9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal senta as bases da igualdade a través dunha xincana infantil

    O Rosal senta as bases da igualdade a través dunha xincana infantil

    Durante o mes de xullo, o Concello do Rosal realizou con preto de 100 nenos de diferentes campamentos do Rosal, unha xincana pola igualdade. A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, explica que a través desta actividade lúdica, “o que se pretende é concienciar da importancia dos traballos de coidados que normalmente recaen na muller, supoñendo unha carga mental e física moi elevada que dificulta, en ocasións, o acceso en igualdade de condicións ao mundo laboral”.

    A Xincana pola Igualdade consistiu nunha serie de probas que as nenas e nenos foron superando ao mesmo tempo que aprendían a compartir e realizar algunhas tarefas do fogar. Esta actividade, ademais de divertida, serviu para empezar unha conversa sobre a importancia de coidar das persoas maiores, enfermas ou máis vulnerables, cubrir as necesidades básicas do día a día, realizar as tarefas do fogar e, incluso, da importancia do acompañamento a citas médicas, cumpreanos, facer os deberes, etc. Todas estas actividades son traballos de coidados que non adoitan repartirse equitativamente entre os diferentes membros da familia e que, con esta xincana, o Concello do Rosal pretende que se poñan en valor e que as e os máis pequenos tomen conciencia e iniciativa nos fogares para implicarse no reparto de tarefas.

    A rexedora rosaleira, Ánxela Fernández Callís, lembra a importancia de educar na igualdade dende idades temperás: “a maioría dos traballos de coidados realízanse no fogar, nas familias. A pesar de ser traballos completamente necesarios para que se manteña a vida, traballos que requiren moito tempo e esforzo e que se realizan todos os días, adoitan parecer tarefas invisibles e pouco valoradas. É importante que estes traballos se repartan entre todos os membros dunha familia e que se lles outorgue o valor que realmente teñen”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.