A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.
Juan Parcero, «Na canella infinita»
O primeiro número desta segunda andaina correspóndelle á novela de Juan Parcero «Na canella infinita», unha historia que nos traslada, precisamente, aos anos 80, nun espazo imaxinario e unhas personaxes de ficción. Mais o relato está cargado de realismo e de drama. Convén explicar isto: A narración desenvólvese na vila de Aferróns, un lugar imaxinario que recrea tantas localidades mariñeiras asolagadas nos 80 polo veleno da heroína e a carencia de esperanza no futuro. Nese entorno de certa inanición e laxitude, tres rapaces, Carme, Brétema e Rodrigo, enganchados á droga, atopan accidentalmente nunha praia un fardo de heroína. O achado provoca moitas dúbidas no grupo, incapaz de xestionalo, así como unha persecución con tráxicas consecuencias. Mais os rapaces contarán coa axuda inesperada dun veciño do lugar, un home de idade avanzada e moita vida ás costas, que establece unha conexión moi especial cos mozos, principalmente con Brétema.
A historia, cargada de dura veracidade, compénsase coa aparición de certos elementos que poderiamos vincular ao realismo máxico e que teñen a súa importancia no desenvolvemento da trama. Acontecementos que, tal e como Parcero nolos presenta, supoñen un interesante contrapeso co que equilibrar toda a dureza dun relato destas características. Nesta novela, Parcero vai alén dos tópicos de violencia para afondar na alma dos protagonistas, valéndose da hostilidade do entorno para exhibir as súas querencias e as súas carencias. Ao meu ver, un dos grandes acertos da narración, xunto con esa vinculación interxeracional que nos axuda a comprender que, a pesar de que cambian os métodos e os entornos, hai certos abusos que permanecen inalterables.
Cun estilo limpo e coidado e unha linguaxe directa e moi persoal, Parcero é quen de facer que o lector se mergulle na historia, aínda a pesar deses parágrafos longuísimos que entorpecen unha lectura fluída. O resultado final destaca pola súa sensibilidade e pola elegancia coa que nos sitúa na crueza da historia, sen chegar a mancar.
Juan Parcero
Na canella infinita
140 páxinas
Galaxia
Beatriz García Turnes, «Comando Sintrom»
O caso deste «Comando Sintrom» é ben diferente. Do que agora falamos é dunha colección de relatos que teñen como protagonistas a persoas de idade avanzada, sempre mulleres, que viven situacións dispares. Se algo teñen en común todas elas, é que se afastan dos prototipos de «avoas» arredor da lareira e cun pano na cabeza. Estas son mulleres máis «modernas», que mesmo participan nas redes sociais ou en asociacións reivindicativas. Son mulleres arroutadas, ás veces arteiras, case sempre sensibles, con altas cargas de empatía e, sobre todo, divertidas.
O enfoque dos relatos alónxase da tristeza e da soidade para darlle paso a unha vida case sempre activa e axitada. E aínda que non podemos chegar a falar de literatura humorística, si é certo que a retranca e a ironía campan ás súas anchas por todo o libro, tanto en diálogos que desbordan veteranía e mordacidade, coma en situacións sorprendentes ás que se enfrontar. Son conscientes de que se atopan na última etapa da súa vida, de que xogan en contra do tempo, de que certos achaques comezan a pasarlles factura, pero a pesar de todo, ou quizais por iso, deciden gozar da vida tal e como se lles presenta.
Todos os relatos teñen unha extensión similar agás o derradeiro, un textiño moi breve gañador dun certame de microrrelatos, que racha a estrrutura debullada polos anteriores. A autora emprega unha linguaxe sinxela e directa, sen grandes adobíos, nalgúns casos chea de diálogos moi áxiles, elementos cos que consegue dotar de gran fluidez a lectura.
Beatriz García Turnes
Comando Sintrom
Galaxia
108 páxinas