Venres, 13 Decembro de 2024

O Concello celebra que a Deputación teña unha solución fronte ao risco de desprendemento de rochas nun tramo da estrada de Camos a Chandebrito

A raíz da perda de masa forestal no monte polos incendios de 2017 realizáranse obras para solventar problemas de escorrentías, agora unha malla metálica conterá os posibles desprendementos noutra zona

O Concello de Nigrán celebra a solución adoitada pola Deputación de Pontevedra para por fin ao risco de desprendemento de grandes rochas desde a ladeira do monte nun tramo de 50 metros da estrada de Camos a Chandebrito, á altura do barrio de Piñeiros. A situación de perigo orixinárase no 2017 trala perda da masa forestal por mor dos graves incendios, nese intre, e ante o requirimento do Concello, o organismo provincial emprendeu obras de urxencia ao longo de 150 metros e, nesta segunda fase, refórzanse as medidas noutro tramo limitado a 50 metros.

Deste xeito, a empresa especializada Talud Verde está actualmente a traballar para instalar unha rede metálica ancorada a toda a ladeira para que funcione como eficaz barreira de contención ante posibles caídas de pedras de calquera tamaño, protexendo así á propia estrada e tamén ás casas que lindan co outro lado da calzada. Posteriormente, sementaranse especies para que formen un manto vexetal que contribúa a fixar os elementos e, ao mesmo tempo, evitar o impacto visual. Os traballos estarán rematados ao longo da vindeira semana.

“Os veciños de Piñeiros vivían coa preocupación de que algún día puidesen caer as rochas nas estradas ou mesmo nas casas por efecto da erosión constante e, deste xeito, elimínase o problema”, resume o alcalde de Nigrán, Juan González, quen aclara que en xaneiro de 2018 a propia Deputación, coa colaboración da Comunidade de Montes de Camos e o Concello, realizara obras de emerxencia nun tramo de 150 metros ante o desprendemento de lama e rochas sobre esta rúa e as escorrentías nos momentos de abundantes choivas. Nesa primeira fase retranqueárase en 150 metros un metro máis a marxe da estrada afectada, fixérase unha nova canalización de pluviais, construírase un talude cunha inclinación maior e instalárase un muro de contención, ademáis de habilitar novos aliviadoiros.