8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelDores Tembrás, «Enxertos»

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades. Isto é algo que debería quedar claro dende o principio: «Enxertos» non é un libro nostálxico no estricto sentido da palabra, nin tampouco un libro de lembranzas, pero os seus versos sitúanse nese espazo impreciso que linda con ambos conceptos brincando entre as dúas beiras.

    Dividido en catro partes, «Padrón», «Puga», «Flor» e «Froito», a poeta fai un percorrido vital dende a súa infancia ata o tempo da maternidade. Destaca de maneira importante a súa vinculación coa terra, coa vida, cos traballos agrícolas, cunha infancia en liberdade na que gozar do sol, de andar á procura de niños, da colleita do cereal, da maciñeira ao pé do camiño…. Tal é o elemento principal da primeira parte do poemario, pero a súa influenza esténdese ao longo de todo o libro de forma natural, sen imposicións de ningunha caste, pois a infancia forma parte indisoluble do que somos.

    Acompaña a ese sentimento a sensación de pertenza a unha comunidade familiar e social, de non sentirse soa en ningún momento, sexan as que sexan as circunstancias da vida. O papel dos seres queridos que poboan o nos universo persoal, é vital e tamén forma parte indisoluble da nosa andaina. E así nolo fai lembrar Dores Tembrás cos seus versos.

    A chegada á cidade fai que a poeta se sinta fóra de lugar, «enxertada» nun talo que non é o seu, polo que necesita adaptarse ás súas novas circunstancias. E aí, para que agrome e floreza o eu poético que protagoniza este peculiar relato, asumen un papel relevante a media ducia de ilustracións que se espallan por todo o libro, saídas da man do pai da autora. Velaí o vínculo entre todas as partes do poemario, entre os sentimentos máis alonxados no tempo e os máis actuais; a ponte que une os dous mundos que integran o espazo vital da autora.

    Dores emprega unha linguaxe clara e luminosa, na que a precisión da palabra é unha das liñas principais da escrita. A outra sería a ausencia de puntuación, mesmo de maiúsculas, que poden confundir un pouco ao lector pero que facilitan unha certa liberdade interpretativa de cada poema. Sexa como for, o resultado é un poemario morno ao tacto e cheo de luz.

    Dores Tembrás

    Enxertos

    Ilustracións de José Tembrás

    Apiario