Martes, 5 Novembro de 2024

A Xunta publica no DOG o cambio de titularidade das estradas PO-331, PO-332 e PO-340 a prol do Concello de Gondomar

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Gondomar de varios treitos antigos das estradas PO-331, PO-332 e PO-340, xunto coa súa franxa de dominio público viario asociado.

Entre estes tramos obxecto da transferencia atópanse algunhas das rúas principais do núcleo urbano da capitalidade do concello, como son a rúa Ángel Urzáiz, Eduardo Iglesias e un treito da avenida de Elduayen.

O Concello de Gondomar solicitou á Xunta a transferencia dos tramos antigos das citadas estradas autonómicas, que suman algo máis de 2 quilómetros.

Estes treitos carecen de funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas de Galicia, polo que reúnen as condicións necesarias para que a súa titularidade lle sexa transferida ao Concello de Gondomar.

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia pode ampliarse a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta o pasado 21 de xullo: https://bit.ly/3P4X69B.

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG. Polo tanto, desde mañá, o Concello de Gondomar terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.