños, que nos poidan achegar información, experiencias e lembranzas de acontecementos, lugares e formas de vida do pasado, coa idea de contribuir así a manter e reforzar a memoria local de Nigrán e a súa poboación.
Esta actividade, que xa estaba programada por Lucenza dende hai tempo, ten coincidido fatalmente coas novas do naufraxio do pesqueiro “Vila de Pitanxo”. O Ateneo de Nigrán quere trasladar ás familias e aos pobos de orixe destes traballadores da pesca o seu pesar e a súa solidariedade coa xente do mar.
Para a difusión das súas actividades, Lucenza conta cun perfil en Facebook (www.facebook.com/lucenzaateneonigran).
Para máis información poden escribir ao enderezo electrónico:[email protected] ou contactar no teléfono 669404562 co seu presidente, Xabier Méndez.