Mércores, 11 Xuño de 2025

Tomiño recorda as normas de convivencia para garantir a limpeza do concello

0

Nas últimas semanas tense detectado un uso irresponsable destes servizos de recollida de lixo, que afecta negativamente a toda a veciñanza xa que, ademais de provocar impactos directos (sucidade, malos cheiros, sensación de abandono, etc.), supón alteracións no sistema de recollida, que se pode ver desbordado.

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Tomiño quere recordar á cidadanía as normas de convivencia que garanten a limpeza do municipio, e que son responsabilidade de todas e todos. “Se toda a veciñanza utiliza as canles adecuadas para desfacerse do lixo, non se verían situacións como as das imaxes, que a todos e todas nos indignan”, declara a concelleira responsable, Ana Belén Casaleiro.

Para a xestión destes residuos especiais, que non poden ser depositados nos colectores das distintas fraccións, hai diferentes opcións. Os mobles e demais aveños contan cunha recollida específica para voluminosos, chamando previamente ao Concello e comunicando a necesidade da súa recollida.

Os restos de poda pódense depositar nos puntos habilitados para iso: os puntos verdes, cuxa ubicación pode consultarse na páxina web municipal https://revitaliza.tomino.gal/puntos-verdes/.

Nestes puntos verdes (hai unha decena distribuídos por diferentes parroquias) só está permitido deixar restos leñosos que se poidan triturar, nunca follas, herba ou céspede. Alén diso, tampouco se poden depositar bolsas de plástico ou materiais inertes nestes espazos.

Respecto ás moitas bolsas de plástico cheas de céspede, follas secas e herba, atopadas nos puntos verdes, a concellería lembra que se trata dun material moi lábil que se composta moi rápido e aporta moitos nutrientes á terra, polo que recomenda facer unha pila independente ou ir engadíndoo pouco a pouco ao composteiro. Tamén se pode usar de acolchado na horta ou nas árbores froiteiras para evitar que crezan herbas non desexadas, á vez que se vai descompoñendo e nutrindo a terra.

“Deixar estes restos en bolsas de plástico pechadas, ademais de aumentar o uso de plástico innecesario, fai que se descompoñan anaeróbicamente (fermenten e podrezan) provocando malos cheiros”, comenta Casaleiro.

No referido ás cousas que a veciñanza non se atreve a botar en ningún colector, recomendan preguntar no Departamento de Medio Ambiente, xa que “todo residuo depositado fóra do colector, sen previo aviso, é un residuo mal depositado, e unha acción que se pode sancionar, ademais de constituír un perigo, xa que se poden romper, ser trasladados por condicións meteorolóxicas adversas e incluso provocar accidentes”.

Por último, lembran a obriga de separar as distintas fraccións, con especial mención á orgánica. O Concello ten recollida separada de vidro, envases lixeiros, papel/cartón, roupa, pilas e aceite usado de cociña, e tamén ten a disposición de toda a veciñanza composteiros individuais para biorresiduos. No colector verde (o de resto), só debe ir o que non pertenza a estas fraccións, e tería que ser un porcentaxe mínimo de lixo.

A Xunta publica no DOG o cambio de titularidade das estradas PO-331, PO-332 e PO-340 a prol do Concello de Gondomar

0

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Gondomar de varios treitos antigos das estradas PO-331, PO-332 e PO-340, xunto coa súa franxa de dominio público viario asociado.

Entre estes tramos obxecto da transferencia atópanse algunhas das rúas principais do núcleo urbano da capitalidade do concello, como son a rúa Ángel Urzáiz, Eduardo Iglesias e un treito da avenida de Elduayen.

O Concello de Gondomar solicitou á Xunta a transferencia dos tramos antigos das citadas estradas autonómicas, que suman algo máis de 2 quilómetros.

Estes treitos carecen de funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas de Galicia, polo que reúnen as condicións necesarias para que a súa titularidade lle sexa transferida ao Concello de Gondomar.

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia pode ampliarse a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta o pasado 21 de xullo: https://bit.ly/3P4X69B.

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG. Polo tanto, desde mañá, o Concello de Gondomar terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Arbo recupera a Festa da Lamprea Seca o 12, 13 e 14 de agosto

0

Arbo acolle os días 12, 13 e 14 a XXVII Festa da Lamprea Seca, este ano ademais con novidades importantes e que se estrea como Festa de Interese Turístico. Grazas ao éxito cultivado en edicións anteriores, esta celebración permanecerá, por primeira vez, durante tres días na Caballeira de Turbela, equipada para a ocasión con mesas e bancos para comer, garantindo así “unha sombra natural”, segundo explicou o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

Desde as 11:00 h, e durante todo o día, poderanse degustar nos postos habilitados estea manxares nas súas diferentes variedades, asada, rebozada, rechea, con fideos… acompañado dos mellores viños da D.Ou. Rías Baixas, mentres se goza das diversas actividades que propiciarán un ambiente festivo apto para todos os públicos.

A primeira Festa da Lamprea Seca tivo lugar no ano 1996, , co obxectivo de dar continuidade á promoción desta delicia gastronómica, poñendo en valor estoutras formas de preparar a lamprea fóra de tempada, que permiten, desta maneira, degustala durante todo o ano – manifesta o alcalde de Arbo.

PROGRAMACIÓN

Venres 12 de agosto

Ás 12:30 horas inauguración de POSTOS DE DEGUSTACIÓN DA LAMPREA SECA E VIÑO DAS ADEGAS DE ARBO CON D.Ou RÍAS BAIXAS e actuación da Charanga “Noroeste” durante toda a xornada. Ás 20:30 horas, na Praza do Consistorio, terá lugar a Gala da Lamprea, onde se realizará a entrega de diferentes premios, entrega da placa conmemorativa a asociación de Mulleres Rurais Arbenses, recoñecemento a deportistas de Arbo en distinta disciplinas e entrega de galardón de arbense distinguido, amenizada por “Manoele de Felisa”. Ás 23:00 h actuación do grupo “Os MÉCANICOS”, cun percorrido pola mellor música pop dos anos 60 e 70 na Carballeira de Turbela.

Sábado 13 de agosto

Ás 10.00 horas ANDAINA POPULAR, e ás 11.00 h apertura apertura de postos de degustación e feira de artesania, pasacalles dá Charanga “Cantos Somos”, visitas guiadas ao Museo Arabo durante todo o dia, charangas, actuación do Grupo Folclórico arbense “A.C. Barca de Loimil”, Inchable gratuíto para nenos e para rematar a xornada a 20.00 h concerto do grupo “Guezos” e ás 22.00 h concerto do grupo “D’Vacas”

Domingo 14 de agosto

Ás 10.00 h FESTA DA BICICLETA, ás 11.00h apertura dos postos de degustación e feira de artesania, pasacalles dá Charanga “Cantos Somos”, visitas ao Museo Arabo, charangas, actuación do Grupo Folclórico arbense “Vella Barca”, de 12.30 h a 15.30 h actuación do grupo “2TIPOS” e como fin de festa ás 17.30h, Charanga “Vos Encerellados”.

Alvaro Cunqueiro, no seu artigo publicado en abril de 1975, con motivo da XV Festa da Lamprea, que cando el non podía asistir a Arbo a degustar a lamprea, dicía: ” E quédome sen Arbo, sen as súas cordiais xentes, sen os amigos que van facer a festa á lamprea e cos que quixese charlar e ao seu lado comer…. Porque estar en Arbo na festa da Lamprea, é estar nunha festa”, informa o rexedor – Anímovos a pasar unha fin de semana en Arbo, a gozar desta delicia gastronómica, cunha ampla variedade de actividades de lecer para todas as idades.

Nigrán proxecta mañá a película ‘Live is Life. La Gran Aventura’

0

O Concello de Nigrán continúa este martes 9 de agosto co seu ciclo de cine de verán coa película familiar  ‘Live is Life. La Gran Aventura’ de Dani de la Torre ás 22:30 horas na Praza do Concello. Na proxección estará presente Javier Casellas, adolescente gondomareño, un dos protagonistas do filme tras ter sido seleccionado nun casting realizado no propio Concello de Nigrán no ano 2019. O rapaz dará unha breve charla e falará da súa experiencia rodando esta película en Monforte de Lemos durante tres meses.

Verán 1985. Como cada ano, Rodri deixa Cataluña e viaxa coa súa familia ao pobo galego dos seus pais para reencontrarse coa súa cuadrilla. Con todo, este ano é distinto para el e os seus amigos. Os problemas do mundo real empezan a aparecer nas súas vidas, ameazando con separarlles. Aferrándose á amizade que lles une, os cinco amigos planean escaparse a noite de San Juan en busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, crece no alto dunha montaña e pode facer que os desexos se fagan realidade. Porque o seu único desexo agora é resolver o problema do seu amigo en apertos, e con iso poder seguir xuntos.

Os accesos á Praza de Ponteareas estarán pechados ao tráfico rodado os vindeiros martes e mércores

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Tráfico e Seguridade que dirixe Nacho González, vén de poñer en coñecemento de toda a veciñanza que os vindeiros martes e mércores, 9 e 10 de agosto, procederase ao peche do tráfico rodado na contorna da Praza de Ponteareas. O peche permitirá que se desenvolvan, coa maior rapidez posible, as obras de asfaltado da antedita praza.

Por mor das restricións de tráfico, as paradas dos autobuses Pontevedra-Vigo e Vigo-Pontevedra, cambiarán durante eses dous días o seu lugar habitual e quedarán situadas na Avenida de Santa Mariña, á altura dos semáforos; na entrada á casa cuartel da Garda Civil e na N-550 preto do comercio de bicicletas existente na zona (Hobbybike).

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou que con estes traballos “entramos nas últimas fases da remodelación dunha das principais portas de entrada ao casco urbano”. A rexedora redondelá agradeceu “á colaboración da veciñanza que vive na zona obxecto das obras” que, segundo Digna Rivas “é perfectamente consciente que os inconvenientes que teñen este tipo de obras quedarán compensados con creces cunha zona humanizada e de esparexemento para os veciños”.

Redondela, di a rexedora local, “non pode quedar atrás na tendencia europea de que as vilas e cidades sexan, cada día máis, das persoas e non dos vehículos” e, unha vez rematados os traballos, a veciñanza da contorna contará con espazos para o estacionamento”.

Obras de Fomento de mantemento do paso elevado

Doutra banda o Mitma (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana) comunicou ao Concello de Redondela que dende o vindeiro martes, 9 de agosto e durante unha semana, estará pechado o tráfico de vehículos por debaixo do paso elevado coñecido como o scalextric. O motivo do corte é o de realizar traballos de mantemento e conservación nesa infraestrutura viaria dependente do Ministerio.

O tráfico rodado de vehículos lixeiros en dirección ao centro de saúde farase a través da Avenida Santa Mariña e tomando á desviación para o campo de fútbol do Choco e a zona escolar.

Areeiro aconsella extremar a vixilancia nas viñas co inicio do pintado da uva

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella continuar revisando as viñas no inicio do pintado da uva. Coa proximidade da vendima, no caso de ter que facerse algunha intervención de tipo químico nas vides, haberá que decantarse por produtos cun curto prazo de seguridade, tendo en conta que a súas adegas non estableceran xa un prazo de límite de tratamentos, nese caso, compre consultar os seus técnicos para que indiquen as solucións das patoloxías ou pragas.

No caso do mildio, as condicións climatolóxicas que se veñen rexistrando nas últimas semanas favoreceron a que as uvas de albariño chegasen á fase de pintado, pois xa están brillantes e comezando a abrandar. Consecuentemente, a sensibilidade do acio a este  patóxeno é mínima e os danos só afectarán as uvas máis atrasadas que aínda non se atopen neste estado. En canto ás outras partes verdes das plantas, será posible observar manchas de aceite nos brotes terminais, en especial naqueles casos nos que hai inoculo que non foi ben controlado. As previsións meteorolóxicas previstas para as vindeiras xornadas, anuncian tempo estable e temperaturas altas polo que convén non descoidar a vixilancia das vides para evitar potenciais defoliacións.

Uvas momificadas black rot nunha planta abandonada

Co inicio do pintado, a sensibilidade da uva ó oídio é practicamente inexistente aínda que poden aparecer síntomas nalgunhas partes verdes das plantas. Co black rot sucede o mesmo, ó entrar na fase de pintado xa non hai risco de danos na uva e naquelas plantas que tiveran síntomas, as uvas terminaran co momificado característico desta patoloxía.  

Areeiro tamén remarca manter o control sobre as avelaíñas do acio a pesar de que debido as condicións climatolóxicas actuais non se rexistrasen novas penetracións larvarias. Pola contra, no caso dos cicadélidos, o persoal de Areeiro obtivo algunhas capturas de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, nas mesmas viñas que a semana anterior e serán analizados para ver se conteñen o fitoplasma causante da enfermidade.

O tempo maioritariamente estable destes días sigue favorecendo a aparición de acios con síntomas de golpe de sol, de plantas con alteracións de madeira e da aparición de máis cepas con síntomas de estrés hídrico. Tamén compre resaltar que esta semana detectouse un repunte de erinose de verán.

Nigrán ofrece en Patos o martes unha nova sesión de ‘Ioga e meditación no Solpor’

0

A maxia da praia de Patos para acadar unha paz espiritual e física regresa este martes 9 de agosto ao areal a partir das 20:30 horas nunha nova sesión de ‘Ioga e meditación no Solpor’ a cargo do gran mestre internacional Madhana, pioneiro nesta disciplina en España, introductor en Galicia e fundador e director do Centro Sananda en Vigo. O célebre yogui realizará unha demostración e posterior clase iniciática gratuíta aberta a toda aquela persoa que desexe participar, non sendo preciso inscribirse previamente, tan só presentarse ás 20:30 horas no areal (altura da caseta de Protección Civil) cunha toalla ou esterilla, botella de auga e protección solar. As citas con ‘Ioga e Meditación no Solpor’ finalizan o 30 de agosto no propio areal tamén ás 20:30 horas para que coincida co sorprendente solpor de Patos.

“A combinación do enclave coa propia actividade é verdadeiramente marabillosa”, considera o alcalde, Juan González.

“Queremos de maneira desinteresada e altruista ofrecer este encontro na busca de maior equilibrio entre mente e corpo. Non existe outro beneficio que o do ioga mesmo, por iso animamos a toda aquela persoa interesada a que acuda”, invita Madhana Agulla, gran mestre acostumado a impartir cursos a nivel internacional e formado co profesor Rama Chandra Filosofía na India na Universidade Mysore.

As mellores fotografías, os debuxos máis creativos e o mellor sabor foron premiados en Covelo

0

Un ano máis o Concello de Covelo entregou os premios do concurso Festas Patronais que premia a creatividade nas modalidades do debuxo, fotografía e repostería.

Fomentar a curiosidade e premiar o noso lado máis artístico son algúns dos obxectivos deste concurso que entregou cincocentos euros en premios.

Nun ambiente festivo e participativo os membros do xurado e do goberno local entregaron os premios na praza Mestre Cerviño na que o público tamén puido degustar os postres presentados.

Carlos Flores Baquero, profesional do ramo da respostería; Eduardo Casal Barreiro, do ramo do debuxo e o fotógrafo Julio Eiroa Mera foron os responsables de valorar as propostas e a xuíza de paz Uxía Estévez de darlle conformidade. Tras a súa deliberación decidiron que Mayte Bouza González resultase a gañadora do concurso de fotografía na categoría adultos recibindo o seu diploma e un cheque regaldo de 100 € e Xabi Gómez Lorenzo primeiro na segunda categoría de fotografía cun cheque regalo valorado en 50 € e o seu correspondente diploma. Na modalidade de debuxo Julia Castillo Gómez fíxose co primeiro premio infantil e recibíu un cheque regalo de 50 € máis o diploma e Ana Soto Berto co primeiro posto da 2ª categoría de debuxo cun cheque regalo de 100 € máis o diploma. Catarina Crespo Cid fíxose co premio ao sabor na modalidade de repostería e foille entregado un cheque regalo de 100 € máis o diploma, mentres Nancy Andrea Goncalves Rodrigues recollía o premio de mellor presentación cun cheque regalo de 100 € e o diploma.

A concelleira de Cultura, Lourdes Enes, agradeceu en nome de todo o goberno local a participación de todos os e as concursantes e salientou o alto nivel das propostas en todas as modalidades animando a presentarse a todo o público para a vindeira edición.

Nigrán informa aos veciños da Carrasca que poden solicitar a conexión ao saneamento

0

O Concello de Nigrán informa que a veciñanza do barrio de A Carrasca (Parada) pode solicitar xa a conexión á nova rede de saneamento e abastecemento. Os interesados deberán acudir a oficina de Aqualia, empresa concesionaria, sita en Avda. Val Miñor, no 2 baixo, en horario de atención ó público (de luns a venres de 09:00 a 13:00) ou ben solicitalo por correo electrónico a [email protected] facilitando nome, DNI, dirección, referencia catastral (recibo oral) e teléfono.

O Concello ampliou a rede desta zona por un importe de 138.344,47 € a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra. Esta obras benefician á veciñanza da contorna do Centro Cultural Bolos da Carrasca e que ata agora estaban obligados a verter as augas residuais por fosas sépticas e abastecerse a través de pozos particulares.

“Foi unha petición expresa dos veciños deste barrio a través do Centro Cultural Bolos da Carrasca e que foi posible grazas á colaboración de todos eles. Non só dotamos de auga e saneamento a esta zona, senón que evitaremos as fosas sépticas nun espazo polo que discorren múltiples regatos imposibilitando así un dano medio ambiental importante “, sinala o alcalde, Juan González.

Este investimento ven a completar o realizado no 2019 que permitíu ampliar o abastecemento mediante a instalación dunha nova condución que conecta a rede existente no parque empresarial Porto do Molle, a través dun bombeo, cun novo depósito de regulación de 500 m3 que foi ubicado no monte Eiró, e desde onde se dá servizo ás vivendas da zona. Por outra banda, solventouse o problema da falta de presión na zona da Carrasca onde estaba instalada a tubaxe de impulsión e de distribución desde hai anos pero sen estar operativa debido a esta cuestión.

Nova xornada de portas abertas do serradoiro dos Carranos en Covelo

0

A Concellería de Turismo do Concello de Covelo convida a participar na oitava xornada de  portas abertas do serradoiro dos Carranos. Será este domingo día 7 de agosto e as persoas interesadas poderán inscribirse nun dos catro pases que se realizarán. As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra (liña de subvención Plan Concellos)  para o ano 2022. Ás visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece as rutas do Museo Pazo da Cruz e as de observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía.

A organización ofrece a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono 654 500 652.

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.

Lourdes Enes engade que “neste ano 2022 as xornadas de portas abertas do serradoiro dos Carranos terán lugar cada primeiro domingo de mes. As inscricións abren o luns desa semana ata esgotar as prazas. Do mesmo xeito, os roteiros guiados e interpretados terán lugar o segundo domingo do mes e as inscricións abren o luns da mesma semana ata esgotar prazas”.

Observar as estrelas

Para os interesados nas experiencias de observación das estrelas en plena natureza, ofrécense saídas dende a Igrexa de San Salvador de Prado para facer parte da Ruta de As Estrelas ata a Serra do Faro na parroquia de San Salvador de Prado, onde se atopa o miradoiro e observatorio astronómico Alto do Castelo, recentemente declarado paraxe Starlight. As e os participantes poderán contar con telescopios adecuados e coas explicacións de técnicos  da Asociación Galega de Astronomía. A primeira ruta das estrelas deste verán será  o 27 de agosto.

As rutas do Museo Pazo da Cruz

As rutas do Museo Pazo da Cruz son guiadas polo propietario e director do Museo Etnográfico Pazo da Cruz, Maximino Fernández Sendín.  Con saída dende a praza Mestre Cerviño na que se explicará a historia e principais características do Cruceiro dos Aflixidos de Cerviño,  a continuación visita  ó Museo Etnográfico Pazo da Cruz en A Hermida, á Casa Leónides en A Graña, ós Chozos da Serra do Suído e á Capela da Xestosa. O desprazamento realizarase en autobús.

O serradoiro dos Carranos

O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación  xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.

http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html

Redondela anuncia a posta en marcha dun novo Obradoiro Dual de Emprego

0

Imaxe de arquivo da clausura de dous obradoiros duais de emprego de Redondela

O Concello de Redondela vén de confirmar a concesión dunha subvención da Consellería de Promoción do emprego e Igualdade da Xunta de Galicia de 503.987,00 €, máis 55.465,00 € que aportará o propio Concello, para a realización dun novo obradoiro de emprego –Redondela Máis que Bela III– que permitirá que 20 persoas poidan acadar unha cualificación profesional de cara a mellorar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.

A alcaldesa Digna Rivas amosou a súa satisfacción pola concesión desta axuda “que non fai máis que confirmar os excelentes resultados que están a obter os obradoiros que se desenvolven en Redondela e que superan, con creces, os mínimos de inserción laboral dos e das súas participantes” como se demostrou nos recentemente rematados Redondela Máis que Bela II e Redondela TIC II.

Lembrou a alcaldesa “as limitadas competencias” que os concellos teñen en materia de fomento de emprego, quedando case que cinguidas á formación, pero asegurou “que o Goberno local seguirá traballando para conseguir que, a través destas accións formativas, as nosas desempregadas e desempregados acaden unha formación óptima en materias que teñen unha alta demanda no mercado laboral”.

O novo obradoiro impartirase nas instalacións que o Concello de Redondela dispón no Pousadouro e, ao igual que o recen rematado, contará coas especialidades de Carpintería e Vernizado e Forestal-Xardinería-Agricultura Ecolóxica por outro, cun total de 10 participantes en cada un dos módulos. A duración do proxecto será de 12 meses e as persoas participantes serán contratadas polo Concello a través dun contrato de formación.

Para poder participar no proceso de selección é necesario que as persoas estean desempregadas, inscritas como demandante de Emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e que como mínimo teñan formación reglada suficiente para cursar un certificado de profesionalidade de nivel 2 (mínimo ESO ou equivalente).

As personas interesadas poderán obter máis información no Teléfono 986402664, de 9:00 a 13:00 e nas oficinas do Servizo Público Emprego de Galicia, de Redondela e Chapela. Nestas últimas deberán solicitar expresamente o seu interés en participar no obradoiro dual de emprego.

Skeirrum organiza un evento para lanzar o seu primeiro street escape na Guarda

0

Skeirrum propón o primeiro escape room guardés ao aire libre, que se estrea na Guarda este domingo 7 de agosto, ás 19:00 h, na praza de Avelino Vicente. Para os participantes o reto será facer un percorrido pola vila mentras se divirten e resolven enigmas relacionados coa historia e personaxes da vila.

A idea de poñer en marcha Skeirrum naceu ao constatar que existía un importante campo de promoción turística, patrimonial e cultural por explorar. “Démonos conta que hai unha forte desvinculación da poboación xoven coas tradicións, a cultura e o patrimonio”, explican as creadoras do proxecto.

O evento está dirixido á poboación máis moza con ganas de enfrontarse aos retos que propoñen as autoras na súa historia. Pódese realizar en familia con nenos sempre que estes estean baixo a supervisión de adultos. Na aventura proposta para esta fin de semana o obxectivo é poñer en valor a historia e o patrimonio da Guarda  a través dunha aventura ao estilo das busquedas do tesouro con probas que hai que resolver. A participación e gratuíta con agasallos para os participantes.

Trátase dunha proposta dixital na que se desenvolven estreet escapes, escape rooms ao aire libre, para a que solo se necesita un teléfono móbil para participar. Ofrécese un servizo que funciona a través dunha aplicación web para smartphones á que se accede mediante códigos QR.

Esta primeira Street Escape de Skeirrum na Guarda será gratuíta e permanecerá activa durante un tempo para que calquera participante poida realizala cando guste. Para o seu lanzamento as autoras en colaboración co concello e con establecementos da localidade, que ceden premios aos mellores participantes, decidiron organizar un gran evento co obxectivo difundir unha forma direrente de ocio e sobre todo para pasar unha tarde divertida.

Os interesados poden participar de forma individual ou en grupos de ata 6 persoas. Para apuntarse poden facelo a través da web www.skeirrum.com na sección de eventos, seleccionando “A Guarda Misteriosa”. Tamén poden informarse de todas as novidades a través das súas redes sociais en @skeirrum.

A Cañiza presenta a 56 edición da “Festa-Feira do Xamón”

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, presentou no complexo hosteleiro «Os do Resero» esta nova edición da Feira en compañía do deputado provincial, Santos Héctor, e do presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista.

Tamén estivo presente Víctor Burgos, profesional xamoneiro, embaixador do xamón e director do VII Certame de Cortadores de Xamón que tamén se celebrará o día 15 na Carballeira, en paralelo á Feira.

Ademais, o alcalde estivo acompañado polos ooncelleiros Rubén Muiños e Paula Bacelar.

Como novidade, o alcalde presentou unha nova especialidade: a tapa de empanado de xamón que ven a completar a oferta de tapas e a unirse á famosa tapa de xamón curado, xamón asado, empanada de xamón e tortilla de xamón.

As racións venderanse todas a 6 euros, incluindo unha tapa destas especialidades a elexir, con pan, auga e un vaso de viño das adegas do val de Valeixe, Eido da Fonte e Abelán.

Luis Piña agradeceu e felicitou aos cociñeiros do Restaurante Os do Resero pola elaboración dalgunhas das tapas desta presentación, sobre todo da empanada de xamón, que este ano tiña a figura dun verdadeiro xamón.

Tamén agradeceu a Víctor Burgos polo excepcional deseño dos seus pratos de xamón, que dende hai anos teñen aceno de identidade propio.

O deputado Santos Hector, en nome da presidenta da Deputación Carmela Silva, felicitou aos cañicenses e aos artesáns restauradores pola excelente gastronomía da que dende sempre se presume na Cañiza. Agradeceu a invitación do Alcalde e convidou a todas as xentes a visitar A Cañiza, especialmente neste 15 de agosto.

Pola súa banda, Manoel Batista, presidente da Cámara do municipio «amigo» de Melgaço, despois de ter agradecido a invitación, lembrou que estamos no proceso de constitución da Eurocidade do Miño, da que forman parte os Concellos da Cañiza, Arbo, Crecente, As Neves e Melgaço que precisamente ten como obxectivo principal promover e divulgar os activos e potenciais turísticos, gastronómicos e empresariais da nosa zona. Batista tamén fixo mención á unión e fraternidade que dende sempre houbo entre as xentes de Melgaço e A Cañiza e que tiña como nexo de unión: o xamón.

A presentación rematou coa intervención do rexedor quen, tras presentar a Festa nesta 56 edición, despois do parón de dous anos, motivado pola Pandemia e os efectos da Covid-19,  fixo un chamamento e invitación extensiva a todos os galegos e visitantes que este 15 de agosto desexen pasar unha boa xornada na Cañiza, nun ambiente cheo de festa e de actividades pensadas por e para toda a familia.

Tamén quixo facer un guiño aos tres centenarios cabezudos (a parella e o indio) que todos os 15 de agosto están presentes nas festas da vila e que acumulan dende hai máis de 120 anos testemuñas das feiras, festas e do sentir dos nosos veciños e viaxeiros.

56  FEIRA DO XAMÓN DE A CAÑIZA

O 15 de agosto A Cañiza celebra a 56 edición da súa FEIRA DO XAMÓN, cita gastronómica ineludible no verán da nosa Comunidade Autónoma.

A Festa volverá a celebrarse na centenaria Carballeira do Cacharado, emprazamento que durante máis dun século foi testemuña das importantes feiras agrícolas e gandeiras de A Cañiza e os seus arredores.

Neste mesmo emprazamiento celebrarase o VII CONCURSO NACIONAL DE CORTADORES DE XAMÓN. Todo un placer para os sentidos, o padal e a vista ao conseguir crear con liscos de xamón auténticas obras de arte culinario.

A CAÑIZA É POR MÉRITO PROPIO A TERRA DO XAMÓN EN GALICIA

E o é por varios factores pero principalmente porque posúe un microclima especial, único e idóneo para a curación dos produtos cárnicos.

Clima seco e frío, altitude ideal e temperatura adecuada: conxugación perfecta para que se curen no seu grado máis óptimo os mellores xamóns, lacóns, chourizos e demais produtos do porco.

A longa tradición xamoneira, os anos curtidos neste oficio e algún segredo dos nosos profesionais, conferiron ao Xamón de A Cañiza a denominación de excepcional.

BENVIDA DO ALCALDE LUIS PIÑA

Despois de dous longos e duros anos de Pandemia provocada pola enfermidade da COVID-19, volvemos a celebrala.

A Festa – Feira do Xamón da Cañiza cumpre 56 anos. Unha longa traxectoria percorrida por un extraordinario grupo de homes e mulleres desta terra que puxeron a súa ilusión e empeño en ofrecer e dar a coñecer a turistas e visitantes o mellor de A Cañiza : o noso xamón. E a súa perseveranza foi tal que hoxe os cañicenses temos o pracer de celebrar a súa 56 edición. Toda unha honra que queremos compartir convosco, cos amigos e veciños, turistas e visitantes, emigrantes e estranxeiros sen cuxo apoio e participación non sería posible cumprir esta nova e especial edición post-Covid.

A todos benvidos.  Espero, en nome de todos os cañicenses, que vos levedes o mellor recordo desta Vila coñecida como “a Terra do bo xamón en Galicia”. Estou seguro de que os nosos hostaleiros e restauradores saberán atendervos con esmero e profesionalidade e que porán todo o seu empeño niso, do mesmo xeito que nós, desde o Concello, principal organizador das festas, poremos toda a nosa ilusión e traballo en conseguir organizar unha gran edición.

Para conmemorar esta celebración preparamos unha completa programación, deseñada para satisfacer todos os gustos e dirixida a todos os públicos. Música, cursos de corte de xamón e cata de viños, obradoiros de xamón e de pan ( este ano tentaremos entrar no libro GUINES coa elaboración do bocata de xamón xigante)  espectáculos infantís, exposicións, concursos literarios e de poesía forman parte desta selecta programación que poderás consultar neste Sitio.

O noso obxectivo para este 56 aniversario non é outro que ofrecer a mellor das festas e traballar para que todos os que nos visiten nestes días nos recorden con agarimo e volvan á  nosa Vila. Este é o noso reto. Se o conseguimos todo o esforzo e dedicación pagará a pena.

Un gran saúdo e benvidos de novo.

PROGRAMA DO 15 agosto 2022

XORNADA GASTRONÓMICA a partires das  11h00

Carballeira do Cacharado da CAÑIZA.Travesía da Feira (A 200 m. do acceso da Autovía A-52 Rías Baixas)

A Cañiza celebra a súa 56 FEIRA DO XAMON  o 15 de agosto nunha xornada que por 7º ano ofrecerá tamén xamón cortado a man. Este ano celebrarase a VII Competición de cortadores profesionais de xamón

Todas as racións de xamóns cortadas no concurso destinaranse á venda, polo que está garantizado o sabor e a frescura deste exquisito produto.

11:00. Venda de tikets para adquisición das distintas racións elaboradas con xamón: xamón curado, asado, empanada e tortilla de xamón. Ademáis este ano incorpórase como novidade a tapa de empanado de xamón.

As racións estarán á venda por 6 € e inclúen : 1 tapa de xamón a elixir entre as especialidades anteriores, acompañada de pan, unha botella de auga e un vaso de viño das adegas do val de Valeixe, “Eido da Fonte” ou “Abelán”.

11:00.  Comezo da competición de especialistas de corte de xamón

12:00. Desfile da Comitiva encabezada polos centenarios “Cabezudos” da Vila  e os pequenos da localidade ataviados cos traxes rexionais portando as bandexas de xamón (desfile dende a Casa Consistorial (r/Oriente, 11) ata a Carballeira do Cacharado.

12:30. Actuación do Grupo Folk “Os do Cruceiro” da Cañiza

13:00. Actuación a cargo do Grupo Folclórico e Banda de Gaitas Santa Cristina de Valeixe.

13:30. Actuación da Charanga “Evaristo”

19:00. Espectáculo de animación infantil na Rúa Oriente coa compañía “ANIMAR-T” e o seu espectáculo “O Paxariño”

19:00. Torneo de Fútbol “festa do xamón” no Campo Municipal do Vieiro

Verbena FIN DE FESTA ata a madrugada a cargo da ORQUESTRA CHARLESTON BIG BAND e o GRUPO ATENAS

O Concello de Baiona leva a pleno a modificación do PXOM

0

O Concello de Baiona procederá hoxe venres en pleno extraordinario urxente á aprobación inicial da modificación puntual dous do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), para, por unha banda, suprimir a previsión do sistema xeral de equipamento público EQ-BR-12 delimitado polo PXOM en suelo rústico, e por outra, realizar a  modficación da categorización do solo urbano dos terreos incluídos na área de repartición AR-01-O, delimitada polo PXOM,  recoñecendo a súa categorización coma solo urbano.

Tras este primeiro paso o Concello manterá o documento en exposición pública polo prazo de dous meses, período logo do cal – e da resolución das posibles alegacións que se presenten – produciráse a súa aprobación previa para logo elevalo a Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.

O rexedor baionés apela “ a responsabilidade política e a defensa dos intereses xeráis da Vila de Baiona dónde a solución presentada polo Alcalde e o equipo técnico do Concello de Baiona afórralles aos veciños e veciñas de Baiona 700.000 euros. Isto ven a demostrar a falta de xestión do anterior goberno de Baiona o cal, xunto ao equipo redactor, defendía por enriba dos intereses veciñáis os intereses privados”.

Política Lingüística trae a Roi Casal en concerto a Herville

0

O Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou en Mos, na Virxe das Neves de Herville, o concerto de Roi Casal, Son Galego, Son Cubano, que a Xunta de Galicia financia a través da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Na presentación o Secretario Xeral estivo acompañado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e membros da Comisión de Festas da Virxe das Neves de Herville que mañá celebra o seu día grande.

O concerto terá lugar, con entrada libre e totalmente de balde, en Herville o vindeiro sábado, 6 de agosto, ás 23.30 horas da tarde. Son galego, Son cubano é o gran espectáculo musical entre Cuba e Galicia. Xurde como proposta do Instituto Cubano da Música a Roi Casal, tras recibir o artista galego o Premio Internacional Cubadisco 2014 na illa caribeña.

Durante os dous anos seguintes, Roi Casal traballou conxuntamente con Neira Vilas, un dos escritores galegos máis importantes de todos os tempos, na concepción e elaboración deste proxecto internacional.

No disco, grabado na Habana en Marzo de 2016, participaron os algúns dos mellores músicos cubanos como Pablo Milanés, Laritza Bacallao, Miguel Núñez, Osmani Sánchez, Jorge Jorge Leliebre, César López… e da parte galega, figuras destacadas como Nando Casal (Milladoiro) ou Carlos Calviño.

A xira estreouse con dous concertos antolóxicos no Gran Teatro de La Habana en doble función os dias 27 e 28 de Maio, coas máis de 3.000 localidades esgotadas nas duas funcións.

Actualmente atópase de xira en Europa, cunha banda excepcional de músicos de Cuba e Galicia, no que é considerado o maior espectáculo entre a península e o caribe.

Tui fará da rúa Barca un espazo amable para a cidadanía

0

O fomento da mobilidade activa, a creación de espazos públicos seguros e accesibles e a mellora significativa da calidade urbana e ambiental son, segundo o alcalde Enrique Cabaleiro, algúns dos obxectivos do proxecto de acondicionamento da rúa Barca que vén de ser solicitado á rede ÁGORA da Deputación de Pontevedra.

O proxecto abrangue un ámbito de actuación dunha superficie aproximada de 2.390 m2, ubicada no casco urbano de Tui, e constitúe un segmento do tramo urbano do Camiño portugués de Santiago ao seu paso pola cidade. O ámbito afecta á Rúa da Barca completa, que está pavimentada en asfalto, desde a intersección na  ribeira sur coa Rúa Tenencia, próxima ao embarcadoiro, ata a intersección polo norte con Rúa Arcebispo Maceira, esta xa pavimentada en pedra.

As actuacións contemplan a substitución do firme asfaltado por pavimentos de gran calidade, como lousa, adoquín de granito, que se concretarán na fase de proxecto. Estes pavimentos terán unhas características que permitan o tránsito moi restrinxido de vehículos de residentes. De xeito complementario prevese a creación de pequenas áreas de descanso á sombra non ensanchamentos, a dotación de mobiliario urbano e iluminación. As actuacións tratarán de potenciar o seu valor como elemento singular de gran calidade ambiental.

Cabaleiro explica que se acadará unha superficie total para o peón de 2.980 m2, cun incremento de 2.690 m2 que representa gañar un 927,6% máis do espazo actual destinado ás persoas.

Con esta iniciativa cúmprese cos compromisos non só da rede ÁGORA se non tamén cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 11 (ODS), eixo da Axenda Urbana Española recuperando para o peón o espazo público. A rúa Barca, neste momento, asume a contradición de ser un itinerario destinado a ser camiñado pero que ten unha pavimentación que acentúa a prioridade do automóbil. Por está razón, é intención esencial deste proxecto a solución desta anomalía.

O proxecto establecerá claramente a prioridade peonil ao tempo que completará a posta en valor dun espazo que xa o ten desde o punto de vista cultural e patrimonial pero non material, promovendo unha mellora moi substancial tanto da calidade arquitectónica como ambiental facendo a zona máis atractiva para as persoas e para o comercio.

Os espazos proxectados estarán deseñados de xeito que garantan a accesibilidade universal e poidan ser utilizados polos habitantes de tódalas idades e polos peregrinos e visitantes dun xeito seguro e amable.

O goberno de Tui vén de solicitar á Deputación de Pontevedra, a través da rede ÁGORA,  o seu apoio para distintos proxectos que gañarán un total de 7.023 metros cadrados para as persoas despois de actuar en máis de 13.307 m2..

Cultura24 volve esta fin de semana cun espectáculo de maxia e humor

O programa Cultura24 regresa esta fin de semana cunha programación de lecer aberta a todos os públicos  e de balde coa que a Concellaría de Cultura dirixida por Fernando Groba quere “dinamizar as parroquias que compoñen o municipio ponteareán achegando actividades culturais de diversa índole a cada unha delas”.

A proposta para este domingo 7 de agosto é un espectáculo de humor e maxia a cargo de Leo Leiño, ilusionista cunha longa traxectoria especializada no público familiar, que alegrará a xornada ás e aos asistentes na Casa Cultural Os Muíños de Oliveira. A cita é ás 17.00 horas.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a asistir a esta nova actuación no marco do programa Cultural24, que encherá Oliveira de ilusión e de bo humor.

A Xunta recoñece o traballo do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela

0

O Servizo de Normalización Lingüística (SLN) do Concello de Redondela, dependente da concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, vén de ver referendado o seu traballo coa concesión dunha subvención de 6561,57 € da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, publicada no DOG do pasado 26 de xullo.

Con esta axuda, sinala a alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, “ademais de reforzar e apoiar o mantemento deste servizo, a Xunta colaborará en proxectos de normalización impulsados dende Redondela”.

Neste sentido a alcaldesa subliñou as liñas de traballo que mantén abertas o SLN en materia de toponimia, recollida de memoria antropolóxica –incluída léxico, toponimia, fraseoloxía…– que se realiza coas persoas maiores ou o fomento do galego nos centros escolares.

Cociña en directo e música ao aire libre nunha nova edición da Mostra de Produtos de Covelo

0

Como cada primeiro sábado de mes, o concello de Covelo celebra a súa Mostra de Artesanía na praza Mestre Cerviño. De 10 a 14 horas poderanse mercar produtos téxtiles, macramé, artesanía, decoración, cestería, cosmética natural,helicicultura, panadería, xoiería, horta ecolóxica, pan artesán, maquetería, libros, prantas, xoguetes, cerámica e un longo etc de produtos de proximidade. Ademais, poderase acudir para tirar unha foto na cámara minuteira de Ángel Borrué e gozar da sesión vermouth acompañados de música ao aire libre.

Nesta nova edición da Mostra de Produtos de Covelo tamén existe a posibilidade de participar na sesión de cociña en directo con degustación de dúas receitas a partir das once da mañá.

O Rosal senta as bases da igualdade a través dunha xincana infantil

0

Durante o mes de xullo, o Concello do Rosal realizou con preto de 100 nenos de diferentes campamentos do Rosal, unha xincana pola igualdade. A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, explica que a través desta actividade lúdica, “o que se pretende é concienciar da importancia dos traballos de coidados que normalmente recaen na muller, supoñendo unha carga mental e física moi elevada que dificulta, en ocasións, o acceso en igualdade de condicións ao mundo laboral”.

A Xincana pola Igualdade consistiu nunha serie de probas que as nenas e nenos foron superando ao mesmo tempo que aprendían a compartir e realizar algunhas tarefas do fogar. Esta actividade, ademais de divertida, serviu para empezar unha conversa sobre a importancia de coidar das persoas maiores, enfermas ou máis vulnerables, cubrir as necesidades básicas do día a día, realizar as tarefas do fogar e, incluso, da importancia do acompañamento a citas médicas, cumpreanos, facer os deberes, etc. Todas estas actividades son traballos de coidados que non adoitan repartirse equitativamente entre os diferentes membros da familia e que, con esta xincana, o Concello do Rosal pretende que se poñan en valor e que as e os máis pequenos tomen conciencia e iniciativa nos fogares para implicarse no reparto de tarefas.

A rexedora rosaleira, Ánxela Fernández Callís, lembra a importancia de educar na igualdade dende idades temperás: “a maioría dos traballos de coidados realízanse no fogar, nas familias. A pesar de ser traballos completamente necesarios para que se manteña a vida, traballos que requiren moito tempo e esforzo e que se realizan todos os días, adoitan parecer tarefas invisibles e pouco valoradas. É importante que estes traballos se repartan entre todos os membros dunha familia e que se lles outorgue o valor que realmente teñen”.

O Concello de Oia chama ao consumo responsable da auga potable

0

Ante a situación actual de falta de precipitacións e altas temperaturas que se está a producir neste verán, o Concello de Oia fai un chamamento ao consumo responsable de auga potable, a fin de garantir o suministro a todo o municipio.

Tendo en conta as actuais circunstancias de seca prolongada, a Administración local solicita á veciñanza que tome conciencia no aforro de auga potable, evitando consumos innecesarios. Nese senso, recoméndase evitar o emprego de auga potable para piscinas, lavado de vehículos, rego de hortas e explotacións agrícolas e baldeo de rúas.

O Concello insiste na necesidade de adoptar estas restriccións atendendo ao ben común, reducindo o consumo da auga potable aos usos indispensables mentres non mude a situación meteorolóxica e continúe a situación de seca.

Así, apela á solidariedade e consumo responsable. Do mesmo xeito, quere agradecer á veciñanza a súa colaboración e comprensión ante as anteditas medidas preventivas.

Do mesmo xeito, nesta situacion de seca o Concello procedeu a tomar mostras para analizar as fontes do municipio nun laboratorio acreditado. Unha vez recibidos os resultados sobre a calidade das augas, serán publicados na web municipal (www.concellodeoia.es) e nos tablóns de anuncios das parroquias.

A evolución da situación de seca prolongada na demarcación Galicia-costa pode consultarse na seguinte ligazón da páxina de Augas de Galicia.

O público aplaudiu a segunda edición do FIAR na Eurocidade Tui-Valença

0

Consolidación xa na súa  segunda edición do FIAR, o Festival Internacional de Artes de Rúa da Eurocidade Tui-Valença, que se celebrou o venres 22, o sábado 23 e o domingo 24 de xullo. Foron tres intensas xornadas nas que as rúas e prazas de Valença e Tui se encheron de música, humor, danza, maxia… e dos aplausos do público.  Consolidación tamén do festival tanto pola acollida por parte do público como pola calidade dos espectáculos programados.

Dende a tarde do venres, cando tiveron lugar os primeiros espectáculos, ata a última hora do domingo, o Jardim das Amoreiras e a praça da República na Fortaleza, e o Jardim Municipal de Valença, xunto ao Paseo da Corredoira e a praza de San Fernando en Tui, convertéronse no escenario de 24 espectáculos de artistas españois, portugueses e italianos que se deron cita no FIAR 2022.

A música de Galiró e do Trío Detrés percorreu as rúas da Eurocidade onde os temas musicais se mesturaron co humor. The Buckets coa súa orixinal percusión encheu de ritmo a tarde do sábado, mentres que Kumpania Algazarra, o sábado, e os grupos Fóra da Pauta e Old Brige, o domingo, animaron a noite no Jardim Municipal.  O Jardim das Amoreiras acolleu na tarde do venres a presentación das marionetas xigantes de peixes confeccionadas polos asistentes ao obradoiro que Mandrágora ofreceu ao longo da semana en Valença. Pola súa banda, Troula Animación percorreu con humor e maxia as rúas de Tui co seu particular dentista.

La Sincro conquistou ao público o venres á noite na praza de San Fernando coa súas particulares olimpíadas, mentres que, chegados dos anos 50, os personaxes de La Coquette fixeron gala de enxeño, acrobacia e bo humor coa compañía Kanbahiota.

A tenrura da marioneta de Catropés conquistou a pequenos e maiores no seu particular paseo polas rúas de Valença e Tui, movendo os fíos con Animacrequetes.

E aínda houbo máis, con Rolando Rondinelli e Fermín Mora, que captaron toda a atención do público coas súas actuacións, nas que os propios espectadores foron tamén parte do espectáculo. Mentres, no Paseo da Corredoira, La Gata Japonesa camiñou sobre botellas con mensaxes, e se columpiou sobre un mar que mesmo lle falaba contaxiando o seu sorriso as persoas que se achegaron a ver ao espectáculo. O mago Adrián Conde fixo o propio o domingo cunha calorosa acollida por parte do público. Houbo tempo tamén para cidadáns exemplares coma o que Comedias do Minho levou a escena o venres pola noite.

Tras o éxito e consolidación desta segunda edición, a Eurocidade Tui-Valença proseguen o seu traballo conxunto para comezar a trazar xa as primeiras liñas dun festival que ten convertido ás dúas cidades na capital das artes de rúa. O obxectivo é seguir apostando polo seu crecemento tanto en público coma en número e calidade dos espectáculos. Agora o obxectivo é que esta proposta para o público poida seguir mellorando ano a ano tanto nos espazos onde se celebra coma nos horarios e tipos de espectáculos.

No verán de 2023 volverá o FIAR, xa na súa terceira edición. O Festival Internacional de Artes de Rúa forma parte do proxecto Unicidade, co-financiado polo programa Interreg V-A, Espanha-Portugal, 2014-2020.

Nigrán ofrece o mércores un roteiro por Monteferro

0

O Concello de Nigrán continúa este mércores 3 de agosto coas súas andainas da programación de verán cun roteiro pola península de Monteferro. O punto de encontro é ás 20:00 horas na Praia da Madorra (non é preciso inscrición previa e é de balde) e terá unha duración de 2 horas aproximadamente, sendo a dificultade media-baixa. Os participantes deberán levar roupa e calzado axeitados, así coma unha botella de auga.

Os seguinte roteiro será o do Camiño Portugués pola Variante Litoral o 17 de agosto (saída desde a ponte romana da Ramallosa), o Portugués oficial o día 24 de agosto e un especial ‘A praia dos Afogados’ de Domingo Villar o 31 de agosto. Todos partirán ás 20:00 horas para evitar a calor do día. 

A Deputación aborda a primeira fase da transformación da estrada Mos-Puxeiros

0

A Deputación vén de dar o primeiro paso para a mellora integral da EP-2601 Mos-Puxeiros coa presentación da fase inicial desta ambiciosa actuación para garantir a seguridade viaria e peonil nesta estrada e atender así unha demanda histórica da veciñanza. A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e de representantes da corporación municipal, de asociacións veciñais das catro parroquias polas que discorre o viario, dos presidentes da Comunidade de Montes e da Fundación Pazo de Mos, deu a coñecer hoxe este proxecto que, como subliñou, “dá resposta a unha demanda histórica. A actuación vai supoñer un antes e un despois nesta estrada, unha grande transformación na que a prioridades serán as persoas”.

A presidenta destacou que esta actuación integral dividiuse en catro tramos e decidiuse conxuntamente co Concello e coa veciñanza comezar polo treito de case 600 metros no que se inicia o viario e que discorre pola parroquia de Santa Eulalia, ao ser lugar de paso do Camiño de Santiago, “que debe ser unha prioridade, porque cada día se achega máis xente que o fai e queremos telo nas mellores condicións posibles”. As obras, que terán un orzamento de licitación de case medio millón de euros (446.545€) _que asumirá ao 100% a institución provincial xa que o 30% de aportación municipal financiarase co Plan Concellos_, garantirán espazos peonís continuos, cunha senda de 2,5 metros de ancho durante a maior parte da estrada, e contempla tamén a renovación do alumeado “con criterios de respecto ao medio ambiente e aforro enerxético” e de servizos como o saneamento.

Carmela Silva agradeceu a colaboración do Concello e a veciñanza “para dispoñer de todo o que precisabamos para poñer en marcha este novo modelo de infraestruturas provinciais” e anunciou que a partir deste momento “non pararemos ata rematar coa mellora do total de 5,6 quilómetros desta estrada”. Deste xeito, se está a traballar nas outras fases do viario “no que xa realizaramos cuestións de mantemento e seguridade pero que é certo como nos trasladou xa hai tempo a alcaldesa que había necesidade de actuar, porque como acontece nos outros 1.700 quilómetros de estradas provinciais, eran vías pensadas para os vehículos e non para as persoas. E ao longo da estrada hai moitos núcleos de poboación e vivendas, e a xente que vive nelas ten que ter espazos para transitar con seguridade, e tamén para camiñar”. A presidenta indicou que se espera licitar en setembro esta primeira fase, “e imos priorizala” para que as obras comecen neste 2022, mentres que xa se está a perfilar co Concello a segunda, cuxo proxecto está redactado e está agora pendente da consecución dos terreos necesarios para realizar a obra. “Espero que a veciñanza quede moi contenta, porque esta estrada vai quedar irrecoñecible”, sinalou, ao tempo que destacou a súa implicación, “porque ademais de facer a súa reclamación, comprometeuse no traballo”.    

A alcaldesa Nidia Arévalo, amosou a súa satisfacción por “poñer xa data” á mellora da estrada, “unha demanda de hai moitísimos anos” e agradeceu o traballo conxunto “sempre da man” da Deputación e coa veciñanza “que estivo do noso lado buscando que o proxecto recollera as demandas de todas as parroquias e agora poñendo a disposición os terreos”. Destacou que “este ano poderemos ver iniciadas as obras nesta estrada, que é das máis transitadas por vehículos, e ten moita participación de persoas ao seu redor”, e lembrou que a EP-2601 transcorre por catro parroquias, “con catro igrexas, dúas escolas con moito alumnado e onde hai zonas con moita cultura e moita vida, co Pazo de Mos, o Centro Dotacional de Torroso, a Asociación de Veciños e Veciñas de Dornelas, e esa era a preocupación, nos atopabamos nunha estrada onde cada día camiña rapazada, persoas maiores, persoas peregrinas e urxíanos comezar”.

Indicou que esta fase inicial, que se desenvolverá entre a rotonda xunto o Pazo de Mos e a zona de entronque coa N-550, “era a máis urxente porque o Camiño trae máis persoas peregrinas”. “Isto –dixo en referencia ao proxecto presentado hoxe- xa é unha realidade e non remata aquí, senón que non fai máis que empezar”, tras anunciar que a seguinte etapa, na que xa están a colaborar a Deputación, Concello e veciñanza, se desenvolverá en Dornelas, “o tramo máis perigoso e con máis paso de persoas despois desta parte, e a Deputación foi razoable e así é como ten que ser”.  

Primeira fase

A zona na que se actuará nesta primeira fase ten unha forte presión peonil, xa que na marxe dereita deste tramo se atopa o acceso ao paseo fluvial e ao parque infantil e na marxe dereita está a igrexa de Santa Eulalia, a entrada ao albergue para as persoas que peregrinan e o aparcamento e parque do Pazo de Mos. Deste xeito, as obras reforzarán a prioridade de paso para as e os viandantes coa execución dunha senda de 2,5 metros de ancho mínimo, desde a intersección do Camiño de Santiago e durante a maior parte da estrada.

A sección da calzada estará constituída por dous carrís cun ancho mínimo de 3 metros e beiravía na marxe esquerda, e as obras contemplan tamén a ordenación dos espazos e a renovación do pavimento. A circulación rodada suavizarase coa colocación tres pasos de peóns sobreelevados. A mellora completarase coa instalación de mobiliario como bancos e varanda, así como coa renovación da iluminación mediante o soterrado da liña e da instalación de novos puntos de luz con lámpadas LED para mellorar a eficiencia enerxética. Ademais, renovarase a recollida de pluviais.

A Casa Consistorial do Rosal conta xa coa súa caldeira de biomasa

0

O Rosal camiña con paso firme cara á sostibilidade. O Concello vén de recepcionar as obras de instalación da caldeira de biomasa para a produción de calefacción mediante combustible de pellet de madeira na Casa Consistorial.

“Empregar esta nova fonte de enerxía non só permitirá reducir a pegada de carbono, senón que tamén permitirá un aforro enerxético do 50 %”,  sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e engade que “a sostibilidade ambiental é a folla de ruta polo que, dende o Concello, seguiremos traballando e apostando polas enerxías renovables”.

En efecto, con esta acción, que se suma á levada a cabo recentemente na Escola de Pancenteo, o Concello completa a primeira parte dunha transformación integral no sistema de calefacción de todos os edificios públicos rosaleiros, que irá mudando o emprego de combustibles fósiles por outras formas de enerxía máis limpas e respectuosas co medio ambiente. Tras un estudo pormenorizado do estado dos sistemas de calefacción das instalacións públicas, o goberno municipal decidiu comezar a devandita transformación pola Escola de Pancenteo e maila Casa do Concello ao constatar que as súas caldeiras presentaban un estado de maior obsolescencia, moi preto xa do final da súa vida útil.

As obras de instalación da caldeira de biomasa da Casa do Concello contou cun investimento de máis de 94.000 euros, cofinanciados ao 25 % con fondos propios do Concello e ao 75 % polo Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

O Campus Multideporte de Covelo contribuíu á conciliación familiar e laboral

0

Facilitar a conciliación familiar e laboral foi o obxectivo dunha nova edición do Campus Multideporte do Concello de Covelo. Trinta nenos participaron durante todo o mes de xullo nas diferentes actividades ofertadas.

Cada mañá, de 10 a 14 horas, desfrutaron de xogos, rutas, diferentes deportes, obradoiros, saídas e refrescáronse na piscina municipal.

Na procura constante de ofrecer máis e mellores servizos públicos o alcalde, Pablo Castillo, explica que é unha prioridade para o goberno local ofertar todos os servizos posibles na localidade para facilitar o día a día da veciñanza e, ademais, facer posible que novas familias poidan apostar por Covelo.

O CIM de Gondomar incorpora unha avogada para asesoramento xurídico

0

O Centro de Información a Muller (CIM) de Gondomar incorpora dende mañá unha letrada que facilitará asesoramento xúridico a mulleres que así o requiran. As consultas realizaránse os mércores e xoves en horario de 09:00 a 14:00 horas, con cita previa.

Este servizo interrumpido temporalmente despois da xubilación da letrada anterior, ponse novamente en marcha tras as xestións do Concello de Gondomar ante a Xunta de Galicia para que permitise a contratación dun servizo de asesoramento externo.

Ademais mantense o servizo de axuda sicolóxica que está operativo todos os martes e mércores de 09:30 a 14:30 horas.

Asimesmo dentro da restructuración e mellora dos servizos de este centro de información ven de nombrarse como nova directora a Susana Fernández.

O Porriño renova o lavadoiro e a fonte da Pousadela

No Porriño hai encraves cun enorme valor patrimonial e histórico. Lugares que foron puntos de encontro de varias xeracións e que nos permiten entender a historia sociocultural do pobo. Un deles é o conxunto de lavadoiro e fonte da Pousadela, na parroquia de Pontellas, que será obxecto dunha reforma que recuperará o seu valor patrimonial.

“O que pretendemos con esta rehabilitación é correxir unhas obras realizadas hai anos que se executaron en formigón, un material que non harmoniza nin co lavadoiro nin coa contorna natural na que se atopa, provocando un importante impacto paisaxístico”, explicou o edil de obras, Ramón Porto.

Con ese obxectivo, substituirase a actual cuberta e os dous piares de soporte feitos de formigón, por elementos máis acordes co lavadoiro tradicional. Concretamente por dúas columnas de pedra similares as outras dúas existentes e por unha nova cuberta tradicional con estrutura a base de madeira e cuberta de tella cerámica. Tamén se mellorará o acceso ao mesmo.

“Queremos recuperar o carácter orixinal e o valor histórico-artístico e etnográfico deste conxunto, comezando por correxir o exceso de formigón”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Somos moi conscientes da importancia de manter e acondicionar os elementos que conforman o noso patrimonio e evitar que o tempo os termine destruíndo irremediablemente”.

As obras de mellora e embelecemento do conxunto contan cun orzamento de 11.000 euros e están financiadas pola Deputación de Pontevedra.

O Concello lembra que as persoas con mobilidade reducida poden acceder en vehículo ás áreas peonís

Coincidindo co pintado e colocación de mobiliario urbano en numerosas rúas peonís do centro urbano de Ponteareas, o Concello lembra que as persoas con mobilidade reducida están autorizadas a acceder en vehículo a esas áreas, podendo parar en calquera lugar, o máis próximo ao seu destino. Esa parada será polo tempo imprescindíbel para realizar as súas xestións.

Cos traballos executados estes días procedeuse ao borrado das antigas prazas de mobilidade reducida, pois resultan innecesarias ao estar permitida a parada en calquera lugar da área peonil.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, sinala que “leste é un dereito das persoas con mobilidade reducida contemplado na ordenanza municipal de mobilidade, que entrou en vigor o pasado mes de marzo”. As persoas que fagan uso do devandito dereito deben exhibir dentro do vehículo e nun lugar visíbel a tarxeta acreditativa correspondente. A Policía Local poderá comprobar que o uso sexa o correcto e non fraudulento.

O Concello fai fincapé en que ese dereito limítase á realizar unha parada polo tempo necesario. As persoas con mobilidade reducida que desexen deixar o seu vehículo estacionado por tempo máis prolongado deben empregar as prazas sinalizadas especificamente fóra da área peonil. Neste sentido, o Concello prevé crear nas vindeiras semanas unhas 10 prazas novas de mobilidade reducida a carón dos accesos ás áreas peonís. Deste xeito as persoas con mobilidade reducida poderán deixar os seus coches e desprazarse por unha zona libre de vehículos que facilita a súa accesibilidade.

O alcalde das Neves propón ao de Arbo a creación do parque forestal en San Fins

0

Xosé Manuel Rodríguez Méndez, alcalde das Neves, mantivo unha conversa telefónica co alcalde de Arbo, Horacio Gil, para reiterarlle o ofrecemento de colaboración de todos os medios co que conta o concello nevense para loitar contra o lume, intencionado, que dende o pasado sábado afecta a Arbo e que arrasou máis de 400 hectáreas.

Na mesma conversa, o alcalde das Neves subliñiou a necesidade de insistir na creación dun gran parque forestal en San Fins, que xa se plantexara en 2018. Trátrase, subliñou, dunha zona que está afectada polo lume que leva activo dous días e que tamén ardera con intensidadeen 1996, 2006 e 2016.

Xosé Manuel Rodríguez plantexou a Horacio Gil a necesidade de presentarlle ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, este proxecto que abrangue preto de 500 hectáreas, nesta área común de Arbo e As Neves especialmente sensible aos incendios que, insiste Rodríguez, “precisa dun esforzo para a súa repoboación e reconstrución de xeito ordenado, como modo de tentar acabar coa dinámica dos lumes”.

Este lugar, lembrou. acolle no seu centro o coñecido parque no que se celebra unha das romerías ancentrais da comarca, precisamente este 1 de agosto, a que se achegan milleiros de persoas.

O alcalde das Neves insiste na importancia de crear esta zona verde e de facelo dende a colaboración e impulso dos dous concellos, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, ademáis do consenso e o traballo imprescindible das comunidades de montes de San Cibrán, Sela, Vide e Cabeiras.

Concedido ao Concello de Tui ao obradoiro dual de emprego “Senda río Furnia”

0

O Concello de Tui vén de recibir a notificación da Consellería de Emprego e Igualdade da concesión dunha subvención de 503.987,00 € para a realización do obradoiro dual de emprego “Senda río Furnia”, nas parroquias de Malvas e Pexegueiro. Trátase dun proxecto moi ambicioso que ten coma finalidade a formación  en dúas profesións con gran demanda laboral.

No mesmo formaranse 20 alumnos e alumnas nas especialidades de “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes” e outra de madeira de “Montaxe e instalación de construcións de madeira”. Ao remate desta acción formativa, o alumnado recibirá o correspondente certificado de profesionalidade nestas dúas profesións.

O obxectivo é recuperar a riqueza natural e cultural da conca do río Furnia no termo municipal de Tui, coa creación dunha senda de 4.650 metros á beira do río.

O alcalde Enrique Cabaleiro e a concelleira de Emprego e Formación, Ana Núñez, amosan a súa satisfacción pola consecución deste novo obradoiro de emprego que ofrecerá competencias para acceder ao emprego mellorando o currículo destas vinte persoas (ODS 4, 6, 11 e 15). Engaden, ademais, que Tui avanza no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) promovendo oportunidades de aprendizaxe para toda a vida para todos/as. Tamén dá os primeiros pasos nos compromisos marcados pola Axenda Urbana Española no seu obxectivo estratéxico 1 coa mellora do patrimonio natural e a protección da paisaxe, a recuperación da biodiversidade e a creación de infraestruturas verdes que promovan a conectividade ecolóxica.

Unha senda fluvial  de 4.650 metros en Malvas e Pexegueiro

O proxecto inclúe, por unha banda, a integración ambiental do propio curso fluvial e, por outra, unha senda peonil de 4.650 metros de lonxitude na zona de servidume de tránsito do río nas parroquias de Malvas e Pexegueiro. Para a súa execución contémplase a limpeza de vexetación, colocación de tocos de sinalización, paneis informativos, varandas e pontellas de madeira. Coa execución desta senda o concello dará resposta a unha vella aspiración da veciñanza destas dúas parroquias tudenses.

O río Furnia, que nace no Parque Natural do Monte Aloia e desemboca no río Miño en Tomiño, destaca pola importancia da súa flora e pola súa riqueza patrimonial, xa que ao longo do seu percorrido e contorna existen numerosos muíños, pontes e outros elementos patrimoniais de consideración.

20 alumnos e alumnas traballadoras

Agora, tras recibir a resolución favorable por parte da Consellería, o proceso de selección comezará nas próximas semanas e as persoas interesadas en participar deberán estar inscritas na oficina de emprego nas áreas correspondentes. A subvención solicitada contempla tamén a contratación dunha persoa para o cargo da dirección, outra para  titoría, outra a tempo parcial para auxiliar de oficina, e dúas persoas como docentes. O alumnado deberá estar en posesión do graduado en ESO ou superior, ser maior de 18 anos e estar inscritas na oficina do Servizo Público de Emprego de Tui. Para a selección tanto do persoal de administración como para o alumnado, o Concello solicitaría á oficina do SPEG unha listaxe de persoas que cumpran as condicións e realizaría o proceso de selección seguindo as instrucións da Consellería. Vinte persoas desempregadas estarán durante 12 meses formándose, ao tempo que desenvolverán un traballo remunerado de interese xeral en beneficio dos veciños e veciñas  de Tui.

Lección de arqueoloxía no auditorio de Covelo

0

Coñecer que, como, por que e para que se actuou no Castelo do Faro foi o obxectivo da xornada de presentación da intervención arqueolóxica no recinto do Castelo do Faro. O goberno de Covelo organizou este encontro no que o director técnico da intervención, Fran Alonso Toucido (da empresa Tempos Arqueólogos) e o director científico da mesma, José Manuel Costa García (Universidade de Salamanca), explicaron ao público asistente os traballos realizados.

“Queríamos que a cidadanía coñecese o proxecto e tivera a ocasión de aprender da man de expertos e mesmo de ter un coñecemento do seu concello, do seu patrimonio e da xestión pública que se realiza para a posta en valor do noso”, explica o alcalde Pablo Castillo.

Os arqueólogos dividiron a presentación en dúas partes co obxectivo de amosar de xeito pormenorizado as distintas técnicas e métodos usados nos seus traballos para, a continuación, falar dos resultados obtidos no propio Castelo do Faro.

Así, explicaron como foron esgotando todas as posibilidades para aportar luz a ese misterio do que está aí e de por que está aí ofrecendo distintas hipóteses. Primeiro adentraron ao público na metodoloxía de como se escava, como se prospecta e por que son útiles estes métodos e, por outra banda, procederon a relatar as ferramentas e técnicas aplicadas e o porqué do emprego dunhas e doutras non.

Ofensiva ou defensiva?

Expertos e público conversaron para tentar esclarecer a intencionalidade desta fortificación. En permanente interacción co público asistente baralláronse distintas posibilidades e escoitáronse aportacións da cidadanía coñecedoras das lendas e da historia desa zona abrindo o debate das posibles intencións da fortificación, ¿ofensiva ou defensiva?, de si detrás deste extenso muro de pedras fincadas existía un poder ou de se realmente este punto elevado era ou non verdadeiramente estratéxico para a civilización da época.

De momento, debermos agardar a que as técnicas de datación aporten claridade a este achádego. Como xa adiantaran os arqueólogos ao remate da intervención en campo, “ao non atopar restos materiais como cerámica recurrirremos á datación por métodos físico-químicos en laboratorio. Os restos atopados serán examinados coa técnica da luminiscencia que analizará os últimos raios solares grabados na materia cun marxe de erro de máis ou menos 200 anos”.

Clausurados os obradoiros de emprego ‘Redondela Máis que Bela II’ e ‘Redondela TIC II’

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asistiu aos actos de clausura dos dous obradoiros de emprego Redondela Máis que Bela II e Redondela TIC II, que permitiron que preto de 50 persoas en situación de desemprego acadasen unha adecuada cualificación profesional a través dunha iniciativa que combina as clases teóricas con traballos prácticos que redundan en beneficio da cidadanía.

Rivas destacou a importancia destas iniciativas “que facilitan ás e aos participantes as ferramentas precisas para poder entrar, con garantías, nun mercado laboral cada día máis especializado e competitivo”. A alcaldesa de Redondela amosou a súa confianza na preparación das persoas participantes “demostrada cos traballos realizados e que deixan patente, non só a vosa capacidade de traballo e a a boa preparación recibida, senón tamén as boas directrices tanto das e dos directores dos obradoiros coma de todo o persoal docente do mesmo”.

O Obradoiro Redondela Máis que Bela II, contaba don dúas especialidades: Carpintería e vernizado e Forestal e Xardinería.

O alumnado do módulo de Carpintería e Vernizado, amais das correspondentes clases teóricas, desenvolveu traballos prácticos que se plasmaron na instalación de tarima vinílica no Centro Cultural de Saxamonde; restauración e vernizado de tres portas exteriores, instalación de sete portas interiores, elaboración e instalación dun armario empotrado con divisións interiores e instalación de tarima vinílica.no Centro Cultural do Viso; elaboración de mesa e bancos corridos para exterior en A Coutada (Quintela); e elaboración de tres papeleiras e tres bancos na rúa Cruceiro, treito do Camiño de Santiago.

Pola súa banda o alumnado do módulo de Forestal e Xardinería procedeu ao rozado e acondicionamento de fincas na Coutada e Vía Vella, axardinamento do talude do Campo do Fútbol do Viso e traballos na finca e horta ecolóxicaPousadouro con 15 entregas de produtos a Cáritas Redondela.

No que atinxe ao Redondela TIC II, para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, recibiron formación a un total de 16 traballadores/as, repartidos nas especialidades de albañelería e deseño web.

Na especialidade de Albanelería levaron a cabo obras nas casas culturais do Viso e Saxamonde, multiúsos Piñeiral do Crego de Chapela, obradoiro de carpintería do centro de Formación de Posadouro, e finca da Coutada en Quintela.

Na especialidade de Deseño Web e Gráfico creouse unha páxina web de medioambiente para a xestión integral dos residuos, realizouse diverso material gráfico multimedia para educar e concienciar na reciclaxe e tratamento adecuado de residuos e desenvolvéronse programas de educación ambiental .

A Feira de Oportunidades de verán de Ponteareas volve con máis forza que nunca

Volve a Feira de Oportunidades de verán a Ponteareas e faino con enerxías renovadas. Terá lugar o sábado 6 e o domingo 7 de agosto: dous días completos nos que o público asistente poderá desfrutar das mellores ofertas da tempada no comercio local.

Nesta nova edición, a Feira de Oportunidades de Ponteareas será, ademais, unha grande festa que incluirá unha concentración de vehículos clásicos o domingo día 7, a visita dos marabillosos personaxes Mickey e Minnie, un inchable acuático e pintado de caras para as e os máis pequenos.

A feira, que ocupará as rúas Esperanza, Oriente e Praza de Bugallal, rematará co sorteo dunha bicicleta que será entregada polo gran campión de España de ciclismo Álvaro Pino en persoa.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, agradece a súa implicación a todo o comercio local e convida “a todas e todos os ponteareáns a achegarse á feira para apoiar ao pequeno comercio e á hostalería, e ao mesmo tempo, gozar dunha fin de semana festiva e única na nosa vila”.

Nigrán consolida o festival infantil ‘Parrulas Fest’ coa edición máis internacional

0

O Concello de Nigrán ofrece desde o mércores 3 ao sábado 6 de agosto a terceira edición do Parrulas Fest no esteiro de A Foz da Ramallosa, festival producido desde a cooperativa Charlatana e dirixido a público infantil e familiar. Nesta ocasión, a cita contará con 6 das mellores compañías galegas de artes escénicas (clown, circo, acrobacias, teatro, malabares e outras disciplinas) coa gran particularidade de que dous dos artistas principais, Peter Punk e Jano Costas, son veciños de Nigrán. Sen embargo, a gran novidade é que ‘Parrulas Fest’ dá o salto internacional cos prestixiosos arxentinos ‘Chacovachi’ e ‘Maku Fanchulini’ , a alemana Kaldi e, fora de Galicia, volve a contar cunha compañía andaluza (neste ano Antúan de la Cream). Toda a programación pode consultarse na web do Concello de Nigrán www.nigran.es.

“Os cativos disfrutaron de dous Parrulas Fest anteriores cheos de restricións sanitarias e agora ao fin poderán gozar do festival en plenitude e no seu máximo potencial”, destaca o alcalde, Juan González, quen incide en que ‘Parrulas’ é xa unha parte imprescindible na programación de verán do Concello de Nigrán.

Todos os días haberá dúas actuacións diferentes ás 19:30 horas e 20:30 horas con entrada libre ata completarse o aforo. A maiores, o venres e o sábado ao mediodía (12:00 horas) ofrécerase unha sesión especial destinada á primeira infancia (Marta Ortiz con ‘Casa, casiña, casona’ o 5 e Cé Orquestra Pantasma ‘A voar’, o 6). Como xa é habitual, conforme aos valores de compromiso social do festival, o sábado 6 rematará cunha gala solidaria a favor de Pallasos sen Fronteiras conducida por Peter Punk, nome artístico de Isaac Rodríguez, nigranés e socio fundador a súa vez da cooperativa Charlatana e vicepresidente da Asociación de Profesionais do Circo de Galicia. O fin é  que o recadado mediante a ‘gorra solidaria’ dos artistas participantes vai directamente a esta entidade que traballa a nivel nacional e internacional a favor da infancia máis desfavorecida co obxectivo de mellorar a súa situación emocional.

“Regresamos cunha programación moi variada e coidada na que destacan valores como a igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor. Ao mesmo tempo favorecemos a socialización con familias e amizades e sementamos nos cativos o amor pola cultura e a lingua galega”, destaca Isaac Rodríguez, quen ten como obxectivo “situar a Nigrán no mapa dos festivais de artes escénicas en Galicia”.

Así, Parrulas Fest arrancará o mércores 3 co andaluz Antuán de la Cream e Sempre Arriba; xoves 4 con Jano Costas e Al Grano; venres con Marta Ortiz a mediodía e, na sesión vespertina, con Peter Punk e Maku Fanchulini e, finalmente, sábado con Cé Orquestra Pantasma ao mediodía e pola tarde Chacovachi e a gala a favor de Pallasos sen Fronteiras.

Este verán as praias O Muíño e Area Grande non contarán co servizo de socorrismo

0

A pesar dos esforzos e do compromiso para ofrecer un servizo esencial, como é unha atención adecuada nas dúas praias de referencia da nosa vila, non foi posible contratar socorristas para a prevención e vixilancia nas praias.

A Xunta de Galicia regulou en 2012 mediante Decreto a formación mínima dos socorristas acuáticos e creou o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia. En 2017 modificouse ese decreto aumentando as dificultades dos concellos galegos para conseguir os socorristas habilitados necesarios para atender as praias.

O Concello da Guarda tivo dificultades para cubrir a plantilla de socorristas necesarios no verán pasado e cos catro contratados atendeuse a praia do Muíño de luns a domingo e a praia de Area Grande as fins de semana.

En novembro de 2021 a Xunta publicou o novo decreto que regula as condicións para o exercicio profesional das actividades de socorrismo acuático e aqueles socorristas que non actualizaron a súa formación perderon esa habilitación para exercer como profesionais.

No mes de febreiro o concello da Guarda valorouse o orzamento presentado pola Axencia Galega de Seguridade Pública para realizar un curso de adaptación que puidese habilitar novamente a estes socorristas que foron excluídos do rexistro profesional. Finalmente non se puido lanzar o curso debido a falta de equipamentos e instalacións esixidas polo novo decreto. Contactouse cos concellos veciños para poder realizar esta formación nas súas instalacións, non sendo posible. Ademais a realización deste curso non aseguraba dispor a tempo dos socorristas habilitados para este verán.

Tamén en febreiro, como nos anos anteriores, solicitouse a subvención da Xunta para a contratación de socorristas e volveuse a solicitar os 6 socorristas. Unha vez comunicada a concesión desta subvención, tramitouse o proceso de selección de persoal a través do servizo de emprego SEPE de Tui. Como non houbo aspirantes publicáronse varias notas de prensa para informar do proceso de contratación e deste xeito, fíxose público a necesidade de contratación de socorristas para completar a plantilla do servizo de socorrismo co patrón da embarcación para praia do Muíño.

A 30 de xuño comunicouse a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) a renuncia expresa as dúas Bandeiras Azuis ante a imposibilidade de dispor do servizo de socorrismo activado con data do 1 de xullo. ADEAC trasladou ao concello da Guarda a ampliación do prazo ata o 10 de xullo para izar bandeira e, inclusive, suavizou o requisito de dous socorristas por praia. Esta entidade xestora das Bandeiras Azuis son coñecedores das dificultades dos concellos galegos para contratar socorristas polo que este verán permitiu dispor dun socorrista e un auxiliar de información por praia.

Durante estas semanas realizáronse diferentes xestións e consultas coa AGASP, empresas de servizos, outros concellos, … para conseguir contratar a socorristas e auxiliares que permitisen dar un mínimo de atención nestas dúas praias. Pero ningunha destas alternativas consultadas permitiu conseguir persoal formado e acreditado.

Polo que continuaranse cos contactos coa Xunta de Galicia para trasladar a preocupación por non dispoñer neste verán de servizo de socorrismo nas praias do Muíño e de Area Grande.

Ponteareas celebra a V edición do Festival Internacional de Teatro de Rúa

Chega a Ponteareas unha das actividades máis destacadas dos últimos veráns do concello, o “Festival Internacional de Teatro de Rúa”, cuxas actuacións se prolongarán dende o mércores 3 ata o sábado 6 de agosto.

Teatro, música, circo e clown tomarán as rúas de Ponteareas, que se converterán en escenarios destas representacións gratuítas para o público nun festival que alcanza xa a súa quinta edición.

Cristina Fernández, alcaldesa de Ponteareas, sinala que o Festival Internacional de Teatro na Rúa “é un evento xa consolidado que enche as rúas de actividade cultural e de lecer e supón unha oportunidade para dinamizar diferentes espazos de Ponteareas, o que nos reafirma como unha vila viva e activa”.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, anima á veciñanza e visitantes a asistir, destacando que se trata dun festival “que garante catro días de animación e diversión para todos os públicos, cun amplo repertorio de diferentes estilos, dun gran nivel artístico e dunha creatividade que paga a pena coñecer e gozar”.

O festival comezará o mércores 3 ás 19.00 horas, nos xardíns da Xiralda, co “Aviador tolo”, un espectáculo itinerante da Compañía galega Barafunda que partirá dos Xardíns da Xiralda ata rematar na praza Doutor Fernández Vega ás 19.30. A esa hora no mesmo lugar será a quenda do mago galego Noel, que volverá ceder o protagonismo ás 20.30 ao “Aviador tolo” para que realice o seu espectáculo itinerante dende Doutor Fernández Vega ata os xardíns da Xiralda.

O xoves o festival comezará de novo ás 19.00 horas co espectáculo de Barafunda. Esta vez o percorrido partirá da urbanización “Ponteareas cidade” ata o Parque da Feira Vella. Ás 19.30 h as persoas que asistan a dito parque poderán desfrutar da actuación de circo da compañía de Castela e León El Gran Rufus e, dende o mesmo lugar, ás 20.30 horas o “Aviador tolo” levará aos asistentes nun percorrido teatral e musical ata o parque das Pombas.

A compañía galega EducaTeatro abrirá a xornada do venres coa súa itinerante “Festa Xurásica”. Comezará ás 19.00 horas na praza Doutor Fernández Vega, e rematará no parque da Perillana ás 19.30 horas. Nese momento, o espectáculo circense do belga Vanminsel Rudi collerá as rendas do festival para posteriormente cederllo de novo a EducaTeatro noutro percorrido teatral que rematará na Praza Bugallal. O terceiro día  do festival pechará con máis circo ás 21.00 horas da man do galego Jano e o seu espectáculo “Sen medidas”.

As actuación do sábado tamén abrirán o pano ás 19.00 horas co espectáculo “Festa Xurásica” de EducaTeatro. Esta vez o percorrido partirá do Parque das Pombas para rematar no Parque da Feira Vella.  Alí, media hora máis tarde, volverá o circo coa compañía alemá Al Grano & Jahana Hesse e, ás 20.30 horas, EducaTeatro levará o público coa súa “Festa Xurásica” ata a Praza Maior, que acollerá o peche do festival ás 21.00 coa actuación musical do grupo Breocáns.

Redondela investirá en obras de interese para a veciñanza

0

O Pleno da Corporación Municipal de Redondela deu onte luz verde ao investimento de 741.758,89 euros do Remanente de Crédito para a realización de obras en viais públicos, instalacións deportivas, medio ambiente e saneamento, “obras todas elas de extraordinario interese para a veciñanza e que permitirán a mellora de infraestruturas cos conseguintes beneficios que iso ten para a calidade de vida das veciñas o veciños”, puntualiza a alcaldesa Digna Rivas.

A alcaldesa subliñou a importancia das accións que se van a realizar nas parroquias “dende sempre as grandes esquecidas dos anteriores gobernos conservadores e que para este Goberno son unha prioridade”. A alcaldesa agradeceu o apoio de AER e BNG a estes investimentos “que ao igual que aconteceu coa aprobación dos Orzamentos, antepoñen o interese veciñal a calquera outra consideración partidista”.

Polo miúdo, cómpre destacar o investimento de 287.507,36 € para a Mellora de espacio deportivo en Chapela. Trátase, concretamente, do espazo coñecido como o campito, unha zona moi utilizada pola infancia e mocidade da parroquia e que se atopaba en condicións bastante deficientes. Precisamente, lembra a alcaldesa Digna Rivas, a mellora do campito era unha das propostas que as que trasladou ao Concello o Pleno do Consello da Infancia e a Adolescencia.

De feito, o Concello renovou o contrato de alugamento que tiña sobre dio espazo deportivo –que remataba en maio deste ano– por outros trece anos de cara a poder realizar todos os traballos de mellora programados.

“Talo Pleno do Consello da Infancia e a Adolescencia –explica a rexedora local– mozas e mozos transmitíronnos non só a necesidade de remodelar e mellorar o campito, senón que tamén puxeron sobre a mesa algunhas ideas moi interesantes para esa reforma e que agora se trasladarán á realidade”. Nese sentido, a alcaldesa redondelá gabou o traballo do Consello da Infancia e a Adolescencia “absoluta e decididamente implicados no traballo facer chegar ao Goberno local todas cantas ideas poidan ser beneficiosas e útiles para a mocidade redondelá” e puxo como exemplo as propostas que con anterioridade fixeran sobre o skatepark de Redondela ou o espazo deportivo do antiga estación de Chapela.

Amais das anteditas obras no campito o Goberno socialista que preside Digna Rivas destinará un total de 454.251,53 € a obras que contribuirán a mellorar diferentes infraestruturas de alumeado público, estradas e camiños municipais, saneamento e medioambiente e que buscan dar ás parroquias “os servizos dignos dos que estiveron privados durante moitos anos”, di a rexedora redondelá.

Así, en materia de mellora viaria, realizaranse para o acondicionamento Baixada ao Peirao e acondicionamento do camiño da Furna, camiño da Estación de Chapela e camiño do Subido en Chapela. Amais realizaranse obras de mellora na rúa Outiz de Abaixo, na Portela e na rúa Torre de Calle de Cesantes. Nos Valos (Saxamonde), mellorarase o paso superior PK 161+500 da liña 810 Adif e tamén dentro destes traballos de mellora viaria, inclúese o retranqueo na Baixada a Estación, O Cairo.

No que ás actuacións medioambientais fai referencia, traballarase na reparación do socavón no río Maceiras e elevación e ampliación da antiga ponte e a elevación da actual ponte sobre o Maceiras.

O Porriño recupera a formación en atención sociosanitaria e restauración

O Concello do Porriño retoma a formación en dúas áreas de especial demanda e que levaban anos sen impartirse pese a contar con aulas de formación teórico/práctica homologadas: Restauración e Atención a persoas dependentes.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de notificar o seu respaldo ao proxecto de formación dual do Concello do Porriño “PORREMPREGO CUALIFICA”, que se traduce nunha achega de 504.000 euros para a súa posta en marcha.

“Damos resposta ao que nos pide a cidadanía cunha oferta orientada a mellorar a súa empregabilidade con posibilidades de futuro e inserción laboral”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, “Trátase de dúas áreas cunha gran demanda e temos o privilexio de contar coas instalacións necesarias para poder impartilas. Non se podía xustificar de modo algún que levaran anos sen utilizarse, polo que volven abrir as súas portas para formar a profesionais de primeira”.

Pola súa banda, a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, explicou que neste obradoiro de emprego “20 persoas desempregadas poderán beneficiarse de formación específica durante os próximos 12 meses, realizando de maneira simultánea un traballo remunerado de interese xeral e público en beneficio da sociedade porriñesa”.

A área de atención sociosanitaria, desenvolverá a formación práctico-teórica nas aulas homologadas do multiusos de Torneiros e centrará a súa actividade no coidado de persoas dependentes no municipio que non poidan ser atendidas por outros programas. En colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello e entidades sen ánimo de lucro, realizarase unha labor de atención a aqueles veciños/as que non teñen recursos suficientes e teñan dificultades para cubrir as súas necesidades básicas.

No que se refire á restauración, os alumnos/as traballadores recibirán a formación na aula de cociña do multiusos e colaborarán con actividades do centro sociais, de terceira idade e centros de día, en múltiples eventos do Concello e coa hostalería local.

O proceso de selección para participar no obradoiro -que comezará a impartirse este mesmo ano-, iniciarase de contado e é necesario estar inscrito como demandante de emprego na oficina de emprego (SEPE) nas áreas correspondentes.

Areeiro recomenda extremar a vixilancia na parte alta das vides

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación de Pontevedra vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella continuar revisando a evolución do mildio, xa que na parte alta das parras seguen sen chegar os funxicidas. Tamén é importante non descoidar a vixilancia ante o oídio e o black rot para intervir a tempo en caso de que aparezan síntomas.  O tempo, maioritariamente estable destes, días seguiu favorecendo a aparición de acios con síntomas de golpe de sol, das plantas con alteracións de madeira e da aparición de máis cepas con síntomas evidentes de estrés hídrico. En canto ao estado fonolóxico da viña, Areeiro resalta que as temperaturas diúrnas cálidas e as nocturnas suaves fixeron observar no albariño acios moi dispersos coas uvas brillantes e nas variedades tintas, é máis frecuente ver os primeiros indicios do pintado, pero tampouco é unha situación xeral.

Nesta época do ano o centro dependente da Deputación informa que poden manifestarse os síntomas do mal de chumbo, patoloxía causada polo fungo Chondrostereum purpureum en froiteiras de óso. Trátase dunha enfermidade moi grave, polo que Areeiro aconsella eliminar as ramas afectadas e destruílas para reducir o nivel de inóculo e protexer os cortes cunha pasta funxicida. En canto as árbores froiteiras sen óso recomendase recoller a froita sobremadura que cae ó chan debaixo das árbores, para evitar a súa podremia e a instalación nela de patóxenos que poidan chegar a afectar ás futuras colleitas.

Posta de Lobesia ten forma de pequena lentilla

No referente a maceira, o risco de infección por moteado permanecerá ata o final da tempada e pode seguir afectando ós froitos, por este motivo, compre manter a vixilancia e renovar os tratamentos si aparecen novos síntomas. A avelaíña da mazá tamén pode afectar a este froito ata o momento da colleita, e por iso, é recomendable non descoidar o seguimento de trampas e froitos.

Ademais, Areeiro aconsella comprobar as intervencións de tratamento realizadas sobre a eiruga da bolboreta do buxo, para confirmar a súa eficacia. No que respecta á procesionaria do piñeiro alcanzouse o máximo número de capturas nas trampas, que axudan a facer un seguimento da praga e decidir cando intervir.