11.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos instala trampas contra as velutinas en colaboración cos apicultores mosenses

    Mos instala trampas contra as velutinas en colaboración cos apicultores mosenses

    A entrega realizouse esta tarde e a colocación dos aparellos farase no que queda de mes

    As instalacións da base do Servizo Municipal de Emerxencias e GES de Mos, sita na Veigadaña, acolleron onte pola tarde a entrega por parte do Concello de 400 trampas e o seu correspondente líquido atraente, adquiridos con fondos propios, como parte da campaña anual de prevención contra a vespa velutina que desde fai anos vénse desenvolvendo por parte da administración local mosense.

    Na entrega estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, o coordinador dos apicultores de Mos, Serafín Arjones; e representantes do Grupo Supramunicipal de Emerxencias, GES, de Mos.

    O obxectivo desta campaña é dotar aos apicultores mosenses, que durante o verán axudan ao Servizo Municipal de Emerxencias de Mos a eliminar niños de velutina, dun reforzo na loita contra esta especie invasora, baseado en medidas de prevención.

    A instalación das trampas farase nas 10 parroquias por igual, a razón de 40 trampas por parroquia, e realizarana entre máis dunha vintena de apicultores mosenses que participan nesta iniciativa e que, tras a colocación das trampas, encargaranse de vixilalas para que se conserven en bo estado e controlar que conteñen a cantidade necesaria de líquido atraente, ou repoñelo en caso contrario.

    A instalación das trampas comezará xa e realizarase durante o que queda do presente mes de febreiro, que é cando saen as raíñas que ata o de agora atopábanse hibernando.

    Desde o Concello de Mos infórmase de que a campaña de trampas repetirase o vindeiro ano, cando se repartirán e instalarán outras 400 unidades. Dado que cada trampa dura varios anos, deste xeito lograrase que en 2023 cada parroquia mosense conte con 80 trampas instaladas. Así mesmo, os representantes municipais, Arévalo e Costas, avanzaron que o próximo verán farase a entrega a estes máis de 20 apicultores mosenses o veleno para disparar e desactivar os niños de velutina nas dúas modalidades existentes: pértiga e escopeta.

    O edil de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, declaraba esta tarde que “na prevención está a clave para poder ter un verán e un outono libre de velutinas, polo que desde o Concello de Mos, ademáis de investir nesta campaña de trampas profesionais, anímase aos particulares a elaborar trampas caseiras que poden colocar nas súas fincas”. Para ensinar como construír estas trampas caseiras publicarase un vídeo didáctico nas redes sociais municipais.

    Costas destacou para rematar que “a pesares de non ter competencias nesta materia, desde o Concello de Mos implicámonos fortemente na prevención e eliminación da vespa velutina, coñecedores da importancia que teñen campañas deste tipo e da preocupación que esta especie invasora xera non só entre o colectivo dos apicultores, senón entre a veciñanza en xeral”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.