11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño recorda as normas de convivencia para garantir a limpeza do concello

    Tomiño recorda as normas de convivencia para garantir a limpeza do concello

    Nas últimas semanas tense detectado un uso irresponsable destes servizos de recollida de lixo, que afecta negativamente a toda a veciñanza xa que, ademais de provocar impactos directos (sucidade, malos cheiros, sensación de abandono, etc.), supón alteracións no sistema de recollida, que se pode ver desbordado.

    A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Tomiño quere recordar á cidadanía as normas de convivencia que garanten a limpeza do municipio, e que son responsabilidade de todas e todos. “Se toda a veciñanza utiliza as canles adecuadas para desfacerse do lixo, non se verían situacións como as das imaxes, que a todos e todas nos indignan”, declara a concelleira responsable, Ana Belén Casaleiro.

    Para a xestión destes residuos especiais, que non poden ser depositados nos colectores das distintas fraccións, hai diferentes opcións. Os mobles e demais aveños contan cunha recollida específica para voluminosos, chamando previamente ao Concello e comunicando a necesidade da súa recollida.

    Os restos de poda pódense depositar nos puntos habilitados para iso: os puntos verdes, cuxa ubicación pode consultarse na páxina web municipal https://revitaliza.tomino.gal/puntos-verdes/.

    Nestes puntos verdes (hai unha decena distribuídos por diferentes parroquias) só está permitido deixar restos leñosos que se poidan triturar, nunca follas, herba ou céspede. Alén diso, tampouco se poden depositar bolsas de plástico ou materiais inertes nestes espazos.

    Respecto ás moitas bolsas de plástico cheas de céspede, follas secas e herba, atopadas nos puntos verdes, a concellería lembra que se trata dun material moi lábil que se composta moi rápido e aporta moitos nutrientes á terra, polo que recomenda facer unha pila independente ou ir engadíndoo pouco a pouco ao composteiro. Tamén se pode usar de acolchado na horta ou nas árbores froiteiras para evitar que crezan herbas non desexadas, á vez que se vai descompoñendo e nutrindo a terra.

    “Deixar estes restos en bolsas de plástico pechadas, ademais de aumentar o uso de plástico innecesario, fai que se descompoñan anaeróbicamente (fermenten e podrezan) provocando malos cheiros”, comenta Casaleiro.

    No referido ás cousas que a veciñanza non se atreve a botar en ningún colector, recomendan preguntar no Departamento de Medio Ambiente, xa que “todo residuo depositado fóra do colector, sen previo aviso, é un residuo mal depositado, e unha acción que se pode sancionar, ademais de constituír un perigo, xa que se poden romper, ser trasladados por condicións meteorolóxicas adversas e incluso provocar accidentes”.

    Por último, lembran a obriga de separar as distintas fraccións, con especial mención á orgánica. O Concello ten recollida separada de vidro, envases lixeiros, papel/cartón, roupa, pilas e aceite usado de cociña, e tamén ten a disposición de toda a veciñanza composteiros individuais para biorresiduos. No colector verde (o de resto), só debe ir o que non pertenza a estas fraccións, e tería que ser un porcentaxe mínimo de lixo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.