Martes, 5 Novembro de 2024

Nigrán informa aos veciños da Carrasca que poden solicitar a conexión ao saneamento

O Concello de Nigrán informa que a veciñanza do barrio de A Carrasca (Parada) pode solicitar xa a conexión á nova rede de saneamento e abastecemento. Os interesados deberán acudir a oficina de Aqualia, empresa concesionaria, sita en Avda. Val Miñor, no 2 baixo, en horario de atención ó público (de luns a venres de 09:00 a 13:00) ou ben solicitalo por correo electrónico a nigran@aqualia.fcc.es facilitando nome, DNI, dirección, referencia catastral (recibo oral) e teléfono.

O Concello ampliou a rede desta zona por un importe de 138.344,47 € a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra. Esta obras benefician á veciñanza da contorna do Centro Cultural Bolos da Carrasca e que ata agora estaban obligados a verter as augas residuais por fosas sépticas e abastecerse a través de pozos particulares.

“Foi unha petición expresa dos veciños deste barrio a través do Centro Cultural Bolos da Carrasca e que foi posible grazas á colaboración de todos eles. Non só dotamos de auga e saneamento a esta zona, senón que evitaremos as fosas sépticas nun espazo polo que discorren múltiples regatos imposibilitando así un dano medio ambiental importante “, sinala o alcalde, Juan González.

Este investimento ven a completar o realizado no 2019 que permitíu ampliar o abastecemento mediante a instalación dunha nova condución que conecta a rede existente no parque empresarial Porto do Molle, a través dun bombeo, cun novo depósito de regulación de 500 m3 que foi ubicado no monte Eiró, e desde onde se dá servizo ás vivendas da zona. Por outra banda, solventouse o problema da falta de presión na zona da Carrasca onde estaba instalada a tubaxe de impulsión e de distribución desde hai anos pero sen estar operativa debido a esta cuestión.