Mércores, 28 Maio de 2025

Tui outorga a súa máxima distinción ao bispo D. Luís Quinteiro Fiuza

0

Recoñecer a súa estreita vinculación á cidade, e o seu labor na Catedral, foron dous dos aspectos destacados esta fin de semana no acto e entrega da medalla de honra do concello de Tui na súa categoría de ouro, ao bispo da Diocese de Tui-Vigo, D. Luís Quinteiro Fiuza.

O salón de sesións da casa do concello acolleu o solemne acto presidido polo alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto a membros da corporación municipal, e a outras autoridades.

Enrique Cabaleiro na súa intervención lembrou coma dende o século VI  Tui ten a condición de sede episcopal e sinalou que “o noso acervo patrimonial non está unicamente conformado pola nosa Catedral e o conxunto histórico, senón por un patrimonio intanxible, espiritual, inmaterial que como un estimado legado os tudenses transmitimos de xeración en xeración”.

Salientou amais que D. Luis Quinteiro “soubo achegarse a este espírito silandeiro que, tantas veces caladamente, transcende os marcos temporais e de calquera tipo para expresarse en actitudes, en valores, en sentimentos”.  Engadía Enrique Cabaleiro que “no seu episcopado ten salientado pola súa intensa preocupación pola nosa Catedral e pola súa revitalización”.

O alcalde tudense salientou coma o traballo realizado polo actual bispo ten “un balance certamente digno de recoñecer e que aportou e aporta á nosa Catedral e, por conseguinte, á nosa cidade e os seus veciños un claro enriquecemento a esta secular relación entre Tui e os seus bispos”.

Remataba o rexedor con palabras de agradecemento “por tanto que nos ten aportado, gracias polo seu labor a prol da nosa cidade, da nosa Catedral, da nosa diocese… gracia pola súa amizade e colaboración…”.

Tras a súa intervención o alcalde impuña a medalla de ouro ao bispo da diocese, e lle facía entrega do diploma e da acta plenaria deste recoñecemento.

A continuación tomaba a palabra D. Luis Quinteiro, amosando a súa gratitude por “terme concedido esta honra que sobrepasa tanto os meus merecementos como enche de ledicia e de gratitude o meu corazón”. Agradecía á veciñanza por facelo sentir “como un máis entre todos”. Recoñecía que “no correr dos días funme enamorando de Tui e das súas xentes” engadindo que “fostes vos os tudenses os que me fixestes abrir os ollos e o corazón”.

Por outra parte na súa intervención o bispo da diocese indicou que “unha cidade unida ten máis forza para loitar e cando se ten confianza en sí mesma os novos horizontes son retos que nos entusiasman”. Apuntou que “símbolo inmortal do que somos e do que traballamos é a nosa Catedral, orgullo de herdanza e compromiso irrenunciable para todos. Aí está a historia dos mellores talentos que segue fascinando a todos os que nos visitan”. D. Luís Quinteiro sinalou que as torres da Catedral “levántanse convocando a ambas as beiras do pai Miño. É seguirá a ser así porque a vocación primeira sempre renace de novo. A Catedral segue marcándonos o futuro: unirnos entre todas as xentes, e, sobor de todo, unirnos cada día máis cos nosos irmáns portugueses, que ésta é a misión que Galicia dende os alicerces, nos ten encomendada”.

No acto contouse coa actuación musical de Pablo Ameijeiras alumno de último curso do grao profesional do Conservatorio de Música de Tui.

Ao remate do mesmo o D. Luis Quinteiro, asinou no libro de honra do concello de Tui.

O novo parque de Camos xa é unha realidade

0

O Parque Público Feliciano Figueiró, de Camos, é xa unha realidade. Sobre unha gran pedra de granito e unha lenda que dí:

                                      Parque Público “Feliciano Figueiró”

Camos – Nigrán

O concello de Nigrán e a veciñanza de Camos adican este espazo de lecer a Feliciano Figueiró, maquetista afeccionado veciño de esta parroquia e cuxa traxectoria tamén foi recoñecida cunha “Mención Especial” nos Premios Nigrán 2022.

Igualmente, agradecen aos propietarios a doazón do terreo, feito que deixa constancia da súa xenerosidade, altruismo e compromiso coa parroquia.

Camos a 10 de decembro de 2022

A súa paixón xurdiu cando apenas contaba con trinta anos, durante a década na que estivo embarcado na mariña inglesa. Alí sobráballe o tempo e decidiu dar renda solta á súa habilidade sen ter ningún coñecemento previo de carpintería ou enxeñería. Cando regresou a terra, Feliciano abandonou unha afección que non volveu reaparecer ata a xubilación dando os seus maiores froitos.

Feliciano cuida especialmente cada unha das súas maquetas. Planifica a súa obra con antelación, fai medicións exactas, fotografía e observa minuciosamente cada proxecto. As constrúe coa madeira “que as carpinterías me van dando”, as pinta e lles aporta a apariencia de pedra con area “soplada”. Para que se aprecie a escala de cada un de los edificios, coloca pequenas persoas o seu alrededor. “Gústame que sean o máis próximas posible á realidade”, explica.

“Unha auténtica honra para todo Nigrán contar coa sabiduría e a exelencia de este gran artista, a súa obra espallada por toda Galicia e o resultado dunha innata habilidade para facer maquetas pero sobre todo dunha gran capacidade de observación e de análise de aquilo que logo será vivo reflexo da realidade. Este ano 2022 xa o nomeamos Premio Nigrán e agora, con este Parque Público que levará seu nome, quedará para sempre no rueiro e na memoria das xentes de Camos e de Nigrán”  declara Juan González, Alcalde de Nigrán.

O acto, realizado entre o Concello de Nigrán e a Asociación de Veciños A Camoesa, contou coa presenza de numerosos veciños de Camos e de todo Nigrán que disfrutaron coa música do do grupo “Os alegres do Val Miñor” e coa degustación de choripanes.

Ciberseguridade e outros cinco obradoiros serán os protagonistas desta semana en SmartPeme

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana  seis novas formacións impartidas de xeito online, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas de ciberseguridade, packaging de nadal, Google Analitycs 4, estratexias dixitais para entidades do terceiro sector, o IVE ou estratexia dixital con Benchmark Email.

Hoxe luns 12 de decembro haberá dous obradoiros na quenda de mañá. No primeiro Manuel Freire, experto en robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o curso “Ciberseguridade, que é o malware”, iniciando así unha nova serie de talleres de ciberseguridade. O obxectivo desta formación é dar a coñecer ao asistente que é o Malware, que tipos de Malware empregan os ciberdelincuentes  ou como saber se estamos infectados. O outro dos cursos chámase “Preparación de última hora do packaging de nadal” e estará conducido por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, que explicará a importancia do packaging na estratexia de venta online e os pasos básicos para preparar un pedido correctamente, e en especial para o nadal.

O martes 13 impartiranse outras dúas novas formacións. Pola mañá, a diplomada en Ciencias Empresariais, Esther Garcinuño, impartirá a formación “Primeiros pasos con Google Analitycs 4”. Este obradoiro realiza unha primeira aproximación a esta ferramenta fundamental para calquera sitio web. Poñeranse de manifesto as diferenzas co actual Google Analytics (Universal), ensinarase a configurar esta ferramenta correctamente e a sacarlle partido para axudar na toma de decisións dun negocio.

Na quenda de tarde a temática será o márketing social. Nesta formación revisaranse as principais estratexias en liña, as ferramentas e as canles máis axeitadas dispoñibles para que as entidades do terceiro sector poidan funcionar no contorno dixital, atendendo aos seus principais obxectivos e necesidades. Este contido será explicado polo licenciado en Comunicación Audiovisual, Adrián Fernández no taller “Márketing Social: estratexias dixitais para entidades do terceiro sector”.

O xoves 15 de decembro, rematará a semana lectiva con outras dúas formacións en liña. Pola mañá, Paz Ares, licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais impartirá o curso “Que é o IVE e como funciona” un taller que desenvolverá os principais aspectos deste tributo, o imposto do valor engadido (IVE).

Por último, na quenda de tarde, o enxeñeiro informático José Luis Taboada fará unha introdución aos conceptos do email márketing, a terminoloxía e as vantaxes da utilización dun software profesional. Ademais de entender as funcionalidades dos principais servizos de email márketing, ensinará a implantar a versión gratuíta de Benchmark Email no obradoiro “Optimiza a túa estratexia de email márketing con Benchmark email”.

Os mellores doces de Nadal teñen premio no Porriño

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Comercio que dirixe Antía Carrera, convoca o seu I Concurso de Sobremesas de Nadal.

“O obxectivo é recuperar a preparación deses postres caseiros típicos do Nadal e que os amantes da cociña e a repostaría poidan mostrar as súas mellores creacións, inspiradas nunha das épocas do ano na que as receitas doces adquiren un especial protagonismo”, explicou a concelleira.

As sobremesas que se presenten deberán estar relacionadas co Nadal, ben sexa polos ingredientes empregados ou pola súa presentación.

Os doces presentaranse xa preparados na casa e deberán ser consumibles en prato individual para un mínimo de 10 comensais. Cada concursante poderá presentar un máximo de dúas sobremesas. Terán que estar listas para degustar, en perfectas condicións de consumo e en bandexa desbotable o día 23 de decembro de 2022, ás 12 h na praza Arquitecto Antonio Palacios.

No momento da recepción da sobremesa seralle entregado un sobre á persoa participante, co que se lle asignará un número. Neste sobre deberán introducir a receita cos ingredientes utilizados e a forma de elaboración. O xurado soamente coñecerá o número e non a identidade do/a participante (que non será desvelada ata a asignación dos premios). 

“Valorarase o sabor, a elaboración, a complexidade da receita, os ingredientes utilizados, a orixinalidade e a creatividade da presentación”, apuntou Antía Carrera, “Outorgaranse tres premios (o primeiro de 250 euros, o segundo de 150 e o terceiro de 100 euros) para consumir no Porriño, xa que o certame ten tamén como fin dinamizar o consumo nos nosos locais de hostalería e comercio”.

As bases publicaranse o luns 12 de decembro, e ese mesmo día abrirá o prazo de inscrición e manterase ata o 21 de decembro. Todas as persoas interesadas en participar poderan anotarse enviando o impreso que se colgará na páxina web municipal xunto coas bases ao seguinte correo electrónico: [email protected] .

Redondela comeza as obras de remodelación do campito de Chapela

0

O Concello de Redondela comenza as obras, cun investimento de 287.507,36 €, para a mellora do espacio deportivo en Chapela despois do Nadal. Trátase, concretamente, do espazo coñecido como O Campito, unha zona moi utilizada pola infancia e mocidade da parroquia e que se atopaba en condicións bastante deficientes. Precisamente, lembra a alcaldesa Digna Rivas, a mellora do campito era unha das propostas que trasladou ao Concello o Pleno do Consello da Infancia e a Adolescencia.

De feito, o Concello renovou o contrato de alugamento que tiña sobre dito espazo deportivo –que remataba en maio deste ano– por outros trece anos de cara a poder realizar todos os traballos de mellora programados.

“Tralo Pleno do Consello da Infancia e a Adolescencia –explica a rexedora local– mozas e mozos transmitíronnos non só a necesidade de remodelar e mellorar o campito, senón que tamén puxeron sobre a mesa algunhas ideas moi interesantes para esa reforma e que agora se trasladarán á realidade”. Nese sentido, a alcaldesa redondelá gabou o traballo do Consello da Infancia e a Adolescencia “absoluta e decididamente implicados no traballo  para facer chegar ao Goberno local todas cantas ideas poidan ser beneficiosas e útiles para a mocidade redondelá” e puxo como exemplo as propostas que con anterioridade fixeran sobre o skatepark de Redondela ou o espazo deportivo do antiga estación de Chapela.

Esto súmase as obras da Alameda Rosalía de Castro de Chapela, traballos que “permitirán a remodelación e mellora dun espazo céntrico amplamente utilizado pola veciñanza”, afirma a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. Lembra a alcaldesa de Redondela que lugares como o antigo apeadoiro de ferrocarril e a propia vía férrea pasaron de ser “lugares infrautilizados e cun impacto visual negativo, a espazos de ocio para a cidadanía transformándose nunha Vía Verde que, a día de hoxe, é un dos puntos clave para o desfrute das veciñas e veciños”.

Descrición pormenorizada do proxecto

A área destinada á intervención conta cunha superficie de actuación aproximada de 1.150 m² e comprende a zona  deportiva situada ao norte da Alameda de Rosalía de Castro.  A trama urbana está definida pola situación da vía férrea e a estrada PO-323 (Avenida de Vigo), que discorren  paralelas e xeran un espazo entre elas no que se sitúa o proxecto. Ademais, é importante a Avenida José Fernández López que une a Alameda coa zona deportiva e ten unha gran carga de tráfico pesado. Ao suroeste da actuación existe un aparcamento ao aire libre que dá servizo á zona.

A zona deportiva mellorarase xerando un acceso mediante unha escaleira con bancada desde o lugar máis próximo á Alameda de Rosalía de Castro conéctase o espazo deportivo co resto da intervención, producindo un acceso directo tanto desde a propia Alameda como para os fluxos provenientes do sur e do oeste (pasarela sobre as vías do tren). Ao norte inclúese unha rampla que mellora a accesibilidade do espazo.

Unha zona verde vén resolver o salto de cota entre a Avenida José Fernández López e a esplanada existente, introducindo vexetación no ámbito. Tamén se proxecta unha zona verde baixo a pasarela, creando un pano de fondo para as pistas deportivas. Bancos e xardíns con céspede e flores delimitan e achegan vexetación á contorna.  Establécese un camiño crebado e lonxitudinal que cose o espazo partindo do norte da parcela e desembocando  no aparcamento, este paso delimita a zona de pistas deportivas e a zona de estancia. En pártea norte do camiño, acompañando á zona verde introdúcese un espazo pergolado cuberto parcialmente para  protexer aos usuarios das inclemencias do tempo.

O muro de pedra existente ao sur das pistas se rejunta e limpa ademais de ser acompañado dunha estrutura de reixa electrosoldada co obxectivo de crear un fondo verde e ademais crear un fito visual, unha referencia. Remátase esa fronte cunha bancada de pedra.

Na zona destinada a pistas deportivas renóvanse os valados e insere unha bancada lonxitudinal ao oeste, servindo de separación da vía férrea e espazo de observación dos acontecementos que acolla o recinto.

Inclúese unha nova instalación de iluminación deportiva adecuada ao uso. Respecto a a evacuación de augas pluviais, renóvase a instalación mellorando o seu funcionamento.

Digna Rivas amosou a importancia dunhas obras que “como todas as que estamos a realizar e lavamos realizadas, van máis aló que simples lavados de cara e buscan a transformación dos espazos para o seu desfrute por parte da cidadanía e a mellora da súa calidade de vida”.

A Deputación aborda a segunda fase da transformación integral da EP-3303 Tabagón-Goián no Rosal

0

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar o proxecto da segunda fase das obras que transformarán por completo a EP-3303 Tabagón-Goián ao abeiro do modelo provincial de mobilidade amable e sostible “que permite gañar espazo para as persoas”, como destacou a presidenta Carmela Silva. En concreto, nesta mellora da mobilidade peonil que abarcará 1,8 quilómetros do total de 4,5 que ten a estrada, investirase un orzamento de 795.872 €. Os traballos financiaranse a través dun convenio entre a institución provincial, que aportará o 80% do presuposto (636.697 euros) e o Concello do Rosal 20 % (159.174 euros). Terán un prazo execución de 10 meses.

Nesta segunda fase actuarase no treito que vai dende o pq 1+795 ata o pq 3+600 e contémplase a execución dunha senda peonil na marxe dereita da estrada para garantir a seguridade das persoas, do punto 1+795 ao 2+200 e do 2+300 ao 3+600. Na marxe esquerda habilitarase unha beiravía de ancho mínimo de 0,50 metros, que se completará ata as fachadas e peches existentes cunha cuberta transitable de formigón. Amais, na zona da Igrexa de San Bartolomeu de Eiras haberá unha zona de convivencia sobreelevada con prioridade peonil (entre os puntos quilométricos 2+200 e o 2+300). Tamén se renovarán as capas de rodaxe e de pavimento de formigón con bandas de pedra na zona de convivencia con redutores de velocidade e pasos sobreelevados. Ademais, executarase a rede soterrada de recollida de augas pluviais, con cunetas transitables, e a de alumeado, con arquetas para a futura colocación de farois.

Na primeira fase, xa rematada, actuouse nun treito de 1,7 quilómetros, cun investimento superior aos 650.000 euros, dos que 472.623 € (o 73 % do custe total) conseguiu financiamento procedente do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. O resto do custe foi asumido pola Deputación e o Concello.

A Oficina Municipal de Turismo de Tui atendeu en novembro máis de 1.200 visitantes

0

A Oficina Municipal de Turismo de Tui recibiu durante o mes de novembro un total de 1.284 visitantes, dos que 1.125 eran turistas e 159 peregrinos.

Os turistas foron maioritariamente de procedencia nacional cun total de 1.082 persoas que demandaron información turísticas na céntrica oficina tudense. Chegaron principalmente de Madrid (148), Barcelona (135), Pontevedra (125), Guadalaxara (100), Asturias (59), Cuenca (56), Tenerife (56)…

Mentres os 43 turistas internacionais que en novembro se achegaron á oficina tudense proviñan de Portugal(15), Francia (5), Reino Unido(4), Italia (4), Brasil (4), Croacia(3), P. Baixos (3), Alemaña (2)…

Mentres no que atinxe aos peregrinos foron atendidos 71 peregrinos de procedencia internacional, cuxas principais nacionalidades foron: Alemaña(8), Francia (8), Italia (7), EE.UU (6), Uruguai (6), Portugal (4), Brasil (4), R. Unido (3), Taiwán (2)… Pola súa banda, os 88 peregrinos españois chegaron dende: Baleares (18), Madrid(9), Alacante (7), Barcelona (6), Cádiz (6), Pontevedra (6), Málaga (5)…

Por outra parte de Tui segundo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago no pasado mes o Camiño Portugués acolleu a 1.842 peregrinos, manténdose como a segunda ruta de peregrinación escollida, fronte ao Camiño Francés que tivo 5.997 visitantes pero a distancia do Camiño Norte con 796 peregrinos ou o Camiño Portugués da Costa con 707 peregrinos.

Cómpre indicar como Tui segue manténdose como un dos primeiros lugares escollidos para iniciar a peregrinación con 503 peregrinos, superada por Sarria (2.333), St. Jean Pied de Port (1.606) e Porto (759).

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que estes datos indican a consolidación dunha tendencia, crecente ano a ano, dunha maior desestacionalización do sector turístico, ao que contribúe de modo especial o Camiño de Santiago, que a pesar das inclemencias meteorolóxicas do pasado mes continua a ofrecer excelentes datos nos número de peregrinos polo Camiño Portugués.

Por outra banda, constátase neste datos unha crecente consolidación da Oficina Municipal de Turismo na súa nova localización cun amplo número de visitantes que se achegan ata mesma na procura de información na súa visita á nosa cidade.

Mos aumenta o orzamento destinado ao SAF

0

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou que a Xunta de Galicia incrementará o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata os 12 €/hora para adiantar o compromiso de lexislatura fixado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e axudar aos concellos na prestación deste servizo municipal. Fíxoo nunha visita a un usuario en Mos na que estivo acompañada da alcaldesa Nidia Arévalo. O usuario, Benjamín Davila Alonso, vive en Herville, parroquia de Cela, xunto á súa muller Mari Flor e o seu fillo Esteban. A auxiliar do SAF que lles presta o servizo e que recibía tamén á conselleira e á alcaldesa no domicilio é Dircilene Franco. Tamén se achegou ata a vivenda o concelleiro da parroquia de Cela, Gonzalo Alonso.

O SAF ten por obxecto prestar una serie de apoios e atencións a persoas que teñan limitada a súa autonomía ou noutras situación  de risco social para facilitar a permanencia no súa contorna  habitual. Este servizo  prestase a través do sistema de dependencia,  sendo o recurso máis solicitado deste sistema. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declarou esta mañá a este respecto que “o número de usuarios/as actuais do SAF en Mos é de 112 persoas e 22 a través do sistema básico ou libre concorrencia. Un total de 134. Para elo desde o Concello de Mos dedicamos unha partida do orzamento municipal para o SAF cun importe anual de 1.130.200 €”.

Así mesmo Arévalo, rexedora local mosense, destacou que “o Concello mosense é punteiro no SAF, no que actualmente conta con 61 traballadoras e case 66.000 horas anuais de servizo, fronte a concellos con máis habitantes e coa metade de horas. Mos é un dos municipios da provincia e da comarca con máis horas anuais de SAF, xa que outros municipios con 15.000 habitantes ao igual que Mos, contan con menos da metade de horas”, explicou.

O Concello de Mos ten 15.190 habitantes e un total de 5.501 horas ao mes de SAF: 66.012 ao ano.

Pola súa banda a conselleiro, Fabiola García, explicou que o Goberno galego incrementará nun 10 % o orzamento do Servizo de Axuda no Fogar para o vindeiro ano ata chegar á cifra récord de 112 millóns de euros. Este aumento permitirá poñer máis horas á disposición dos concellos e incrementar a achega autonómica a este servizo. Segundo o acordo chegado coa Fegamp no ano 2021, a Xunta incrementaría o financiamento deste servizo progresivamente durante a lexislatura chegando aos 12 €/hora no 2024, unha cantidade que o Goberno galego adiantará xa a este mes de xaneiro.

A conselleira puntualizou que deste xeito a Xunta incrementará o financiamento deste recurso nun 24%, ao pasar dos 9,7 €/hora do inicio da lexislatura ata os 12 actuais. Nesta liña, destacou que Galicia é unha referencia a nivel nacional neste servizo ao chegar a máis de 25.000 usuarios en toda a comunidade. Así mesmo, Fabiola García recordou que para ofrecerlle uns servizos de calidade aos cidadáns é fundamental a colaboración institucional. Por iso, lamenta que mentres a Xunta continúa a reforzar a súa colaboración cos concellos, o Goberno central siga a incumprir a Lei de dependencia que lle obriga a sufragar nun 50 % os gastos nesta materia. Nestes momentos o reparto segue a ser dun 70 % a Administración autonómica e dun 30 % a estatal.

Servizos de proximidade

A Xunta de Galicia continúa a impulsar servizos que lle permitan aos maiores vivir no seu lugar de sempre e estar ben atendidos. Con este obxectivo puxo en marcha o programa de Coidados porta a porta, con servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria 100% gratuítos e que xa atendeu a máis de 26.000 persoas; a teleasistencia, que pronto chegará aos 10.000 usuarios e pon a tecnoloxía á disposición dos maiores e ofrécelles axuda e seguimento con só pulsar un botón; ou as máis de 100 casas do maior que ofrecen coidado diúrno, atención e actividades a persoas maiores que viven en concellos pouco poboados de Galicia.

Tomiño lanza a campaña ‘Nadal+Nadal’ para impulsar o comercio local

0

Tomiño ule este Nadal a premio. O Concello continúa no camiño de dinamizar o comercio local cunha nova edición da campaña ‘Nadal+Nadal’, unha iniciativa que busca non só premiar aos veciños que apostan por facer as súas compras na localidade, senón tamén a todos aqueles comercios que visten establecementos e escaparates para encher de luz, cor e maxia as rúas tomiñesas.

Así, dende o 9 ao 27 de decembro as persoas que merquen nos comercios de Tomiño terán á súa disposición unha urna en cada establecemento adherido á campaña na que poderán depositar os seus tíckets de compra e optar a conseguir un vale de compra polo dobre do seu valor. Establécese un mínimo de 20 euros e un máximo de 100 euros para participar no sorteo, que se celebrará o propio 27 de decembro tras a apertura de urnas no salón de plenos do Concello ás 20.30 horas. Nese momento extraeranse tíckets por un valor de ata 1.500 euros, polo que a campaña rematará coa entrega de vales de compra ás gañadoras e gañadores por un valor de ata 3.000 euros.

Nesa procura da dinamización do comercio local, a campaña busca tamén crear un ambiente agradable e atractivo nas rúas que anime á veciñanza a facer as súas compras sen saír de Tomiño. Por este motivo, os comercios adheridos a este sorteo participarán no concurso ‘Ruta Nadal+Nadal’, no que se premiará a mellor decoración de escaparates e de establecementos. Para iso, dende o 9 de decembro ata o 6 de xaneiro deberán adornar cada local con elementos preferiblemente naturais e reciclados de base, fomentando ao mesmo tempo un comercio local sostible.

O xurado premiará a decoración máis orixinal nas modalidades de establecemento e escaparate cun premio en metálico de 500 euros a aqueles comercios que acaden o primeiro posto e de 250 euros aos que queden de segundos na valoración. O veredicto coñecerase o mesmo día do sorteo de vales, o 27 de decembro.

Como sinala a alcaldesa, Sandra González, “queremos seguir poñendo en marcha iniciativas coas que dar pulo ao noso comercio e animar ás tomiñesas e tomiñeses a mercar nas tendas dos seus veciños e veciñas, especialmente en datas tan sinaladas hai un elevado número de compras. Cada paso que damos conta para apoiar á economía local e o futuro de Tomiño”.

Apertura do prazo de presentación de solicitudes para o Programa de Termalismo do Imserso

0

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de A Guarda informa da apertura do prazo para a presentación de solicitudes do PROGRAMA DE TERMALISMO  DO IMSERSO (BALNEARIOS):

  • Ata o 9 de xaneiro  de 2023: para solicitar praza nos meses de febreiro ata agosto, ambos inclusive.
  • Ata o 15 de maio de 2023: para solicitar praza nos meses de setembro a decembro, ambos inclusive.

Para a inclusión na Lista de Espera de prazas, para cubrir as prazas que queden vacantes por renuncias ou outras  circunstancias:

  • Ata o 14 de maio  de 2023: para solicitar praza nos meses de febreiro ata agosto, ambos inclusive.
  • Ata o 15 de novembro de 2023: para solicitar praza nos meses de setembro a decembro, ambos inclusive.

Para máis información consultar no Departamento de Servizos Sociais no 986614507 ou en [email protected].

Este domingo, coñece o sendeiro Val do Louro en Covelo

0

Promover hábitos de vida saudables e coñecer o patrimonio natural son dous dos obxectivos desta actividade de andaina e coñecemento do sendeiro Val do Louro que o Concello de Covelo oferta totalmente de balde este domingo día 11.

Dentro da programación de roteiros guiados que ofrece o Concello co apoio da Deputación de Pontevedra, as persoas participantes percorrerán 12 kms en arredor de cinco horas ao longo dun sendeiro de dificultade media e trazado circular.

O punto de encontro e comezo do roteiro será a estrada PO-255, no km35 no cruce Cernadera ás 09:00 horas. Para participar é preciso realizar unha inscrición previa no número de teléfono habilitado polo guía Julio Eiroa, 654 500 652. O número de participantes é limitado a 25 e recoméndase levar calzado, vestimenta e accesorios axeitados para a práctica do sendeirismo así como protección solar, bebida e alimento reconstituínte para tomar durante o roteiro.

Esta fin de semana poderás escoitar os ‘Ecos do Nadal’ no Rosal

0

A programación cultural continúa no Rosal esta fin de semana con música. Este domingo 11 de decembro a Igrexa parroquial de Santa Mariña será o escenario do XII Concerto Coral ‘Ecos do Nadal’, unha das actuacións máis agardadas nestas datas tan sinaladas organizada pola Coral Ecos do Folón de Fornelos en colaboración coa Asociación Músico-Cultural Ecos do Folón, o Concello, a Comunidade de Montes de Santa Mariña e a Deputación de Pontevedra.

Dende as 18.00 horas, o público poderá desfrutar de balde dun espectáculo no que a Coral Ecos do Folón estará acompañada pola Coral Polifónica ‘Asomamos’ de Mos, formada en 2009 e que retomou este 2022 de novo a actividade tras un parón de dous anos pola situación sanitaria con novos folgos e moita ilusión, e a Coral do Centro Sociocomunitario de Marín, que con 30 anos de historia reúne a 30 voces mixtas nun grupo de amigos e amigas afeccionados á música e ao canto.

A Coral Ecos do Folón naceu como asociación músico-cultural no ano 2012 con 17 compoñentes e foi crecendo de forma paulatina ata chegar ás actuais 30 voces mixtas. Participante en todos os circuítos culturais da Deputación de Pontevedra, a coral organiza cada ano dous agardados concertos no Rosal, ‘Ecos de Verán’ e ‘Ecos de Nadal’, que enche de música co seu variado repertorio, no que se inclúe temas tradicionais galegos, habaneiras, valses, boleros, cantos relixiosos, panxoliñas… moitos deles arranxados, compostos ou adaptados polo seu director, Jorge Fernández.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a desfrutar un ano máis con este concerto de Nadal no que a coral rosaleira deleitará ao público con pezas como ‘Salió de Jamaica’, a panxoliña andaluza ‘Fuentecilla que corres’, o ‘Ave María’, a panxoliña chilena ‘Señora Doña María’ ou a peza galega ‘O meniño mariñeiro’. O espectáculo rematará cun marabilloso final en grupo.

O Porriño móvese ao ritmo das rondallas

No Porriño non pode haber Nadal sen a música das súa rondallas. As dúas agrupacións do muncipio, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios e a Rondalla da Asociación Cultural Musical de Pontellas, serán as encargadas de marcar o ritmo destes festexos con pasarrúas por todas as parroquias e presentes nos principais actos da programación de Nadal.

As pandeiretas empezarán a soar este este domingo 11 de decembro. A Rondalla de Pontellas actuará ás 16 h nas Mimosas de Carracido, ás 18 h na Forna de Budiño e ás 20 h fará un pasarrúas polo centro urbano. Pola súa banda, Santa Eulalia de Atios actuará ás 16 h na cultural de Chenlo, ás 18 h no centro cultural de Mosende e ás 19:30 h presentarase oficialmente no Centro Cultural de Atios.

A seguinte quenda será o sábado 17 de decembro. A Rondalla de Pontellas comezará a xornada en Cans ás 16 h e ás 18 h estará en el centro cultural de Casal en Budiño. A Rondalla Santa Eulalia de Atios arrancará ás 17 h cun pasarrúas en San Rosendo (Torneiros) e ás 18 h actuará no centro urbano e no Círculo Recreativo e Cultural. A tarde culminará ás 19:30 h no Centro Cultural de Pontellas co encontro entre ambas formacións.

O domingo 18 de decembro ambas rondallas se encontrarán no Centro Cultural de Atios ás 19:30 h.

As dúas agrupacións poñerán tamén a banda sonora ao arranque da Festa Pre-Fin de Ano que se celebrará o 30 de decembro , á Cabalgata das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente o 5 de xaneiro e, por suposto, serán as anfitrionas no Encontro de Rondallas do Porriño que este ano terá lugar o día 8 de xaneiro.

A Deputación mellorará a mobilidade peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros

0

A Xunta de Goberno da Deputación vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria e peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros, no Concello de Mos, por un orzamento de 411.312 euros e ao abeiro do modelo de mobilidade amable e sostible da institución provincial, “que permite gañar espazo para as persoas”, como destacou a presidenta Carmela Silva . Os traballos serán financiados ao 100% pola Deputación, xa que o 30% que lle correspondía aportar ao Concello no convenio asinado entre ambas administracións para estas obras financiarase a través dunha achega do Plan Concellos 2022-2023.

As obras, cun prazo de execución de seis meses, desenvolveranse nun treito de 580 metros do primeiro tramo da EP-2601 Mos-Puxeiros, na parroquia de Santa Eulalia, concretamente dende o p.q. 0+020 ata o p.q. 0+600. Por esta zona transcorre o Camiño de Santiago polo que ten unha forte presión peonil, que se ve incrementada co acceso ao paseo fluvial e ao parque infantil, á igrexa de Santa Eulalia, á entrada ao albergue para as persoas peregrinas e ao aparcamento e parque do Pazo de Mos. As obras reforzarán a prioridade de paso para as e os viandantes coa execución dunha senda de 2,5 metros de ancho mínimo, desde a intersección do Camiño de Santiago e na maior parte da estrada.

A sección da calzada estará constituída por dous carrís cun ancho mínimo de 3 metros e beiravía na marxe esquerda, e as obras contemplan a ordenación dos espazos e a renovación do pavimento. Colocaranse tres pasos de peóns sobreelevados e instalarase mobiliario como bancos e varanda e renovarase a iluminación mediante o soterrado da liña e da instalación de novos puntos de luz con LED.  Por último, renovarase a recollida de pluviais.

O Festival Algazara regresa a Ponteareas

O Festival Algazara volve tras dous anos de parón pola situación sanitaria e faino con máis ganas e ilusión que nunca. Este domingo 11 de decembro a Agrupación Folclórica Algazara celebrará, en colaboración co Concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra, o 25 aniversario deste festival co que cada ano a entidade poñía punto e final a doce meses de intensa actividade.

Unha data moi sinalada que, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, suporá o regreso deste encontro “cunha versión reducida e tranquila pero con moita ilusión por recuperar a normalidade”. Nesta XXV edición, ademais da actuación da agrupación natural da parroquia ponteareá de Celeiros, será posible gozar do espectáculo ofrecido polo Grupo Folclórico de Barcelinhos, procedente da localidade lusa de Barcelos, e das actuacións dos regueifeiros Josinho da Teixeira e Lupe Blanco. O festival celebrarse ás 17.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal con entrada de balde ata completar aforo.

Tui acolle o II Concerto Solidario de Protección Civil en favor de SOS Tomiño Baixo Miño

0

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui organiza por segundo ano consecutivo un Concerto Solidario a favor de SOS Tomiño Baixo Miño. No evento contan coa colaboración do Concello de Tui.

Este II Concerto Solidario terá lugar mañá sábado día 10, ás 18.00 h, no Teatro Municipal, e para acceder será necesario entregar 1 quilo de alimentos non perecedoiros, como mínimo, que se destinará a SOS Tomiño Baixo Miño.

O concerto contará coas actuacións da Agrupación Musical de Goián, da Banda de Música Popular de Tui, e dos cantantes porriñeses Iker Faure e Noemí Fernández.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, coa organización deste evento aportan o gran de area nun evento, nunhas datas tan especias, no que a solidariedade se verá multiplicada en forma de alimentos. Os e as voluntarias ao longo do ano está presente en eventos deportivos, culturais e sociais, amais de acudir en calquera situación de emerxencia, desempeñando un labor voluntario e totalmente altruísta. Neste 2022 atenderon 124 accidentes en estrada, actuaron ante a presenza de 53 animais en estrada, levaron a cabo unha asistencia sanitaria, acudiron a 44 incidencias de circulación, 9 salvamentos, e 50 incidencias con 95 operativos despregados.

Do mesmo xeito, os e as compoñentes da Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño desempeñan a súa actividade de maneira voluntaria e altruísta, repartindo este 2022 entre 5 e 6 toneladas de alimentos cada quince días entre 170 familias de Tui, Tomiño, O Rosal e Oia.

Comprar en Arbo ten premio

0

Baixo o lema “Agora máis ca nunca apoia ao Comercio Local”, o Concello de Arbo pon en marcha un ano máis a campaña “Comprar en Arbo ten premio”, en colaboración coa asociación de comerciantes do municipio, na que participan máis de noventa establecementos da localidade arbenses.

Os negocios repartirán entre os seus clientes rifas polas súas compras. En total imprimíronse preto de 150.000 rifas. En total repartiranse ao redor de 3000 euros en premios: un vale de 500 euros,  un vale de  250 euros,  un vale de 150 euros,  tres vales de 100 euros e 25  vales de compra de 50 euros.  O sorteo efectuarase en xaneiro, repartindo os vales para descontar nos comercios, bares, restaurantes e empresas de Arbo que participan na Campaña de Nadal, aos agraciados no sorteo.

Coa posta en marcha desta campaña o  Concello de Arbo e os seus comercios pretenden atraer a un maior número de clientes e fidelizar aos seus compradores máis habituais. Sinalando ademais a importancia de apoiar o pequeno comercio local tan importante para Arbo e que é a base da economía de moitos arbenses “Comprar en Arbo xera postos de Traballo é Riqueza ao municipio”

O alcalde do Concello de Arbo, anima a que os arbenses e os visitantes desfruten da vila, especialmente atractiva nesta época do ano, e que aproveiten para realizar todas as compras nos comercios de Arbo, nas empresas, a que visiten os nosos locais de hostalería, bares, restaurantes, casas de turismo rural, as nosas adegas, nos que poderen degustar todos os marabillosos produtos, e porque non, a desfrutar dunha fascinante experiencia nunha das nosas empresas de turismo de aventura, encontrándovos, – aínda que sexa con mascarilla e mantendo as distancias de seguridade, con todos os vosos veciños e veciñas para desexarlles un Bo Nadal – remata o rexedor .

O sorteo terá lugar o día domingo 15 ás 17:00 horas no salón de Plenos do Concello de Arbo.

Pepe ‘o Zapateiro’ cumpre 101 anos

0

José Miranda Treinta, veciño do concello de Oia coñecido como Pepe, ‘o Zapateiro’, celebrou o seu 101 aniversario. Para felicitalo en nome de todo o municipio, a alcaldesa, Cristina Correa, e máis a tenente de alcalde, Carmen María Estévez, achegáronse a facerlle unha visita e agasallalo cunha torta.

José, afincado en Viladesuso, naceu en Torroña (Burgueira) nunha familia de 6 irmáns, 3 homes e 3 mulleres. Traballou duro durante toda a súa vida, especialmente en labores vinculados ao monte, do que é un grande coñecedor. Despois dunha vida de tanto esforzo confesa que “nunca xamais” pensou en chegar aos 101 anos.

Facendo gala dun ánimo, saúde e memoria envexables, o Zapateiro explicou ás representantes municipais que, aínda que coa idade vai perdendo vista, oído e algo de forza nas pernas, a memoria mantena intacta. Aínda lembra “o que facía hai 90 anos”, recordos que, tal e como el mesmo puntualiza, retén na súa cabeza “como se fora onte”. Ademais da memoria, asegura conservar un bo apetito: come de todo e en boas cantidades.

Na actualidade, para pasar o día gústalle “sentar ao sol” e “ver un pouco a televisión”, especialmente os informativos e algunhas actuacións musicais. Pepe (un dos tres veciños maiores de 100 anos que viven actualmente en Oia) celebrou hoxe o seu aniversario cunha comida especial con parte da súa gran familia. Ten 4 fillos, 8 netos, 12 bisnetos e media ducia de tataranetos.

O Concello de Redondela reclama o uso do galego no BOE

0

Redondela toma, unha vez máis, a iniciativa a prol do galego. Desta vez dirixíndose ao Ministerio da Presidencia tras comprobar que dende hai tempo o Boletín Oficial do Estado (BOE) non ten dispoñible a versión en galego. Desta maneira, a documentación que se publica ou anexos para realizar trámites ante a Administración Xeral do Estado ou que afecte ás comundiades autónomas só ten a opción do castelán.

Por este motivo, o Servizo de Normalización Lingüística, departamento dirixido pola alcaldesa de Redondela, solicitou por rexistro do Ministerio a pronta rectificación e subsanación desta carencia. O SNL de Redondela presentou un informe, amparado pola lexislación lingüística que se cita e referencia, explicando as obrigas que o estado ten de cara ao cumprimento da cooficialidade do galego.

Ademais, aproveitando esta intervención, o Concello de Redondela solicitou tamén a incorporación do galego en webs dependentes deste ministerio como son Patrimonio Nacional (que só ofrece en castelán e inglés) ou o Centro de Estudos Políticos e Constitucionais.

Pola súa parte, dende o departamento redondelán sinalan que “dende a Administración local debemos tomar a iniciativa para reclamar a plena igualdade do galego e do castelán. Fronte as falsidades da imposición do galego, a realidade é teimuda e vén demostrarnos acotío que o galego é excluído, marxinado ou esquecido por parte de certas administracións. Por iso, nós dende Redondela asumimos tamén o noso compromiso co idioma oficial de Galicia e alí onde haxa que erguer a voz e a protesta farémolo”.

A alcadesa Digna Rivas, Concelleira de Normalización Lingüística, engadiu que “Redondela é un referente dende o inicio da normalización lingüística. Nós mantemos esa aposta pola normalización plena do galego, tanto a nivel municipal como no autonómico ou estatal. Polo tanto, este goberno estará sempre onde se precisa para favorecer o noso idioma”.

O domingo chega o gran Concerto Solidario do Grupo de Acordeóns Tarataña a Nigrán

0

O Concello de Nigrán ofrece este domingo 11 de decembro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal o concerto do Grupo de Acordeóns Tarataña con Jaime Vilas e Manuel Olegario.

O grupo de acordeóns TARATAÑA nace o 27 de setembro de 2011 en Vigo, participaron e organizaron o Día Mundial do acordeón no Centro Cultural Helios de Bembrive durante 19 anos. En Brembrive o grupo participaba na Sociedade dende 1992 co nome Algareiro. O Mestre, Director e compoñente do grupo é Manuel Olegario e o seu estilo musical é amplio, valses tradicionais, rumbas, valses franceses, boleros… e teñen participado en innumerables actuacións por Galicia.

Manuel Vilas, natural de Lourizán, ten estudos de piano e violín no conservatorio de Pontevedra e foi alumno do gran mestre Arturo Bastos de Cabral.

Manuel Olegario naceu en Bos Aires en 1957 e iniciou a sua formación aos 8 anos da man do seu pai. En 1997 crea a Escola de acordeóns “Algareiro” do Centro cultural Helios de Bembrive e actúa en toda a península destacando a súa actuación no Festival Internacional de acordeóns en Chartres (Francia) representando a españa no ano 2005. Fundou un grupo de acordeóns “Xarope de uva” sendo mestre de numerosos acordeonistas.

Jaime Vilas e Manuel Olegario dende 1992 forman un dúo que ten actuado en todas as edicións do Día Mundial do Acordeón.

A entrada é gratuíta e para acceder ao festival tan só hai que levar productor navideños (polvoróns, turróns bombóns,  latas de consevas, etc) todos esos productos especiais que solemos teer en estas datas nas nosas casas e que irán ao Banco de Alimentos Municipal para repartir entre as familias que o precisen.

Ponteareas prepárase para dar a pedalada na II edición da Ciclocross Borja Gómez Méndez

Ponteareas prepárase para pedalear esta fin de semana. O vindeiro domingo 11 de decembro, o circuíto das Cachadas acolle a segunda edición do Ciclocross Borja Gómez Méndez, unha proba organizada polo Club Ciclista Ponteareas en colaboración co Concello e que forma parte da Copa Galicia.

A alcaldesa Cristina Fernández Davila e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixeron prestar o seu total apoio á organización durante o acto de presentación desta carreira, que contou tamén coa presenza do presidente da Xunta Xestora da Federación Ciclismo Galego, David Carrillo; do presidente do club, Manuel Gregores, e outros membros da directiva; e de corredoras e corredores do club.

Nesta proba, que contará cunha carreira inclusiva, participarán deportistas das categorías cadete, junior, sub 23, élite, máster 30, máster 40, máster 50 e máster 60, así como ciclistas infantís na quenda de Promoción. A competición comezará ás 09.00 horas e prolongarase ata as 15.00 horas.

Bouzó quixo unha vez máis agradecer ao Club Ciclista Ponteareas – Escola Borja Gómez Méndez “o gran traballo que realizan todo o ano para seguir forxando a historia dun deporte no que Ponteareas é un referente e, como non, por crear e dar continuidade a unha proba que rende homenaxe a unha das nosas grandes figuras como Borja Gómez”.

Inscricións abertas para a proba de obstáculos “A Guarda Family Kids”

0

A Alameda da Guarda acolle o vindeiro sábado día 7 de xaneiro de 2023 a proba de obstáculos A Guarda Family Kids, un evento adaptado a idades de rapaces de entre 3 e 12 anos, que deberán de ir acompañados dunha persoa adulta que tamén deberá de ir superando os distintos retos ao longo do desenrolo da proba.

A proba terá un custo de 3,10 € euros por inscrición e as inscricións están xa abertas a través da web https://www.deporticket.com/web-evento/7898-a-guarda-family-kids establecéndose un límite de 200 nenos acompañados dun adulto. Haberá medalla finisher para tódolos participantes.

O evento está organizado por noko360 e o Concello da Guarda.

Mos limpará o Castro de Torroso no 2023

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron hoxe de que o orzamento municipal para o vindeiro ano 2023 inclúe unha partida de 20.000 euros para a contratación da limpeza dos terreos do Castro de Torroso. Os representantes municipais, Arévalo e Costas, explicaron que a limpeza farase con fondos propios municipais e que xa se pediu o pertinente permiso para a súa realización á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.

Os terreos a limpar inicialmente serán os do primeiro anel (1ª fase de compra de terreos) que se queren adquirir por parte do Concello, comprándollos aos propietarios para poder proceder de seguido á posta en valor do Castro. Para elo, e unha vez finalizados os labores de limpeza, localizaranse os marcos e a todos particulares propietarios que faltan por localizar para tentar chegar a un acordo para proceder á compra.

A tarefa de búsqueda de particulares xa se atopa, por outra banda, bastante avanzada, coa maioría deles localizados e outros en investigación, por descoñecerse o titular dalgunhas das parcelas. Para elo, desde a concellería de Medio Ambiente Sostible do Concello de Mos lévase xa un ano de traballo a este respecto.

No verán de 2020 instalouse no Castro de Torroso unha nova sinalización para favorecer o seu coñecemento e divulgación. Instalación que foi proxectada, supervisada e dirixida polo arqueólogo Alberte Reboreda xunto co arquitecto municipal. Trátase de paneis interpretativos nas inmediacións do Castro a fin de poñelo en valor e favorecer o seu coñecemento e divulgación entre a poboación en xeral e, en particular, entre os estudantes do IES de Mos, situado nas proximidades do xacemento.

O Castro de Torroso é un dos máis senlleiros de Galicia, dos mellor estudados e dos de maior interese científico e cultural. Na primavera do ano 1983 descubriuse fortuitamente un xacemento en Torroso, moi preto do límite con Petelos, logo de que os temporais do inverno deixasen ao descuberto fragmentos cerámicos. As características morfolóxicas e técnicas destes vestixios motivaron o inicio dunha serie de escavacións, levadas a cabo entre 1984 e 1990 por Antonio de la Peña Santos, nas que se puido comprobar que se trataba dun xacemento castrexo.

Os paneis interpretativos instalados para sinalizar o Castro de Torroso explican que é un dos máis senlleiros de Galicia, dos mellor estudados e dos de maior interese científico e cultural. Conta cunha extensión dunhas 2,8 ha e unha altura máxima de 137 metros que lle permiten dominar uns terreos moi aptos para o aproveitamento agrícola e forestal.

Ao nordeste desta aldea fortificada prehistórica corre un regato que lle proporcionaba auga e pesca, ao igual que o río Louro, que flúe a 1,7 km do xacemento polo leste. Este río discorre ao longo dunha parte da Depresión Meridiana, unha grande fractura xeolóxica natural que une Tui con Padrón e que constitúe un lugar de paso natural privilexiado para o tránsito de persoas e mercadorías.

O Castro de Torroso no Museo de Pontevedra

O Castro de Torroso é un dos máis antigos de Galicia, xa que data do século VII A.C. No Museo de Pontevedra gárdanse todos os obxectos que se exhumaron ao longo das campañas que se desenvolveron no xacemento entre 1984 e 1990 baixo a dirección do arqueólogo Antonio de la Peña: restos cerámicos, fragmentos de metais (adornos persoais de bronce e prata, fouces e armas de ferro), así como de diferentes útiles líticos (pedras de afiar, etc…). O coñecido como Castro de Torroso destaca por ser unha aldea fortificada que se levantou na transición entre a Idade do Bronce e a Idade do Ferro, alá polo s. VII antes de Cristo. Neste momento os grupos humanos, escollen os outeiros para edificar as súas aldeas, que fortifican co obxecto de mellorar as súas defensas, o que fai pensar aos arqueólogos que a convivencia entre comunidades e a explotación dos recursos do territorio (gando, terra, minas…) é causa dunha crecente de desigualdade e conflitividade social. Por iso o sector suroeste do poboado, o que conta cunhas defensas naturais máis febles, presenta un sistema defensivo realizado polo ser humano composto por tres fosos concéntricos complementados cos seus respectivos parapetos.

Tarde informativa sobre a saúde do pé no Concello de Covelo

0

O Concello de Covelo convida a participar na tarde informativa sobre a saúde do pé que se ofrece totalmente de balde no auditorio municipal, debaixo das instalacións da biblioteca pública municipal co obxectivo de formar á poboación e previr posibles doenzas evitables con  boas prácticas no día a día.

Enmarcada dentro do programa Coidados Porta a Porta da Xunta de Galicia terá lugar o vindeiro martes día 13 ás 19 horas. O podólogo responsable deste servizo achegará nocións, recomendacións e bos hábitos para mellorar a saúde dos nosos pés.

O Porriño licita a mellora da estrada Centeáns-Corzón, en Pontellas

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, sacou a licitación o proxecto de mellora do vial municipal que conecta Centeáns e Corzón, na parroquia de Pontellas.

“Esta estrada atópase en mal estado de conservación e a súa degradación vese cada vez máis acelerada, polo que require dunha intervención urxente”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo”, “Ademais trátase dun vial moi transitado, ao estar na contorna de San Campio e conectar os núcleos rurais de Centeáns, Outeiro –Igrexa e A Meira”.

As actuacións contemplan a renovación completa da capa de rodadura nun tramo de 1.032 metros de lonxitude e 7 metros de ancho medio. “Emplearanse aproximadamente unhas 975 toneladas de asfalto e requerirase tamén o bacheo profundo de zonas concretas que se atopan especialmente deterioradas”, apuntou o edil de obras.

“Seguimos traballando para acondicionar todo o viario municipal que se atopa en moitos puntos en condicións pésimas pola falta de mantemento. Este é un dos proxectos que temos xa en fase de contratación dentro da planificación que estamos a seguir para poder abarcar todo o termo municipal”, concluíu o alcalde.

A obra conta cun orzamento base de licitación de 136.432,29 euros con cargo ao Plan Concellos 2022 e o prazo de presentación de ofertas remata o 12 de decembro.

Unha unidade móbil de doazón de sangue chega a Ponteareas este Nadal

O Nadal chega a Ponteareas cunha nova visita dunha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, que estará na vila o vindeiro xoves 15 de decembro a disposición de todas aquelas persoas que queiran achegar a súa pinga de solidariedade. Como ven sendo habitual, o autobús estará situado na Avenida de Galiza, na parte traseira da Casa do Concello, de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas. Para maior axilidade recoméndase pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

É importante lembrar que poden doar sangue toda as persoas maiores de 18 anos e cun peso mínimo de 50 kg e que se recomenda non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas. Ademais, é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou documento similar e informar ao médico de que se está a tomar algún medicamento.

A concelleira de Saúde, a tamén alcaldesa Cristina Fernández Davila, lembra que cada día a Axencia despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos hospitais galegos, que recolle unha sangue que despois é procesada e analizada nas dependencias centrais. Só deste xeito é posíbel enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender as entre 400 e 500 doazóns diarias que precisan para manter a súa actividade.

Tomiño asina un convenio coa Fundación Manuel María para difundir a obra do poeta galego

0

O Concello de Tomiño e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos veñen de asinar un convenio a través do que se o Goberno municipal se compromete a colaborar na difusión da obra do poeta galego. “Con esta iniciativa sumámonos a este fermoso proxecto posto en marcha pola fundación para continuar dando visibilidade a un poeta que destacou pola súa defensa da lingua e o seu compromiso político”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Así, a través deste convenio, Tomiño incluirá na súa programación cultural para o vindeiro ano 2024 a representación de ‘Auto do Castromil’, unha peza de Producións Teatrais Excéntricas baseada nunha obra homónima de Manuel María, a obra gañadora do III Certame de Manuel María de Proxectos Teatrais, convocado pola propia Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración co Centro Dramático Galego; as Mostras de Teatro de Ribadavia, Cariño e O Carballiño; deputacións e 33 concellos galegos, entre eles Tomiño.

Dirixida por Quico Cadaval e cun elenco composto por Víctor Mosquera, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez e Rocío González, o xurado decidiu por unanimidade concederlle este galardón por ser un proxecto “brillante e imaxinativo, recuperando propostas contidas no teatro de máscaras de Otero Pedrayo, un dos textos máis visionarios no deseño dun teatro de vangarda propiamente galego, cunha estética con capacidade de intervir na sociedade contemporánea recollendo os valores da obra de Manuel María que combina a vangarda coa cultura popular”. Ademais, destacou que a obra “presenta unha gran capacidade de chegar a un espectro de público moi amplo, incluído o público escolar, pola súa mestura de estilos, o xogo cos obxectos e os materiais, aventurando un espectáculo singular que promete poética e humor”.

Este certame de carácter bienal está destinado ás compañías profesionais galegas e premia a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María que deberá estar en escena nun prazo máximo de 10 meses para despois estar en cartel dende o último trimestre de 2023 ata finais de 2024. Serán os concellos, mostras de teatro e deputacións as que se encargarán de financiar o espectáculo a través da diferentes programacións culturais. O proxecto contará coa coprodución do Centro Dramático Galego e cunha achega de 4.000 euros por parte da Fundación Manuel María.

Redondela convida a unha chocolatada solidaria durante o acendido das luces de Nadal

0

O Concello de Redondela elabora unha campaña de mobilización solidaria a través dunha chocolatada os día do acendido da iluminación de Nadal do municipio, o 10 de decembro en Redondela e o 11 en Chapela a partir das 19:30 horas. As asociacións redondeláns que participan son Andaina, Da Man e Cáritas. O diñeiro recadado durante o evento repartirase a partes iguais entre os tres colectivos.

“Andaina, Da Man e Cáritas fan unha labor altruísta para mellorar a calidade de vida dos e das redondelás. O concello quere dar visibilidade ó seu traballo á vez que recaudar fondos para as distintas causas que representan”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

A chocolatada está financiada integramente polo concello, aportando os espazos, o material como o chocolate e a axuda organizativa necesaria. O día 10 de decembro colocaranse tres postos en Redondela para cadansúa asociación colocados en puntos concurridos do municipio. Un deles estará localizado nos soportais da Casa do Concello, outro na Alameda de Castelao e o último na Praza da Constitución. O día 11 de decembro corresponde ao evento de encendido da iluminación de nadal en Chapela, onde tamén colocarase un posto na Alameda de Rosalía de Castro.

A intención é que a xente poida gozar dunha taza de chocolate quente e un petisco doce co que facer unha doazón voluntaria que se sumará e repartirá entre as mencionadas asociacións de forma equitativa. Serán 1000 as racións que se repartirán tendo opción libre de gluten ou lactosa para aquelas persoas con intolerancia alimentaria que queiran participar na acción solidaria.

“O encendido da iluminación de nadal é un dos momentos máis populares e concorridos das datas festivas. Por ese motivo creemos que é o momento perfecto para achegar a xente a oportunidade de unirse a unha boa causa. Consideramos o traballo de Andaina, Da Man e Cáritas imprescindible para a veciñanza e o municipio, polo que sempre estamos dispostos a axudar e colaborar no que sexa necesario”, engade Digna Rivas.

Todo preparado para a I Gala de Premios de Emprendemento da Deputación

O vindeiro mércores 14 de decembro o Salón de Plenos do Pazo Provincial, acollerá a partir das 19:00 h, a I Gala de Premios de Emprendemento na que se renderá homenaxe as mellores propostas empresariais da provincia. Este acto de recoñecemento, estará encabezado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva e conducido pola xornalista e presentadora Raquel Pérez Costa.

Por primeira vez, a Deputación de Pontevedra e a rede Smartpeme, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, organizan esta Gala de Emprendemento, xornada para poñer punto final a un itinerario de actividades complementarias ligadas a espírito empresarial, que se levaron a cabo ao longo deste último ano. Entre estas actividades, destaca, a V Aceleradora de Empresas do Sector Turístico, un programa intensivo de dous meses de formación e mentorización de proxectos enmarcados no turismo.

No acto farase entrega dos I Premios de Emprendemento da provincia en dúas categorías: a primeira,  o premio á mellor iniciativa de emprendemento rural, que se gratificará con 4.000 euros, e a segunda, o premio á mellor iniciativa de emprendemento por proposta de negocio e compromiso sostible e dixital con 3.500 euros. Tamén se recompensará aos dous mellores proxectos participantes na V Aceleradora de Empresas do Sector Turístico, que recibirán 900 e 600 euros respectivamente, para o primeiro e segundo galardoado.

Ademais, a gala contará coa presenza de Elena Ferro, emprendedora de referencia da provincia, que transmitirá a súa experiencia ao longo de todo o proceso de creación dunha empresa a través do seu relatorio: “O que ensinan os erros: a dixitalización como clave para triunfar emprendendo”, e coas actuacións musicais a cargo do grupo Rebeca Rods. O evento levarase a cabo en formato mixto, de forma presencial e con retransmisión telemática a través das redes sociais e da canle de Youtube da Deputación.

Teresa Ríos consigue un accésit no XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, traslada os parabéns en nome de todo o Goberno municipal á poetisa ponteareá Teresa Ríos, que acaba de engadir nestes días un novo galardón á súa traxectoria como escritora. Alumna dos obradoiros de escritura creativa do Concello de Ponteareas e membro do Club de Lectura da biblioteca municipal, Ríos vén de conseguir co seu escrito ‘Corpo nómade’ un accésit no XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, un concurso organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica que premia obras inéditas de temática erótica escritas en lingua galega.

O xurado decidiu conceder á obra de Ríos este accésit “polo seu discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade”. O premio, sen dotación económica, suporá a publicación do libro da poetisa na Editorial Caldeirón. 

Nada no concello fisterrán de Dumbría, Teresa Ríos vive dende hai trinta anos en Ponteareas, onde participa activamente na súa vida cultural e literaria e onde acadou varios premios en diferentes certames. “Para nós é un orgullo contar na nosa vila con escritoras como Teresa, unha escritora cunha singular e incombustíbel voz poética que combina cunha mestría verdadeiramente admirábel poemas íntimos coas preocupacións e desexos de toda unha sociedade. Estamos seguros e seguras de que verán moitos galardóns máis”, salienta Groba.

Nigrán promociona o comercio local a través dunha campaña especial de Nadal

0

O pequeno comercio de Nigrán dá unha vez máis a cara polo seu sector. O Concello de Nigrán, coa colaboración da asociación de empresarios Ovalmi, lanza unha campaña especial de promoción baixo a etiqueta #EsteNadalMercaEnNigrán na que os propios comerciantes son os protagonistas. En total, 24 establecementos de todo o municipio e preto de 50 cabezas visibles dos mesmos solicitaron participar nesta iniciativa municipal tras realizarse un chamamento público no mes de Novembro. Tendas de roupa, florerías, librerías, ópticas, perruquerías, hostalería… forman parte grazas ao rostro de cadanseu dependente e, xuntos, representan a todo o tecido comercial da localidade.

O resultado xa está na rúa: figuran en diferentes vallas do municipio, anuncios en prensa e cartalería e cada un conta (ou contará) nos próximos días co seu gif particular para circular en redes sociais e facer viral o hashtag. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para incentivar o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como ven facendo desde hai anos con diferentes campañas, nesta ocasión cun toque informal e divertido mediante o propio deseño e os posados dos protagonistas.

“O obxectivo é subliñar ante a nosa veciñanza e visitantes que temos un tecido de pequeno comercio moi variado e que paga a pena”, subliña o alcalde, Juan González, quen considera que, precisamente o Centro Comercial Nasas, pode ser un ‘gancho’ de clientes. “Milleiros de persoas acudirán ex-profeso a este Nadal a Nasas, xente que en pleno Inverno non tería vido a Nigrán e que aproveitará para pasar o día aquí, por iso temos que saber captalos e amosarlle que ademais deste centro comercial, tamén temos un tecido moi variado de pequeno comercio de calidade que ofrece unha atención totalmente personalizada”, explica González.

Outra novidade deste ano é que, xunto a Ovalmi e Aqualia, o Concello promocionará por vez primeira un ‘Rasca e Gaña’ entre os establecementos cun total de 5.000 € en premios e se establecerá desde o día 23 de decembro ao 5 de Xaneiro unha ludoteca no Centro Comercial Ramallosa para deixar ás crianzas durante as compras (núcleo urbano onde desde o pasado Nadal está aberto o parking municipal gratuíto, aspecto que se promocionará xunto á ludoteca). E como xa é habitual, os comercios asociados a Ovalmi e os que participan no ‘Rasca e Gaña’ recibirán bolsas e sobres de papel kraf ilustradas coa campaña.

O Concello de Nigrán xa ten elaborado e difundido desde hai anos motivos para mercar no municipio: “ Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo as rúas con vida. Porque axudas as persoas emprendedoras e xeras emprego. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque evitas maiores desprazamentos e resulta ecolóxico. Porque ti nos importas”.

Todo o deseño e a iniciativa da campaña é obra da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández, a camarógrafa miñorana Cristina Grande e o departamento de Comunicación do Concello.

As Neves prepárase para recibir o Nadal

0

O pasado sábado, día 3 de decembro, acendeuse o alumeado de Nadal das Neves e ese foi o ‘pistoletazo’ de comezo dunha programación que, con distintas actividades, durará máis dun mes, ata o 7 de xaneiro de 2023.

Neses días haberá tempo para a música, deporte,obradoiros, lecer, coidado do medioambiente e, por suposto, citas imprescindibles, como a Cabalgata de Reis ou o Concerto  de Aninovo.

PROGRAMA DO NADAL 2022-2023 NAS NEVES

O luns, día 5 comezou a recollida de material de refugallo para darlle unha segunda vida en obradoiros de Nadal sostible. Hai puntos de recollida en todos os centros de ensino, na casa do Concello e nas dependencias de Servizos Sociais.

17 e 18 de decembro

“Mercadiño da man que ti queiras” na Casa da Xuventude (Asociación As Marondas)

  • Sábado, 17 decembro: 10:30 h a 00:00 h
  • Domingo, 18 decembro: 11:30 h a 22:00 h

23 de decembro

Concerto de Nadal da Banda de música Popular de Rubiós. Auditorio Municipal. 21:30 h.

24 de decembro

VIII Carreira do Pavo (ACD Sanomedio) o Praza Maior. Inscrición previa.

  • Saída ás 16:15 h
  • Recollida de dorsais de 15:00 a 16:00 h

26 de decembro

Ás 17:00 horas: Visita do Apalpador. Praza maior (Deputación Pontevedra).

27 de decembro

Ás 16:00 horas: Obradoiro de Nadal sostible xuvenil, na Casa da Xuventude. Inscrición en: bit.ly/NadalAsNeves

28 de decembro

Ás 16:00 horas: Obradoiro de Nadal sostible para persoal adultas. Sala de Servizos Sociais. Inscrición en: bit.ly/NadalAsNeves

2 de xaneiro

Ás 16:00 h: Creación de carroza comunitaria. Mercado Municipal. Inscrición en: bit.ly/NadalAsNeves

5 de xaneiro

Cabalgata de Reis.

  • Saída ás 17:00 h dende a rotonda Montesol. Percorrido polo centro urbano e remate na Praza Maior. *En caso de choiva, no Pavillón Municipal
  • Encontro cos Reis Magos e entrega de agasallos para crianzas de 0 a 11 anos

7 de xaneiro

Concerto de aninovo de corais.

  • 19:00 h. Auditorio Municipal
  • Coral Polifónica Santa María das Neves
  • Orfeón de Trives
  • Coral Polifónica de Arbo

Ponteareas fai balance da recuperación do espazo público para as persoas cun acto o venres 9

O Concello de Ponteareas celebra o vindeiro venres 9 de decembro, ás 20:00 na sala multiúsos do auditorio municipal, un acto público para expoñer á veciñanza as actuacións realizadas nos últimos anos para recuperar o espazo público para as persoas, ademais dos proxectos de futuro.

Logo da xornada da Facultade Ágora da Deputación celebrada recentemente en Ponteareas para dar a coñecer a persoal técnico e representantes políticos o modelo de mobilidade do Concello, o Goberno local quere facer balance coa veciñanza dunhas políticas que están a supoñer unha fonda transformación do centro urbano.

No acto exporanse de xeito gráfico, con imaxes comparativas anteriores e actuais, as actuacións realizadas nestes anos que abranguen dende a creación de itinerarios peonís onde non existían, a súa ampliación onde eran moi estreitos, a protección visual dos pasos de peóns e a peonalización de numerosas rúas, así como as obras de humanización en espazos como o Complexo Deportivo Álvaro Pino e Centro de Saúde, a Praza Dr. Fernández Vega, a rúa San Roque, Redondela, Trobador Xoán García ou Paseo Matutino, entre outras.

Ademais das actuacións xa executadas, as persoas asistentes ao acto coñecerán a través de infografías os proxectos de transformación das rúas que hoxe están peonalizadas de xeito transitorio ou táctico. A nova política de estacionamentos, baseada en grandes aparcadoiros como o de Granitos de Galicia ou o de Sarmiento Rivera, xunto co novo modelo de zona azul, de dúas horas e en horario de mañá e tarde nas avenidas, tamén será obxecto de avaliación.

Por outra banda no acto trasladarase á veciñanza, con cifras e información gráfica, como as medidas implementadas contribuíron á redución do tráfico a motor, das emisións contaminantes e dos ruídos en favor de modos de mobilidade máis sostíbeis e saudábeis como camiñar ou desprazarse en bicicleta, “convertendo a Ponteareas nun exemplo na loita contra o cambio climático e nun pobo máis amábel, atractivo e inclusivo, onde o espazo público se está a devolver á xente en xeral e, en particular, aos colectivos máis vulnerábeis coma os nenos e nenas, as persoas maiores ou persoas con discapacidades”, sinalan dende o Goberno local.

No acto intervirán a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e o concelleiro de mobilidade, Roberto Mera.

Peche temporal do albergue municipal da Guarda

0

O Concello da Guarda pechará o Albergue Municipal de Peregrinos durante as próximas semanas ante a redución do número de peregrinos.

Os meses de menor afluencia de peregrinos son decembro e xaneiro. Os días tan curtos e a maior probabilidade de mal tempo son as razóns polas que os peregrinos evitan realizar o camiño nos meses de inverno. Tamén poden influír as celebracións de nadal.

Aqueles peregrinos que escollen estas datas para camiñar a Santiago buscan precisamente un camiño con pouco tránsito que lles aporte tranquilidade e soidade. Ademais estes peregrinos de inverno adoitar escoller aloxamentos turísticos como hoteis onde dispoñen doutras facilidades como cuartos individuais e unha maior flexibilidade na hora da saída.

Segundo foi avanzando o mes de novembro notouse o forte descenso. Mostra de isto foron os peregrinos rexistrados na Oficina de Peregrino de Santiago con 861 peregrinos chegados de todos os camiños o día 1 de novembro e con tan só 96 peregrinos no día 30.

Durante o mes de novembro no propio albergue municipal houbo 9 días cun só peregrino e outros 9 días sen peregrinos rexistrados de camiño a Santiago.

Aproveitando o peche do albergue realizaranse tarefas de mantemento das instalacións.

Polo que o Albergue Municipal de Peregrinos permanecerá pechado do luns 19 de decembro ata o domingo 15 de xaneiro, abrindo novamente a partir do luns 16 de xaneiro.

A Xunta supera o obxectivo do 75 % de maiores de 65 anos vacinados contra a gripe

A campaña de vacinación antigripal posta en marcha pola Xunta, que comezou o pasado 10 de outubro e que rematará o 31 de decembro, conseguiu estes días, no que atinxe ao colectivo de persoas maiores de 65 anos, unha cobertura vacinal do 75,4 %, chegando, deste modo, ao obxectivo do 75 % marcado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e, tamén, polo Ministerio.

Así mesmo, os bos datos que está a acadar esta campaña de vacinación reflíctense en que no grupo de persoas maiores de 60 anos, a Xunta xa vacinou ao 69,4 %, o que supón situarse 3,7 puntos por riba da cobertura obtida no peche da campaña de vacinación do ano anterior.

Compre sinalar que o obxectivo xeral da campaña, á que o Goberno galego destina 8,6 millóns de euros e 1.017.000 doses, é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do padecemento da gripe, minimizando o efecto na saúde mediante a súa prevención.

A Xunta de Galicia ten dispostos para esta campaña en torno a 900 puntos de vacinación entre centros de atención primaria e hospitalaria do Sergas, centros médicos e consultas privadas, residencias da terceira idade públicas ou privadas, así como centros penitenciarios, unidades de atención aos drogodependentes, centros de menores e centros de discapacitados.

Nigrán acende hoxe a iluminación de Nadal

0

O Concello de Nigrán realizará o acendido do alumeado de Nadal, hoxe mércores 7 de decembro, ás 19:00 horas.

Dende as 18:00 haberá unha actuación de Peter Punk Pallaso para o público máis cativo e despois do encencido, ás 19:00 horas, un concerto do grupo local “San Rockers” na Praza do Concello. Os núcleos urbanos do municipio prenderán as súas luces nese intre e, durante o resto da semana, se extenderán a todas as parroquias.

Peter Punk, veciño de Nigrán, é un dos pallasos máis programados e destacados en Galicia. Conta con máis de 1000 funcións ás súas costas en diversos países, programacións e espazos. Os seus espectáculos gozan dunha grande acollida por parte do público cativo e adulto.

San Rockers, formado no ano 2012, é un grupo composto por músicos de Nigrán que conta cun repertorio formado por cancións orixinais e música española dos 80, 90 e 2000, polo que a festa está garantida.

Ponteareas acubíllase baixo o mesmo paraugas para reclamar dereitos para as persoas con discapacidade

Reclamar dereitos para un grupo social que supón o 9 % da poboación. Ese foi o obxectivo co que Concello, Asociación Adapta, Federación Cogami Pontevedra e veciñanza se deron cita este 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, no salón de plenos nun acto que buscaba reclamar medidas que garantan os dereitos das persoas con discapacidade para estar en igualdade de condicións que o resto da sociedade. Porque, como recollía o manifesto lido durante o acto, “para poder elixir como vivir a nosa propia vida de maneira activa, precisamos dunha sociedade preparada e exenta de barreiras psicolóxicas, sociais, mentais e físicas”.

Con esta iniciativa púxose de relevo a discriminación estrutural e histórica, “que se incrementa cando os recursos existentes non alcanzan ás persoas con discapacidade de xeito efectivo, como a raíz das demoras na obtención da valoración do grao de discapacidade, os aprazamentos e retrasos na implementación da accesibilidade universal dos distintos ámbitos, a denegación de axustes razoábeis ou a insuficiencia de medios e recursos para garantir unha vida autónoma e en comunidade”.

Unha discriminación que, como salientaron todas as persoas que participaron neste acto conmemorativo e reivindicativo, “segue presente no ámbito educativo, laboral, social, sanitario, xudicial, lexislativo… A nosa sociedade mellorou en moitos aspectos, pero aínda queda moito para poder vivir en igualdade de oportunidades”.

A obtención do certificado de discapacidade, o acceso aos recursos do catálogo ortoprotésico ou aos servizos de atención temperá na contorna ou a falta de medios nos centros escolares son problemáticas que afondan nesa desigualdade provocando unha fenda que é necesario eliminar, e só poderá facerse traballando para deseñar unha sociedade que teña en conta a accesibilidade universal en cada uno dos apartados da vida.

O manifesto remataba co Concello, Adapta, Cogami e todo o movemento asociativo reclamando “que se garantan mecanismos sólidos e eficaces de vixilancia dos dereitos para que non sigan producíndose discriminacións por razón de discapacidade”.

O acto de conmemoración pechouse coa presentación da vindeira edición do concerto de Nadal da Banda de Música de Guláns o 17 de decembro ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal, no que a asociación Adapta dará a coñecer ao público asistente o centro que se está a reformar en Canedo e os recursos que alí vai a haber. O Goberno municipal quixo agradecer esta iniciativa por parte da Banda de Música así como a presenza de todas as persoas que nos acompañaron nesta xornada de reivindicación.

Xa está aberto o Mercadiño Solidario de Libros na biblioteca de Tui

0

A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza até o venres 30 de decembro unha nova edición do mercadiño solidario de libros, en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello.

Nestas xornadas, a Biblioteca Municipal ofrece os libros destinados ao expurgo, procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns da veciñanza, para que aqueles lectores interesados poidan recoller aquelas obras que resulten do seu interese.

A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.

Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, desde novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta.

O mercadiño estará aberto no horario de atención ao público da Biblioteca Municipal de luns a venres de 9 a 14 h e de 16 a 21 h, e os sábados de 9 a 13 h.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, que visitou esta mañá o mercado, salienta que con esta actividade a Biblioteca Municipal oferta un amplo abanico de libros a todas as persoas afeccionadas á lectura a cambio da entrega de produtos do Nadal cunha finalidade solidaria. É unha ocasión de achegarse para atopar algunha publicación, xa fora do mercado ou descatalogada, que deste xeito aproveita ao lector interesado e tamén á familia que recibirá os produtos de Nadal.

Engade a concelleira que as obras ofertadas no mercadiño serán renovadas periodicamente, polo que para os amates dos libros é recomendable realizar varias visitas ao mercadiño que ofrecerá novos títulos progresivamente.

Covelo aproba unha subida de 73.000 € anuais para o servizo de axuda a domicilio

0

O pleno da Corporación de Covelo aprobou en sesión extraordinaria a suba do prezo/hora do servizo de axuda a domicilio (SAF) posicionándose como un dos concellos galegos coa retribución máis alta por este servizo. Deste xeito, o Concello de Covelo investirá un total de 275.4880,4 € ano en prestar este servizo aos veciños e veciñas dependentes,o que supón un incremento de 73.000 € por ano respecto ao custe do anterior contrato do SAF.

O Concello de Covelo fixa, deste xeito, un prezo/hora de 18,75 € máis IVE, cantidade moi superior ao que prezo que pagan outros concellos limítrofes ás empresas profesionais que coidan, fundamentalmente, das nosas persoas maiores. En concreto o Concello de Ponteareas destina 15,84 €/h máis IVE a este servizo, As Neves 16 €/h IVE incluído, Pontecaldelas 16 €/h, ou concello lucense de Quiroga con 15,72 €/h, o ourensán Vilardevós con 14,33 €/h ou o lucense Castroverde con 14,45 €/h.

“Consideramos que esta medida beneficia a todas as traballadoras do servizo de axuda a domicilio e tamén aos nosos maiores. Esta actualización dos prezos non só responde ás demandas destas traballadoras, tamén a un exercizo de adaptación á suba xeral de todos os prezos, sobre todo dos combustibles, sendo conscientes da dispersión xeográfica das persoas usuarias e dos moitos desprazamentos que teñen que realizar estas traballadoras”, explica Pablo Castillo, alcalde de Covelo.

Castillo agarda que esta suba mellore as condicións laborais das profesionais e redunde, tamén, no benestar de todas a veciñanza que por motivos de saúde precisa de axuda. “Ter unha vida digna e mellorar, día tras día, a calidade de vida é o obxectivo. Contribuír a unha sociedade máis equilibrada  no que todos e todas nos poidamos desenvolver”, engade o alcalde.

Tui recibe dúas Flores de Honra no Certame Vilas en Flor 2022

0

O Concello de Tui foi galardoado con dúas Flores de Honra no Certame Vila en Flor 2022. Trátase da primeira ocasión na que o concello recibe esta segunda flor, unha distinción para a que o xurado valorou positivamente as actuacións en materia de compostaxe, educación ambiental e as obras de recuperación de espazos para a veciñanza.

Entre esas actuacións foi moi valorado o proxecto de recuperación dos xardíns Troncoso e Antero Rubín xunto co proxecto de humanización da rúa Colón. Neste senso, o xurado do Certame Vilas en Flor premia o bo labor de mellora e apertura de espazos da nosa cidade para uso e desfrute da cidadanía.

O Certame Vilas en Flor xurdiu en Galicia por iniciativa de ASVINOR e AGAEXAR apoiadas e coordinadas pola Fundación Juana de Vega como parte do seu plan de mellora integral do territorio e a paisaxe en Galicia. Trátase dun programa para poñer en valor a riqueza natural e paisaxística do territorio mediante o recoñecemento público dos proxectos de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. Concédense anualmente segundo o criterio do xurado en cinco niveis de Flores de Honra.

O pasado venres en Caldas de Reis recolleu a distinción a concelleira de Parques e Xardíns, Yolanda Rodríguez.

Deste xeito, o Concello de Tui aposta pola continua mellora destes espazos e o traballo para tratar de acadar, no próximo certame, a terceira Flor de Honra.