Xoves, 27 Marzo de 2025

Adxudicadas as obras de saneamento na Devesa no Porriño

O Concello do Porriño, a través da concellería de Vías e Obras que dirixe Ramón Porto, vén de adxudicar as obras de saneamento no núcleo da Devesa, na parroquia de Budiño.

O proxecto contempla a conexión da zona coa rede xeral de abastecemento e saneamento para o cal se instalará un colector principal de 600 metros e colectores de sección de tramos de 72 m, 75 m e 50 m. Inclúe tamén os traballos de pavimentado e renovación do firme na zona de actuación.

“En total conectaranse á rede 14 vivendas que ata o de agora non dispoñían deste servizo público”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Seguiremos avanzando na nosa planificación para avanzar con maior eficiencia e no menor tempo posible cara a acometida integral da rede pública de saneamento”.

A obra conta cun orzamento de 96.077,99 euros. Os traballos darán comezo a mediados do mes de xaneiro e teñen un prazo máximo de execución de 3 meses.