17.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaA CañizaA Cañiza presenta a 56 edición da "Festa-Feira do Xamón"

    A Cañiza presenta a 56 edición da “Festa-Feira do Xamón”

    O alcalde da Cañiza, Luis Piña, presentou no complexo hosteleiro «Os do Resero» esta nova edición da Feira en compañía do deputado provincial, Santos Héctor, e do presidente da Cámara de Melgaço, Manoel Batista.

    Tamén estivo presente Víctor Burgos, profesional xamoneiro, embaixador do xamón e director do VII Certame de Cortadores de Xamón que tamén se celebrará o día 15 na Carballeira, en paralelo á Feira.

    Ademais, o alcalde estivo acompañado polos ooncelleiros Rubén Muiños e Paula Bacelar.

    Como novidade, o alcalde presentou unha nova especialidade: a tapa de empanado de xamón que ven a completar a oferta de tapas e a unirse á famosa tapa de xamón curado, xamón asado, empanada de xamón e tortilla de xamón.

    As racións venderanse todas a 6 euros, incluindo unha tapa destas especialidades a elexir, con pan, auga e un vaso de viño das adegas do val de Valeixe, Eido da Fonte e Abelán.

    Luis Piña agradeceu e felicitou aos cociñeiros do Restaurante Os do Resero pola elaboración dalgunhas das tapas desta presentación, sobre todo da empanada de xamón, que este ano tiña a figura dun verdadeiro xamón.

    Tamén agradeceu a Víctor Burgos polo excepcional deseño dos seus pratos de xamón, que dende hai anos teñen aceno de identidade propio.

    O deputado Santos Hector, en nome da presidenta da Deputación Carmela Silva, felicitou aos cañicenses e aos artesáns restauradores pola excelente gastronomía da que dende sempre se presume na Cañiza. Agradeceu a invitación do Alcalde e convidou a todas as xentes a visitar A Cañiza, especialmente neste 15 de agosto.

    Pola súa banda, Manoel Batista, presidente da Cámara do municipio «amigo» de Melgaço, despois de ter agradecido a invitación, lembrou que estamos no proceso de constitución da Eurocidade do Miño, da que forman parte os Concellos da Cañiza, Arbo, Crecente, As Neves e Melgaço que precisamente ten como obxectivo principal promover e divulgar os activos e potenciais turísticos, gastronómicos e empresariais da nosa zona. Batista tamén fixo mención á unión e fraternidade que dende sempre houbo entre as xentes de Melgaço e A Cañiza e que tiña como nexo de unión: o xamón.

    A presentación rematou coa intervención do rexedor quen, tras presentar a Festa nesta 56 edición, despois do parón de dous anos, motivado pola Pandemia e os efectos da Covid-19,  fixo un chamamento e invitación extensiva a todos os galegos e visitantes que este 15 de agosto desexen pasar unha boa xornada na Cañiza, nun ambiente cheo de festa e de actividades pensadas por e para toda a familia.

    Tamén quixo facer un guiño aos tres centenarios cabezudos (a parella e o indio) que todos os 15 de agosto están presentes nas festas da vila e que acumulan dende hai máis de 120 anos testemuñas das feiras, festas e do sentir dos nosos veciños e viaxeiros.

    56  FEIRA DO XAMÓN DE A CAÑIZA

    O 15 de agosto A Cañiza celebra a 56 edición da súa FEIRA DO XAMÓN, cita gastronómica ineludible no verán da nosa Comunidade Autónoma.

    A Festa volverá a celebrarse na centenaria Carballeira do Cacharado, emprazamento que durante máis dun século foi testemuña das importantes feiras agrícolas e gandeiras de A Cañiza e os seus arredores.

    Neste mesmo emprazamiento celebrarase o VII CONCURSO NACIONAL DE CORTADORES DE XAMÓN. Todo un placer para os sentidos, o padal e a vista ao conseguir crear con liscos de xamón auténticas obras de arte culinario.

    A CAÑIZA É POR MÉRITO PROPIO A TERRA DO XAMÓN EN GALICIA

    E o é por varios factores pero principalmente porque posúe un microclima especial, único e idóneo para a curación dos produtos cárnicos.

    Clima seco e frío, altitude ideal e temperatura adecuada: conxugación perfecta para que se curen no seu grado máis óptimo os mellores xamóns, lacóns, chourizos e demais produtos do porco.

    A longa tradición xamoneira, os anos curtidos neste oficio e algún segredo dos nosos profesionais, conferiron ao Xamón de A Cañiza a denominación de excepcional.

    BENVIDA DO ALCALDE LUIS PIÑA

    Despois de dous longos e duros anos de Pandemia provocada pola enfermidade da COVID-19, volvemos a celebrala.

    A Festa – Feira do Xamón da Cañiza cumpre 56 anos. Unha longa traxectoria percorrida por un extraordinario grupo de homes e mulleres desta terra que puxeron a súa ilusión e empeño en ofrecer e dar a coñecer a turistas e visitantes o mellor de A Cañiza : o noso xamón. E a súa perseveranza foi tal que hoxe os cañicenses temos o pracer de celebrar a súa 56 edición. Toda unha honra que queremos compartir convosco, cos amigos e veciños, turistas e visitantes, emigrantes e estranxeiros sen cuxo apoio e participación non sería posible cumprir esta nova e especial edición post-Covid.

    A todos benvidos.  Espero, en nome de todos os cañicenses, que vos levedes o mellor recordo desta Vila coñecida como “a Terra do bo xamón en Galicia”. Estou seguro de que os nosos hostaleiros e restauradores saberán atendervos con esmero e profesionalidade e que porán todo o seu empeño niso, do mesmo xeito que nós, desde o Concello, principal organizador das festas, poremos toda a nosa ilusión e traballo en conseguir organizar unha gran edición.

    Para conmemorar esta celebración preparamos unha completa programación, deseñada para satisfacer todos os gustos e dirixida a todos os públicos. Música, cursos de corte de xamón e cata de viños, obradoiros de xamón e de pan ( este ano tentaremos entrar no libro GUINES coa elaboración do bocata de xamón xigante)  espectáculos infantís, exposicións, concursos literarios e de poesía forman parte desta selecta programación que poderás consultar neste Sitio.

    O noso obxectivo para este 56 aniversario non é outro que ofrecer a mellor das festas e traballar para que todos os que nos visiten nestes días nos recorden con agarimo e volvan á  nosa Vila. Este é o noso reto. Se o conseguimos todo o esforzo e dedicación pagará a pena.

    Un gran saúdo e benvidos de novo.

    PROGRAMA DO 15 agosto 2022

    XORNADA GASTRONÓMICA a partires das  11h00

    Carballeira do Cacharado da CAÑIZA.Travesía da Feira (A 200 m. do acceso da Autovía A-52 Rías Baixas)

    A Cañiza celebra a súa 56 FEIRA DO XAMON  o 15 de agosto nunha xornada que por 7º ano ofrecerá tamén xamón cortado a man. Este ano celebrarase a VII Competición de cortadores profesionais de xamón

    Todas as racións de xamóns cortadas no concurso destinaranse á venda, polo que está garantizado o sabor e a frescura deste exquisito produto.

    11:00. Venda de tikets para adquisición das distintas racións elaboradas con xamón: xamón curado, asado, empanada e tortilla de xamón. Ademáis este ano incorpórase como novidade a tapa de empanado de xamón.

    As racións estarán á venda por 6 € e inclúen : 1 tapa de xamón a elixir entre as especialidades anteriores, acompañada de pan, unha botella de auga e un vaso de viño das adegas do val de Valeixe, “Eido da Fonte” ou “Abelán”.

    11:00.  Comezo da competición de especialistas de corte de xamón

    12:00. Desfile da Comitiva encabezada polos centenarios “Cabezudos” da Vila  e os pequenos da localidade ataviados cos traxes rexionais portando as bandexas de xamón (desfile dende a Casa Consistorial (r/Oriente, 11) ata a Carballeira do Cacharado.

    12:30. Actuación do Grupo Folk “Os do Cruceiro” da Cañiza

    13:00. Actuación a cargo do Grupo Folclórico e Banda de Gaitas Santa Cristina de Valeixe.

    13:30. Actuación da Charanga “Evaristo”

    19:00. Espectáculo de animación infantil na Rúa Oriente coa compañía “ANIMAR-T” e o seu espectáculo “O Paxariño”

    19:00. Torneo de Fútbol “festa do xamón” no Campo Municipal do Vieiro

    Verbena FIN DE FESTA ata a madrugada a cargo da ORQUESTRA CHARLESTON BIG BAND e o GRUPO ATENAS

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.